Mostrando las entradas con la etiqueta Urbanismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Urbanismo. Mostrar todas las entradas

6 jul 2008


A MIRADA RETIDA (La Región 6.7.08)
O PASEO
É bo e desexable que as cidades teñan puntos de referencia, espazos de encontro. A nosa Auria ten sorte nisto e dende sempre marcou os perfís dunha identidade ben definida: as Burgas, a Catedral, o Miño e as pontes, o Posío, o Montealegre, etc. Nesa identidade ocupan o seu lugar tamén os espazos de sociabilidade e poucos tan relevantes no noso caso como o Paseo ou a vella Travesía de nomes franquistas cando se sacou esta foto, supoño que anterior a 1968 (non se construíra aínda a Torre de Álex Reinlein). A vista está tomada diante do actual edificio do Hotel Padre Feijoo e aí mesmo perdemos, velaí a imaxe, outro fermoso edificio patrimonial. Daquela a rúa non era peonil pero a circulación era escasa, como amosa ese 600 e unha vella moto en solitario. O Paseo é a canle do río da vida, escribiu don Vicente en 1960, en “El Orense perdurable”. Eran os tempos da chica ye-ye de Conchita Velasco, de Carmen Sevilla e de Karina, pero non sei se Risco gustaría desas melodías. Hoxe as músicas son outras, pero o Paseo segue aí, tesouro fiel de vellas lembranzas.

15 mar 2007

Canon de beleza? (Xavier Cordal, en Galicia Hoxe, 15 marzo)
Alén da "caricatura hipócrita", o feísmo é o resultado dunhas actuacións inmobilarias que destrúen impunemente o territorio.
(Artigo completo)

(...) A ausencia de calquera normativa de construción ou de ordenamento urbano foi o sinal de identidade do desenvolvementismo tardofranquista. As primeiras vítimas foron as zonas mediterráneas, exhibidas con orgullo no cinema cavernícola español cando se iniciaba a expansión do turismo de tortilla e praia apadriñado por Fraga Iribarne. Simultaneamente, ou moi pouco despois, medraron sen control os novos barrios que se foron coagulando nas áreas costeiras máis poboadas de Galicia, erguidos por construtores que non se distinguían pola súa sensibilidade arquitectónica. Pero o doado sería culpar ás empresas; nin as autoridades estatais nin municipais, nin máis tarde as autonómicas, quixeron poñer freo ao negocio, en moitos casos porque participaban del.
Ao galego medio bastáronlle as viaxes en tren polo territorio francés para comprobar que resultaba ben difícil dar detectado os mesmos horrores visuais, polo menos no agro e nas pequenas urbes. Era o xogo das diferenzas: a orde fronte ao caos, o racionalismo urbanístico fronte á lei da selva.
Tardou pouco en aflorar o pathos do autoodio colonial cando, ao volveren, algúns emigrantes galegos -e despois non poucos turistas- interpretaron como indicio de deformidade antropolóxica a nosa sucesión de ladrillos tristes, as vigas de formigón sen pintura. Exactamente ao xeito dalgún dos viaxeiros españois ou ingleses que se aventuraban pola Galicia dos séculos escuros, culpabilizando o indíxena da súa condición miserable e mostrándose incapaces de detectar rastro ningún de beleza -obviamente, tampouco na arquitectura popular.