13 mar. 2006




Cumpríronse nestes días (o pasado 9 de marzo) catro anos da morte do amigo Carlos Casares. Moitos botamos en falla a súa palabra cálida, o seu xeito peculiar de entender o mundo e de narrar a vida. En homenaxe e lembranza, reproduzo aquí un seu artigo adicado a Salvador Allende, meses antes do golpe de Pinochet. Casares reflexiona con prudencia e intelixencia sobre os perigos do golpismo nun país como Chile, que presumía de ter as forzas militares máis democráticas de América. O artigo publicouse en "La Región", na sección "Con esta lupa" e con este debuxo de Siro López. (Máis textos do primeiro xornalismo literario de Casares no meu libro "Carlos Casares, punto de encontro", Concello Ourense, setembro 2002).

Con esta lupa: Salvador Allende.
A Unidade Popular de Salvador Allende está pasando un dos momentos máis críticos desde a súa ascensión democrática ó poder. O recente golpe de Estado protagonizado polos fascistas de “Patria y Libertad” vai ter moitas máis consecuencias que as que se supuxeron no primeiro momento. Evidentemente, o golpe foi a acción dun grupo minoritario que non conseguiu mover máis que a un pequeño número de militares de baixa graduación, pro sicolóxicamente tivo a súa importancia. Anque o mito do antigolpismo das forzas armadas segue en pé, pois o groso do exército mantívose fiel á Constitución, nembargantes o espectáculo dos tanques maniobrando polas rúas e disparando contra o pazo presidencial deteriorou unha miga a acariñada imaxen do profesionalismo dos militares chilenos. En todo caso, de agora en adiante o golpe aparecerá como máis posible. Os mesmos oficiales que acaban de aplastar o golpe poderían atopar mañá unha xustificación “moral” a favor dunha intervención. A mesma que lle está ofrecendo a Democracia Cristiá de Frei coa denuncia de anticonstitucionalidade e o entorpecemento continuo que leva a cabo contra a xestión socialista. Os militares poderían acabar sendo arrastrados polo clima alarmista e apocalíptico creado pola oposición. Haberá que agardar algún tempo pra ver cómo evolucionan os feitos. Mentras tanto, pase o que pase, Allende terá dado ó mundo unha lección de lealtade e compromiso coa palabra dada ó seu país antes das elecciós: iniciar a construcción do socialismo sin traicionar á Constitución. Outra cousa é xa se tal lealtade é posible frente a un enemigo poderoso que non cre neses valores a non ser que sirvan ós seus intereses. E desta vez non os sirven.
(La Región, 15 xullo 1973)

6 comentarios:

náufrago dijo...

Moita sorte nesta andaina pola blogosfera!!!

Miguel Anxo Fernán Vello dijo...

A blogosfera galega coas "uvas na solaina" de Marcos Valcárcel xa é outra. Máis rigorosa, máis elegante (Brétemas), máis intelixente e máis culta. Parabéns ao meu amigo Marcos, de quen aprenderei moito lendo a súa "bitácora" ourensá e universal.

Miguel Anxo Fernán Vello

fisterrán dijo...

Dá gusto ler de novo artigos tan reveladores como este do sempre brillante Carlos Casares. Parabéns polas "uvas na solaina" (que son a nosa memoria colectiva) nos acios da vendima rigorosa e sabia que sempre nos ofrece a palabra de Marcos Valcárcel. Blogs desta altura son os que nos fan mellores persoas. Noraboa, admirado Marcos.

Ricardo dijo...

O añorado Carlos escribiu excelentes páxinas na Región con execelentes debuxos de Siro. Eu linos grazas ao libro que ti compilaches. Parabéns por todo.

Veloso dijo...

Benvido ao planeta blog. Deséxolle unha longa e feliz andaina. Polo de agora, xa conseguiu un éxito notable: fixo amolecer o pétreo escepticismo de Fernán Vello. Un saúdo.

marcos valcarcel dijo...

Graciñas a todos, a náufrago, miguel anxo fernán vello, fisterrán e veloso, todos amigos. Tamén eu era escéptico antes de meterme un pouquiño neste mundo, pero é evidente que hai un espazo virtual que serve para comunicarnos milleiros de persoas e en Galiza hai xa extraordinarias mostras deste novo xeito de encontro e reflexión na rede.