Mostrando entradas con la etiqueta Beleza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Beleza. Mostrar todas las entradas

18 feb 2008


DIÁBOLOS, CILINDROS, CAMPÁS…
La Región 18 febreiro. Imaxe: As Tres Gracias, 1530, de Lucas Cranach O Vello.

Tallas. Como vostedes xa saben, hai uns días o ministerio de Sanidade presentou o primeiro estudo antropométrico da poboación feminina feito en Europa. Disque as tallas habituais da roupa das mulleres non se corresponden en moitos casos coas súas formas naturais e afírmase que o 41 por cento das españolas tiñan problemas ata agora coas tallas da roupa. Os consumidores aplauden a medida e o estudo será enviado agora á industria téxtil para que adapte os deseños á realidade. Oxalá sexa efectivo: iso favorecería a todos, fabricantes e consumidores. O estudo tamén esculcou na relación das mulleres co seu corpo e concluíu que a maioría están bastante satisfeitas, agás un tramo da adolescencia (16 a 19 anos). Preocupante pode ser constatar, á vista doutros problemas ben coñecidos, que o 70 por cento das mozas cunha delgadeza severa están en cambio moi satisfeitas co seu corpo.
Morfotipos.
O citado estudo, realizado con datos de máis de dez mil mulleres de todo o Estado e presentado polo ministro Bernat Soria, tamén establece tres morfotipos dominantes na poboación feminina do noso país: os chamados cilindro (medidas de peito, cinturas e cadeira similares); diábolo (perímetro de peito e cadeiras simétrico e cintura máis estreita) e campá (dimensións de peito e cintura semellantes e as cadeiras máis anchas). Os nomes dos tres modelos molestaron nalgúns sectores: eu, ignorante destas cousas, non sei de onde os sacaron, pero supoño que será unha terminoloxía habitual ó respecto. Tamén dixeron que o modelo cilindro abrangue ó 36 por cento das esculcadas, sendo dominante nas mulleres máis novas; un 39 por cento veríanse retratadas no modelo diábolo, con máis presenza entre os 30 e os 60 anos, e un 25 por cento, no modelo campá, que é o maioritario entre as mulleres de máis de 60 anos.
A beleza na Historia. Eu non sei nada disto, repito, pero creo que ninguén debera sentirse molesto coa nova taxonomía. Porque nada hai máis variable na historia que o propio concepto de beleza e diso falamos hai unhas semanas neste recuncho. As mulleres de Rubens seguro que caían no morfotipo cilindro, incluída a encantadora Helena Fourment, a súa segunda esposa, que tiña 16 anos cando casou co gran pintor barroco e que tantas veces lle serviu como modelo nos seus cadros. O mesmo pasaría con moitas mulleres retratadas por Durero ou por Tiziano. En cambio, serían consideradas anoréxicos algúns corpos esqueléticos que representaban o ideal da beleza para Jan Van Eyck no século XVI. Cando retratan mulleres que representan grandes virtudes (Eva, a prudencia, a xustiza, etc.) autores como Lucas Cranach ou Hans Baldung Grien escollían corpos máis ben redondos, con barriguiñas prominentes e amplas cadeiras, na liña do morfotipo campá. Estes artistas europeos, en cambio, pintaban a Morte (no topos das Tres Idades, por exemplo) cun corpo esplendoroso digno dunha modelo de hoxe na Pasarela Cibeles. En fin, que non se contenta o que non quere.

7 ene 2008



A NATUREZA. A BELEZA. AS RELIQUIAS.
La Región, 7 xaneiro 2008

De bichos. Recupero unhas notas dun deses programas de bichos de Segunda Cadea que tanto me gustan. Falaban da sexualidade dos animais, da beleza e da simetría. Pódese facer a Historia da Beleza, como a da Fealdade: Umberto Eco atreveuse coas dúas. Pero imos cos bichos e o seu comportamento sexual, especie animal incluída, que nisto non somos tan diferentes. Partindo de Darwin, sabemos que é “a muller” quen elixe e que as femias son sempre moi esixentes: por exemplo a mosca escorpión quere sempre o mellor macho entre os que poida dispor e desprezará os demais. Aínda máis,segundo algúns científicos, a atracción sexual ten algo de xeométrico porque é a simetría masculina o que máis excita as femias no amor. Un recente estudo insistía na importancia da simetría na idea harmónica da beleza.
Adobíos. E, por suposto, nunca sobran os adobíos: as femias do pavo real buscan machos de cola moi grande. Unha científica de California, Nancy Burley, demostrou en laboratorio que os paxariños admiran as cristas dos nosos “punkies”, mira ti por onde: organizou un pases de modelos para pinzóns femias comprobando que elas preferían os machos cunha falsa crista na testa colocada pola propia Burney.
As femias dos animais esixen tamén prologar o máximo posible o cortexo e soubemos duns escaravellos machos que teñen que cantar, bailar, lamber, morder e demostrar outras habilidades antes de merecer chegar á cópula. En fin, que o tema do ligoteo e todo o demais nunca foi doado nin sequera no mundo animal.

Reliquias. Pódese percorrer hoxe toda Europa seguindo a pegada das reliquias que conformaron a historia das xentes na longa Idade Media: as lascas da Verdadeira Cruz, a Santa Bágoa, o Santo Sangue, o Santo Sudario, etc. Reliquias eran tamén os anacos da vestimenta ou as partes do corpo dalgún santo ou santo, ata as partes máis inverosímiles que hoxe non collerían nas normas do pudor politicamente correcto. No seu momento algúns poderes emprenderon grandes Cruzadas a Terra Santa e iniciaron longos e sanguentos conflitos militares. As reliquias mobilizaron grandes masas, xeneraron xubileos, fundaron ordes militares e relixiosas, crearon cidades como Compostela e toda unha vizosa literatura vencellada ós Miragres da Virxe e dos santos, dende as Cantigas de Santa María de Afonso X ata toda a haxiografía medieval.
Dende o noso poleiro do século XXI miramos enfonchados cara os tempos pasados, incapaces de rirnos da nosa propia imaxe no espello. Hai hoxe persoas que pagan cifras multimillonarias pola súa paixón coleccionista: o chisqueiro de James Dean, un vestido de Marilyn, a cachimba de Bogart, os novos santos da modernidade e os seus obxectos mercados en subhastas milagreiras e asombrosas. A isto chamámoslle cultura, non reliquias, e Umberto Eco de seguro engadiría algo sobre a estilística kitsch na cultura de masas (“Apocalípticos e integrados”). Pero, cando menos, agora somos modernos.

10 nov 2007




O sorriso.
Pan por Pan sábado 10 novembro
(Nas ilustracións, Mónica Bellucci, en homenaxe a Jimmy de Rairo, e Uma Thurman, esta en autohomenaxe)

Poucas cousas hai tan subxectivas na historia do mundo como a Beleza. Non era o mesmo nos tempos de Durero ou de Rubens que hoxe. Nin creo que haxa tampouco valores universais, en Oriente e en Occidente. Pero algúns científicos seguen empeñados en dar co segredo da Beleza. Un estudo duns psicólogos escoceses conclúe que sorrir e mirar fixamente ós ollos son as claves da sedución, á marxe de que un rostro sexa máis feo ou fermoso, alegre ou enfadado. Din que a atracción sexual pode depender desas dúas características. Eu non o vou negar, aínda que outro estudo dicía que vemos como máis atractivas as facianas máis simétricas. Os escoceses remóntanse a Darwin e falan da función psicosocial do sorriso, que axudaría ós seres humanos a escoller as súas conquistas. Só queda saber discernir entre o sorriso verdadeiro e o falso: só iso, nada máis.