O PROFESOR
Marcos Valcárcel
Na casa de Ervedelo, o avó Benxamín presidía a longa mesa do comedor onde collía unha ducia de persoas. Os homes sentabámonos antes mentres as mulleres traían as fontes do cocido. O meu irmán Fiz e máis eu a cada lado do meu avó: el xa se encargaba de enchernos os vasos de viño e os pratos.
Falábase de moitos temas, desde o estado das vides ata as conquistas amorosas de Julio Iglesias. Ás veces o avó contaba as súas aventuras de mocidade en Cuba. Outras veces dicía:
Agora, calade todos que vai falar “O Profesor”, pois así me chamou desde neno.
E entón xurdía o relato: as infidelidades de Zeus, as viaxes de Ulises, as aventuras de Hércules, o terror da Medusa.
( Para Violeta Picouto, que segue este blog desde o Canadá. Para Pilar Meilán, que tamén o fai desde Barcelona. )