Andoliña venres 8 setembro
Chámanlle virtudes militares
Emitiron por TV
Cold Mountain, a película de
Anthony Minghella. Non a vin na súa estrea (2003) e aproveitei a ocasión: sorprendeume a crueza dalgunhas imaxes e a violencia explícita ou implícita deste melodrama sobre a guerra de Secesión norteamericana que é, de certo, un digno alegato antibélico: todas as guerras aseméllanse entre si por riba das fronteiras do tempo e do espazo.
Nos inicios da cinta vese un soldado mozo agonizando, levado nunhas angarellas entre borbollóns de sangue. Pregúntalle ao seu compañeiro:
morrerei? Este, sabendo a fin próxima, dille: "
Os teus pais estarán moi orgullosos de ti". Pensei entón nos atentados suicidas de integristas islámicos en Oriente Medio e no orgullo que si representa para moitas das súas familias inmolarse na yihad. Ou nos premios que os pais reciben deses movementos polo sacrificio do seu fillo.
Non cambiaron tanto os tempos, é certo. E hoxe case ninguén sabe por que se mataban os do sur e os do norte naquelas terras conquistadas aos indios hai máis de cen anos. Confeso a miña incapacidade para entender o que chaman virtudes militares: tivéronme retido para iso un ano longo en Andalucía e nin así logrei entendelo.
(Na imaxe, a miña musa -miña en persoa e creo que tamén dos lectores deste blog- Nicole Kidman na película citada).
4 comentarios:
Boa película e fermosísima foto da fermosa e gran actriz, amigo Valcárcel. Ten vostede un gusto exquisito.
Benvido e que a reentrée lle sexa levadeira.
Eu tamén a vin en televisión. E quedoume pena de non vela no cine. Cando a puxeron non fun, un pouco asustado pola súa longa duración. É magnífica. E os actores e actrices están todos formidables.
Eu vina, hai cousa de dous anos, en Canal +. E tamén foi mágoa non poder vela en pantalla grande.
A pesar da súa longa duración, o filme mantén toda a atención do espectador. É unha historia romántica, profundamente humana, de sentimentos e esperanzas, no medio dun mundo que se desangra pola guerra.
Os actores e actrices están asombrosos. Nicole Kidman borda o seu papel, é unha grandísima actriz, amén de bellísima. O Oscar que levou esa actriz loira miúda (agora non me sae o nome, pero que tamén está espléndida no musical "Chicago") foi merecidísimo: a súa composición foi perfecta. E o protagonista masculino, Jud Law, mália as súas limitacións, tamén está ben resolto.
En suma, unha gran historia, contada con ritmo, precisión e sensibilidade. É, qué dúbida cabe, unha película magnífica.
Creo, anónimo p-c., que te refires a René Zellweger, que foi a que gañou a Oscar (aínda que creo que a crítica non a tratou tan ben; claro que tocáballe competir cunha maxistral e imponente N. Kidman).
Publicar un comentario