10 mar. 2006

Mineke Schipper: "No te cases con una mujer de pies grandes", refráns sobre a muller mundo adiante
PAN POR PAN 1 marzo
Mineke Schipper leva anos recollendo mundo adiante refráns populares sobre a visión da muller, segundo leo nunha revista dominical. Como era de temer, abondan as formas de afirmación machista cando non misóxina: “Nin o diaño pode manexar unha muller con bigote” (refrán brasileiro), “A falsidade soe ocultarse baixo o pelo louro” (danés), “As mulleres son como os dátiles, que os lavas e os comes” (alxeriano), “Se a lingua da muller fose máis curta, a vida do seu marido sería máis longa” (moldavo). Moitos reflicten o sentimento masculino de posesión e a discriminación das mulleres na sociedade e no mundo laboral: “Más vale bien quedada que mal casada” (mexicano), “O coitelo e a muller non se prestan” (arxentino), “A filla debe ser bela e o fillo, hábil” (nepalí). Outros lembran algunhas cantigas populares, de forte carga sexual: “Cando os figos están maduros, todos os paxaros queren peteiralos” (refrán mandingo, de Guinea).
PAN POR PAN xoves 2 marzo
Faleilles onte dun estudo sobre os refráns arredor da muller en todo o mundo e esquecín contarlles dúas cousas. Primeiro, que Mineke Schipper é muller, novelista, crítica literaria e profesora de Estudos Literarios Interculturais na Universidade de Leiden. No 2005 gañou o premio Eureka Intermediair por este libro, publicado un ano antes pola Universidade de Yale. E segundo, que o libro se titula “No te cases con una mujer de pies grandes” e editouno en español Océano. Estudou tamén os problemas da identidade cultural e a pertenza en África. Foi no Congo onde quedou fascinada coa carga metafórica dos proverbios. De certo, é sorprendente a proximidade dalgúns ditos en contextos culturais ben diversos: “Unha muller en busca dun home é como se un cabalo buscase o pasto”, din en Indonesia. Pois en Holanda tamén pensan que “Cando a herba seca vai tras do cabalo é que quere que a coman”.

No hay comentarios: