17 mar 2006


Vila de Calvos de Randín: Cuevillas e Xoaquín Lorenzo
(ANDOLIÑA venres 17 de marzo)

No ano 2004 celebrouse o Día das Letras Galegas dedicado a don Xoaquín Lorenzo e insistimos daquela na necesidade de reeditar algunhas das súas obras máis esquecidas. Un ano e medio despois o Museo do Pobo Galego e outras institucións publicaron, en edición facsímile, os volumes Vila de Calvos de Randín (1930), de don Xoaquín e don Florentino Cuevillas (cun limiar de Xosé Carlos Sierra nesta reedición), e Parroquia de Velle (1936), obra conxunta de Cuevillas, Xoaquín Lorenzo e Vicente Fernández Hermida. Son obras que pretendían, na liña dos traballos de Seminario de Estudos Galegos, ofrecer unha visión global da realidade galega: a súa prehistoria, xeografía, etnografía, folclore e literatura popular, socioloxía, etc.
Mesmo o lector non especializado encontrará datos ben curiosos: por exemplo, no volume de Calvos de Randín, os autores gaban a tolerancia relixiosa cos pastores evanxelistas no partido de Bande e condenan a blasfemia que, engadían, os campesiños sempre fan en castelán. E xa denuncian as formas foráneas que "pouco a pouco van matando a nosa enxebre arquitectura rural", desde os chalés suízos ás varandas americanistas: o que hoxe chamamos feísmo urbanístico.
(Foto: Florentino Cuevillas e Vicente Risco no castro de Sam Cibrán de Las)

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Coido que tiñan unha visión demasiado estricta e estreita da arquitectura autóctona. Renegaban de calquera novidade, aínda que estivese integrada na paisaxe: velaí as fermosas casas de indianos por exemplo.

O feísmo no noso tempo: xa quixeramos que fose como o de que eles renegaban, estaríamos encantados.

Se chegan a ver o verdadeiro feísmo de hoxe, morrerían dun soponcio, con toda razón.

Anónimo dijo...

Imaxino que entre as institucións estaría tamén o Centro de Cultura Popular do Limia. Por certo, xa debe quedar pouco pro novo número de Lethes.

Opino o mesmo co anonimo cultural, esa xente queixábase de vicio, se chegán ver ó de hoxe, morrerían de novo do susto.

Marcos Valcárcel López dijo...

Como di Xavier, o libro foi preparado e reditado polo Centro de Cultura Popular da Limia que, co amigo Badás á cabeza, está a facer un gran labor pola cultura popular e pola cultura galega en xeral nas terras da Limia. E, ademais do Museo do Pobo Galego, colaboraron a Xunta de Galicia (xa na etapa anterior)e o concello de Calvos de Randín.
Sobre o debate arquitectura "enxebre" e feísmo, de certo pode que fosen moi restrictivos, como fillos do seu tempo. O exemplo de "anónimo cultural" é moi certo: as casas de indianos son hoxe unha das alfaias do noso patrimonio, aínda que non fosen do seu gusto daquela. E máis exemplos posíbeis: a Vicente Risco non lle gustaba nin a Ponte Nova de Ourense (feita en 1917 por obreiros e inxenieiros vascos) nin o chamado Hospital Novo (nas Lagoas, hoxe incorporado ao Campus), porque lle parecían obras demasiado modernas. E hoxe son pezas patrimoniais do seu tempo, fermosas e coherentes co espazo. Pero si acertaron, creo, na construción dunha utopía, aínda inédita, sobre unha Galiza-xardín, na fermosa expresión de Castelao, e deixaron algunhas notas moi valiosas para unha teoría urbanística: aportacións como as de Antonio Palacios e outros arquitectos. Despois pasou o que pasou e non se lles fixo ningún caso. E se Galiza non se estragou máis foi porque quedou estancada na súa modernización...

Anónimo dijo...

Aínda que ao final do post, aclárase perfectamente quen están na fotografía (Cuevillas e Risco), ao poñer no comezo ao carón desta "Vila de Calvos de Randín: Cuevillas e Xoaquín Lorenzo" pode facer pensar a algún despistado que vostede se trabucou e que está a falar sen coñecemento de causa.

Naturalmente, que vostede se equivocara nisto sería totalmente imposible. Se hai alguén que os saiba distinguir e que poida falar con propiedade da Xeración Nós, ese é vostede, amigo Marcos.