Mostrando entradas con la etiqueta Helena Villar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Helena Villar. Mostrar todas las entradas

28 nov 2008

Marcos Valcárcel

HELENA VILLAR JANEIRO ESCRITORA

(El Correo Gallego -28-11-2008)

Cavilaba eu estes días en que Eduardo Pondal, cando escribiu o poema que se ía converter no himno galego, tivera unha certa premonición de que existiría unha personalidade como Marcos Valcárcel e que lle inspirara en vaticinio aquel sintagma "os bos e xenerosos". Logo visitei As uvas na solaina, un blog moi do meu gusto que publica o ourensán e polo que paseo cada noitiña, e topeime con que xa alguén que quería louvalo a el e ao seu labor utilizara a mesma idea. ¡Que se lle vai facer! Hai coincidencias. Fryderyk Chopin ten no Rondo Krakowiak, opus 14 (1828), catro compases que coinciden con outros tantos da Negra sombra de Xoán Montes e que sorte que o galego a deixara composta para ben da nosa música. Por iso eu tampouco vou renunciar a unha ficción literaria que me parece ilustrativa para dicir o que quero contar do amigo Marcos.

Marcos Valcárcel é moitas, moitísimas cousas. Doutor en Historia e catedrático de Lingua e Literatura Galegas, vinculado a Ourense por nacemento, profesión e vocación, e a Galicia polos traballos de investigación da historia política do galeguismo, coñecedor da nosa literatura e editor dalgúns de grandes poetas, activo xornalista cultural -Galicia Hoxe publica as súas Andoliñas- e un dos blogueiros máis dinamizadores e sistemáticos da rede. Tén publicado un bo número de obras individuais e participa en numerosos proxectos colectivos. O último que coñezo, e acabo de ler e aplaudir, é a análise da nosa literatura nun libro do Consello da Cultura Galega arredor da conmemoración dos seus primeiros 25 anos.

Todo este traballo compaxínao Marcos Valcárcel coa angueira de profesor adiado en ciencia e pedagoxía, co labor no Liceo, coa animación cultural. Nunca dixo que non ao que neste sentido se lle ten demandado e é fácil asocialo ás paisaxes urbanas nas que se celebra un centenario, unha homenaxe ou unha xornada de estudo sobre cultura contemporánea. Á única pregunta á que non contesta é á de como conseguiu fabricar días de 30 horas e gardar a receita para el só. Só neste segredo absoluto Marcos non se nos mostra xeneroso.

Mañá pola tarde presentarase na sede do Liceo o seu libro Historia de Ourense e pola noite os seus moitos amigos e amigas acompañarémolo nunha cea no San Miguel para lle expresar a admiración e o cariño que a Galicia lle merece.

14 mar 2008


A lazada violeta, de Helena Villar (ECG 14 marzo)
Imaxe: Simone de Beauvoir, foto de Elliott Erwitt, 1952. (Mensaxe 1701)
Se mo permiten, dedícolle este artigo da amiga H. Villar a todas as contertulias e tamén ás miñas alumnas de A Carballeira: tocamos este tema a cotío nas clases e comprobo que non sobra, aínda non son cousas estas demasiado coñecidas.

As eleccións acalaron as mulleres no seu día grande, que coincidiu coa xornada de reflexión. Mais como moitas tecemos na rede unha lazada violeta que aperta a sororidade, fixemos circular entre nós felicitacións, textos críticos e reivindicativos, e fermosas na forma aínda que tristes no contido presentacións en power point.
Unha das que recibín e propaguei ten escritos contra as mulleres dos que non me resisto a copiar algún.
"A muller debe adorar ao home como a un deus. Cada mañá ha de axoenllarse nove veces consecutivas aos pés do seu marido e, cos brazos cruzados, preguntarlle: señor, ¿que desexades que faga?" (Zaratustra, século VII a.C).
"A natureza só fai mulleres cando non pode facer homes. A muller é, polo tanto, un home inferior" (Aristóteles, século IV a.C.).
"Aínda que a conduta do marido sexa censurable e se dea a outros amores, a muller virtuosa debe reverencialo como a un rei. Durante a infancia, unha muller debe depender de seu pai; ao casar, do seu home; se el morrese, dos seus fillos e, se non os tivese, do seu soberano. Unha muller nunca debe gobernarse por si mesma" (Leis de Manu, libro sagrado da India).
"Que as mulleres estean caladas nas igrexas porque non lles é permitido falar. Se quixeran ser instruídas sobre algún punto, pregúntenlles na casa aos seus homes" (Apóstolo Santiago, s. I).
"Cando un home fose reprendido en público por unha muller, ten dereito a golpeala co puño e o pé, e a romperlle o nariz para que non se deixe ver, avergoñada da súa face" (Le Ménagier de París, tratado de conduta moral, s. XIV).
"Os nenos, os idiotas, os lunáticos e as mulleres non poden nin teñen capacidade para efectuar negocios (Enrique VII de Inglaterra, s. XVI).
"O peor adorno que unha muller pode ter é ser sabia" (Lutero, s. XVI).
"Todas as mulleres que seduciran e levaran ao matrimonio os súbditos da Súa Maxestade mediante o uso de perfumes, pinturas, dentes postizos, perrucas, e recheo de cadeiras e seos, incurrirían en delito de bruxería e o casamento quedaría automaticamente anulado (Lei inglesa do século XVIII).
Con lazada violeta chega tamén a publicación do tomo I de O segundo sexo, de Simone de Beauvoir. Grazas á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e a Edicións Xerais polo galano. Di a filósofa que a muller non nace, que se fai. Eu engado que o home tamén. E ten que se facer doutra maneira.