10 abr. 2010

[Para o Pepe Trebolle, que estará a cear ricos manxares]
A historia escríbese na cociña
MIGUEL SUÁREZ ABEL
El Correo Gallego, 10.04.2010

Non principalmente na de Ferrán Adriá por máis que algúns o comparen con B­ach. Cando digo que a historia se escribe na cociña refírome a que non é (polo menos non só) nas grandes batallas, nin nas ocasións máis solemnes onde se toman as decisións realmente decisivas, senón nas pequenas cousas de cada día, no que damos por sentado, neses detalles banais. A heroicidade está aí: na cociña, na alcoba, no cuarto do fillo. E non o digo eu, dío David Grossman, escritor xudeu que non fala sen experiencia da dor e dos conflitos. El mantén que o gran drama da humanidade está na familia. Condicionado sen dúbida pola situación na que vive Israel, ese país comesto polo odio, o temor, a inseguridade e a insatisfacción permanente de ter á beira (e dentro) o inferno, predica sen demasiado éxito, xunto co seu compatriota Amos Oz, un entendemento que prescinda dos prexuízos que levan á destrución do inimigo. Un dos seus fillos morreu nesa guerra interminable. Talvez por iso non cre nas decisións que recrutan votos insuflando como única defensa o odio. Non lle queda máis remedio que, nesa espiral que non parece ver o finar, resistir na transmisión de valores que só na cociña, no contacto diario, na despedida de cada noite ó lle ir da un bico ó fillo, se poden rebelar contra unha dinámica incapaz de entender a solución máis aló do que non sexa a aniquilación do veciño. Rachar con ese veleno só é posible no cuarto do fillo, no seu acompañamento, na realización das tarefas diarias, na imitación que se pode xerar compartindo a heroicidade de sobrevivir no día a día. A historia escríbese na cociña onde se poden cocer os alimentos diarios para o sustento de quen morre de fame. Si, claro que iso non impide a creatividade e a elaboración refinada. Pero a historia principal require unha visión distinta da relación cos alimentos, convertidos unicamente en mercadoría global insensible ás necesidades particulares, inmediatas, de quen podería vivir se lle permitisen producir no seu medio. En lugar dun sistema alimentario industrial baseado en maximizar os beneficios económicos, ¿non sería máis intelixente apostar por pequenos campesiños, gandeiros e pescadores artesanais, locais e ecolóxicos?, pregúntase o veterinario Gustavo Duch. ¿Non se podería combater mellor a fame, ganar en dignidade e saúde? A historia sen dúbida non se escribe nas batallas nin nas guerras, senón na habitación do fillo, na horta do campesiño, na lancha do pescador. A dignidade e a saúde están na cociña, non só na de creativos elaboradores de alimentos, senón, fundamentalmente, na das casas onde os pais e os fillos poden comer dignamente, aprendendo a vivir sen odio.

2 comentarios:

Trebi dijo...

Os ricos manxares ....sodes vos :os Amigos, un ¡Acio de As Uvas na Solaina!
Delicioso e reflexivo MIGUEL SUAREZ ABEL.
E ... dende logo,como comentou Amigo/ pois non te queixes, que Eu se pa nunca décimos :Imos Cear a RESIDENCIA.
Amigos:Graciñas

Etxe dijo...

Saúde, meu, e come ben.

Antropófago!!! Caribe!!! Canibal!!!

Unha cousa é que teñamos boas talladas, que deramos boas racions e outras que sexamos manxares...