28 nov. 2008

Marcos Valcárcel

HELENA VILLAR JANEIRO ESCRITORA

(El Correo Gallego -28-11-2008)

Cavilaba eu estes días en que Eduardo Pondal, cando escribiu o poema que se ía converter no himno galego, tivera unha certa premonición de que existiría unha personalidade como Marcos Valcárcel e que lle inspirara en vaticinio aquel sintagma "os bos e xenerosos". Logo visitei As uvas na solaina, un blog moi do meu gusto que publica o ourensán e polo que paseo cada noitiña, e topeime con que xa alguén que quería louvalo a el e ao seu labor utilizara a mesma idea. ¡Que se lle vai facer! Hai coincidencias. Fryderyk Chopin ten no Rondo Krakowiak, opus 14 (1828), catro compases que coinciden con outros tantos da Negra sombra de Xoán Montes e que sorte que o galego a deixara composta para ben da nosa música. Por iso eu tampouco vou renunciar a unha ficción literaria que me parece ilustrativa para dicir o que quero contar do amigo Marcos.

Marcos Valcárcel é moitas, moitísimas cousas. Doutor en Historia e catedrático de Lingua e Literatura Galegas, vinculado a Ourense por nacemento, profesión e vocación, e a Galicia polos traballos de investigación da historia política do galeguismo, coñecedor da nosa literatura e editor dalgúns de grandes poetas, activo xornalista cultural -Galicia Hoxe publica as súas Andoliñas- e un dos blogueiros máis dinamizadores e sistemáticos da rede. Tén publicado un bo número de obras individuais e participa en numerosos proxectos colectivos. O último que coñezo, e acabo de ler e aplaudir, é a análise da nosa literatura nun libro do Consello da Cultura Galega arredor da conmemoración dos seus primeiros 25 anos.

Todo este traballo compaxínao Marcos Valcárcel coa angueira de profesor adiado en ciencia e pedagoxía, co labor no Liceo, coa animación cultural. Nunca dixo que non ao que neste sentido se lle ten demandado e é fácil asocialo ás paisaxes urbanas nas que se celebra un centenario, unha homenaxe ou unha xornada de estudo sobre cultura contemporánea. Á única pregunta á que non contesta é á de como conseguiu fabricar días de 30 horas e gardar a receita para el só. Só neste segredo absoluto Marcos non se nos mostra xeneroso.

Mañá pola tarde presentarase na sede do Liceo o seu libro Historia de Ourense e pola noite os seus moitos amigos e amigas acompañarémolo nunha cea no San Miguel para lle expresar a admiración e o cariño que a Galicia lle merece.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Moi atinado e xusto.

Modesto dijo...

Moi bo o artigo de Helena. Por suposto, subscríboo na súa totalidade. Mañá (e sempre) todos con Marcos. Saúde.

Anónimo dijo...

Aínda que laico, ten nome de evanxelista e algo hai en Marcos de menxaseiro que trae boas novas a este país noso. Sempre calmo e achegado , este ensaista, estudoso, profesor e arquiveiro, entre outros mesteres, fixo e fai pola cultura en Ourense o que os mais desleixados axentes oficiais esqueceron facer: Presentar un novelista, escolmar uns poemas, contar as historias do Ourense, organizar ciclos de calquera das artes, manter un blog que non é calquera blog, senón “o blog de Marcos”, levar por roteiros novelescos a veciños e alleos, manter as súas ideas dentro dos seus principios, (cousa nada doada de facer en tempos como estes), ensinar no só ideas e coñecementos senón como tratar o que se ensina e dar exemplo persoal de como facelo... Aínda que poida resultar extrano, aínda hai xentes coma Marcos espallados Galicia adiante que de xeito calado son os esteos que manteñen viva e ergueita esta cultura nosa. Sen xentes coma el, Ourense, pode que non fora un ermo pero estaría a piques de estiñar.Cunqueiro dicía de Otero Pedrayo que tiña unha presenza catedralicia. A min a presenza de Marcos faime lembrar unha desas antigas capelas románicas das que temos de abondo no país, de feitura armónica, calma e achegada. Así vexo eu a Marcos...

Ons

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Anda por aquí unha especie de parangón constante con Otero Pedrayo. Eu teño para min que máis fértil resulta a estirpe de don Marcos ca outras. O laicismo e o progresismo resultan sempre máis enriquecedores.
E non digo máis. Polo de agora.

El Progreso dijo...

Marcos de Auria

Marica Campo.

OURENSE é pedra, ladrillo, formigón, río, pontes, outeiros e auga calda no meridiano 7° 52’ 12’’W. Auria é pensamento, memoria e literatura no meridiano dos soños. Como nas cidades invisíbeis de Italo Calvino, Auria acontece sobre o mesmo chan que Ourense malia pertencer aquela a un outro mundo ben diferente. Moitos dos habitantes de Ourense morrerán sen saber que existe Auria, mais todos os habitantes de Auria coñecen Ourense.

Auria ten alcalde de seu. As súas ocupacións non teñen nada que ver coas do alcalde da cidade visíbel. Este debe mirar polo estado das rúas, a situación do emprego, a calidade da auga ou os impostos. Aquel anda sempre na teima de comunicar ambas cidades, de facer visíbel a invisíbel, de descifrar o palimpsesto da cidade para que Ourense, ademais de corpo, teña tamén alma. Alma, esa conciencia de si propio, coñecemento e memoria, urdido de historia e fábula alén do tempo dos que o habitan. Auria.

O alcalde de Auria chámase Marcos Valcárcel. Mañá, 29 de novembro, presenta no Liceo da Cidade das Burgas unha súa Historia de Ourense. Con ese pretexto renderémoslle testemuño de admiración e amizade nunha cea homenaxe que ha xuntar multitude de persoas de todo o país. Agasallaremos en un a moitos homes: o erudito, o historiador, o activista cultural, o escritor, o profesor, o amigo e, sobre todas as cousas, o home de ben.

Conta Castelao no seu Sempre en Galiza a anécdota, por el vivida en Badajoz, daquel crego da catedral que, dispondo dun magnífico órgano alemán, pasaba as horas a lle estudar as tripas e a limpar os excrementos que os morcegos deixaban nos tubos, mais sen tocalo e sen llo deixar tocar a ninguén. "¡Que lástima de órgao e que pena de organista!" di, para engadir logo que no censo de intelectuais que moran na nosa terra hai unha chea deles que se asemellan ao organista de Badajoz: sabios, mestres, técnicos; mais improdutivos.

Non é este o caso de Marcos Valcárcel, como xa queda sucintamente descrito, senón todo o contrario. Sen estridencias e desde a primeira mocidade, a vida deste home é a dun servidor, sempre de garda, da causa de Galiza. Ourense é a metonimia ou, se o prefiren, a parcela privilexiada do seu labrar. Da súa produtividade fala ben ás claras a morea de libros que ten publicados até o de agora, con cincuenta anos e máis quefaceres que o da escrita. Non é posíbel citalos aquí, mais si resumir que por el sabemos moito máis da Xeración Nós, do lexicógrafo Eladio Rodríguez, da literatura, historia e xornalismo de Ourense. De Blanco Amor, o que lle dera nome á Auria que Marcos poboa. ¡Poboar!: Ocupar un lugar con xente. Sinónimo: ¡habitar!. A iso nos chama o amigo, a vivir con el no meridiano do coñecemento, a memoria, a literatura e os soños. En Auria. En Galiza.


28/11/2008