1944: Sempre en Galiza
Na miña serie dominical en Galicia Hoxe, Cen Anos de Historia Cultural, tócalle hoxe ó ano do Sempre en Galiza e do Consello de Galiza. Tamén foi o ano de grandes libros de Seoane, Lorenzo Varela, Emilio Pita, Otero Pedrayo, etc. E o da creación na Galicia interior do Instituto Padre Sarmiento. O artigo completo aquí. Tamén recomendo a reportaxe que trae o "Lecer" sobre a pervivencia dos símbolos franquistas no país, de R. Candal, co listado de nomes franquistas imposto na Coruña: agora deberían publicarse tamén os das outras cidades galegas.
Foi un ano importante para Galicia, o 1944, sobre todo dende a perspectiva da Galicia exiliada. Foi o ano do Sempre en Galiza, de Castelao, e da creación do Consello de Galiza. O ensaio de Castelao, que tanta pegada había deixar na historia do país, apareceu na Editorial As Burgas, do Centro Ourensán de Buenos Aires. Redactado durante varios anos (iniciado xa no seu desterro en Badaxoz), Castelao fala neste volume como voceiro do galeguismo político e diríxese como tal ós "irmáns galegos" e ós "galegos todos", mesturando o acento persoal dalgunhas páxinas cun enfoque máis obxectivo noutros capítulos. O ensaio, que percorre boa parte da historia de Galicia, deixa o seu testemuño, para vindeiras xeracións, do que foi a experiencia do galeguismo republicano e a loita polo Estatuto de Autonomía, denunciando a cotío as limitacións dalgúns republicanos españois á hora de atender as demandas galegas. Marca tamén o que foi o Castelao dos últimos anos, que morrería sendo republicano e nacionalista, e a súa convicción da necesidade dun Estado plurinacional e confederal no que Galicia puidese acceder a un autogoberno pleno. É tamén, como teñen sinalado algúns autores, un libro xeracional en canto moitas das súas teses parten do legado conxunto do galeguismo republicano (Bóveda, Villar Ponte, Risco, Otero Pedrayo, etc.) ou doutros pensadores galeguistas anteriores ou federalistas (Murguía, Brañas, Pi i Margall). En América a obra foi recibida con entusiasmo e esgotada en pouco tempo a primeira edición, segundo H. Monteagudo; na Galicia interior, entrou de vagariño e clandestinamente, converténdose nun elemento fundamental na formación das novas elites nacionalistas.
Por outra banda Castelao quería manter a representatividade xurídico-política dos galegos no exilio. Dende inicios deste ano, animado polo lehendakari J.A. Aguirre, mantén contactos con Lois Tobío para constituír un organismo onde se integrasen os deputados elixidos por votación democrática en 1936. O 15 de novembro fúndase en Montevideo o Consello de Galiza, presidido por Castelao e integrado polos deputados Elpidio Villaverde, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos. O Consello uniría as colectividades galegas do exilio e sería "centro neurálxico da maior parte das actividades políticas" do galeguismo (Rei Romeu), marcándose como obxectivos a recuperación da legalidade republicana e o restablecemento das autonomías nunha futura república federal. Nesa mesma liña fúndase en México, a finais de ano, o pacto Galeuzca, inspirado nas alianzas dos anos 30 e subscrito polo Consello de Galiza, o PNV e o Consell Nacional de Catalunya creado por Pi i Sunyer; este pacto supuxo unha inxección de forza inesperada para o galeguismo do exilio, pero tamén un certo illamento deste sector do resto da oposición republicana galega e española en xeral (Núñez Seixas). Mentres tanto, no exilio interior, o PG pasaba a integrar a Xunta Galega de Alianza Democrática coas seccións galegas da CNT, PSOE, UGT e agrarios.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 1 semana
23 comentarios:
Unha sinxela pregunta. Dado que o cita como autoridade no artigo, que obra ten Rei Romeu sobre o Consello de Galiza? Agradecería a referencia, porque descoñézoa.
A cita é literal e por iso figura o nome do autor (Rei Romeu): trátase da biografía de Castelao que publicou "A Nosa Terra", pero eu diso tampouco chego a deducir que iso signifique que eu presente a determinado autor, sexa o que sexa, como "unha autoridade" nese tema: trátase dunha sección divulgativa, máis baseada en datos e datas e cronoloxías que en interpretacións.
Aclarado. É que como sobre o Consello de Galiza -parécemo a min- non hai un estudo actualizado, pensei que ese autor publicara unha monografía sobre o mesmo.
Como tampouco se sabe apenas nada da Xunta Galega de Alianza Democrática, unha das primeiras plataformas da oposición antifranquista á marxe da loita guerrilleira. A min contoume Borobó que el fora, en representación do PSOE, á primeira reunión dese organismo, celebrada en Santiago, nun piso do Preguntoiro. Foi alí onde Borobó coñeceu a Ramón Piñeiro, quen acudiu polo Partido Galeguista.
O Consello de Galiza foi o fracaso máis estrepitoso e máis exitoso do galeguismo político. Explícome. Fundado na casa de Rosita Puente -aínda que se puxo Montevideo, onde logo se presentaría- non logra reunir a máis de tres ou catro deputados que eran dos que máis desconectados estaban da actividade política daquela.
Creo que había trinta e tantos deputados exiliados e, sinceramente, o Consello creo que foi unha roupaxe máis da fracción que seguía a Castelao do galeguismo bonaerense. Se cadra era preciso ese aire goberno exilio, pero distaba moi moito de selo.
Moi curiosas as cartas de Seoane, etc, que en varias ocasións lle escriben a Del Riego dicindo que aquel organismo non ten razón de ser, etc. e que se poñen ás ordes do PG do interior...
Os líos do exilio eran terribles, e a relación cos emigrantes -EBA e LS, por exmplo- nada fáciles. A inoperancia do Consello vese en multitude de ocasións. Cando xa se ve que a cousa non vai cambiar e qeu non son interlocutores de ningún poder democratizador en Espsña, deixa de ter razón de ser... Coa morte de Castelao, por exemplo, dedícanse á "santificación" do lider morto e deixar baleira a súa "cadeira presidencial"... o que de feito,era renunciar a seguir facnedo política...
Creo que naquela altura, non tiñan moi claro iles onde acababa o Consello, a Irmandade, ou o propio Centro Orensano.
Porén, foi un éxito porque, dalgún xeito, foi recoñecido pola colectividade menos politizada como un referente neutral ao que mesmo lle ían cos seus problemas para que mediase...
Os informes que figuran nas actas, de Beito Abraira, Rodolfo Prada, son moi inxénuos. CAndo viña algún aquí, os uqe entendían de política eran os Piñeiro e o seu grupo. E marchaban ilusionados co ben que vían a Galicia -leanse as cartas de Castelao a Aguirre, por exemplo onde refire que acaba de chegar de Galicia quen lle informa do ben que vai a economía do pais.
Por certo, as actas do consello, na súa última fase, dos anos sesenta, están na Biblioteca do Parlamento, onde as entregou o seu último depositario Pepe Calzado, grazas a unha eficaz xestión de Vitorino Núñez. Tamén están os libros de contas, etc. Isaac seica ten moita cousa tamén.
Compría ese estudo frío do tema.
Teño entendido que na recuperación desas actas, creo, algo tivo que ver tamén un tal Afonso Monxardín, que gusta de andar por América sempre que pode...
Efectivamente, o Consello de Galiza foi un fracaso entre outras cousas porque o primeiro que o tiña que recoñecer, o chamado "PG do interior", non o fixo así.
En todo caso, e falando de fracasos, o maior foi o do propio PG do interior, que "foi desaparecido" de alí a uns anos. E xa que se saca o tema da edición do "Sempre en Galiza", cando as primeiras edicións clandestinas desta obra chegan a Galicia non serán precisamente os galeguistas do interior os seus maiores propagandistas. Se as novas xeracións non se espabilan un pouco e procuran o libro, nin se sabería da súa existencia daquela.
Algo fixen pero pouco.
Depois de localizar o material nunha miña estancia alí, enteirado pola TV de que Vitorino estaba en Bos Aires, mandeille un fax ao Hotel aproveitando que o seu secretario era Alfredo Cid -o irmán de Alfonso Cid, do comité anti-sida, que estes días anda neste blog- contándolle quen o tiña e a posibilidade de recuperación.
Así pois, todo o mérito foi del por ler o fax e xestionar. Eu só lle levantei a lebre.
Sobre o fracaso do Consello.
Creo que nada se debía ter feito sen consultar previamente aos do interior. Os galeguistas da II República eran uns señoritos que non tiñan nin idea de como se podia actuar na clandestinidade. Lean, por exemplo, o que deles se dicía en Mi Lucha dos socialistas de Ourense ou no despiadado "Anecdotario de la falange orensana". Señoritos comprometidos cun país no que só eles crían naquela altura e que, sobre todo, traballaban na cuestións cultural.
Así pois,a cada un o seu. O traballo político de Piñeiro e os seus, foi promover a cultura galega dentro da tolerancia do réxime... ¿Non foi iso política? Sen dúbida. Da fonda e trascendente. Non é que non houbese que facer outra cousa, pero eles non sabían nin tiñan ningunha posibilidade uqe non conducise á marxinalidade máis espantosa. Por iso, cando en 1949 Otero fala en galego diante das autoridades está facendo política aínda que fale de Valentín Lamas Carbajal. Por iso, cando o público se pon en pé e aplaude varios minutos seguidos a Otero antes de que fale nun acto no Instituto, nese 1949, está facendo política.
Imaxinemos que o grupo Galaxia non se chega a decidir pola actuación cultural e segue actuando só nun PG residual só na política ata que cambiasen as tornas... Se cadra se estiñaba a fonte do rexurdimento. Facer todo non podían cando eran catro gatos. O único que se lle pode botar en cara era a propia desparición absoluta do nome PG coa imposibilidade de recuparalo, seuqerea depsois da morte de Franco. Pero tamén aquí, creo que Piñeiro acertou co tema de abrir o galeguismo a todos os partidos para non fose unha idaa máis en liza, senón a idea de todos. Se só o PG chega defender a idea de Galicia, seguro que nin Lei de Normalización Linguistica, nin farrapo de gaitas.
Se Bieito Abraria dicía sempre en Bos Aires uqe o galeguismo exiliado cabía nun taxi, en Galicia case tanto era naqueles 40 e 50.
Recoñezamos aos avós. E se non eran guerrilleiros, non por iso eran menos románticos, valentes ou apreciables.
Concordo basicamente co señor Asian Damos, agás co primeiro parágrafo.
Parece os meus puntos de vista teñen poucos apoios. Se cadra tamén aquí chegou o novísimo revisionismo histórico. Pois non, non estou nada de acordo co que di vostede, sr asiadamos. Así andamos, efectivamente, e así nos loceu, nos loce e nos locerá o pelo. Serei breve. A realización cultural do piñeirismo foi aceptable, aínda que dirixista no peor sentido da palabra, sobre todo ao comezo, ata que se formaron as asociacións culturais. A sús realización política foi nefasta. Con ou sen mesa camilla, aos partidos estatais interáballes por volta de 1976 darse un berniz galeguista e tira para adiante. Velaí os resultados: período 1982-2005. Quen gobernou Galicia? Os galeguistas? Fíxose o PSOE galego máis galeguista co paso dos anos (Rodríguez Pardo, Presedo, Laxe, Vázquez, Caballero...)?
O piñeirismo partiu sempre dunha visión derrotista, pesimista ("o país é o que é"), de desconfianza ante a política. Que foi da súa idea de que unha Europa unida eliminaría os estados e se configurarían unha serie de "comuidades básicas"? Profético, eh!
As consecuencias do piñeirismo? 20 anos de "galego coma ti". E para máis inri, cando se recuperaron as institucións culturais, foron controlados pola Xunta, ou máis ben deixáronse controlar.
Prezado Marcel:
Aínda que hai cousas escritas (e algunhas de calidade), aínda está por estudar detallada e acaidamente o que significou historicamente Ramón Piñeiro e iso que se deu en chamar, case sempre desprezativamente, "piñeirismo". Xa que logo, non pode haber ningún "novísimo revisionismo histórico".
O que si houbo -e, polo visto, aínda persiste- foi unha especie de "lenda negra" anti-Piñeiro, que prendeu en moitos sectores, e que foi creada por ex-membros e membros da UPG (entre eles, Ferrín e Paco Rodríguez, co apoio posterior do "segundo Beiras").
Esta lenda, na miña opinión, era, en moi gran medida, falsa, nesgada, politicamente interesada e humanamente inxusta. É esta "lenda negra" a que se comeza, timidamente, a revisar.
Daquela, non comparto que todos os males de Galicia (o fraguismo!) sexan consecuencia do labor de Ramón Piñeiro. Nin moito menos, estimado amigo.
Estimado amigo político cultural,
eu creo que é precisamente a lenda do "santo barón" Piñeiro a que esá a sufrir cos embates do tempo, e que aínda os seus máis aguerridos haxiógrafos empezan a sacarlle cousas, como se di coloquialmente. E isto independentemente do que nos conten outros "santos barones", interesados en ocultar, pro domo súa, os seus propios erros (cometéronos a mans cheas).
E aínda máis, constato que as teorías políticas de Piñeiro caeron no esquecemento. Son irrelevantes. Todo o contrario das do sr Rodríguez Castelo, que están máis vivas que nunca (neste foro referénciase constantemente a súa obra). Vamos, que non hai "color"...
Vostede di: "non comparto que todos os males de Galicia (o fraguismo!) sexan consecuencia do labor de Ramón Piñeiro". Eu nunca tal dixen. O que dixen é que R.P (e a persoa que tiña financiándoo detrás, non nos esquezamos dela...) non fixo nada. Dito doutra maneira: deixou facer (aos españolistas) e deixou de facer (a reconstrución do nacionalismo). Ás veces a obra política das persoas hai que medila tanto polo que non fixeron como polo que non deixeron facer.
Prezado Marcel:
Moita ou pouca, mellor ou peor xestionada, a actual autonomía da que disfrutamos é froito, en moi boa medida, dos esforzos de Ramón Piñeiro, García Sabell e outros galeguistas históricos durante os anos da transición, entre 1977 e 1980.
Daquela, só un pequeno sector do nacionalismo (o POG, logo EG; e máis o PG) apostaba pola autonomía. O nacionalismo máis activo (o liderado pola UPG: AN-PG, e demais organizacións satélites) combatían duramente o proceso autonómico e boicoteábano todo canto podía. Isto é incuestionable. Como é tamén incuestionable o papel de mediación que Piñeiro e amigos xogaron para tender pontes entre as diversas forzas políticas que tiñan máis importancia política e electoral (da dereita á esquerda) e que finalmente tivo como froito a aprobación do actual Estatuto. Por se non o coñece, recoméndolle un número monográfico da revista "Grial" de hai cousa dun ano ou así, onde se fala destas cousas. Un Estatuto, unha Autonomía, que hoxe permite cogobernar ao BNG con total normalidade.
Piñeiro non era un Titán, e non se lle poden pedir esforzos que non podía ou non quería facer. Pero deu sempre, desde a súa óptica (non desde a súa nin da miña), sempre o callo polo país, desde estar preso moito tempo nos anos máis negros do franquismo até a transición á democracia. E iso haillo que recoñecer. O que non é óbice para que puidese cometer erros durante a súa longa andaína a prol de Galicia.
É certo que parte da "doutrina" piñeiro xa non é nada. Pero aínda é menos que nada a "doutrina" radical e antiautonomista do nacionalismo daqueles anos.
Supoño que non estaremos de acordo. O que non impide que dialoguemos civilizadamente. Coido que Piñeiro, se vos vise, sorriría compracido.
Reciba unha cordial aperta, amigo Marcel.
Corrección:
Coido que Piñeiro, se nos vise, sorriría compracido.
Supoño que todo mundo sabe quen editou os primeiros libros de Ferrín (dous ou tres), de Paco Rodríguez (un), de López-Suevos (un) e de Beiras (máis de un). Foi Ramón Piñeiro, e editounos en Galaxia. Outro feito incuestionable.
Boas noites a todos.
Perdón por intervir arestora.
"¿Fíxose o PSOE máis galeguista co paso dos anos?"
Contestou con outra pregunta:
¿En que se parece o PSOE de arestora a aqueloutro centralista que xamais usara o galego en ningun acto e que aínda o ridiculizaba,da II República?
Provoco aínda máis:
Paco Vázquez foi o valedor da póla máis autonomista do PSOE cando intentaron os recortes do proxecto de EStatuto pactado en Madrid entre PSOE e UCD e cando se fixeron as manis do Aldraxe.
Dato simple que nos di a historia. Logo descubriu no localismo o seu futuro político. Unha mágoa. Podería ter estado destinado a maiores metas.
Meu Marcel:
Sinalas o fito da fundación das AACC como algo positivo oposto ao piñeirismo. Por susposto que foi algo positivo pois espallaron por Galicia unha semente importantísima... Pero tamén, na miña visión, houbo problemas e erros.
Primeiro: Moitas veces a convivencia entre os vellos galeguistas, por exemplo Xocas e Ferro Couselo, cos novos en lugares como a Auriense non foi fácil.Xocas abandonou a Auriense "política", claramente.
Despois, que a identificación cultura galega consiciente = reivindicación sociopoliticoeconómico nacionalista non creo que acabase de ser positiva.
Andrés do Barro, por exemplo, co Tren, en 1968 ou 69 conseguiu algo inédito, unha canción moderna en Galego que cautivaba as masas. Alvaro Cunqueiro, por exemplo, tiña unha moi forte penetración. As AACC, a escola política de moitos mozos da nosa xeración, foi o lugar, tamén, onde se falaba mal de Casares, Alonso Montero, EBA, etc. etc. e contribuíron a crear unha cultura política á parte -ou sexa guetificada- sen relación de permeabilidade coas demais. De aí o bo do piñeirismo "ensopando" a todas as demais.Non estaba claro onde acababa ERGA, ANPG, e a AACC correspondente. As loitas polo control das AACC era unha parte das loitas internas polo control dos grupos.
A apertura, talante, xenerosidade de miras, etc. do piñeirismo se chega encontrar acobillo ou eco naquelas AACC -que non eran deberían ser órganos políticos- podería ter creado unha cultura pol´tica máis atractiva e non a do 15 % dos votantes.
E todo moi complicado.
Efectivamente, asian damos. É todo complicado. É fácil para nós, nesta mesa camilla internáutica e inter pares, xulgar e ditar sentenza sobre o paso do tempo.
1. Paco Vázquez
Este personaxe descubreu a Coruña, si. Deuse conta ben axiña de que o PSOE na Xunta tiña pouco que facer, e que había Alianza Popular para moito tempo. A Coruña era a vía rápida para quen quería tocar o poder de contado, aproveitando a circunstancia da capitalidade. De aí os ataques furibundos ao que era entón alcalde da Coruña. Por outra banda, cómpre non esquecer que Vázquez non confiaba nos "galeguistas" do seu partido. Aceptounos para gañar a confianza dos do Colectivo Socialista que deran o "enorme" paso de apostar a cabalo "gañador".
[Por certo: enorme a biografía "non autorizada" escrita por Luis Pita e Primitivo Carbajo: "Paco Vázquez: A pegada dun príncipe" (Xerais). Este é un deses casos ben tristes nos que libro ben escrito, documentado e atrevido pasa sen pena nin gloria... porque aquí ninguén le nada].
Asiandamos: ben sabe vostede que o PSOE da República española non ten nada que ver co PSOE de 1977. Entre outras cousas porque o de 1974-1977 case non existía como tal. Os poucos que quedaban do tempo anterior á guerra foron marxinados. Aí están as expulsións que se levaron a cabo no comité do partido da Couruña entre os vellos dirixentes locais. Beneficiados? Si, ese que está pensando. Logo non lle importou rodearse de "galeguistas" pola comenencia.
2. Galaxia vs. Asociacións Culturais:
Ben, o que quería o Piñeiro era facer "Asociacións de Amigos de Galaxia" por toda Galicia. O que querían facer os rapaces daquela eran asociacións culturais (toleradas) e políticas (ilegais). Logo, co paso dos anos, Piñeiro concorreu ás eleccións nun partido político. QUe cada un tire as consecuencias que quixer.
3.- Alguén ten tamén que escribir a historia (non partidista) dos partidos nacionalistas a partir dos anos 70 (despois de que deixasen de ser unha unión de pintores e unha unión de intelectuais, respectivamente). Supoño que se me dirá que é mellor que pase o tempo para ter máis perspectiva sobre esa época, que non hai que ofender a ninguén , etc, etc. En todo caso, para min é ben pintoresco ler, na biografía dialogada dun dos dirixentes do nacionalismo actual, xustificacións para todo: para o non ao Estatuto de Autonomía, para os escarceos terroristas nun momento dado, para a entrada na CEE/UE, etc, etc.
Sr. Proust ou digo Swann: Ten razón que nesta camilla internáutica a touro pasado todos toureamos de marabilla. Podemos, como xente civilizada, charlar, debater, sempre con agrado e sen sangue. A realidade é múltiple e pobre do que pense que ten a razón abosoluta ou que nunca se equivocou. Eu opúxenme á autopista do Atlántico e, menos mal que non nos fixeron caso. Votei non ao estatuto e menos mal que saiu o si.etc. Por iso resulta pintoresco o que di da estrevista de Rodriguez. Se cadra, se non tivese tanto poder, a palabra sería "patético" e non "pintoresco", pero o cesto do país faise cos xuncos que hai...
Sigo crendo que foi boa a idea de Piñeiro de tratar de galeguizar todo desde "Realidade galega" despois do megacarallazo das primeiras eleccións. Lembremos un PSG barrido do mapa, un BN-PG idem.,un PPG-PGSD, nada. Unhas Cadidaturas Democrática Galegas, con todo o apoio progres e sen rañar nada. A Realidade galega era fodida, tamén porque os que máis forza política, máis rúa, máis mocidade, estaban fóra do sistema. Daquela, creo, non había outra alternativa e era boa. Xenerosa co país ao devolverlle a todo el a posibilidade de identificación coa Terra. Custoso a nivel persoal porque nunca´serían figuras erguidas e cantadas pola súa tribo.
No caso do PSOE, insisto. O mesmo podía dicir da dreita pepeira. ¿En que se parecen as forzas políticas galegas de aqueles anos da república e as de hoxe? Nadiña. Todos os partidos se mergullaron dunha benfeitora imaxe de galeguidade esencial (falan galego, queren estatuto, etc)e, por sorte, non hai CEDA, PSOE, etc. vello estilo.
Saúde e falaremos.
sEGUE SEn facerse unha historia seria do que foron as Asociacións Culturais neste país e creo que sería moi interesante: entre elas houbo diferentes matices (unhas máis ANPG, outras proPSg, etc.) e tamén diferentes etapas na súa vida interna, algunhas moi conflictivas. Deberiamos afondar un pouco nisto...
"Figuras cantadas pola tribo", di vostede! "Tribo", por fin sae a palabra! A tribo é moita tribo para ser unha tribo soa, efectivamente!
Ben, que esculquen os historiadores. Mentres, nós, que somos os que lles compramos os libros, agardemos por esa historia do nacionalismo contemporáneo, das asociacións culturais, de cando todos eran/eramos/erades estruturalistas e do clube de amigos da Unesco tamén :-)
A metáfora da tribo non estaba usada en negativo, por favor.
Publicar un comentario