Mostrando las entradas con la etiqueta Patrimonio. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Patrimonio. Mostrar todas las entradas

19 feb 2009


Románico
ANDOLIÑA 19-2-09

A segunda cadea de TVE está emitindo polas mañás unha serie documental moi recomendable, Rutas del Románico, conducida polo humorista gráfico Peridis. Tras percorrer nunha xeira anterior boa parte do románico en Castela e León, Peridis segue o seu camiño, lapis e lámina en man, pola montaña palentina, Álava, as grandes colexiatas de Cantabria, a arte tardía de Pontevedra, as pinturas murais das igrexas catalás, o final do Camiño de Santiago, os antigos condados de Sobrarbe e Ribagorza (Aragón) e os grandes mosteiros cistercienses e bieitos de Cataluña.
Unha completa visión do Románico dende a clave artística e monumental, que remata sendo tamén unha crónica da época, do estilo de vida e da historia social e relixiosa nos séculos nos que floreceu esta arte. Un acerto da serie é que non se centra só nas grandes catedrais e colexiatas, senón que ademais esculca nas igrexiñas do románico rural.
Tamén un modelo do documental sobre patrimonio a imitar polo audiovisual galego e a Televisión de Galicia: para cando unha serie semellante sobre o Románico galego, que se deteña tamén con agarimo nas pequenas ermidas e capelas que enchen a Galicia rural?

7 feb 2009

Dinamita para San Francisco.
Afonso Vázquez-Monxardín.

La Región 07-02-2009.

Vicente Risco era moi listo e coñecía a cidade de Ourense como se a parira. Pedra a pedra, xente a xente, historia a historia. Por iso, hai oitenta anos, cando escribiu O Porco de pé, a primeira novela galega moderna, púxolle un final simpático. A apoteose da mediocridade representada na escena final: o incendio da Biblioteca como fondo ante a pasividade das ‘forzas vivas’ enredadas nunha festa de claudicación. Pois ben, non andamos hoxe lonxe. O que pasa é que agora é de verdade. O claustro de San Francisco está para caer.
Xa ensaiamos todas as formas posibles de combinacións políticas. Gobernos todos dun (aquí, alá e acolá), todos doutro, gobernos entrefrebados en varias combinacións...e nada funcionou. Polo tanto, a cousa pola política dos partidos non parece ter solución. Entrementres, unha cidadanía, pasiva, resignada, cada vez que comeza outro capítulo do esperpento di ‘vaia por Dios’, ‘outra vez’ e pasa a páxina do xornal rápido como para escorrentar a culpa e esquecer os anos que leva pechado e aqueles fermosos frescos renacentistas aparecidos no inicio da obra e desaparecidas coa deixadez posterior. Logo detense nas esquelas que, como saben, é o pasatempo favorito dos ourensáns. O político de turno explica de novo que nós non entendemos ben o problema, que é todo moi complicado e trata de sinalar a outro. E agora vai a Consellería de Cultura e di que o Goberno central oculta datos. Cando o Demo non sabe que facer, espanta moscas co rabo. A min, como espectáculo gratuíto sempre me gustaron máis as cheas do río desde o mirador de Oira. Somos caldo de cultivo de ditaduras: unha sociedade civil inerme agardando que sexa sempre outro o que solucione as cousas. Pero ¿imos, meus queridos concidadáns, permitir que as leguleias de empresas manifestamente incompetentes e uns xuíces excesivamente comprensivos deixen caer o claustro? ¿Imos permitir que sexan o vento e chuvia os que rematen a obra da desidia colectiva? ¿Imos permitir que o noso Concello siga a camara lenta? Non señor, non. Non deberiamos.
Hai moitos anos, en 1981 ou así, pedín dinamita para voar o ‘Volter’ -que eu sempre chamei Tucho-, porque era unha ignominia deixalo agonizar entre saudades literarias pero sen mover un cella. Ninguén fixo caso, claro, e as termites e a chuvia fixeron moi profesionalmente o seu traballo. Agora creo que debemos reclamar con forza dinamita para o Claustro de San Francisco. Porque se a cidade non sabe máis que ver aos políticos dándose coa cachiporra falsa como no Barriga Verde, ou cantando a coro aquilo de ‘fuches tu, fuches tu, o que fuches cagar no palleiro; fuches tu, fuches tu, que aínda levas as pallas no cu’, pois ben, se todo é así, o non-remedio pero si alternativa ética, é a eutanasia activa. Como nas películas en que o vaqueiro mata ao cabalo para que non sufra. Como o fidalgo de Otero Pedrayo que cruza Galicia para ser el o que lle ferre dous tiros ao can vello e enfermo, compañeiro de cazatas lembradas. Ademais, está desacralizado o recinto e non é xente...
Que sexa o Concello, ou sexa o noso nós máis próximo e colectivo feito forza, coas mans dos veciños que o queremos, e en lembranza das fotos de vodas que alí se facían, o que meta a dinamita e remate coa agonía. E que o vexamos todos todiños metidos ao quente nas augas mornas da Chavasqueira ou Outariz, cunha presa de castañas municipais e un cacho de empanada na man. Propaganda gratis nos medios de Europa. ‘Un concello voa un claustro gótico no medio dunha festa termal para os veciños’. E logo de derrubalo, podemos proxectar para o solar, un ‘centro de interpretación da cultura medieval’ dedicado á cidade de Ourense, mon amour.

13 sept 2008


ourensáns no seu recuncho gloria vidal suberbiola
«Unha cousa é a educación e outra o ensino. Un profesor de matemáticas pode dar valores»

6 jul 2008


A MIRADA RETIDA (La Región 6.7.08)
O PASEO
É bo e desexable que as cidades teñan puntos de referencia, espazos de encontro. A nosa Auria ten sorte nisto e dende sempre marcou os perfís dunha identidade ben definida: as Burgas, a Catedral, o Miño e as pontes, o Posío, o Montealegre, etc. Nesa identidade ocupan o seu lugar tamén os espazos de sociabilidade e poucos tan relevantes no noso caso como o Paseo ou a vella Travesía de nomes franquistas cando se sacou esta foto, supoño que anterior a 1968 (non se construíra aínda a Torre de Álex Reinlein). A vista está tomada diante do actual edificio do Hotel Padre Feijoo e aí mesmo perdemos, velaí a imaxe, outro fermoso edificio patrimonial. Daquela a rúa non era peonil pero a circulación era escasa, como amosa ese 600 e unha vella moto en solitario. O Paseo é a canle do río da vida, escribiu don Vicente en 1960, en “El Orense perdurable”. Eran os tempos da chica ye-ye de Conchita Velasco, de Carmen Sevilla e de Karina, pero non sei se Risco gustaría desas melodías. Hoxe as músicas son outras, pero o Paseo segue aí, tesouro fiel de vellas lembranzas.

15 abr 2008


en poleiro alleo: da salvagarda do patrimonio, da custodia do galeguismo
Imaxe: cemiterio de Montparnasse, tumba de Man Ray e da súa esposa Juliet. Alí está tamén o fundador da Citroen, segundo conta AVM.

21 nov 2007


Patrimonio e riqueza turística

Nun ciclo sobre a Galicia Sur, falou onte no Liceo ourensán Miguel Anxo González García, cóengo da catedral ourensá, sobre a riqueza patrimonial e monumental da provincia ourensá, a segunda en número de monumentos, despois de Palencia, de toda España.
O maior mérito do conferenciante foi ser capaz de dar, en corenta minutos e con diapositivas, unha imaxe xeral pero abondo completa desa riqueza patrimonial da provincia, facendo un percorrido exhaustivo por todo tipo de monumentos e paisaxes patrimoniais, dende a Catedral, o Santo Cristo e a Ponte Romana ata a Ribeira Sacra e os grandes mosteiros, pero pasando tamén por pequenos monumentos, igrexiñas, capeliñas, petos de ánimas, construcións populares, etc.
Subliñou o escaso coñecemento que moitos ourensáns teñen desta riqueza, anotou con sorpresa o abandono mesmo a nivel turístico de lugares como o Santuario das Ermidas (na imaxe) e loubou as políticas positivas de recuperación dese patrimonio: entre outros exemplos, citou expresamente as vilas de Allariz e Vilanova dos Infantes (estas, engado eu, gobernadas por dúas estratexias políticas ben diferentes, BNG e PPG). Denunciou ademais que o Claustro de San Francisco siga pechado e non se posibilite un sistema de visitas turísticas, moi demandadas nese lugar, de xeito que moitos visitantes teñen que marcharse sen poder velo.
A sala do Liceo estaba chea a rebosar e entre os asistentes estaban presentes o concelleiro de Economía e Facenda de Ourense e o delegado de Cultura da Xunta, Xosé Carlos Sierra.

9 jul 2007


AS MARABILLAS DE GALICIA
La Región 9 xullo (Opinión) Imaxe: Mosteiro Santo Estebo, na Ribeira Sacra.
As Sete novas Marabillas. Como vostedes xa saberán, o pasado sábado remataba en Lisboa o concurso mundial impulsado polo suízo Bernard Weber para elixir as novas Sete Marabillas do mundo: das do mundo antigo só quedan en pé as pirámides exipcias. O concurso non foi recoñecido pola UNESCO e foi criticado polo seu carácter pouco científico, mediático e mesmo lucrativo (había que votar por SMS ou Internet). En calquera caso as gañadoras foron a Gran Muralla china, a cidade xordana de Petra, o Cristo Redentor de Río de Janeiro, O Machu Picchu peruano, o tempo de Kukulcán en Chichén Itzá (México), o Coliseo de Roma e o Taj Mahal na India. Quedou fóra a Alhambra de Granada, malia as campañas emprendidas, e tamén a Catedral de Santiago, que figurara nas primeiras finalistas. Como consolo dicir que quedaron fora tamén a Acrópolis de Atenas, os Moais da illa de Pascua,o conxunto de Stonenhenge e a Torre Eiffel en París.
En Galicia. A campaña si serviu para abrir un debate sobre as marabillas do patrimonio e da natureza. Eu mesmo participei esoutro día nunha tertulia radiofónica ó respecto, de ámbito galego, na que tamén estaban dous arquitectos, un director de Museo e un técnico de turismo. E nesa tertulia había acordo case unánime en constatar como posibles Marabillas Galegas a Torre de Hércules coruñesa, a Catedral de Santiago e a Muralla de Lugo: non se esqueza que é único fortín romano que se conserva completo no mundo. Falouse tamén das Burgas ourensás, dos Mosteiros de Oseira e Armenteira, das Illas Cíes e da Costa da Morte, do Caurel e doutros lugares. Eu insistín a favor do conxunto natural-monumental da Ribeira Sacra e moi logo conseguín apoios: poucas contornas de tal beleza e riqueza paisaxística e artística son comparables, cos mosteiros de San Estebo e Santa Cristina, da parte ourensá, perfectamente integrados nese lugar case máxico.
Home e territorio. Porque o que pode aportar Galicia a un debate deste tipo é isto: a perfecta compenetración entre o home e a súa paisaxe, a sabia utilización do territorio, como nos ensinaba o mestre Otero Pedrayo. Tiven que contradicir a un contertulio que sostiña que a man do home en Galicia sempre estragara todo: tal afirmación é falsa e moi restrictiva e, dende logo, non foi así ata as últimas xeracións. Foron moitos os séculos de convivencia perfectamente integrada entre o Home e a Paisaxe: a crise dos últimos anos (incluído o chamado “feísmo”) moito ten que ver coa crise cultural e de identidade que sufriu o noso país nos tempos máis modernos. Nas últimas sete décadas Galicia perdeu case un millón de familias campesiñas: algo terá que ver esta realidade coa ruptura desa mutua interrelación de séculos.
Poderíase poñer na entrada da Comunidade Autónoma un cartel que puxese “Entra vostede en Galicia, terra patrimonio natural e monumental da Humanidade”, dixo unha arquitecta nese debate. Estou de acordo e eu engadiría: a terra que forxou dende os tempos medievais a idea dunha cultura europea dende o Camiño de Santiago e que posúe a maior Marabilla de todas: a creación dun idioma propio, o galego, como fonte de cultura para achegar á propia riqueza cultural do mundo.

8 may 2007

Convite
Alguén acaba de facer unha pregunta no blogg do candidato socialista ourensán Francisco Rodríguez: http://candidato-paco-rodriguez.blogspot.com/
Anónimo dixo... Sr Rodríguez, teño unha pregunta para vostede..... ¿Por que non apoiou no derradeiro Pleno do Concello de Ourense o uso Cultural do edificio que no seu día ocupara o Banco de España en Ourense tal e como se comprometeu a facer?

E digo eu: non estaría mal que todas as persoas con sensibilidade neste tema, que son moitas, se dirixisen tamén ó citado blog en demanda dunha resposta, que os cidadáns merecen.
Onte mesmo (temos espías ben informados) o mesmo candidato daba unha charla a xentes da arquitectura en Ourense. E puña, como exemplo do que quería facer na cidade, con diapositivas, unha imaxe do edificio do Banco de España do que seica dixo que se utilizaría para un uso cultural. Por qué, pois, non dixo o mesmo no pleno do Concello do venres?

(P.S.: 13,23 h. Xa hai cinco interpelacións dos cidadáns de Ourense a F.R. sobre este tema. Anímense a engrosar esta lista...)

27 mar 2007


GREENPEACE, ANTISISTEMA, FISTERRA.
La Región 26 marzo (Imaxe: Moza con abano vermello, de Max Pechstein)
A natureza. Celebráronse na semana pasada, na Facultade de Ciencias, unhas xornadas sobre ecoloxía e medioambiente. O respecto á natureza copa boa parte da axenda da actualidade: medidas contra os incendios forestais, enerxías alternativas e renovables, parques eólicos, depuración de augas e recuperación dos ríos, etc. Esa perspectiva é xa central en calquera posición sociopolítica e as informacións sobre o cambio climático, que xa está enriba, non farán máis que facer medrar esas inquedanzas. Greenpeace fixo propostas moi concretas e con moito sentidiño: Non construir máis urbanizacións con campos de golf. Nin un chalé nos primeiros 500 metros da franxa costeira. Algún xeito de control supramunicipal que evite os maiores desastres da corrupción urbanística. Limitar o crecemento urbanístico ó 10% de incremento en cada planeamento e protexer o solo non urbanizable. Por certo, o PP foi o único partido que rexeitou no Parlamento Galego a lei de urxencia para protexer o litoral e dixeron que esta lei buscaba o “rédito electoral”. De todo isto hai que falar tamén antes do 27 de maio.
Antisistema. Un político galego ben coñecido, da esquerda nacionalista, recomendaba sempre “agudizar as contradicións”. Cando apuntaba esa liña estratéxica, este político xogaba no mundo dos partidos antisistema e non pensaba en chegar a curto prazo ó poder. Pero agora os que xogan a “agudizar as contradicións” son os que sempre estiveron moi perto do poder. O equipo Rajoy-Acebes-Zaplana xoga neste equipo antisistema, mesmo promovendo un boicot a un importante grupo mediático do Estado. Nunca ningún partido democrático chegou tan aló. Ata políticos de dereitas como Miguel Ángel Revilla ou Durán Lleida denuncian esta chantaxe á liberdade de expresión. Por outra parte, puxéronlle ben doada a resposta a Zapatero: se isto é o que fan na oposición e cos medios privados, “qué faría o PP cos medios públicos se chegase ó goberno?”. A resposta é pura lóxica.
Cabo Fisterra. Hai poucos días confirmábase a declaración do cabo Fisterra como Patrimonio Europeo, recoñecemento que recibían tamén o mosteiro de Yuste, a Residencia de Estudiantes en Madrid e unha serie de monumentos de lugares tan diversos como Eslovaquia, Grecia, Letonia, Bulgaria ou Francia. A Consellería de Cultura acondicionará a contorna do cabo, incluído o conxunto arqueolóxico e etnográfico de San Guillerme e o Santo Cristo de Fisterra, irmán do ourensán. É una boa noticia, que case coincidiu no tempo con outra negativa: a denuncia da especulación urbanística con 400 chalés ó carón das praias fisterrás. Alégrome polo país e polos meus amigos fisterráns, con Modesto Fraga á cabeza: a próxima fin de semana tócame inaugurar aló, cunha charla, unhas xornadas de reivindicación da memoria histórica en homenaxe a Cipriano Fernández Brage, exalcalde de Fisterra na República, militante de Izquierda Republicana e asesinado polos franquistas en 1936.

25 mar 2007


Comisión para un Uso Cultural do edificio do Banco de España

Seguimos no tema. Onte presentamos ós medios o manifesto elaborado para reclamar un uso cultural e vinculado á cidade para o edificio do Banco de España (así o contou o Faro).
Cremos que alí non debe ir o Catastro e que hai que solucionar ese problema, buscando unha ubicación alternativa (así o contou La Región).
E queremos o consenso de todos os partidos e institucións implicadas (Concello, Estado, Xunta, Deputación, etc.).
Queremos que as institucións públicas, todas, asuman un compromiso urxente para colaborar e promover a creación do centro que desexamos. De arte e historia. Da lembranza e evocación do cotián e do extraordinario. Das memorias da cidade», reza o manifiesto.
Cremos que o proxecto é posible e viable. (Así o contou La Voz de Galicia).
Agora procuraremos que os tres grupos municipais, en principio de acordo nisto, asinen unha moción conxunta antes das eleccións que solicite o uso cultural para este nobre edificio. (Na foto de Iñaqui Osorio, a roda de prensa da comisión no Liceo, con Afonso Monxardín, Xulio Rodríguez e este cronista).

4 mar 2007

1 mar 2007

COMISIÓN CIDADÁ BANCO DE ESPAÑA PARA A CULTURA

Nunha xuntanza celebrada no Liceo o mércores 28 de febreiro, ás 20,15 horas, e con asistencia dunhas cincuenta persoas, acordouse constituír unha COMISIÓN CIDADÁ BANCO DE ESPAÑA PARA A CULTURA que terá como obxectivo central reclamar a recuperación do nobre Edificio do Banco de España para un uso cultural que repercuta beneficiosamente na cidade e na preservación da súa memoria histórica e artística.
Neste sentido, esta comisión empezará a traballar de inmediato estudiando todos os posibles aspectos legais, xurídicos e patrimoniais que poden afectar á salvagarda do edificio e o seu futuro destino cultural. Tamén de inmediato se buscará asesoramento técnico, legal e urbanístico para afrontar todas as perspectivas posibles que afecten a esta campaña.
Nun prazo breve a Comisión terá un primeiro encontro cos medios de comunicación para transmitir os seus debates e as súas reflexións e, ó mesmo tempo, iniciará as xestións pertinentes para falar con todos os axentes que teñen responsabilidade neste tema: dende o subdelegado do goberno ata os representantes dos tres grupos municipais no Concello, pasando polo presidente da Deputación e outras institucións que terían que implicarse decididamente no tema.
Os reunidos amosan a súa esperanza en que a recuperación cultural deste edificio sexa viable e teña lugar o antes posible, sobre todo tendo en conta que outros edificios do Estado en Galicia pasaron por procesos similares e con resutados positivos (por exemplo: o do Banco de España en Santiago, destinado a un Museo da Cidade e das Peregrinacións; a actual sede da Fundación Granell en Compostela ou tamén a Casa das Artes en Vigo).
Para desenvolver todos estes labores pendentes constituíuse un equipo de coordinación da Comisión Cidadá composto por: Andrés Mazaira, Xulio Rodríguez, Marcos Valcárcel, Afonso Vázquez Monxardín, Xosé María Eguileta, Felipe Ferreiro, Benito Losada, Sonia Torre, Pepe Paz, Sexismundo Bobillo e Pilar Charro.

APOIOS Á CAMPAÑA
A seguir indicamos os primeiros nomes de persoas que apoiaron esta campaña, participando nestes encontros ou amosando por escrito o seu apoio:

Sexismundo Bobillo (secretario do Liceo), Pepe Paz (pedagogo), José Paz (fotógrafo), Afonso Vázquez Monxardín (profesor e escritor), Xosé Mª Eguileta (arqueólogo), Felipe Ferreiro (profesor e exdelegado de Cultura), Serafín Alonso (filólogo e profesor), Emilio Fonseca (arquitecto), Maribel Outeiriño (xornalista), Manuel García "Buciños"(escultor), Miguel Carballo (pintor), David Paz Nóvoa (profesor), Pepe Trebolle (xubilado), Xabier Limia (profesor e crítico arte), Andrés Mazaira (profesor Universidade), Ángeles Castro (profesora), Pilar Charro (xubilada), Benito Losada (director Casa da Xuventude), Eduardo Núñez (fotógrafo), Francisco González (coordinador Centro Cultural Simeón), Xabier Paz (libreiro), Lalo Gómez Rosales (presid. Casa Xuventude), Carlos Varela García (profesor), Xosé M. Suárez (médico), Xulio Outumuro (profesor), Sonia Torre (xornalista), César Ansias (expresid. Clube Alexandre Bóveda), Xosé Ramón Quintana Garrido (historiador), Marisa Calvo (actriz e empresaria), Xulio Rodríguez Senra (Castro Floxo), Marcos Valcárcel (historiador), Miguel Doval (asociacionismo veciñal), Rosa Martínez Rodríguez, Leso Vidal (médico), Alfredo Conde (escritor), Xoán Fonseca, Moncho Conde Corbal (empresa), Pablo Sánchez Ferro (director AHPOUR), Eustaquio Puga (médico), Carlos Feijoo Nóvoa (avogado), Lalo Pavón (xornalista), Xavier Bermúdez (director e guionista de cine), Sula Repani (pintora), Elvira Carregal (arquitecta), Francisco Novoa Rodríguez (empresario, Academia Postal), Elvira Cuevillas (xubilada), Xavier Casares (médico), Gustavo Peaguda Pérez (avogado), Manuel Vidal (pintor), Xosé Lois Vázquez (fotógrafo e deseñador).

(Se te queres sumar escríbenos ó correo electrónico que figura no perfil deste blog)

28 feb 2007

RECORDATORIO
Hoxe mércores 28 febreiro, ás 20,15 h. e no segundo piso do Liceo, teremos un novo encontro da Tertulia para avanzar no tema Banco de España: posible constitución dunha plataforma que reivindique o seu uso cultural e vinculado á memoria da cidade auriense.
Xa sabes que estás autoconvocado e que nos gustaría contar coa túa presenza.
NOTA: se non podes asistir e estás de acordo, estaría ben que nos mandases confirmación do teu apoio por este mesmo medio.

26 feb 2007

MEMORIA E CIDADE
La Región 26 febreiro

Ten esta cidade moitos déficits pendentes e algúns deles só empezaron a ser tomados en serio nas últimas décadas, dende a morte de Franco: por exemplo, as súas infraestruturas culturais. É neste campo onde se constata o baleiro máis grande: un espazo nobre e céntrico, dedicado á memoria da cidade. Con diferentes nomes foi reclamado polos grupos políticos nas diversas convocatorias electorais, pero segue pendente a súa posta en marcha. Ese espazo da memoria debe reconciliarnos coa nosa historia, sobre todo a máis achegada, e ser o espello para os visitantes do que foi Ourense, do qué é a cidade e mesmo do que pode ser esta gran urbe no futuro: un lugar onde acudan tanto os rapaces dos colexios como as familias e as excursións do resto de Galicia e de España para saber qué definiu a Ourense na súa historia. Que marcou decisivamente a nosa identidade de cidadáns aurienses?
Un lugar centrado nos grandes referentes que nos identifican ante nós mesmos e ante o mundo. Un espazo para a memoria da Xeración Nós, co que significou na historia de Galicia, ponte cara a modernidade dende unha perspectiva universal. Un lugar para Curros Enríquez e Blanco Amor, para Lamas Carvajal e Antón Tovar, para Valente e Otero Pedrayo, para Vicente Risco e Carlos Casares, para Méndez Ferrín e Pura Vázquez. Un lugar símbolo da nosa potencia cultural. No xornalismo: dende os tempos do “Heraldo Gallego” e “O Tío Marcos da Portela” (capital fundacional do xornalismo en galego) ata “La Región”, “La Zarpa” ou a revista “Nós”. Un encontro coa nosa vizosa tradición musical: dende os gaiteiros populares e a Coral de Ruada ata Antonio Iglesias, Manolo de Dios, o Conservatorio (agora cumpre 50 anos) ou “Los Suaves”. Un espazo que atesoure a memoria do noso teatro: “Histrión 70”, “Auriense”, “Rúa Viva”, “Sarabela” e un longo etcétera. E o esforzo dos que creron dende os inicios no poder das imaxes: a historia dos primeiros cines, o lexendario Barbagelatta, as Xornadas do Cine das Nacionalidades e Rexións e o cineclubismo e o novo Festival de Cine. E, co protagonismo que se merece, o mundo dos artistas plásticos: de Parada Justel a Fernández Mazas, Prego de Oliver, Faílde, Virxilio, os Quesada, Acisclo, Baltar, Buciños, De Dios, Iñaqui Basallo, Oro Claro, etc. E a evocación do mundo da Radio, o Círculo Azor, “Posío”. E os nosos arquitectos. E o asociacionismo cultural, dende o Liceo de 1850 en diante. E a nosa microhistoria das festas populares: o antroido, os maios, o Corpus, os personaxes que definiron o noso perfil máis simpático, dende Xan da Cova ós toliños de onte. E a creación da riqueza económica: os Franqueira, Barreiros, Fundición do Malingre, as sagas de comerciantes. E o mundo dos deportes e os cafés-cantantes e o excursionismo e os naturistas ácratas de preguerra.
Existe hoxe un lugar, un espazo da memoria, para todo iso? É obvio que non. O edificio do Banco de España pode chegar a ser ese lugar. Depende da vontade dos cidadáns: se é firme e decidida, as institucións e os políticos non poderán deixar pasar esta oportunidade.

22 feb 2007

O ruxe-ruxe (Banco de España)

O ruxe-ruxe sobre o tema do Banco de España está a funcionar. Nestes días o xornal La Región fixose eco con amplitude da proposta, xurdida na nosa tertulia do Liceo (e a propósito dos artigos na prensa de Afonso Monxardín, Pepe Paz e outro meu), de buscarlle un destino cultural a este centro patrimonial (quizais un futuro Museo da Cidade). Están xa en marcha algunhas iniciativas para reclamar un fondo debate ó respecto. (Tamén outra proposta, totalmente á marxe desta, que reclama o local como posible ubicación dunha Fundación Quesada).
De momento, semella que están abertas todas as posibilidades e ata Pérez Touriño, presente onte na cidade, apuntou á necesidade de darlle un uso cultural a tan céntrico e nobre edificio:
"Las reacciones no se han hecho esperar. El presidente de la Xunta, Emilio Pérez Touriño, asumió ayer el ‘liderazgo para tratar de recuperar un edificio tan emblemático como o Banco de España para ó servizo da cidadanía’. El jefe del ejecutivo autonómico (socialista al igual que el Gobierno central) destacó ‘a tradición cultural de Ourense e a inmensa riqueza do seu patrimonio’. El candidato a la alcaldía por el PSOE, Francisco Rodríguez, también se ofreció ‘para recuperar este inmueble para outros usos culturais’".

5 feb 2007


O vello cronista escribe….
Alleo ó barullo da rúa, o vello cronista escribe. Está pechado no seu estudo, sobre a vella mesa de madeira, rodeado dos queridos libros de sempre, asolagado nas súas lembranzas. Bota contas e sabe que este xa non é o seu tempo. Hai tempo que o reloxo empezou a conta atrás: el viviu épocas ben difíciles, aquelas que dominaron as sombras do terror. A lembranza do pai é testemuño de que a historia foi carne e non só un papel amarelecido. Pero agora, os fados máis magnánimos só lle poden reservar xa algúns anos, os imprescindibles para despedirse do mundo. Son moitas décadas xa cumpridas e aí quedan os labores feitos: uns cantos libros sobre historia, arte e patrimonio; uns cantos centos de artigos e unha chea de conferencias; o protocolo necesario do Cronista Oficial da Cidade...
E entón pensa no que quedou por facer. Porque, sobre o feito, queda a lousa do amplo catálogo de traballos non rematados e doutros pensados e imaxinados. Aquel libro sobre os toliños de Ourense que quedou sen rematar. Aqueloutra historia das grandes desgrazas da cidade: o incendio que asolou a cultura urbana no Instituto nos anos 20, as cheas do Barbaña que encheron de porcos asolagados as beiras de Villa Valencia aló polos 40, as traxedias do metílico e logo as vítimas inocentes da colza, xa en pleno retorno da democracia... E esa deliciosa microhistoria, oculta nos grandes textos: o crime do Federal, aquel edificio que se derrubou na rúa de Ervedelo na República, aquel neno atropelado en Canedo por un dos primeiros automóbiles da cidade, etc.
Non sabe moi ben por que pensa en todo isto agora. Sempre quedan tantas cousas pendentes. O cronista garda un caixón cheo de compromisos incumpridos polos diferentes políticos de cada hora: cando prometeron un Centro de Interpretación de Historia da Cidade; cando presentaban con entusiasmo o futuro Museo de Artistas Ourensáns; cando vendían, con puntualidade británica en cada nova cita electoral, un novo gran parque para o lecer dos cidadáns (o cemento enterrou de vagariño todas as súas posibles ubicacións). E menos mal. Seica en Lugo algún político quixo no seu día tirar as murallas romanas para ampliar o espazo vital da cidade. Algo así quixeron facer cun lateral do Museo Arqueolóxico e de seguro que o disparate iría adiante se don Xesús Ferro Couselo non o impedise.
Non sabe ben por que pensa nisto agora. Quizais porque está a rematar o discurso de agradecemento que lerá no renacido Instituto de Estudos Ourensáns, do que foi nomeado presidente de honra. Por iso fai balance. E escribe o parágrafo final dese texto: “Entre as características que marcan o xeito de ser dos habitantes da cidade quizais a máis permanente sexa a Indiferenza. Iso explica que, a sete anos de comezar o século XXI, se permitise que un dos edificios máis nobres da cidade, o antigo Banco de España, inaugurado na República, fose consagrado á burocrática tarefa de ser a sede do Catastro en vez de dedicarse a dignas e necesarias funcións culturais. Don Celidonio estaría ben satisfeito”.
(Foto: o Banco de España e, fronte a el, a terraza da Bilbaína. Publicado en La Región, 5 febreiro).



3 feb 2007

A ANESTESIA URBANA E O BANCO DE ESPAÑA (por Afonso Vázquez-Monxardín)

Entro de cara que me axuda o sol nas costas. Creo que é unha parvada descomunal que o antigo edificio do Banco de España na rúa do Paseo vaia ser dedicado a algo tan pedestre e pouco atractivo como o Catastro. Non sei se me entenden ben. Creo que de non mediar remedio, unha das mellores ubicacións da cidade, na intersección central da rúa do Paseo, converteríase así, na sublimación, na apoteose, no disparate, da esencia da Galicia atrasada e minifundista. No mesmo centro do tecido urbano, un templo dedicado á adoración e resolución dos problemas de identificación e documentación da propiedade. Non estamos xa na época –inicios dos sesenta- na que as parcelas agrarias superaban os nove millóns para dous e medio de habitantes. Non se leva xa o de baixar sachos na cabeza por lindes... se cadra porque os vellos que saben dos marcos enterrados entre os toxos e cinzas, non dan xa erguido o sacho... Hoxe a través do visor da web da xunta (http://www.xunta.es/visor/) ou do Sigpac, conseguen, os que os teñan, preciosa información dos seus eidos. Estamos no comezo dunha época na que moitos destes problemas se resolverán a través de consultas na Rede e serán menos as veces que haxa que ir fisicamente por alí. Pero tanto me ten. Como se cada cidadán tivese que ir tres ou catro veces ao ano. Non se pode dedicar un lugar tan privilexiado a algo que non sexa para uso e goce de todos os cidadáns e dos nosos turistas convidados.
¿E o que? Ese é outro tema. Estou na fase do non. Podo ter ideas: desde un Museo da historia da cidade –centrado na arte, pintores, escultores, escritores, industria, natureza, clima, con abondosos medios multimedia, maquetas interactivas do tecido urbano, salas temporais, etc.- ata cousas relacionadas co Turismo, coa Música... Eu que sei. Non son eu quen de decidilo. Ideas para o edificio habería moitas... aínda que seguramente poucas peores que situar o Castastro. E o caso preocupante é que alguén decidiu que como era do Estado, era lóxico seguir con esoutra dependencia do Estado –como se o Estado só tivese que recolocar as súas oficinas, como se os cidadáns de Ourense non merecesen ser tamén Estado-, e designou como beneficiario o Catastro.
E esta cidade, que presumiu outrora pedante, de ser a Atenas de Galicia, aparece hoxe durmida e apática. Acepta resignada o grande letreiro amarelo que señorea o Banco... coa única excepción, dunha ollada silenciosa de esguello e un chasquido de lingua ao pasar... ou a ridícula dos que lle guindan un bote de pintura pedindo... ¡que o escriban en galego! Despistadiños rapaces.
Esta cidade hai unhas décadas, cando a bendita transición nos facía espabilar e buscar puntos de intervención na vida da cidade máis alá da pura actividade política, esta cidade, digo, organizou unha Comisión Cidadá baixo o lema de “O caso é salvar o Principal”... E grazas a ela, a aquel impulso entusiasta dos que se xuntaron no plural e relativista grupo de “Adepende”, hoxe, con Padroado ou sen Padroado, o vello Principal está ao servizo público, ou sexa, noso.
Mudaron os tempos e arestora vivimos máis a televisión que a rúa... Aféctannos máis os raios catódicos que os de sol o domingo pola mañá no Paseo ou na Praza Maior. Impórtannos máis as tetas da perruqueira de Arcade que o destino do Banco de España no centro do noso corazón cidadán. Se cadra temos o que merecemos. Ou se cadra somos aínda capaces de botarlle un pulso á historia e gañar outro espazo para a promoción e goce da cidade. Por min xa non queda. Tirei a pedra e non escondo a man.


(Totalmente de acordo con Monxardín e con este artigo que sacou onte en La Región: xa o falamos moitas veces, é unha vergoña deixar o Banco de España "condenado" ó catastro. Algo hai que facer. Quen se apunta?).