13 mar. 2006



Museo virtual de artistas ourensáns
Para os que non a coñezan, recoméndolles vivamente a web www.museovirtualdeourense.com, inaugurada hai só unhas semanas e financiada con fondos europeos. O "artista" desta iniciativa é Francisco González, responsábel do Centro Simeón, e o deseño correu a cargo de Xosé Lois Vázquez. Recolle unha parte da obra de 150 artistas ourensáns (a condición é que os artistas sexan nados ou traballen en Ourense) e permite tamén visitas virtuais deste emblemático edificio cultural.
Entre os artistas representados está, cómo non, Antonio de Puga, o autor ourensán do século XVII e creador de "O afiador" que se conserva en Rusia (hai pouco estivo exposto na cidade, da man de Caixanova) e do que precisamente acabamos de coñecer un estudo biográfico-artístico de Irene Mera publicado pola Consellería de Cultura: presentouse a pasada semana nun acto no que foi apadriñada pola historiadora da arte Yolanda Barriocanal e polo delegado de cultura, Xosé C. Sierra. E soubemos nese acto da polémica atribución da maioría das obras deste artista. Escollín hoxe dúas das súas obras: O "San Xerome" que seica é seguro de A. de Puga e esa "Magdalena penitente", de atribución moito máis discutíbel, pero a min gustoume tamén moito e por iso figura nesta solaina.

4 comentarios:

RONSEL Obradoiro de Arte dijo...

Despois de visitar Brétemas e lido o comentario sobre o presente blog, decidín visita-lo. Moi interesante para min todo o relacionado coa arte galega. Coincido contigo, Antonio de Puga, unha descoñecida figura importante neste campo da cultura galega.

acedre dijo...

Mui interesante o teu blogo. Procurarei visitalo.
Un saudo e gracinhas por defender esta forma frente a iso de grazas.

marcos valcárcel dijo...

Graciñas aos dous (ronsel obradoiro de arte e acedre) pola vosa visita. Efectivamente, A. de Puga é un gran descoñecido. E tamén o son moitos dos grandes artistas galegos da historia para o gran público. Temos boas coleccións de arte xa (Nova Galiza ou a serie de A Nosa Terra) pero só chegan a especialistas e xente moi afeccionada. Algún día teremos unha colección popular (do tipo das de Taschen) onde poidamos ver a obra de A.de Puga, Germán Taibo, Sotomayor, Castelao, Fernández Mazas, etc.? Se me le algún editor, invitaríao a atreverse: eu creo que hai público para iso se se ofrece unha axeitada relación calidade-prezo nos libros (que ata poderían ser de peto).

Anónimo cultural dijo...

Creo que as imaxes do Museo virtual non se poden ver nun tamaño decente: a toda pantalla.

Estou no certo ou é impericia miña nisto da informática?

Se estou no certo, suxiro que corrixan este gran inconveniente.

Supoño que non será moi difícil.