4 sept. 2006

Centenario da morte de Lamas Carvajal
Os xornais Galicia Hoxe e La Región adican páxinas e artigos a esta conmemoración, de Afonso V. Monxardín e meus, ademais de textos do propio Lamas. Trasncribo aquí o meu)
Celébrase hoxe o centenario da morte do poeta Valentín Lamas Carvajal, falecido o 4 de setembro de 1906 en Ourense. Entre os amantes do feito literario, a obra de Lamas segue moi viva: aínda recentemente se publicou a súa poesía galega completa, preparada pola profesora Pilar García Negro (Ed.do Castro), e o volume Gallegada e outras prosas editado polo Centro Ramón Piñeiro e da man de Rafal Adán Rodríguez. Menor atención ten Lamas no curriculum escolar e quizais no público non especialista, situación que moitos autores cremos que é inxusta porque se trata en realidade do cuarto pé do Rexurdimento, á par de Rosalía, Curros e Pondal, e, sen dúbida, a súa obra como prosista e xornalista (fundador do xornalismo en galego con O Tío Marcos d’ a Portela) é inmensa e de gran calidade.
Lamas foi, ademais de poeta e narrador, xornalista de oficio toda a súa vida e esa foi a súa gran plataforma para actuar sobre a cultura galega do seu tempo: os xornais El Heraldo Gallego e El Eco de Orense foron as dúas voces públicas das que se serviu para facerse presente no mundo cultural, a cotío padecendo polémicas e afrontas de boa parte do status cultural daquela hora, como ben historiou José Fernández Gallego (velaí as súas polémicas con Murguía, Curros, Pérez Placver ou García Ferreiro, entre outras).
Por outra banda, Lamas, que será relembrado en datas próximas polo Centro de Cultura Popular Xoaquín Lourenzo en Ourense, foi o autor dunha das obras máis lidas da historia das nosas letras: o Catecismo do labrego, por primeira vez na prensa, en 1888, no seu semanario O Tío Marcos d´a Portela, creador dun novo xénero de xornalismo galego. Despois editouno en volume independente en 1899, na imprenta de El Eco de Orense, co título de Catecismo da Doutrina Labrega. Composto polo R.P.M. Fr. Marcos da Portela, doutor en Tioloxía campestre, mantendo este heterónimo do poeta como asinante en todas as edicións feitas en vida do mesmo.
Sería un dos libros máis editados, lidos, escoitados e recitados da nosa historia cultural, que mesmo deu pé a imitacións posteriores noutras linguas (por exemplo, en bable, nunha edición secuestrada polas autoridades). As razóns do seu inmenso éxito popular son contundnetes: en primeiro lugar, Lamas soubo retratar, con fidelidade, humorismo e ironía, un mundo campesiño galego, sometido a unha realidade semifeudal (foros, trabucos, usura, emigración, etc.), e poñerlles rostro, por primeira vez, ós enemigos dos labregos (o caciquismo e o poder político). Esas foron tamén as armas que ergueron anos despois un poderoso movemento agrario antiforal que ten a Lamas como precedente inmediato. E fíxoo tamén cos mellores medios: a utilización dun estilo paródico do Catecismo do Padre Astete, creando unha sonoridade recoñecida ós oídos dos labregos, e a recuperación dunha lingua popular, en rexistro dialectal ourensán.
O Catecismo devólvelle a voz ó pobo, como fixera Rosalía en Cantares Gallegos e comparte tamén unha común mirada dignificadora do noso mundo campesiño co Álbum Nós de Castelao e cos grandes narradores do século XX: por iso o pobo se recoñeceu neste espello.

2 comentarios:

paideleo dijo...

Benvido desas vacacións.
Un saúdo e guapa poetisa a Yolanda López.

Anónimo dijo...

Benvido Marcos, noraboa tamén a esoutra voz nova e intensa, noraboa Yolanda.
XulioDRabal