18 oct. 2006


Literatura galega

Técnicamente, é o idioma empregado o que caracteriza ás distintas literaturas. Cando falamos da literatura alemá, non coidamos nos poemas que escribiron en francés Goethe ou Rilke. As novelas de Pierre Loti pertencen á literatura francesa, inda que se desenrole a súa acción ern países esóticos. Nen a nacencia do autor nen os ambientes descritos son criterios axeitados pra determinar a incrusión das obras dentro dos marcos dunha ou doutra literatura. Os "Seis poemas galegos" de Federico García Lorca, son literatura galega. "La Colmena", de Camilo José Cela, é literatura castelá, malia o novelista ter nado en Padrón...

Asi de clariño o explicaba don Ricardo Carballo Calero, xa hai moitos anos, e pensei que todo o mundo entendera (menos, polo visto, Marta Rivera de la Cruz).
O certo é que cansa un pouco xa volver sobre este debate, pero, se a alguén lle interesa, velaí algunhas opinións de Anxo Tarrío, Dolores Vilavedra, González Herrán e Césareo Sanchez Iglesias.

18 comentarios:

Roi Queimado dijo...

Ai!!! Pobre xentiña (¨de provincias¨) que nunca triunfara en ¨Madrí¨, e por riba teremoslle a culpa deso!!! Por certo, con respecto a solución do toponimo do carallo (con perdón!!! Hai cousas mais importantes para os galegos, como son a xente nova que ten que emigrar ou as empresas que tamén emigran e se van a ¨Madrí¨...), xa é de carallada, mellor que cada un escolla o seu nome (Viva la libertá!!!): Ponteareas-Puentearenas, Porto do Son-Puerto del Sonido, Rabo de Galo - Rabo del Gallo, etc... Jasus, jasus!!!

Anónimo dijo...

Querido Marcos Valcárcel:
ante todo felicidades e adiante co teu blog. É do pouquísimo interesante que teño atopado pola rede en galego. Eu estou nas emigracións catalanas, aínda non sei por canto tempo, polo que é importnate para min enteirarme do que pasa por aí.
Queixábase Marta Rivera de la Cruz, cun par de libros premiados ás súas costas, de que ningunha universidade galega (supoño que non pensaba nesas "de verán") a convidara a falar (supoño que) dos seus libros. Agora supoñamos que esta mesma autora escribe as mesmas novelas pero en galego, tamén premiadas en Galicia: ¿convidaríana a falar na universidade de Salamanca ou de Sevilla? Logo, ¿o galego non é unha lingua "española" máis? Gañaría o premio Planeta cunha novela en galego? ¿Como pode ser que na mesma entrevista recoñeza que o galego non é a súa lingua e, de seguido, que estivo a traducir algo cara o galego? A resposta a todas estas resúmese nisto: os cartiños. A súa eleción do castalán é respectable. O que xa non me parece tan respectable é soltar a chorrada que soltou (recollida, avidamente, por certo diario que... tamén viviu, non sei se aínda vive, da subvención polo emprego do galego)

Marcel Swann dijo...

Son o anónimo de antes, agora cunha "identidade". As palabras de Carballo recordárnonme unha vella polémica que houbera na prensa galega aló polos anos 50, sobre o mesmo tema, entre González Garcés e Méndez Ferrín, e está recollida no libro "Os anos escuros". Por certo, é ben curioso que sean os que falan/escriben na lingua poderosa os que queiran ser recoñecidos como escritores pertencentes á comunidade de lingua minorizada. Con todas as consecuencias, Marta Rivera de la Cruz é escritora en español. Se quere promoción, que a promocionen os xornais galegos escritos en español.

Xosé M. González dijo...

Está ben todo isto, retomar aquí a cuestión e lembrar os argumentos do Ferrín. Con Todo, paréceme que o tempo posiblemente pide volvela levar a foros máis concorridos: isto ao que alude o Marcos está na prensa diaria, e alí debiamos facernos presentes.

Marcos, non tomes isto a desprezo do teu blog, ben sabes como vos valoro a el e mais a ti. Co respecto ao que digo no anterior parágrafo, eu mesmo acabo de facer hoxe o meu intento. Se resulta, e vexo que ten interese, fareino ver e saber.

anxolop dijo...

Ola. Por aqui vai todo moi ben. Dandolle pouco a pouco o alemán. Vendo cousas e falando con xente. A ver se mañá planeo a visita os Heurigens que me recomendou o Trebolle a beber o Sturm deste ano.
Gracias por pasarte polo fotolog, igual que polas tuas palabras ao rematar a carreira.

Saúde. E se pasades por aqui ...avisade!

marcel swann dijo...

Fíxeno onte, Xosé M. González, publicando a miña opinión sobre este tema (con outro 'nick') en "El Correo Gallego" e en "Galicia Hoxe". Penso que cumprín.

Matías Bruñulf dijo...

Uhm...

Parab�ns polo blog. Diversidade nos posts dentro dunha certa tipoloxia tem�tica. Apertas.

Matias Brunhulf

Anónimo dijo...

O máis "simpático" desta señoriña foi cando dixo que "ella podría hacer un cuento en gallego". Un pouco de seriedade!!!

Anónimo dijo...

De acordo. A literatura galega é a escrita en galego, pero....non estou nada convencido que os irlandeses acepten que Joyce, Shaw, Wilde, Yeats, Sean O´Casey, Synge, Swift, etc sexan literatura inglesa nin que os escritores canadienses de Quebec non podan decir que fan literatura canadiense e non francesa nin sei se as novelas de vaqueiros escritas en galego son literatura galega...non sei...Seica os irlandeses mais nacionalistas, polo menos falan de literatura anglo-irlandesa...se cadra conviña establecer este apartado entre nós para fuxir de liortas... non sei...pero hai en Galicia moita xente que é "galeñola" e outros que son "espalegos" do mesmo xeito que os irlandeses, Shaw creo, falaba de catestantes e protolicos, iso ademais dos irlandeses e ingleses...non sei... E disimulen tanta fartura de dúbidas...
´Gorento do blog. Polo menos non hai arroutadas e hai moito sentidiño.

Lopo Lías

Xosé M. González dijo...

A ver, Lopo Lías, conveñamos en que nisto, coma en calquera outro aspecto da realidade e da vida, hai terreos espiñentos onde a evidencia, por ende, pérdese un tanto na néboa. Por veces convén aceptar que unha lingua dá lugar ou faise canle de varias literaturas, e tanto a teoría literaria coma a historia da literatura así deben aceptalo, espero que por cuestións sistémicas máis ca políticas; eu non penso, verbi gratia, que Dos Passos forme parte da literatura inglesa ou Rubén da española.

O tema de Irlanda é complicado; a gran minorización do gaélico (primeiro no literario, desde hai tempo tamén no coloquial) sitúa a cuestión en termos ben distintos do noso, e dá pé para considerar que eses autores (irlandeses, parte deles mesmo nacional e conscientemente) integran unha literatura irlandesa con status á par da norteamericana. Non estou eu moi inclinado a tal consideración, enténdoos (e explícoos) como integrantes da literatura inglesa, por cuestións -aquí está ben claro- sistémicas.

Lamento non coñecer a literatura québecoise, alomenos o suficiente para poder valorar o caso. E si, coido que as novelas de vaqueiros en galego serían literatura (ou paraliteratura, infraliteratura, etc.) galega. Entendo que as miñas coherencias manteñan as dúbidas doutros. Pero non mo tome a rixidez, por favor.

Anónimo dijo...

As perplexidades de Marta Rivera
ANXO TARRÍO VARELA
Periodicamente xorde nas páxinas dos xornais unha voz pertencente a un autor literario de nación galega pero de expresión castelá protestando porque non tén recoñecemento no ámbito institucional da literatura galega. Agora sae Marta Rivera coa mesma reivindicación. Ela non se explica por qué non se lle abren as portas das institucións galegas e pregúntase "cal é a raíz de todo isto". En troques debe entender moi ben por qué ao premio Planeta (entidade privada) tan só poden concorrer obras escritas en castelán. As inocentes palabras de Marta son de antoloxía (Ver Galicia Hoxe, 17.10.2006, p. 45).

A cousa antóllaseme bastante sinxela de explicar. Neste momento, e isto pode cambiar no tempo, a definición máis urxente de literatura galega que se pode dar é a do conxunto de textos escritos en galego que a sociedade galega sanciona como literarios con vistas á súa institucionalización. A cousa é máis complexa, pero vale dicir, pois, que se trata de textos de ficción en galego, e polo tanto non suxeitos a ningunha proba de verificación extraliteraria, escritos en calquera tempo e lugar. Outra cousa é o sistema literario galego, do que falaremos máis adiante.

Se aceptamos esa definición de literatura galega, non pode haber dúbida da pouca pertinencia das protestas de Marta Rivera. Se non se acepta a definición, entón é que estamos a falar doutra cousa, que nos levaría polos camiños das teorías sistémicas e dos campos literarios coas que non vou mortificar o meu improbábel lector.

É certo que en Galicia se producen, cando menos, e polo momento, dúas literaturas dunha certa entidade: a galega e a castelá. As dúas pertencen ao sistema literario galego. E aí disinto da miña colega Dolores Vilavedra cando di que Marta Rivera "está fóra do sistema literario galego" (Galicia Hoxe, 18-10-06, p. 34). Non, a literatura procesada en Galicia escrita en castelán e que pretenda amparo institucional galego sen conseguilo non é que estea fóra do sistema, senón que non ocupa o seu centro, está na periferia. Do mesmo xeito que as literaturas galega, basca, catalá, asturiana, etc., sendo centro dos seus correspondentes sistemas institucionais, son á súa vez periferia do potente sistema literario español, queirase ou non. Esa é a miña percepción da realidade sistémica das literaturas galega e castelá en Galicia.

Sen sabelo, o que pretenden os galegos que escriben en castelán e piden recoñecemento institucional (non esquezamos que hai quen non o pide porque escolleu o sistema literario español) é volver a situacións anteriores do sistema literario galego, cando o centro o ocupaba a literatura en castelán e a galega tiña que loitar dende a periferia, como loitou (por certo, en desigual e tenaz combate) até conseguir facerse co centro. Ou iso quero crer. E como ben di no mesmo número de Galicia Hoxe Cesáreo Sánchez Iglesias, "as institucións galegas teñen a obriga de potenciar a nosa literatura, xa que esta é a que está en desvantaxe fronte a outras".

A literatura galega estou seguro de que acollerá cos brazos abertos Marta Rivera e todo o que escriba en galego. Claro que iso non llo recoñecerán as institucións do sistema literario español se non o traduce ao castelán (aí están Suso de Toro, Alfredo Conde, Manuel Rivas, etc.). Luísa Castro tén un pé aquí e outro noutro tellado. Blanca Andreu ou Ramón Pernas están aínda cos dous pés no outro tellado. Marta Rivera, dende o momento en que protesta, é unha escritora galega periférica do noso sistema a quen cómpre dar os parabéns polo premio, que sitúa a unha galega nun lugar máis próximo ao centro do sistema español. E iso énchenos de san orgullo. Etcétera. Trátase de elixir a qué sistema ou sistemas se quere pertencer, e con qué prioridades. Así de sinxelo. E sine ira.

Un amigo dijo...

Lémbranse daquela “Biblioteca Gallega de autores en castellano”, (penso que se chamaba así) que saía con La Voz de Galicia? Tentaba pasar por obras galegas creacións que non o son por máis que os seus autores sexan nados na Galiza. Cada certo tempo xurde a cuestión por máis clara que estea. Non hai moito foi en Cataluña porque nunha feira alemá dedicada á literatura catalá só foran obras e autores con obra en catalá.

Anónimo dijo...

SI HOME, SI

Os problemas das preferencias
(Faro de Vigo 21 outubro 2006)

Hai fenómenos habituais que parecen estarse disparando e deixando de selo -habituais, non fenómenos- e logo resulta que é o contrario. | XOSÉ MANUEL PEREIRO

Hai fenómenos habituais que parecen estarse disparando e deixando de selo -habituais, non fenómenos- e logo resulta que é o contrario. Que esas presuntas saídas de madre son precisamente evidencias de que se están asentando, como os arrotos anuncian a placidez dixestiva do lactante. O último e ben claro exemplo de convulsión teórica que confirma na práctica a rutina é o Premio Planeta.
O galardón literario que instituíu o empresario Lara sempre foi un prodixio de equilibrio. Tan ben dotado de cartos como precario de prestixio, a falta de suspense da decisión final sóese compensar cun pouco ou moito de polémica. Este ano tocou pouco. E correspondeulle levantar a lebre ó segundo término do habitual binomio autor consagrado-autora revelación (ou viceversa). A autora revelada, a lucense Marta Rivera de la Cruz, queixouse de que en Galicia non lle fan caso polo feito de escribir en castelán, idioma que escolleu porque nel faino mellor e está máis cómoda. A polémica foi unha convulsionciña porque unicamente ratificou o xa sabido, o mal que tratan nas periferias ós que se resisten a escribir en autonómico. Queixarse en público das consecuencias dunha opción que se tomou libremente non deixa de ser estraño (Torrente Ballester, nun mal momento, preguntouse se non lle tería sido mellor escribir en galego, pero fixo nun diario privado, que logo publicou). Queixarse, a maiores, desde o segundo lugar do podio do Premio Planeta, que lle asegura 150.000 e pico euros, vendas millonarias e unha resonancia maior da que poden ter os aludidos por moitos e moi xuntos que berren, non é moi elegante. É como se Míchel Salgado se queixase de que dedicarse ó fútbol lle restou recoñecemento deportivo no seu Condado-Paradanta natal, feudo de seguidores do ciclismo.
Ningún medio, ou case ningún, atendeu á esencia do asunto -os posibles valores literarios ou os probables elementos comerciais da obra de Marta Rivera- nin ó verdadeiramente noticiable: as razóns dunha reacción así nunha rapaza educada como sei que é Marta etc. A galardoada entoou o seu canto ferido como literata postergada porque seu pai actuou de demiúrgo. En vez de felicitarse na intimidade porque a súa filla escolleu un idioma de proveito, encarnouse publicamente como periodista/padre de la Pantoja, e destapou o tema, non sei se en versión periodista de investigación ("¿Es cierto que las instituciones y el nacionalismo excluyente la ninguean en su tierra?") ou en versión padre protector ("Marta, dile a estos señores lo mal que te tratan allá"). Que te suban ós altares dos best-sellers que se anuncian en televisión está moi ben, pero que te chamen para dar unha conferencia na Facultade de Veterinaria da túa cidade non ten prezo. Xa se sabe, o planetario e o local, sempre da man.

Leituga 1 dijo...

Eu creo que neste asunto hai que ir un pouco máis alá da disquisición filolóxica. É evidente que, dende ese punto de vista, que é obxectivo, a inclusión nunha literatura vén dada polo uso dunha lingua: é literatura galega a que está escrita en lingua galega. Iso está claro.
Agora ben, é tamén innegable que hai escritores galegos que escriben en castelán. Non pertencen á literatura galega, pero son escritores galegos e moitos deles reivindícanse como tales. É abusivo negarlles esa condición, ademais de negativo para a propia Galicia, que dese xeito prescinde de Valle-Inclán, Pardo Bazán, Cela, Torrente Ballester... e fai trampas con Manuel Murguía.
A cuestión é se é bo que as institucións galegas e o mundo cultural galego establezan un muro infranqueable entre os escritores galegos que se expresan en calquera dos dous idiomas oficiais e reais de Galicia. Uns poden contar con -escasas- axudas e accións de promoción. Os outros, nada.
A min non me gusta que escritores como Susana Fortes, Lola Beccaria, Ramón Pernas, Luisa Castro, Blanca Riestra, Blanca Andreu, César Antonio Molina e bastantes outros se sintan negados ou discriminados por un país que aman e do que se sinten parte, aínda que vivan fóra ou escriban en castelán. Un dos citados díxomo unha vez: "Eu non fago literatura galega, pero eu son un escritor galego".
Creo que esta é unha distinción que pode ser pertinente e que nos podería levar a unha solución na que a literatura galega non quedase nin misturada nin esvaída, ao mesmo tempo que se respetaría e se lle outorgaría o recoñecemento debido aos escritores galegos que forman parte da literatura en castelán.
O certo é que se pretendemos eliminar as discriminacións para os cidadáns que usan a lingua galega (e por aí van as propostas do bipartito para o novo Estatuto), non deberíamos estimulalas para os cidadáns galegos que usan o castelán.

Xosé M. González dijo...

Vamos por partes:

Primeiro, non lin nin escoitei, ultimamente, ningún comentario serio onde a Rivera, Fortes ou Molina (etc.) se lles negase condición de galegos.

Segundo, a comunicación ou incomunicación entre galego e castelán-escribintes non é cousa que dependa da administración, parece obvio. Desde a parte castelá (para entendérmonos) non teño noticia de grandes movementos propiciadores; supoño que, sobre todo os que non viven no país, o seu día a día está noutras dinámicas. Desde a galega, a dinámica tamén é diferente, pero non esquezamos aquí o papel de peixe pequeno afeito á reticencia que procura supervivencia. Se hai interese, ¿que tal se comezasen os de alá (para entendérmonos, aínda que a expresión asemella bastante ao que realmente penso)?

Terceiro, nin discriminación nin falta de recoñecemento. Deixando de momento, cuestións de carácter simbólico (honra, etc.) e nacional (que non simbólico), se é cuestión de cartos, convocatorias e entrada no "mercado" galego de cobertura e infraestrutura cultural, todo é pouco para as necesidades do sistema literario galego propiamente dito (que para min é a literatura galega, a diferenza do que di o Anxo Tarrío). Á parte de todo o que ofrece o sistema español, pode parecer mesmo avareza (é ironía, eh, e retórica) pedir un cacho da nosa tartiña (máis retórica).

marcel swann dijo...

De acordo con Si Home Si e con xosé m gonzález.

Murguía, Sarmiento, etc., escribiron en castelán, pero o sistema literario e cultural en galego sempre os reivindicou como precursores. Se non os reivindicamos nós, quen o vai facer? Os españois?

Eu tampouco creo que os escritores galegos en español se sintan discriminados. Moitos escriben en xornais galegos, nos que teñen tanto ou más espazo que os propios autores galegos. É máis, algúns escritores galegos pasáronse ao castelán nas súas crónicas, e algúns xornalistas que quixeran redactar en galego non o poden facer.

Aos que decidiron escribir en español non lles vai tan mal, ¿non? Teñen todas as universidades Menéndez Pelayo e Institutos Cervantes para se lucir. Nas librarías galegas teñen os mellores anaqueis... aos que escriben en galego quédalles esa sección tan pintoresca chamada “Gallego” (así, a granel, onde meten todo).
Mais... cando se queixan é que se cadra a conciencia... xoga malas pasadas

Xosé M. González dijo...

Aínda que xa un pouco tarde, cumprindo o prometido pego o artigo meu que hoxe (24 de outubro) sae publicado no diario El Progreso. Longo é, pero se interesa...


LITERATURA E GALEGA

Estes días de atrás, unha lucense de orixe, actualmente con veciñanza madrileña, foi galardoada nun certame literario de sona. Coincidiu o feito coa mención -honorífica, xaora- doutro escritor, residente en Lugo, na mesma convocatoria. Lin a entrevista ao segundo, bastante suxestiva e discreta. E varias declaracións da primeira, onde certa queixa, non especialmente amarga, dá lugar a titular avultado e igualmente groso comentario de man allea.

Nunca fun presentado a Marta Rivera; porén, como sei ben quen é o pai, coñecín a nai, lembro ben a súa figura e -se a memoria non traizoa- vela acompañada de nenos, probablemente temos coincidido no contacto diario que aos habitantes desta cidade nos é tan inevitable como familiar se volve. Obviamente, e non porque eu o diga, Rivera de la Cruz é tan luguesa coma min, e polo tanto galega. Galega e escritora que, ende ben para ela, ten no escribir a súa profesión e modo de vida.

Ha de ir para cincuenta anos, desenvolveuse nun diario compostelán (o vespertino La Noche) episodio senlleiro dunha recorrente discusión. Que é literatura galega, quen escritor galego? Daquela,entre outros, facía un xuvenil Méndez Ferrín as súas primeiras armas como autor e polemista, e as palabras que lembro vagamente, antes como ideas ca no seu teor material, cando lidas foran para min lúcido encontro. Desde tales inicios un acaba desenvolvendo o propio pensamento, dándolle mellor ou peor compostura. E tras vinte e tantos anos como profesor de literatura -actividade e treito que deben dar lugar a algunha reflexión- no espiñento entrelazo de arte de escribir e natureza do artista distinguiría eu tres posicións de partida sen pretender exhaustividade: o que nace hispano e non escribe en castelán (José-Maria de Heredia e Les Trophées constituirían exemplo eximio); o non español de nacionalidade e lingua, pero que trata tema e constrúe historia española (Ernest Hemingway e To whom the bells toll son máis ca frecuentada mostra); o que, veña de onde veña e viva onde viva, compón no paladino román ou lingua cervantina: pode ser un Joan Boscà, Jorge de Montemor, Cecilia Böhl de Faber, Camilo José Cela.

Nos lugares ata onde eu cheguei ninguén discute a natureza poética francesa do santiagueño, o carácter norteamericano do forxador de guerrilleiros nin a integración no sistema literario español dos catro últimos citados. Adoitan aceptarse tamén a eventual mestizaxe, pertenza dúplice ou múltiple de xentes que, en exercicio de persoal designio ou a forza de avatar imposto, fan servir máis dun idioma no corpo extenso da súa obra, por caso algún dos anteriores. Unha lingua, varias linguas; unha literatura, máis dunha. Correlación útil e significativa que, coma calquera taxonomía baseada en criterio obxectivo, aínda que de elección, non debe implicar nin ser tomada como ofensa.

O lector avisado ben entendería a miña escolla de nomes e títulos, cando pola intención ben podía recorrer a Torrente Ballester, Aubrey F. G. Bell ou Ursula Heinze. No ronsel remoto daquel Méndez Ferrín, desexo patentizar un pensamento que, na evidente retórica, leva o seu aquel de esixencia: ignoro por que o válido para español, francés e alemán non se ha de aplicar a suxeito ou obxecto do meu país e linguaxe. Galego e escritor equivale ás veces, na expresión corrente, a escritor galego; pero a teoría literaria peneira máis, de aí que se lle chame literatura galega, inequívoca e xeneralizadamente, á que se plasma en idioma galego.

Ora ben, iso non toca necesariamente o interese nin as cousas do corazón. Tráiase a Lugo a Marta Rivera se, como supoño, unha conferencia dela tería público e suscitaría expectación. Pague, no seu caso, caché ou honorarios quen, manexando orzamento, decida aplicalo a tal fin. Outra cousa é reclamar ou botar de menos que o faga a universidade; entrarían aí algúns factores -selección de contidos académicos, avaliación artística, semántica da industria cultural (ou valor indicativo dos premios literarios)- que esixindo prudencia desbotan tanto a resolución rápida coma o xuízo lixeiro.

Xuízo lixeiro... Confeso o porqué principal, auténtico leit-motiv do presente desafogo: ando máis ca farto de que a culpa de presuntas desatencións a leve a literatura galega; e de que, a forza de pluma veloz, tedioso e inxusto lugar común, teña cabida a idea de que eu, profesor de literatura galega, se cadra inclúo entre os meus cometidos o de difusor de bodrios ende mal xenerosamente subvencionados.

Algunha prensa de hai oitenta anos culpaba os galeguistas (meus pobres) de parte substantiva no atraso do país. Arestora, coméntase que os cartos peor gastados son os destinados ao galego. Vou contradicir. A literatura galega é produto rico, fráxil, precioso e Galicia non se debe permitir o perdelo. Necesita, merece amparo social e económico, ambos en maior medida cá presente. Este sistema construido a forza de abnegación, contra o aparente sentido da historia, resistíndose a dar por boa a lóxica macroeconómica, require agora o apoio infraestrutural e público que secularmente lle faltou.

Marta Rivera de la Cruz, e outros, escolleron e escollen como instrumento unha lingua de longa tradición académica, fornecida con experimentada ferramenta escolar, aparello de estado, abano de gratificacións e mercado longamente cimentado; como consecuencia, algúns (os máis afortunados) poden vivir do que escriben e non hei ser eu quen os reprenda por iso. Desexo, si, facer ver que nin Paco Martín, Darío Xohán Cabana ou Xosé Miranda (de Lugo os tres) tiveron nin teñen esa oportunidade; non a ten un autor coma Xabier Quiroga. É raro encontrar quen lles negue o valor a estas figuras maiores. Reivindico eu aquí os menores, pido apoio e acollida para tal humus de toda literatura, base imprescindible na construción e sustento do edificio. Ou é que é o mesmo Godínez ca Lope, Pérez Reverte ca Ramiro Pinilla, Maruja Torres ca Vázquez Montalbán?
Xosé M. González

marcos valcarcel dijo...

Interesante artigo, Xosé Manuel. Sen dúbida o utilizar exemplos extraestatais (fóra de España) fai máis comprensible o problema a quen non quixo ata agora entendelo. Por outra parte, os autores lugueses que ti citas son todos de primeira fila e non andan a chorarse, que eu saiba, de falta de atencións Padornelo adiante.