10 nov 2006

¿E se o galego morre?

(Un artigo de Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe, 10 novembro)

Estivo na Coruña un señor que é doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, ademais de portavoz de Unidad Alavesa nas Juntas Generales de Álava e cofundador do Foro de Ermua, e dixo textualmente este célebre catedrático –fíxose eco do aserto a prensa local– que “no pasaría nada si el gallego se muere”. Ernesto Ladrón de Guevara López de Arbina –así asina o profesor– vén á cidade da Coruña, sede da Real Academia Galega, e tan campante o home deixar caer un negro improperio de orde política particularista e cargado de desprezo e indiferencia máxima polo maior signo de identidade da terra e do país que don Ernesto visita. “No pasaría nada si el gallego se muere”. ¿Non pasaría nada, señor Ladrón de Guevara? Seguramente non pasaría nada para vostede, para o seu “eu” tan especial, que sería partidario e capaz mesmo de celebralo, mais si significaría unha traxedia definitiva para a cultura galega, para a identidade de Galicia e, por ende, para a cultura da humanidade. ¿De onde vén, de onde nace ese odio polos idiomas –no caso do galego un idioma francamente minorizado e reducido– que aniña en certos individuos e que chega a adquirir tons de alarma psicolóxica? Visita A Coruña este señor e –sen coidar as “boas maneiras” das que falaba Blanco-Amor– di que se o galego morre non pasaría nada, que todo sería normal, porque que morra un idioma como o galego non importa, que máis dá, tamén morreu o latín. ¿Posúe este político iso que se chama sensibilidade cultural ou simple e mínimo respecto, digamos, por unha creación colectiva, histórica e moderna como é o idioma galego? Dende logo que non. Dada a súa pose mortuoria dirixida á nosa lingua, o que brilla neste señor é todo o contrario do humanismo e da ilustración, coas súas debidas ínfulas imperiais, políticas e totalitarias. Triste e desafortunada a figura de desexar, preanunciándoo, un sepelio. Como di Ralph Waldo Emerson, a lingua é a memoria da historia, e para este señor a nosa lingua, historia incluída, non merece o futuro. Un etnocida en marcha.

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Non sorprenden declaracións así, sabemos desde hai tempo cómo pensan e qué defenden eses grupos e persoas que teñen ampla cancha nos medios madrileños. A diferencia está en que en Cataluña e no País Vasco defenden "el bilingüísmo", pois saben que alí sería moi duro manifestar o seu imperialismo lingüístico de xeito tan explícito. En Galicia contan coa complicidade dun sector con poder mediático e económico, por iso din abertamente o que pensan: nacionalismo españolista en estado puro. O irónico é que estes mesmos son os que despois falan de "la imposición" del gallego. O mundo do revés!

Anónimo dijo...

Non deberiamos esquecer que a cultura vasca tamén é posible sen euskera. Non habería bertsolaris, pero sí case todo o demáis.
Por non falar da cultura boricua en inglés. A lingua é importante, pero non todo é lingua.

torredebabel dijo...

pasaría que quedarían mudas moitas almas que so saben e queren falar nisa lingua. Como tantos e tantos pobos desapareceron cando perderon a sua lingua.

Silvio Falcón dijo...

O video feito no 2005 dentro dos cortos de "Hai que botalos" chamado "O derradeiro" fala desta cuestión: da morte do galego, ou desa hipotética morte se deixamos o noso en máns alleas.

Saúdos

Anónimo dijo...

Prestándolle atención a este tipo de declaracións o único que se consigue é amplificalas e darlles unha importancia que non teñen. Coido que o máis sensato é non entrar ao trapo.

Anónimo dijo...

Causoume certo estupor e indignación as manifestacións dese individuo. Sen dúbida, unha persoa carente de respecto pola diversidade cultural acubillado no seo de víboras xornalísticas madrileñas que non entenden que a diversidade cultural é fonte de riqueza. Quizais as súas cabeciñas non estean preparadas para coñecer outras culturas. Un saúdo

Anónimo dijo...

Eu creía que estas cousas das almas eran máis ben propias destas datas, pero que non se empregaban na discusión intelectual. Pero parece que non.
Convido a ler o poema de Borges: El último lobo de Inglaterra.

Anónimo dijo...

Eis o poema de Borges que o anterior convidado nos invita a ler:

UN LOBO

Furtivo y gris en la penumbra última,
va dejando sus rastros en la margen
de este río sin nombre que ha saciado
la sed de su garganta y cuyas aguas
no repiten estrellas. Esta noche,
el lobo es una sombra que está sola
y que busca a la hembra y siente frío.
Es el último lobo de Inglaterra.
Odín y Thor lo saben. En su alta
casa de piedra un rey ha decidido
acabar con los lobos. Ya forjado
ha sido el fuerte hierro de tu muerte.
Lobo sajón, has engendrado en vano.
No basta ser cruel. Eres el último.
Mil años pasarán y un hombre viejo
te soñará en América. De nada
puede servirte ese futuro sueño.
Hoy te cercan los hombres que siguieron
por la selva los rastros que dejaste,
furtivo y gris en la penumbra última.

Anónimo dijo...

Un dos millores poemas (entre tantos outros grandísimos) de Borges)

Anónimo dijo...

Este tipo de posicións son as menos perigosas para a nosa lingua. Son tan descaradas que o único que conseguen é un rexeitamento frontal e maioritario.
As máis perigosas son as dos que non o din pero actúan en contra do futuro do galego. Destas temos na casa abondosas mostras, non é preciso traelas de Madrid. As que temos aquí son das que temos que coidarnos.

Anónimo dijo...

Unha vez máis, subscribo o que di APC. A misa.

Anónimo dijo...

É que, amigo Etxeokeai, o mesmo ocurría con Paco Vázquez. Cada vez que soltaba unha das súas "lindezas" sobre o galego, xa saía toda a tropa a rebatilo ou a poñelo a caldo. O resultado: amplificabase a súa opinión, adquiría unha relevancia que doutro xeito non tería, e el escangallabase de risa namentres repasaba a súa excepcional colección de cómics. Un tipo listo, un gran provocador, ese Paco Vázquez, que no Vaticano estea por moitos anos.

Anónimo dijo...

Mentres tanto nós aquí con Quin. Agardo que non por moitos anos.