Cen anos de historia cultural: 1936, As poutas do terror
(Galicia Hoxe, 01.10.2006)
Na súa biografía de Castelao, Henrique Monteagudo recupera unha carta desgarradora do rianxeiro a Otero Pedrayo en xuño de 1936. Di así, anticipándose ao estoupido da barbarie: "Esto vai mal. Cada día pior. Non se sabe o que vai pasar. Eu teño medo. Todo son líos e a xentiña que agora manda non saben dar conta do recado. A min somentes me ten esquí o compromiso que adequirín cos nosos.
Non sei se a autonomía (se é que gañase o plebiscito) chegará a tempo e se con ela poderemos illarnos da miseria material e moral que vai inzar todo. ¡Quen me dera na miña casa de Pontevedra, a soñar e a traballar! ¡Quen me dera estar coma ti! ¡As miñas debilidades leváronme lonxe, e teño unhas ganas de volltar ao meu! A política dáme noxo i estou eiquí moito máis desterrado que en Extremadura. Alí tan siquera podía permitirme o luxo de soñar soños ledos. Eiquí todo é negrume. Todo é mentira. Desafogo contigo e con ninguén máis. Sei que vou pagar caras as miñas lixeirezas e dáme medo pensalo, porque non son valente."
E a barbarie chegou. A Galicia o 20 de xullo coas tropas franquistas e o apoio dos falanxistas, carlistas e moitos cedistas. E a barbarie foi a traxedia que hoxe os historiadores están a desvear: velaí as obras de Carlos Fernández, Xosé M. Núñez Seixas, Xulio Prada, María Xosé Souto, E. Grandío Seoane, Víctor Lamela, e tamén de Alonso Montero e Claudio Rodríguez Fer, no terreo literario. Traxedia que tamén no campo da cultura tivo dimensións de catástrofe.
A finais de xullo, derrotada a resistencia nalgúns lugares e tomadas todas as cidades, empeza a represión "legal" e paralegal : os presos en Oseira, Celanova, San Simón, e os fusilamentos ó carón dos cemiterios e os "paseos" nas cunetas que cantaría Luís Pimentel. Centos de traballadores e militantes demócratas, republicanos e galeguistas, son asasinados dende os primeiros días.
Entre eles estaban, cunha especial dimensión cultural, o poeta comunista ourensán Manuel Gómez del Valle (fusilado o 11 de agosto no cuartel de San Francisco, Ourense); o escenógrafo Camilo Díaz Baliño (14 de agosto, Meixide – Palas de Rei); o escritor e dirixente socialista, exalcalde de Ferrol, Xaime Quintanilla (16 agosto, Ferrol); o economista e secretario de organización do Partido Galeguista Alexandre Bóveda (17 agosto, A Caeira, Pontevedra); o alcalde da Fronte Popular e editor de Nós, militante galeguista, Ánxel Casal Gosenxe (19 agosto, Cacheiras – Teo); o escritor e dirixente galeguista-socialista Xoán Xesús González (12 setembro, Boisaca- Compostela); o poeta e xornalista republicano Roberto Blanco Torres ("claudiado" o 1 de outubro na estrada de Celanova a Portugal, nunha revolta da estrada perto de Entrimo); o xornalista e militante radical-socialista Jacinto Santiago (morto dun ataque ao corazón, cando ía ser "paseado" perto de Vilariño Frío, Ourense, 31 outubro); o xornalista republicano de Vigo Manuel Lustres Rivas (o seu cadáver aparece na Concheira redondelana no mes de novembro, despois de ser "paseado"). Tamén estarán entre as primeiras vítimas da guerra os xornalistas galeguistas Xoán Carballeira e Víctor Casas, que fora director do portavoz do movemento A Nosa Terra (fusilado o 12 de novembro en Pontevedra); o pintor Francisco Miguel Fernández Moratinos; o xastre e artista coruñés Luís Huici; Darío Álvarez Limeses e Arturo Noguerol Buján, avogado e xerente de Nós, que aparece nunha cuneta da estrada A Coruña-Ferrol. Na colección persoal da revista Nós que gardou "Ben-Cho-Shey" deixou constancia manuscrita dos colaboradores da revista asasinados: os citados Casal, Blanco Torres, Díaz Baliño, Carballeira e Noguerol, ademais dos menos coñecidos Isaac Forneiro Barandela, Manuel Fuentes Canal, Amadeo López Bello e Modesto López Teijeiro.
A PRENSA SILENCIADA
Os citados son só algúns nomes notables, pero houbo tamén centos de "axitadores culturais", sobre todo mestres e xornalistas, que foron represaliados, encarcerados ou multados dende xullo de 1936. Simbolicemos os seus nomes nas figuras do filólogo Aníbal Otero; dos escritores Xesús San Luís Romero e Evaristo de Sela (todos eles pasaron polo cárcere) e do poeta Manuel Luís Acuña, represaliado como mestre da ATEO e que non volverá publicar obra poética no resto da súa vida. Tamén foi silenciada toda a prensa progresista e o mellor da nosa prensa cultural: os grandes diarios republicanos como El Pueblo Gallego (reconvertido en xornal falanxista polos alzados) ou La Zarpa, que sufriu o agravio de saír uns días coa cabeceira manchada polo xugo e as frechas do novo réxime, así como a revista Nós, o portavoz galeguista A Nosa Terra; Heraldo de Galicia (Ourense); o Guieiro das Mocedades Galeguistas; A.T.E.O., dos mestres progresistas de Ourense, e unha longa xeira de xornais e revistas obreiras e republicanas. Na conta da barbarie engadimos o peche e expolio de institucións culturais como o Seminario de Estudos Galegos.
Os intelectuais galeguistas que estaban no momento da sublevación en zona republicana salvaron a vida por esa circunstancia (Castelao, Rafael Dieste, Carballo Calero, Otero Espasandín, etc.) e logo se incorporaron ó exilio forzado en América ou Europa. Tamén fuxiron cara o exilio nomes tan relevantes no xornalismo e na cultura como Basilio Álvarez, Eduardo Blanco Amor, Xerardo Álvarez Gallego, Xesús Bal i Gay, Alexandre Campos Ramírez (Alexandre Finisterre), María Casares, Álvaro María Casas Blanco, Arturo Cuadrado, Florencio Delgado Gurriarán, Isaac Díaz Pardo, Antonio Fernández Pérez, Alfonso Gayoso Frías, Xose Núñez Búa, Maruja Mallo, Luís Seoane, Carlos Velo, Lorenzo Varela, os pintores Manuel Colmeiro, Federico Ribas e Maruja Mallo, etc.
VOCES CON FRANCO
Tamén foron obrigados a marchar ó exilio unha longa lista de profesores e catedráticos universitarios (as depuracións na Universidade empezaron de inmediato): arredor de 215 nomes, das diferentes Facultades, segundo os datos que aportou Carlos Fernández no seu libro La Guerra Civil en Galicia, 1988).
A historia do estoupido da guerra incivil en relación á cultura non remata co rexistro da represión dos fusilados, paseados, encarcerados e exiliados. Houbo outras voces que mesmo se puxeron ao servizo dos alzados. A máis coñecida, a de Vicente Risco, levado do medo e dun antimarxismo visceral (das dúas cousas xuntas, o máis probable), que xa o 30 de agosto de 1936 participa nun acto público franquista, como director da Escola Normal de Maxisterio de Ourense, para repoñer con solemnidade o Crucifixo no centro docente. Alí pronuncia Risco un tremendo discurso (recollido na biografía que del fixo Carlos Casares, 1981), no que alude tamén ó papel da cultura na nova época: "Y si en esta lucha (contra el Anticristo) tienen gran parte las armas, otra tan importante tienen las letras. También la cátedra es campo de batalla y también han de ser las escuelas y academias fortalezas del espíritu contra los asaltos del materialismo. Lucha es ésta que durará acaso tanto como dure el hombre sobre la tierra, y en la cual los hombres de fe tenemos hecha nuestra opción irrevocable".
Nesas datas aparecían poemas franquistas nalgúns xornais, entre eles varios do crego Celestino Cabarcos Suárez (que asinaba co seudónimo ‘O Bruxo d’os Ermos’ en Vallibria, de Mondoñedo) e algúns de Antonio Noriega Varela, segundo Claudio Rodríguez Fer. Este autor demostrou tamén que non é certo que dende 1936 a 1950 non se publicasen libros en galego: de feito en decembro de 1936 saía á rúa o volume ‘Fala das musas’, primeiro libro editado na guerra, de Daniel Pernas Nieto, capelán daquela do Hospital-Asilo de Ortigueira. En novembro do mesmo ano sae en Mondoñedo o xornal falanxista Era Azul, onde Álvaro Cunqueiro fixo labores de editorialista.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
15 comentarios:
Por segunda vez, o amigo Manolo Bragado dedícanos unha agarimosa recensión desta sección, Cen Anos de Historia Cultural, e deste artigo en concreto sobre os mártires da guerra civil. Dende aquí quero tamén agradecerllo de corazón.
¡E ben o merece! É estremecedor.
Este blog-homenaxe é bárbaro, moi bo. Meréceno, aínda que non sexa en vida, os que morreron por amosar valentía e dignidade, coraxe e loita pola nosa PATRIA. Continúan VIVOS na lembranza.
Gustaríame tamén facer referencia á figura feminina de CLARA CAMPOAMOR, feminista auténtica que conseguiu que as mulleres puidésemos alzar a nosa voz a través do noso VOTO aquel 1 DE OUTUBRO DE 1931.
Unha aperta de Yoli.
Para Moralla: escribín hoxe en La Región sobre Clara Campoamor e o voto feminino e subirei ese artigo estes días ó blog, con algúns retoques.
Eu non quero, moito menos neste tema, parecer partidista nin sectario. Pero tampouco me gusta que outros o parezan, sobre todo os que sei que non o son. Digo isto porque en todas as conmemoracións da memoria da Guerra Civil en Galicia, observo unha presencia moi grande de represaliados ou víctimas galeguistas e moi pouca dos que, en realidade, foron obxecto de maior represión, pois eran moitísimos máis: socialistas, comunistas, anarquistas e republicanos. Non escoito falar apenas de Carballo, o gobernador civil da Coruña, e da súa dona. Nin de Martínez Garrido, o alcalde socialista de Vigo, fusilado en agosto do 36. Nin de Blein, tamén socialista e primeiro alcalde republicano de Vigo. Nin da familia Fraiz, de comunistas vigueses, un dos maiores crimes da guerra en Galicia...
Xa digo que non protesto, ao contrario, porque se honre aos galeguistas. Pero os demais tamén o merecen, aínda que non escribisen en "Nós". Do contrario, podemos estar transmitindo unha imaxe histórica falsa, pois parece que en Galicia case todas as víctimas das represalias franquistas eran galeguistas. E ben sabemos que non foi así. As investigacións locais feitas por xentes como Bernardo Máiz, Xerardo Agrafoxo ou os traballos que aprecen nas actas dos Congresos sobre a represión organizados pola Deputación da Coruña, non deixan lugar a moitas dúbidas neste sentido.
Para Rímini:
Estou totalmente de acordo contigo nas túas consideracións: eu tamén creo que a Historia de Galicia non é SÓ a historia do galeguismo (como ás veces traslocen algúns manuais escolares). Eu insisto niso nas miñas clases e falo tamén, por suposto, dos socialistas, comunistas, republicanos, anarquistas, etc. represaliados. Pero a sección dominical do GALICIA HOXE está limitada ao campo cultural: Cen Anos de Historia Cultural. E non podía citar aí a ningún dos nomes que ti citas, pois non me consta que sexan escritores nin artistas nin editores. Pero eu mesmo xa botei en falta un nome (dun xornalista anarquista asasinado no 36) e incorporareino nunha nota o pasado domingo. Se encontro máis NOMES DA CULTURA, de calquera filiación que sexa,entre os paseados en 1936 incorporareinos tamén. Ese era o sentido do artigo. Polo demáis, repito, de acordo contigo e lonxe de calquera sectarismo.
Eles están na memoria colectiva polo seu labor a prol das liberdades democráticas e polo seu amor á cultura do país. Os outros (cucarachas represoras do fascismo) non existen. Que o saiban e recorden sempre. O seu sino é borralla, silenzo e podredume miserábel.
En galego dise cascudas, non "cucarachas".
Teño a impresión que este "usuario anónimo" é, precisamente, desa especie anteriormente referida (cucaracha, cascuda...)A experiencia demóstranos que, polo xeral, detrás do anonimato só se agochan os covardes, os traidores e os que, en definitiva, non adoitan dar a cara. Os fascistas, vaia.
Señor Modesto Fraga vexóo moi alporizado dende o comentario de rímini que dende o meu punto de vista tén toda a razón incluso o fai de maneira moi moderada.
Asegúrolle que non puxen ningún comentario ata agora mais é curioso o rabioso que está vostede dende o citado comentario. Tranquilíces que coido non hai ningún fascista perto... coido!
Abráiame a variedade de disfraces que algúns señores empregan para ocultaren a súa verdadeira identidade.O malo é que a ignorancia, con frecuencia, acaba delatándoos.No post anterior o ínclito era un usuario anónimo e, neste último, un ficticio alfonso rodríguez.Claro que poñerse a corrixir "En galego dise cascudas, non cucarachas" e logo acentuar monosílabos como "ten" son, en certo modo, sospeitosos e carecen de toda credibilidade.Saúdos e a mellorarse.
Amigo Modesto, non creo que do comentario do usuario anónimo que lle corrixiu o das "cucarachas" lembrándolle as "cascudas" se poida derivar ningún intento de descalificación ou ataque persoal. Dígollo con toda franqueza e dende o cariño que sinto por vostede, se é que é vostede o bo poeta fisterrán do mesmo nome. Ten que entender vostede que hai moita xente que, sen mala intención ningunha, non poucas veces por certa deformación profesional, tende a corrixir os erros que se producen na escrita do galego. Pero non creo que sexa máis que iso...
Para Marcos Valcárcel: Non teño ningunha obxección que apoñerlle ao escrito por vostede. Nin, en realidade, ao texto de "Galicia hoxe" que vostede inclúe no seu blog. O que pasou foi que ese texto (non me fixei no de "Cen anos de historia cultural") me levou a pensar sobre este asunto da "memoria histórica" e sobre a maneira en que o están a abordar dende a Consellería de Cultura. E aquí si que atopo razonables as miñas queixas sobre este particular, pois dame a impresión de que se está conmemorando non tanto a memoria da Guerra Civil en Galicia, como a memoria nacionalista da Guerra Civil en Galicia. Quizais esta afirmación piida parecer moi dura, pero é a miña sincera opinión.
Quizais teña razón, señor Rímini. Quizais, porque nestas cousas da Historia sempre é moi difícil ser equilibrado: sucede que un grupo minoritario na nosa historia (os galeguistas e os nacionalistas) xenerou 50 veces máis bibliografía que os que mandaron nesa época (as dereitas) ou os demáis que foron represaliados (socialistas, comunistas, anarquistas: en xeral todo o que estivese próximo á Fronte Popular).
Leo agora estas mensaxes.
Mi madriña! Que alporizado se puxo Modesto Fraga porque lle corrixiron unha palabriña.
Home, hai que ter un pouco de contención e non se picar en plan infantil.
Que burradas o mesmo as podemos dicir os Anónimos que os Non Anónimos. Neste caso, foi vostede o poeta.
En fin, tería un mal día!
Publicar un comentario