1 abr. 2006


Un precursor do mundo dos blogs: Xan da Coba
Téñoo citado máis dunha vez como un exemplo de amor á prensa e á comunicación: a famosa anécdota de Xan da Coba, o xenio do disparate ourensán, redactando e imprimindo un xornal do que el era "único lector". Transcribo a anécdota, tal como a contaba Carlos Casares, por se algún dos meus amábeis e posíbeis lectores/as aínda non a coñecese. E pensei eu nestes días: el non sería, o Xan da Coba, un precursor da blogosfera? De feito cumpriu co soño de facer "o seu" periódico, como facemos tanto a cotío. Nós temos máis sorte, iso si, porque recibimos a voz escrita e o apoio dos nosos lectores cando nos escriben, cousa que el non puido gozar. Pero o seu amor pola comunicación, malia que fose só con si memso, é indiscutíbel e envéxabel:

Tamén parece probado que don Xan editaba un periódico chamado “El Gracioso”, do cal aseguraba que era propietario, director, redactor, impresor, distribuidor e único lector. Tiña o poeta na casa unha pequena imprentiña de man, na que traballaba toda a noite compoñendo de caixa a única folla, impresa por un só dos lados, de que constaba o periódico. Cando remataba a composición, imprimía un só exemplar, circunstancia que viña coincidir coa hora do almorzo. Entón saía da casa para dirixirse a un dos cafés elegantes da cidade, pechaba a porta e por debaixo dela metía o periódico. A continuación marchaba e non volvía ata media mañá, despois de pasar por un par de tertulias e de atender á moita xente que o paraba pola rúa.
De volta, abría a porta, vía o periódico no chan e exclamaba “¡Ah, xa chegou a prensa!”. Entón collía a folla de “El Gracioso”, acomodábase nun sillón e púñase a lelo. Don Xaquín Lorenzo aseguraba ter visto un par de exemplares daquel semanario na casa de don Julio Cuevillas, tío de Florentino, e Marcos Valcárcel cítao no seu coñecido estudio sobre a prensa ourensá. Por outro lado no famoso debuxo de don Xan que publicou “Galicia Moderna” o 15 de agosto de 1897, entre os atributos do poeta figura escrito o nome de “El Gracioso”, sen que aquel protestara, cousa que si fixo, en cambio, pola presenza no debuxo da figura de San Roque.
Hai que concluír, polo tanto, que aínda que non chegara ata nós ningún exemplar do periódico, este debeu existir. O escrúpulo con que don Xan examinou o citado debuxo de “Galicia Moderna” explícao o feito de que non só se queixou a Labarta da inclusión do San Roque, senón que tamén le recriminou que noutra parte da mesma viñeta aparecese unha coroa de homenaxe cunha cinta na que figura como remitente Paco Roque, o célebre poeta de Celanova, contemporáneo de don Xan, con quen este compartiu o parnaso do disparate. Eso quere dicir que don Xan estaba de acordo co resto dos elementos que figuraba no debuxo, incluída a mención de “El Gracioso”.
(Carlos Casares, “Vida, obra e milagres de Xan da Coba” (libro compartido con Xesús Alonso Montero), en Biblioteca de Autores Galegos, Diario 16 de Galicia, 1992.)

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Ourense estache cheo de xente así, precursora pesie a ela mesma; pra non o dicir en frances, por se soa demodé. Recordo acompañar á miña avoa a levar á María dos Pelos ó asilo de anciáns que había cáseque mesmo enfronte do coartel da garda civil, collendo dende a praza das Mercedes, onde estaban (¿están?) os bombeiros e mailo taller onde alquilaba eu as bicicletas, pra me ir bañar ó Arenteiro, cabe o Carballiño. Seguindo cara adiante ía un dar a estrada que levaba ó Castro de Caldelas. María dos Pelos era da Ziralla e afirmaba que dispuña dun telefoniño que ela inventara e que era un pouco máis grande ca unha caixa de mistos. Afirmaba que non había que enchufalo e que tiña unha pantalliña, como a do cine, pola que ela podía ver a aquel co que estaba a falar.
Querer quixerana meter nun manicomio, á María dos Pelos; o do asilo foi un mal menor. O do teléfono non me impactara moito, se hei ser sincero. Pero que lle bota unha bendición ó capelán, namáis entrar na sala na que agardabamos, deixóume marabillado.
A Don Xan da Coba había que facerlle algo. Patrón non se pode que é cousa eclesiástica e curial, pero algo si había que lle facer. Unha homenaxe, un memorial, algo que de paso permitira recobrar as anecdotas do Casares, que non están todas no libriño-agasallo de Galaxia; tamén traballo de Filgueira, en Grial; o que o señor Valcarcel sabe de todo aquel tempo; en fin, todo o que axude a recobralo e de paso, falar da soedade do creador que, por moi disparatado que sexa, cáseque sempre o ha ben ser menos e ben máis beatificamente do que o é o disparate que amosa ser semnpre, malia que o tolo forme parte dela. propia realidade.

marcos valcarcel dijo...

Bonita a anécdota de María dos Pelos, merece ser recollida e relembrada. Por certo, como o cuartel da Garda Civil (trasladado xa hai anos desde a Avda. Buenos Aires), tampouco os bombeiros están xa nas Mercedes. O único que debe quedar alí da súa memoria da infancia é o taller-tenda de bicicletas, se non me equivoco.
En canto a Xan da Coba, por suposto que algo había que facerlle. Desde o Clube Alexandre Bóveda fixemos no 1999 un libro, que publicou o Concello abrindo a colección Auria, con todos os textos que coñeciamos sobre el: os de Casares, Alonso Montero, Lamas, Labarta, Blanco Torres, V. Taibo, J.A.Valente e o estudo que da "Galiciana" fixeran Anxo Gómez Sánchez e Mercedes Queixas Zas, publicando tamén algúns dos seus poemas e textos (La Trampitana). Acordouse daquela facerlle un monumento en Ourense e sei que hai un deseño dun escultor xa rematado, pero nada máis. Creo que no Concello teñen hoxe outros problemas e nunca se volveu falar. Por riba, a morte de Carlos Casares, que foi sempre o gran valedor de Xan da Coba, complicou aínda máis as cousas.

Anónimo dijo...

Coido que ha ser doado facerse co libro no concello, procuraréino pois antóllaseme unha pequena xoiña.

marcos valcarcel dijo...

Os libros do concello ourensán están na Oficina de Turismo das Burgas e do de Xan da Coba, que foi o primeiro, debería quedar algún exemplar. Se así non fose, fágamo saber e buscaría a forma de facerlle chegar un.

Anónimo dijo...

Graciñas, MV; teréino en conta