18 may 2006


FRANCISCO CASTIÑEIRA, PREMIO OURENSE DE CONTOS 2006 CASA DAXUVENTUDE
(Nota informativa do xurado)

Francisco Castiñeira Romar, coruñés de 29 anos, acadou o Premio Ourense de Contos para a Mocidade que na súa 23ª edición, convocaron a Casa da Xuventude e a Agrupación de Libreiros de Ourense, co patrocinio da Concellería de Cultura, Festas e Festival de Cine do Concello de Ourense e a Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar, como contribución á festa do Día das Letras Galegas. Pola obra "Inventario de nubes" recibirá 750 euros, ademais de vela publicada. Dela di o autor: "está estructurada en dez partes, cada unha delas cun tipo de nube como eixo, que lle valen ao atormentado protagonista-narrador como fío para tecer a súa historia en primeira persoa. Foi pensada para intercalar cada unha destas dez partes (dez nubes) polo medio doutra escolma de relatos que xa teño redactado e da que ando na procura de editora"

Tamén se publicarán os catro accésit, que recaeron en Beatriz Lorenzo, de Ourense, polo conto "Laranxas amargas"; Mario Otero Iglesias, do Corgo, Lugo, polo conto "Mathematica"; Miguel Segador López, de Ourense, pola obra "Orfeo Alleado" e Alba Cid, tamén de Ourense, polo conto "Un acordeón para a nostalxia" —este último, dentro do apartado de menores de 18 anos—. Cada un dos catro recibirá 200 euros de premio.

Ao concurso presentáronse trinta e nove contos de trinta e cinco autores proce­dentes de toda Galicia. O Xurado estivo composto por Serafín Alonso, Raquel Feijoo, Marco Valerio Lama, Nieves Pérez, Mª Xesús Sarmiento e Benito Losada, como secretario sen voto.

A entrega do premio farase o 3 de xuño, na próxima Feira do Libro, que terá lugar en Ourense.
Ourense, 17 de maio de 2006
(Francisco Castiñeira Romar. "Nacín en Suíza en 1977 e vivín sempre na Coruña, ata que hai dous anos me trasladei a Oviedo. No literario adiqueime ata o de agora ó relato curto, acadando varios premios. Din publicado un libro de relatos co título de " Seica chove" (Baía Edicións, 2002). Á parte, teño un blog-bitácora na internet, á que estades convidados: http://www.ningures.blogspot.com/, onde podedes atopar máis información".)

Da historia do premio (M.Valcárcel)
A Casa da Xuventude de Ourense e a Agrupación de Libreiros patrocinan cada ano o Concurso de Contos para a Mocidade, unha interesante plataforma de lanzamento de novos narradores que conta xa entre os seus gañadores con autores xa tan consagrados como Xosé Carlos Caneiro e Antón Riveiro-Coello, entre outros. En concreto, os gañadores foron, desde 1984 e ata o 2005, por esta orde cronolóxica: Xosé Carlos Caneiro; Anxos García Sumay; Xosé M. Paramos Neira; Afonso Vázquez-Monxardín; Alexandre Sánchez Vidal; Pedro Gonzalves, Pablo José Hermida; Xosé Lois G. Sende; Ánxeles Alfaya; Eva Moreira Fontán; Ánxeles Alfaya; Antón Riveiro Coello; Ana Cristina López; Marisé Suárez Leal; Xonxa Fernández; Martiño Maseda; Eva Moreda Rodríguez; Marta Pérez Martín; Xosé Díaz Díaz; Pablo Piñón Dacal, Iván García Campos, Ignacio Mascuñán Freijanes.
Desde 1991 edítanse os contos premiados en pequenos volumes, coordenados por Benito Losada e Henrique Torreiro, que recollen o relato gañador e varios accésits. Cada libro inclúe ademais un dato de interese sociolóxico como é a relación completa de participantes coa súa ubicación xeográfica (por exemplo, 56 mozos e mozas de Galicia, Euskadi, Alemaña, Londres e Suiza fixérono no ano 2000). Entre eles figuran tamén nomes xa coñecidos no mundo literario como Rafa Villar, Estevo Creus, Emma Pedreira, Pablo Vázquez Pereira, Marco Lama del Corral, Raúl e Lois Pérez Diéguez, etc.
(Imaxe: Alice, 1915, de Modigliani)

7 comentarios:

Mr Tichborne dijo...

Moitas gracias por darlle esa difusión ó premio. Con eses antecedentes, estou máis orgulloso e ledo ca nunca de que me galardoaran con el. Agardo ser digno!
Se cadra nos coñecemos na entrega, se vostede asiste.

Anónimo dijo...

¿Porque Benito Losada non se chama Bieito?

Anónimo dijo...

Supoño que será porque non lle sae do nabo.

Anónimo dijo...

Excelente motivo!

Anónimo dijo...

Enviado polo aludido:
Marcos enviei este comentario azo teu blog, pero non o vexo, pode que non saiba facelo. Se podes colocao ti:
Por alusións. Chámome Benito —exactamente José Benito— polo meu pai, quen a súa vez levaba este nome polo cacique da zona. ¿Hai algo máis galego que iso?.

Saúde

Benito Losada

Anónimo dijo...

A min, desde logo, paréceme un motivo perfecto: nada hai máis galego que a xenealoxía citada polo susodito. Parabéns José Benito: hai que gardar a tradición, si señor.
Saúde e Terra.

Anónimo dijo...

Así a todo, tratándose dun lugués, creo que o motivo "nabal" non é para esquecer.
Se cadra a pregunta era simplemente curiosidade sa.

E agora, por que "el usuario anónomimo" se chama así, e non amsdgnxoiguisgyutoasrñaizato?

That's the question