15 may 2010

Límites ó enriquecemento
MIGUEL SUÁREZ ABEL
El Correo Gallego, 15.05.2010

OS MERCADOS, O FMI, os analistas, os bancarios e os altos poderes das finanzas, sabedores de que as masas han soportar duros axustes para buscar solucións á crise, encárganse con eficacia probada de convencernos de que non queda outra. Así, utilizando os medios de persuasión de masas, van adestrando a poboación para que acepte con resignada paciencia as medidas.
Que non se debe vivir por enriba das posibilidades, farfallar e presumir é discurso que sempre desprezaron os ambiciosos e feras das finanzas, por considerar que a riqueza, o benestar e o progreso están de lado da iniciativa, do endebedamento e dos arriscados, nunca dos apoucados e pusilánimes que viven ó día, gardando os talentos baixo unha maceta. Foron sempre eles os que presumiron de que os avances tecnolóxicos, o progreso e a mellora das condicións de vida eran debidos ós entregados á creación de riqueza, con independencia de que se queimase o planeta, se explotase ós traballadores ou caesen no intento determinados principios éticos. Unha razón instrumental poderosa apuxaba deles contra os que antepoñían igualdade, repartición e vida máis sobria. Defenden contra vento e marea os beneficios das diferenzas e o premio para os máis espelidos. A clave do desprezo ó control político e do Estado estivo sempre espetada nun axioma incontestable: o benestar xira derredor dos emprendedores, dos excelentes ó servizo dun mercado libre e autónomo, capaz de dirixir a actividade económica . Por iso, como estímulo e recompensa, ha de haber diferenzas e clases nas que os privilexiados poidan exhibir con orgullo a colleita do seu esforzo. Enriquecerse, polo tanto, é imprescindible para que unha sociedade avance. Naquela na que se tronza esta liberdade e ambición tras da riqueza, imponse a desleixo, a mediocridade e a derruba de todo dinamismo económico e mesmo ético.
Con non ser de todo errado o discurso, hai un elemento vicioso de raíz: ignorar que o enriquecemento debería ter límites. Cando non os ten, imponse un desprezo cheo de cego orgullo entre a clase dirixente que remata por alimentar a xustificación de que só premendo nos débiles se pode seguir avanzando. E se o abismo aparece como consecuencia da dinámica por eles avivada, a solución só a ve o privilexiado mantendo os seus privilexios, xamais diminuíndo as súas ganancias. De aí que o acordo sexa unánime: o Estado ha de axudalos se están en apuros e os débiles deben aforrar para que eles, sen perder do seu, poidan seguir tirando deste sistema. A quen se lle ocorra que o axuste debería recaer sobre os que se enriqueceron, de inmediato é tachado de ignorante.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Fico cunha frase: "o enriquecemento debería ter límites".

Anónimo dijo...

Os animais en xeral, e os carnívoros en particular (agás algunhas excepcións de claro instinto de almacenaxe razoábel duns poucos alimentos), dannos exemplo aos humanos, pois cando teñen unha presa comen xusto até calmar a fame, deixando que outros máis débiles sigan a comer o que sobra e así o equilibrio ecolóxico pode manterse. Pero as bestas do capitalismo omnívoro xa poden estar a rebentar de tanto encher, que mirarán decote de reollo dispostos a dar couces para que ninguén se achegue ao que lles sobra, sen saber que nin en mil vidas que tivesen poderían comer todo o que gardan na súa despensa de broeiros sen límite. Eu tamén pensei sempre que habería que poñer límites á lexítima ambición de rodearse de certas comodidades e de seguridade para un e para a súa familia. Nunca comprendín como a socialdemocracia, que de momento coido que é o réxime máis sensato para a convivencia e o progreso, non atalla estes excesos.

encarna dijo...

poderemos frear a soberbia e a cobiza dos ricos do mundo/nunca estan fartos.compre recuperar a humanidade fronte o consumo.merece a pena a loita...

Anónimo dijo...

Interesantísima entrevista a Uxío Novoneir "junior":

http://www.xornal.com/artigo/2010/05/16/cultura/dia-das-letras-2010/uxio-novoneyra-rey-meu-pai-poeta-nacional-non-poeta-partidario/2010051619444300271.html