8 nov. 2006



"Galicia", revista de Caracas
(Andoliña 8 nov. 2006)

O Centro Ramón Piñeiro continúa coa súa liña de recuperar as revistas culturais galegas históricas: da súa man sae agora a edición facsimilar do Galicia, revista do Centro Galego de Caracas que sacou dez números entre 1952 e 1954. Dirixiuna Antonio Somoza Outeiral e traballou na súa redacción o escritor Silvio Santiago, o autor de Vilardevós, que asinaba aquí unha fermosa sección titulada "Cartas al Miño". Colaboraron nela as mellores firmas daquela hora: Otero Pedrayo, Delgado Gurriarán, Augusto María Casas, Cuevillas, Manuel Casado Nieto, Álvaro Cunqueiro, Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Pura Vázquez, Franciso Luís Bernárdez, etc. Editaron ademais un magnífico monográfico, a comezos de 1954, dedicado a Castelao.

Publicou o ‘Galicia’ artigos culturais e sociais e novas da colectividade emigrada en Venezuela. Algúns deses traballos deben ser hoxe lidos entre liñas. Por exemplo, os artigos de Alberto Vilanova La Anti-Galicia e Verbas aos galegos sinxelos, con duras acusacións que non explicitan nunca o seu destino: "caverna da mediocridade", "necrófagos insaciábeles", "apetitos materiais", "fobias rencorosas", etc.
Críticas, quizais, a algúns personaxes do galeguismo do interior?
(Imaxes: retrato de Alberto Vilanova e un anuncio da revista, nos anos 50)

5 comentarios:

Etxeokeai dijo...

Un capítulo por estudar, o da emigración a Venezuela.
Desde a viaxe de OTero do 56, á presenza de EBA, de CEF, os líos da Hermandad, etc.
Interante. A ver quen lle mete o dente.

marcos valcarcel dijo...

No facsímile do GALICIA, que sacou o R.Piñeiro, hai un estudo introductorio amplo, como sempre, e un traballo sobre os galegos en Venezuela, 1939-1955, de Xurxo Martínez Crespo, que aínda non lin; este mesmo autor é o asinante do volume "Catro vidas do exilio galego en Venezuela", que tampouco coñezo. A revista é interesante, dende logo, e máis interesante aínda sería afondar qué pasou nesa colectividade emigrante ata o ano 1968, cando os líos de Celso Emilio cos "ananos" da Hermandad Gallega.

wede dijo...

Alberto Vilanova fue un gran intelectual orensano. Desgraciadamente su obra es desconocida por las generaciones actuales. Es cierto que era republicano y que estuvo exiliado en Buenos Aires, donde escribió esa monumental obra "Los gallegos en la Argentina". Vilanova volvió a Orense y cambió muchas de sus opiniones. Esto no lo quieren reconocer algunos "sabios locales" que se empeñan en mantener los dos Orenses, las dos Galicias, las dos Españas. Son unos listillos indocumentados que viven a cuenta del galleguismo y de la memoria ilustre de hombres como Vilanova que, si hoy estuvieran vivos, seguro que despreciarían a esta "morralla intelectualoide". Lean al último Vilanova y convénzanse los incrédulos.

marcos valcarcel dijo...

Gustaríame, amigo Wede, maior precisión nesa referencia a "volvió a Orense y cambió muchas de sus opiniones". A que se refire exactamente? Eu creo que mantivo as súas opinións de sempre, republicanas e antifranquistas.

marcos valcarcel dijo...

Escribín moitas veces sobre Vilanova, e sempre gabanciosamente. En LA REGIÓN e en GALICIA HOXE saiu esta páxina, que agora recupero:
OURENSE, UNIVERSO LITERARIO (26)
ALBERTO VILANOVA RODRÍGUEZ Marcos Valcárcel
En 1931, proclamada a Segunda República, Alberto Vilanova era un mozo de 21 anos, cunha gran formación cultural e entusiasmo republicano máis que demostrado. Era secretario en Ourense de Acción Republicana, o partido de Azaña, que nesta cidade tiña entón escasa implantación e que lograra colocar como deputado propio nas Constituíntes a Manuel Martínez Risco Macías, catedrático de Óptica e Acústica na Universidade de Madrid. Vilanova amosa unha gran inquedanza intelectual e asina no Heraldo Orensano e logo no Heraldo de Galicia as “Efemérides de Galicia”, ademais de entregas de propaganda republicana na sección “Ventanal político”. Apostaba entón Vilanova por un republicanismo federal na liña de Joaquín Pi y Arsuaga e aproveitaba as súas columnas para enfrontarse ós teócratas, militaristas, aristócratas e falsos republicanos. Tamén asinaba en La Zarpa e daba conferencias con Salvador Brugués, presidente ourensán de AR, sobre o fascismo ou a República de 1873 en paralelo cos tempos que eles vivían. En 1934 figuraba como membro da dirección de Izquierda Republicana, que agrupaba ós republicanos de esquerda da cidade. Trala guerra civil a presencia de Vilanova será constante na prensa ourensá e da emigración americana. Colabora en Posío. Arte y Letras (1951-1954), Boletín de la Comisión de Monumentos..., Boletín del Museo Arqueológico de Orense, etc. O Círculo Posío rendeulle unha homenaxe a finais de outubro de 1951, recollida en El Pueblo Gallego e ofrecida por Xesús Ferro Couselo, Luís Fábrega Santamarina e Constantino Añel. En América encontramos a súa firma en publicacións tan senlleiras como Galicia Emigrante, a revista de Luís Seoane en Bos Aires, ou na mexicana Vieiros; nesta última ensaios tan relevantes como “Unamuno en Galiza” (1968), que recolle as visitas do intelectual español polo noso país en 1900, 1903 e 1912, ou “No centenario da Historia de Galicia de Murguía” (1965). Artigos seus apareceron en xornais e revistas americanas como Aquí... Galicia (Rosario, Arxentina), El Diario Español de Montevideo (Uruguay), etc. Volto a Ourense, nos seus últimos anos preparou innumerables colaboracións, a maioría sen asinar, para os diferentes tomos da Gran Enciclopedia Gallega.
Recollo agora a súa opinión sobre a emigración galega en América, tal como lla expresaba a Xoel Gómez en 1985: “Galicia débelle máis a esa emigración americana, digamos que “pobre” no senso material, xa que promoveu a criación de escolas, bibliotecas, de centros culturais, o arranxo de camiños e lavadeiros, ata o noso himno. Foi unha emigración de grandes filántropos. Pola contra, á emigración a Europa non se lle debe absolutamente nada, xa que non se preocupou por Galicia máis que para vir lucir unha posición económica boa, lograda moitas veces de xeitos pouco decorosos, pero non facilitou ningún progreso social para o país. Galicia, coa emigración de América, ten unha débeda pendente, tanto no senso cultural como no material. (...) A Galicia de hoxe véxoa en xeral ben, no que se refire ao labor cultural e intelectual. Hai personalidades cunha conducta recta e insobornable, e nada hai que dicer nese aspecto. Fican, e eso para min ten moito valor, galegos que non practican o galeguismo rentado. Eu lémbrome sempre dunha frase de Vázquez de Mella, cando dicía que había dúas clases de católicos: os que defendían a relixión porque lles pagaban, e os que a defendían gratis. E eu penso que o interesante é vivir e traballar para Galicia. E non vivir e prosperar a conta de Galicia.”
2. OS GALEGOS EN AMÉRICA.
Na Arxentina Vilanova estivo implicado de cheo na vida intelectual, formando na Asociación de Escritores, Artistas y Universitarios (AGUEA), ó carón de Blanco Amor, Núñez Búa, Emilio Pita, Suárez Picallo, etc., e presidindo a comisión de cultura do Consello de Galicia. Foi o responsable tamén das clases de historia na audición “Galicia Emigrante” impulsada por Luís Seoane. Foron moi loubados os seus dous grandes libros publicados por Edicións Galicia de Bos Aires: a biografía de Curros (1953), recorrido minucioso pola súa vida, con capítulos sobre as ideas políticas e relixiosas do poeta de Celanova e os seus escritos como crítico literario, e “Los gallegos en la Argentina” (1966), dous grosos volumes, cun prólogo gabancioso de Claudio Sánchez Albornoz, que percorren con exahustividade a presencia galega en América. Son perto de 1500 páxinas, que van desde os descubridores e conquistadores do século XVI ata autores como Basilio Álvarez, Xavier Bóveda ou Castelao, sen esquecerse do ourensán Ramón Santamarina Valcárcel (1827-1904) “el esforzado civilizador de Tandil”. Outros estudios notables son “La galleguidad del Padre Feijóo” (1965), “El camino de Santiago” (1969), “Giner, la Institución y los gallegos” (1965), ademais de diversas conferencias sobre Luis Porteiro Garea, fundador das Irmandades da Fala; o fundador dos coros galegos, Perfecto Feijóo; a obra de Curros Enríquez, etc. Deixou entre os seus inéditos abundante documentación para un volume encargado por Díaz Pardo sobre “Estampas de la guerra civil”, que non chegou a realizar. El mesmo contáballe ó xornalista Segundo Alvarado: “Fui el único escritor gallego que me negué a colaborar en la prensa durante el dominio franquista por carecer de libertad de prensa. Más que cuidar mi nivel intelectual, he cuidado mis condiciones morales, mi conducta. Yo era el silencioso que únicamente escribía para la prensa americana” (1982).
Nunha ocasión contaba Borges un dos seus soños máis anguriosos, que non era outro que aquel en que soñou un inmenso incendio na Biblioteca de Alexandría con todos os seus valiosos volumes a arder queimados polas chamas. Quizais Alberto Vilanova tivo algún día un soño semellante, pois toda a súa vida foi un esforzo xeneroso en pro do amor ó libro. E así reuniu unha gran Biblioteca de máis de 7.000 mil volumes que se custodia, desde 1984, na Biblioteca da Deputación de Ourense, ó carón das de Blanco Amor, “Ben-Cho-Shey” e Benito Fernández Alonso. Con valiosos fondos sobre Historia, Literatura, América e a Emigración ou a Guerra Civil, a colección de volumes compleméntase con centos de recortes de xornais de todo o mundo, hoxe catalogados en carpetas: segundo nos informou Ánxeles Fernández, só a catalogación de referencias destas carpetas (Temas ou Personaxes) supera as 3000 mil fichas. Todo un tesouro documental para sempre asociado á memoria deste escritor republicano que ós seus 74 anos queimaba as súas últimas horas elaborando valiosas entregas para a “Gran Enciclopedia Gallega”. Sobre a súa vida e obra escribiron Eduardo Blanco Amor, Luís Seoane, Xosé Neira Vilas, Xoel Gómez, Alvarado, Armando Fernández Mazas e Alfonso Mato, que editou recentemente o seu mecanoescrito “Los días históricos de Galicia” (Ed. do Castro, 2002).
3. MODELO DE ERUDITO
Alberto Vilanova Rodríguez nace en Ourense o 5 de xullo de 1910. Ensaísta e profesor de Historia, cursou o bacharelato e Maxisterio en Ourense, facendo logo as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras en Madrid e Valladolid. Desde moi novo militou nas Juventudes Republicanas e no republicanismo de esquerda. En 1936 obtivo o Premio Nacional de Historia polo seu estudio “El Padre Mariana y la historiografía de su época” e o de socioloxía polo seu ensaio “Joaquín Costa o el gran dolor nacional”. O inicio da guerra civil impediulle utilizar unha pensión da Junta de Ampliación de Estudios para traballar co profesor da Universidade suiza de Friburgo, conde Gonzague de Reynold. Finalizada a guerra civil, sobrevive como profesor en colexios privados de Chantada e Ourense (Academia Bóveda), ó tempo que colabora na revista “Posío”. En 1951, cando se cumpre o primeiro centenario do nacemento de Curros Enríquez, o Centro Galego de Buenos Aires organiza un concurso sobre o autor de Celanova, que gaña Alberto Vilanova co estudio “Vida y obra de Manuel Curros Enríquez”, publicado en Bos Aires en 1953. Invitado polo Centro Orensano a dar unhas conferencias, viaxa a América en 1954 e abre así a súa etapa americana ata o seu regreso en 1982. Na capital arxentina comenza a traballar en editoras e moi cedo consegue praza de Lengua y Literatura Galaico-Portuguesa na Universidad Nacional de La Plata. Entre 1956 e 1959 desempeña a cátedra de Cultura Galega no Centro Lucense de Bos Aires e logo diversas cátedras de Historia Medieval e Moderna na Universidad Nacional del Nordeste, no Instituto de Investigaciones Históricas e na Universidad Nacional del Sur de Bahía Blanca. Publica en 1966 “Los gallegos en la Argentina” e é homenaxeado en 1967 en Bos Aires. Volve a Ourense en 1982 e nesta cidade morre o 13 de maio de 1985.