13 oct 2006


Betanzos, fala Lugrís, 1907
(Andoliña venres 13 outubro)

Hoxe terá lugar un acto solemne da Real Academia Galega en Betanzos que quere conmemorar o histórico discurso que don Manuel Lugrís Freire pronunciou nesa vila, o 6 de outubro de 1907, en idioma galego: foi o primeiro discurso político no noso idioma e xa subliñamos noutras ocasións a relevancia desa data. Eran os tempos de Solidaridad Gallega, un movemento entre rexionalista e agrario anticaciquil que iniciou as mobilizacións campesiñas do século XX.
Murguía falara en galego no discurso dos Xogos Frorais de Tui, 1891, nun acto só cultural. Algúns galeguistas miran con nostalxia cara a tempos suponse que moito máis galeguizados, cunha visión idealizada do noso pasado sociolingüístico. Pero o certo é que na Segunda República só os galeguistas usaban o galego nos mitins. E só coas Irmandades da Fala empezaron a escribirse cartas en galego. En 1909 produciuse o primeiro discurso en galego na RAG, de Amador Montenegro. En 1915 pronunciouse a primeira conferencia en galego na Universidade, a cargo de Luis Porteiro Garea, aquela esperanza fanada. A conquista polo galego de espazos públicos e privados foi un proceso moi devagariño, pero de pasos firmes. No que aínda estamos. (Imaxe, un cadro de Henry Robert Morland)

2 comentarios:

Silvio Falcón dijo...

No artigo falas dos Xogos Florais...Alguen pensou recuperá-los pra as escolas como aqui en catalunya se fixo?

Marcos Valcárcel López dijo...

Os Xogos Florais, que eu saiba, só subsisten, cando menos en Ourense, nalgúns colexios privados e relixiosos, pero nestes todos os actos son en castelán (ben, hai excepcións: as Xosefinas en Ourense, por exemplo). Creo que todas as datas que cito eu no artigo deberían conmemorarse de seu, con solemnidade: por aí parece que vai a Academia agora...