18 oct. 2006


O Noivo da morte.
(Pan por pan mércores 18 outubro)
O berro de “¡Viva la muerte!” non naceu en 1936: esas palabras xa as usara Millán Astray para recibir os primeiros lexionarios en 1920. Menudo personaxe! Entre os seus méritos, figura ser o mestre en transmitir a crueldade e a brutalidade a Franco e ós africanistas. Os seus soldados recibiron a Primo de Rivera en 1926 en Marrocos con cabezas de mouros cravadas nas baionetas. Críase un aventureiro como o poeta Gabriele d’ Annunzio e hoxe falan del os historiadores como dun pallaso histriónico. Mutilado e consumido polas feridas de guerra, repartía fotografías e bicos como un Don Juan de opereta. Daba grandes discursos animando ós lexionarios a morrer. Non sempre moi oportunos. Segundo conta Paul Preston, recibiu así ó primeiro grupo de alféreces provisionais en 1937: ¡Alféreces provisionales de hoy! ¡Cadáveres efectivos de mañana!.
(Imaxe: Franco e Millán Astray, dous que tal bailaban)

10 comentarios:

Moralla dijo...

Encántame a última frase. Os que tanto levantaban cabeza, brazo e orgullo con carauta, non eran máis que cadávares andantes agochando espíritus baleiros.

Anónimo dijo...

Cando ao impulso tanático se lle tira o eros queda algo espantoso e feo.
Por certo permitame señor Marcos que me salga do tema, pero estou recollendo algunhas opinións:
Que lle parece a vostede a pretensión salomónica do señor Romeu?
Marcialg

marcos valcarcel dijo...

Saíndo do tema e para Marcialg, como solución a nivel individual e en certos usos non me importaría eliminar o artigo: a fala é incontrolable e non se pode ser demasiado purista nisto; pero creo que o nome oficial, nas institucións, non debe cambiar, pois sería unha cesión absurda renunciar a un dereito que ofrece a lei (os topónimos en galego).

anómimo político-cultural dijo...

Juan José Millás publicara no verán un comentario desta foto que era absolutamente maxistral.

marcos valcarcel dijo...

En efecto, APC, como case todos os comentarios de J.J.Millás: para min un dos mellores columnistas españois de hoxe (o mellor?).

bouzafria dijo...

Algo asombroso de Millán Astray, tamén seguindo a Preston, era a súa relación coas mulleres: matrimonio casto con Elvirita, e porén, moitas amantes (mesmo Celia Gámez, non si?). A conclusión que saquei eu da lectura sobre Astray era a dun tolo perigoso pero sorprendente polas arroutadas extravagantes. Canto me gostaría pensar que aqueles tempos son definitivamente lonxanos...

marcos valcarcel dijo...

Mañá volveremos cunha nova entrega sobre Millán Astray: a cara máis cutre do fascismo hispánico, sen dúbida. Tamén podería ser un personaxe de película: Preston conta, como ti dis, o do matrimonio casto con Elvirita, que só lle contou despois de casar que nunca tería relación sexual con el. Imaxinan a escena en clave cinematográfica: o lexionario sacando a súa roupa, demacrado, e Elvirita contándollo... Sería maxistral!!

Silvio Falcón dijo...

Abusando da túa benevolencia... Algún día poderías falar (ou proporcionarme información) sobre por qué (en termos xerais) o republicanismo en España nunca triunfou... Bueno, se me dis porque había persoas como Mola, Millan Astray, Queipo de Llano e Franco pois entenderíao.

A cuestión é que en Catalunya, no Bacharelato faise un traballo con tema libre no que tes que investigar sobre algunha cousa. É un 10% da nota do Bacharelato. (Por certo, outra cousa máis onde nos levan ventaxa).

Pois eu trato estes temas, franquismo, represión, etc. pra explica-lo republicanismo. Así que todo o que poidas publicar nesta liña agradecereicho.

Saúdos Marcos

marcos valcarcel dijo...

nON SEi moi ben, para Silvio Falcón, se te refires ó fracaso do republicanismo como organización ou ideoloxía ou ó fracaso da Segunda República como réxime. Para o primeiro caso, hai estudos, entre outros, de historiadores como Ocatvio Ruiz Manjón e de Avilés Farré para o republicanismo de esquerda nos anos 30 e a excelente biografía de J.Álvarez Junco, Lerroux. El emperador del Paralelo. Sobre o fracaso do réxime a bibliografía é tan extensa que non collería aquí: recentemente o Babelia publicou unha especie de Estado da Cuestión, ademais é unha bibliografía que se reactualiza sen parar. Pero sobran títulos: P.Preston, J.Tusell, Santos Juliá, Reig Tapia, Ramírez Jiménez, J. Aróstegui, A.Elorza, Mercedes Cabrera (a ministra)... e un longo etc. (sen entrar nos estudos das nacionalidades ou locais-comarcais)

Silvio Falcón dijo...

Grazas