29 mar 2006

Pois eu alegreime
Despois de publicar o post sobre o laicismo na escola, pasoume algo curioso. Onde traballa o cronista auriense, hai varias mozas que levan sempre veo, inmigrantes, que se están a integrar con gran esforzo no noso mundo (cun labor encomiábel dos profesores de apoio que traballan con elas). Hoxe, casualidades da vida, unha delas e por primeira vez deixouse ver sen veo (cando menos na escola). E eu alegreime...

14 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu tamén me alegro. Amólame, porque son partidario de que cada quen crea no que queira, se vista como estime e vote a quen lle pete, pero témome moito que só así se poderá encetar o camiño de asentamento das nosas propias concepcións do mundo e do noso xeito de ocupalo.
Teño asistido a cerimonias relixiosas en todo o mundo e de tódalas confesións posibles. Participei, poisque malia que agnóstico son moi amante da liturxia relixiosa, en ritos maorís, shintoistas, budistas, xudeos, ortodoxos gregos e rusos, anglicanos e evanxelistas, en fin, en ritos santeros, en moitos, e sempre sen ningún problema; ben polo contrario, sempre fun ben recibid.
Nunca conquerín asistir a unha cerimonia nunha mezquita. A última vez que o intentei, en Rabat, conqueruín unha bronca e unha admonición. Rexeitaronme por infiel e ó lle aducir eu que nós equí os deixabamos entrar nas nosas igrexas e que eu sería respectuoso e homilde na súa mezquita, responderonme que nós somos democrátas e que, polo tanto, temos que nos comportar democraticamente e deixalos entrar, pero que eles non son democratas e que por conseguinte: fóra!
Sei que nun caso singular non se debe extractar unha consideiración xeneral, pero non quero nin pensar en qué pasará cando eiquí nos suceda como en Francia e os partidos políticos teñan que contentar a seis millóns de votantes musulmáns.
Alégrome de que esa moza se nos desvelase, non por ela, que o vai pasar mal, senón por nós que vemos así un pouco menos desafortalada a nosa condición democrática.

galeidoscopio dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
torredebabel dijo...

penso que o tema é dificil e sempre quen opina olla para unha parte do todo, coma sempre pasa coas opinións. A miña, claro, é así: parcial e propia. Eu creo (ainda que non sea creente) que a educación para a libertade só pode ser unha educación laica. É precisamente ese divorcio das relixions o que garante a sua pluralidade e o seu desprexuizo imprescindibles.
Onde teño moitas máis dúvidas é no asunto do veo. Teño a impresión de que occidente fixo dese anaco de tela un símbolo que moitas veces non ten relación co xeito de vivilo das mulleres musulmanas. Eu son profesora na universidade máis grande da Arxentina e teño alunos loiros e morenos, xovens e vellos, xudeus, evalxelicos e cristiáns, fumadores e abstemios... quero que cada un deles veña ás clases con todo o que cada un deles é. Se algún fora musulmán (a comunidade na Arxentina non é tan numerosa como en Europa) gustaríame que viñera co veo ou sin el, segundo o seu parecer. Penso que o importante non é a tela senón o que pasa na clase, o que pasa nesa cabeza (cuberta ou non).
Apertas dende a diáspora!!
(perdón polos erros, o meu galego está nacendo...)

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu ata agora pensaba coma ti, Torredebabel. Pero empezo a desconfiar cando vexo que unha alumna, por exemplo, ten que poñerse o veo cando sae do Instituto e vai para a súa casa (así sucede realmente). É iso realmente un aceno de liberdade? Vívese nun réxime de liberdade nese fogar? En Francia non dubidaron ao respecto (alí a comunidade musulmana é moi numerosa, claro) e creo que acertaron: hai uns valores cívicos comúns que non poden ser relativizados por sistemas de crenzas particulares ou familiares.

torredebabel dijo...

pode que teñas razón, claro. Eu sempre que chego a temas coma este lembro dunha palabra que aprendín na universidade e que sempre sóame na memoria coma si fora unha alerta: etnocentrismo. Penso que se alguén vive nun país que non é o seu, vale moito o que anotas: "hai uns valores cívicos comúns". As miñas dúvidas ollan máis para o xeito condenatorio co que miramos a vida allea. Iso quería decir antes...

Anónimo dijo...

Ola.
Tamén eu oín na facultade "etnocentrismo" como algo rexeitable... e agora son, convencido, etnocentrista. Explícome. Cada un ve o mundo desde os seus ollos e desde os ollos do seu pobo. Daquela é incuestionable que, como non somos deuses alleos ao mundo, vémolo desde algún sitio. Logo está o tema da valoración que fagamos: "O meu é mellor có teu". Obviamente, nesto hai que ter moito coidado pero pouca vergoña.
Nós, fillos e herdeiros de varias revolucións de pensamento (greco-latina, xudia, renacentista, francesa e liberal, soviética) temos unha historia de achega á civilización -á medicina, aos dereitos humanos, á tecnoloxía, ao respecto pola diversidade, ao avance científico, etc.- que non teñen outros. Desde este punto de maior achega á civilización planetaria, non podemos ser neutrais e equidistantes tampouco nas relacións interculturais. Obviamente, todas as persoas son respectables e teñen dereitos inherentes indubidables, pero non todas as culturas son igualemente respectables. ¿Os que arrincan o clítoris a forza de coitela enferruxada? ¿Os que lle cortan as mans a un ladrón? ¿Os capitalistas salvaxes de estados cómplices e totalitarios -lease a China "comunista"- onde traballan 14 ou 16 horas ao día?
Non quero eu que os meus traballadores que se bateron na comuna de París, nas trincheiras de España, nos sindicatos ingleses e que escoitaron a Rosa Luxemburgo en Alemaña, teñan que tirar pola borda o seu esforzo de séculos e comer, de novo un prato de arroz.
Por suposto que o mundo ten que proceder dun novo "melt pot" de culturas, pero eliminando o peor de cada unha. Ou alguén se atreve a dicir que "zoscarlle á muller" é unha tradición da nosa cultura a respectar? Os propios escravos, moitas veces temen á liberdade e deixar de selo.
Benvidos a Europa, a facérense europeos, que aquí caben todas as peles, todas as linguas pero só uns valores. Os valores da paz, da tolerancia e dos dereitos humanos.
"Nin putas nin sumisas" ten un nome epatante para unha realidade dura que moitas veces agochamos en falsa palabrería de respectos á diversidade e ao "multiculturalismo" do que había moito que falar.
Na terra dos lobos hai que ouvear coma eles.
E aquí os lobos, e as lobas, ouvean sen velo e así lles vén o diaño a soprar ás orellas ideas novas.
Saúde, meus.

Anónimo dijo...

Estando dacordo cáseque por enteiro coa cerna das intervencións precedentes, acaso fose posible resumilas dicindo que quizáis o problema sexa o da reciprocidade constatable. ¿Hai ou non hai reciprocidade islámica respecto dos nosos propios veos?
O problema non é, pois, o do veo, nin o da pucha ou a kippá, senón o da capacidade das cabezas que veo, pucha e kippá cobren de se admitir entre elas, de se aceptar unhas ás outras en absoluta libertade, respectando os dereitos de crenza, cátedra, expresión reunión, etc. etc. que sí son xa ou deben ser xa valores universalmente admitidos. O terrible é que non é así e qye por elo desembocamos na necesidade da pervivencia e defensa deses valores; o que nos leva á necesidade de ser intransixentes coa intolerancia, activos contra ela. O de deixarse romper os dentes por defender o dereito dalguén a expresar aquelo que nos manque ou mate é unha fermosa e oportuna frase, mesmo un desideratúm,, pero ó día seguinte e no millor dos casos, no de que só te romperan os dentes, hai que seguir rillando a realidade e mal o vas poder facer sen dentes que roan nela e axuden a polila. A democracia necesita dentamia completa e activa. Lamentablemente é así. Por iso o valor da laicidade defendido en Francia debe ser apoiado tamén eiquí e permanecer moi atento ás relixións e máis ca elas ós excesos cometidos no seu nome (e no de deus) e sobre os que tantas leccións nos proporciona a Historia. Así que ollo ó parche e de paso ó veo e a todo canto o velo cobre.

torredebabel dijo...

Ola Etxeokeai!
sen dúbida o teu comentario pareceume moi interesante e totalmente claro sobre o ponto de vista dende o cal ollas o asunto. E, sen que veña necesariamente ao tema, celebro moito un espazo no que pódense abordar estes temas dende ollares diferentes. Moito ben fánlle á humanidade persoas que pensan diferente e poden mostrar as suas ideas e ouvir (ler, neste caso) as outras.
Teño que decir que mentres lia o teu comentario non puiden deixar de pensar nos máis de 10 millóns de aborixens asasinados polos españois e nos moitos outros millóns "evanxelizados", tornados á civilización cristiana, á ciencia europea, aos métodos europeos de contar o tempo e de vivir a vida. Lembrei, será pola data, dos 30 mil asasinados e desaparecidos arxentinos por pensar diferente e vivir por fora do cristianismo e o liberalismo (neses anos, xeitos máis "adiantados" e "civilizados" de vivir que o "marxismo e o comunismo" perigrosos e satanitazos). E apenas son os dous exemplos que me viñan á mente. Sen procurar máis.
Ainda que tamén durante séculos o galego foi desprezado como lingua porque o castelán era máis civilizado, máis adiantado, tiña máis prestixio e importancia.
Perdoa, pero teño que disentir. Penso que o que chamas "unha historia de achega á civilización" tamén pode ser lida como unha historia do sometimento do diferente coa idea dun progreso cara adiante cando o progreso non vai necesariamente "adiante". Senón, que alguén explique por qué nos tempos de tanto "adianto médico e científico" seguen a morrer nenos de fame, homes e mulleres polo VIH, e millóns de persoas non teñen auga.
Concordo plenamente co que anotou o "usuario anónimo" cando dixo: "O problema é a capacidade das cabezas de se admitir entre elas, de se aceptar unhas ás outras en absoluta libertade, respectando os dereitos de crenza, cátedra, expresión reunión, etc. etc".
E, por suposto, concordo totalmente con aquelo de que, quen quere vivir en España (por por un caso), ten que seguir as normas dese lugar. Penso que niso non hai discusión algunha. O que sempre me inquieta é precisamente o xeito de ollar para o diferente. E a história da humanidade non ten moitos bos exemplos sobre ese asunto.

galeidoscopio dijo...

Coido que todas as vosas intervencións aportan ideas interesantes e non necesariamente contraditórias.
Etxeokehai, non esquezas (aparte do exposto por Torredebabel) que a cultura persa e árabe (tamén a de Al-Ándalus) preservou e transmitiu a ciéncia e a filosofia gregas perseguidas polo noso cristianismo.
Tamén cómpre ter en conta a coexisténcia da democrácia formal co apartheid, o Estado de Israel ou a extensa lista de abusos, no interior e no exterior, dos Estados Unidos (que, non por iso, desacreditan o sistema).
Tamén haverá que pensar que significaria se a rapaza da que fala Marcos decide un dia, pola sua própria vontade, non mediatizada por ningún dos seus contornos, pôr de novo o pano na cabeza.
(Etxeokehai, perdoa que se me pasara contestarte sobre ETA e obrigado, Torredebabel, polo teu galego).

Anónimo dijo...

É certo o que di Galeidoscopio, pero non é mintira que, asegún poñas os anteollos, a distancia resultante achega ou arreda o obxecto da túa observación.
Por iso hai que se preguntar por cómo viveu a xente que, naquel contexto, propiciou esa realidade que non se nega -Omar Ghaiam, o poeta excelso e grandísimo astrónomo e matemático, por caso- e comprender que, esa xente, a máis dela, eran a heterodoxia resultante do sistema.
Sen emabargo e aínda admitindo que fosen o stablishment o certo é que dende entón a hoxe a teocracia resultante cambiou radical e peremnemente a paixase intelectual sobor da que proxectar o nosa endoscopia.
Nin a ciencia, nin a cultura, nin sequer a través da universidade, impregnou o máis mínimo as conciencias dos máis dos habitantes dese mundo paralisado na Idade Media.
Hoxe, en Grecia, que é o país do "primeiro mundo" onde menos se traduce, tradúcense máis libros nun ano que en tódolos paises árabes en cinco ¿Por que? porque alí os libros necesitan do "nihill obstat" dos clérigos.
O que hai que saber é que o cambio é posible. Na miña nenez aínda persistía o Indice de Libros de lectura prohibida e aínda era eficaz. A propia Biblia debía ser lida baixo a supervisión dun director espiritoal, dun crego, vaia.
Recordoo moi ben porque na casa dos meus pais, que eran librepensadores, miña nai aínda o é, velliña e lúcida como se conserva, non só nola deixaban ler senón que había varias edicións e algunha era protestante ou evanxélica e todas estaban ó noso dispor; o que producíu problemas con algún membro da familia da miña nai que era dun integrismo franco-falanxista que arrepiaba.
Temos que saber que en trinta ou corenta anos un país pode dar a volta, ou en menos. E que o problema está en que pode dala nun sentido, pero tamén no contrario e retrogrado e que, por se acaso, convén permanecer alerta pois, a involución que provocan as fes cegas, a atracción que supoñen prás xentes que se angustian e non son quen de aturar as dúbidas terribles que as corroen de cara ó derradeiro sentido da existencia, a mesma que alimenta seitas e organizacións de toda índole, está aí a petar e convén non pechar ouvidos e arredar olladas. É preciso, entendo eu, un bañiño de laicismo. Sempre.E resulta moi hixiénico. Sen pasarse, claro, non vaia ser que tamén nos constipemos.
E qué ben esa torre de babel enriquecida co galego arxentino desa moza, por certo; pra ser unha recén chegada da gustiño lela. Noraboa.

Marcos Valcárcel López dijo...

Interveño de novo só para agradecervos todas as vosas mensaxes e alegrarme do tono respectuoso e constructivo con que poden abordarse debates coma este, sen dúbida de importancia para o noso futuro inmediato. Laicismo e relativismo cultural son conceptos en tensión que moi a cotío veremos colidir e contradicirse. Ninguén é quen para impoñer nada a ninguén (e menos do xeito que nos ten habituado Bush e os imperialismos: nada se constrúe, a democracia tampouco, pola forza das armas: velaí tamén o caso da resistencia española contra Napoleón e o seu liberalismo imposto). Pero debemos ter uns principios mínimos para movernos no mundo e na política internacional: un xeito de programa de mínimos para dialogar e buscar alternativas comúns. E eu non vexo outro que o programa dos Dereitos Humanos: nada pode nin debe oporse, nin sequera en nome do relativismo cultural, a eses criterios que nos definen como seres humanos libres na conciencia e na existencia. E a raíz deses Dereitos Humanos partiu de Europa e dos tempos da Ilustración: por suposto, moitos dos seus valores están presentes tamén noutras culturas. O traballo dos progresistas é buscar as confluencias sen sacrificar a liberdade e a conciencia dos seres humanos.

Anónimo dijo...

Totalmente de acordo, Marcos Valcarcel, pero qué pouco doado resulta.

Anónimo dijo...

Querida Torredebabel:

Obviamente reivindico a palabra “etnocentrismo” por epatar, como podería, tamén, reivindicar “egocentrismo”, pois cada un mira desde a súa persoa o mundo e, nese sentido, cada un é o centro desde onde mira –e coas súas experiencias fai a súa valoración do mundo- aínda que non por iso, non necesariamente, se ten que ver superior ou mellor cós outros.

O tema dos respectos e igualdades é, por suposto, complicado. A historia da “achega á civilización” paréceme máis fácil. Creo que podemos falar da desigualdade obxectiva de achega ao acervo cultural da humanidade entre as distintas culturas. Por exemplo, unha pequena, de poucos falantes –o grego- botou nese saco común, moito máis que ducias de cuturas ágrafas de moitos máis millóns de falantes ao longo do mundo.
Por exemplo, grazas ao pensamento occidental, alimentado, tamén, por suposto, do pensamento greco–latino transmitido polos autores hispano–musulmáns, temos capacidade autocrítica e sabemos que os españois, en relación aos indíxenas americanos, non foron uns santos; sen chegar, por suposto, ao extremo dos arxentinos, –lembremos as campañas de exterminio de Rozas –así, con z, pois era de orixe galega– e de Quiroga –outro galego de orixe– contra os indios do sur alá por volta de 1830. Ou o que fixeron os ingleses en Tierra de Fuego, ou os chilenos en Chiloé e no sur do país, que mesmo motivaron unha chamada dos indíxenas ao rei de España para que volvese por eles alá por 1850. Ou como os que acabaron case cos indíxenas de norteamérica foron os norteamericanos brancos e non os ingleses ou franceses. E fin, os meus bisavós e tataravós están enterrados na aldea, e os bisavós e tataravós dos hispanoemericanos brancos de hoxe, teñen máis culpa neses xenocidios cós nosos. E todos eles, bebendo do meu defendido e querido pensamento occidental, pero no estadío evolutivo do século XIX. Pois en nós, o pensamento do XVI,XVII, XVIII, XIX, XX e XXI, son distintos e... cara adiante. Ata a actual igualdade de xénero (¿nun país musulmán, ves ti a unha moza coma ti, falando de ti a ti nun foro como este, libre e plural, en liberdade absoluta, cun home descoñecido, como son eu? Que sorte temos ti e mais eu), os beneficios sociais, a globalización da loita pacifista e antibelicista, etc. Ata chegarmos aquí, levamos andado moito. Pouco a pouco e cara adiante.

Sabemos, porque pensamos desde nós hoxe, que a ditadura arxentina foi abominable, sádica e ridícula e que ese grupo de borrachos incompetentes e asasinos mandaron a morrer a Malvinas a fillos das clases populares rurais mentres eles bebían e bebían en Buenos Aires... Algúns ex–combatentes téñenme contado entre bagoas, nun bar da ruta entre Calafate e Río Gallegos, alá por 1987, o desenvolvemento das accións, e como os abandoron nas illas entre o frío, a lama, a humidade e a fame.
Tamén sabemos tamén, que a triple A e os Montoneros levaran ao país a unha situación tal que cando comezou a ditadura, moitos pensaron que sería boa. Algún ex–membro da “pesada” me ten contado, nalgunha calorosa noite de decembro nalgún barucho da rúa San Martín, creo, como pensaron nas primeiras horas que os golpistas –pensando que eran “peronistas progresistas”, frearían a acción da triple A contra eles... ata que se deron conta da que lle caía enriba.

Sabemos tamén, que o galego se salvou... porque non o viron. Se chega haber vontade de exterminio cultural, onde vai que xa non existiriamos. A proximidade ao castelán, fixo crer que eramos algo simplemente dialectal e como tal, inofensivo. E sabemos, como o podemos recuperar en liberdade, tratando de convencer ás xentes para que o falen e o vivan. E niso, non o infravalores, é importantísimo para nós, poderlle dicir aos nosos, que hai xente da nosa caste, da nosa orixe, que alá lonxe, onde os remuiños de auga das piletas se moven ao lado contrario, seguen conservando a fala e vontade de seren galegos de orixe e nación.

Que hai xente que morre de VIH? Pois claro. Pero, canto se está facendo por salvalos? Houbo algunha vez un movemento de solidariedade tan grande na historia dalgunha enfermidade? Eses complexos que se distribúen que frean a enfermidade, e que pagamos os contribuíntes occidentais, están moi espallados nas nosas sociedades e todos pelexamos para que os xenéricos sexan de distribuión gratuíta e non un negocio. E facémolo en liberdade.
Ademais, todo é moi complicado. Tes que saber, querida Torredebabel, que tamén hai xente que se queixa dese “exceso de atención”. Enfermos de cáncer téñense queixado aquí, que por causa da atención mediática a esa praga que mata moitísimo menos có cáncer, absorbe unha cantidade de recursos inxente, que se substrae doutras investigacións.

Morrer de fame? Occidente se envorcou coas vítimas do tsunami como non fixeron os países musulmáns, máis atentos a recoller cartos para os homes bomba integristas contra os israelís.

¿Convivencia da democracia formal e o apartheid? Claro. E do escravismo en Grecia e Roma. Pero fomos avanzando. Xa non hai apartheid e agora hai goberno de integración de negros e brancos... E quen se opuxo a eses arregros.... Os menos, permístaseme, civilizados: os zulús de Inkata e os extremistas afrikaneers.

Imos indo.

Esta conversa témola porque ti, torredebabel e eu, podemos falar en liberdade na web, ou tirados na herba da Recoleta, do parque Miño de Ourense, do bois de Boulonge de París, no Retiro de Madrid ou no Hyde Park de Londres. Ou tomando unha cervexa con cacahuetes no bar ese da esquina da praza Dorrego en San Telmo, ou un Conde de Valmount, cunha picada na Biela ou na Piazza dei Fiori de Roma, ou en calquera lugar de Nova York. Seguramente, non podermos ter esta conversa en directo, porque non temos cartos para vérmonos nestes sitios... polo menos eu, pero temos a liberdade da palabra e de pensamento, froito de nós.
Saúde miña xoia.

torredebabel dijo...

Moito valoro esa libertade de palabra e pensamento, Etxeoqueai, da que falas (doutro xeito, non tería o traballo que teño, claro). Coma tamén valoro e procuro a vida máis intensa que podan ter no mundo os Dereitos Humanos. Coido que este xeito de debatir dende ideas propias (moitas veces diferentes e moitas outras semellantes) fai moito máis pola libertade e polo respecto dos outros que tantas declaracións oficiais. Polo menos, espero que sexa así.
**************************
PD: cando o 24 de marzo de 1976 os militares deron aquel golpe de Estado, os Montoneros levaban moito tempo sendo un pequeno grupo de terroristas sen posibilidades nen poder algún. Non tiña un número significativo de membros nen a capacidade operativa que agora din que tiñan os que dese xeito xustifican o golpe. Máis ainda, ao goberno de Isabel Perón só quedábanlle meses no poder. Non foi o clima de violencia senon a necesidade de impor un modelo económico diferente o que mellor explica o golpe.

PPD: Dis que os españois, "en relación aos indíxenas americanos, non foron uns santos; sen chegar, por suposto, ao extremo dos arxentinos". Os datos non son correctos. Apenas un século e medio despois da chegada dos colonizadores a América só quedaban 3.5 millóns de persoas orixinarias dos 90 millóns que foran antes. Na Arxentina, efectivamente a campaña ao deserto é un nome elegante de falar doutro genocidio. As sucesivas "campañas" levaron uns 15 anos e roubaron a vida a máis de 70.000 homes e mulleres (mapuches a maioría deles).

PPPD: pregúntasme: "¿nun país musulmán, ves ti a unha moza coma ti, falando de ti a ti nun foro como este, libre e plural, en liberdade absoluta, cun home descoñecido, como son eu? Que sorte temos ti e mais eu". Somos, efectivamente, afortunados. Diso non teño dúbida nengunha. Comemos a cotío, temos auga e con iso xa somos provilexiados neste mundo. Non vexo, claro, a unha moza coma mi usando internet nun país musulmán. Gustaríame saber se elas queren usala. Interésalles?. Ten para elas o mesmo valor e importancia que ten este medio para nos? Teñen curiosidade por coñecelo? Iso é, para min, o primeiro. Vexo con moito espanto como -cando unha muller musulmana dí que é feliz co seu xeito de vivir- dende occidente dimos que fala así porque está dominada. Pode ser, claro! de feito foran as presións dende occidente as que salvaran a vida de varias mulleres condenadas á lapidación. E tamén pode ser que ela sexa efectivamente feliz. Gustaríame que esa voz fora ouvida, coidada e -sobre todo- respectada. Coido que tamén niso pensamos de xeito semellante.