Un problema que ninguén quere lembrar: artigo de Afonso Monxardín
Ceuta e Melilla, con liberdade (Galicia Hoxe 7 novembro)
O afán imperial de España centrado en África despois da perda de América deulle sempre máis dores de cabeza que beneficios. Desde o desastre de Anual a Sidi Ifni. Desde a fuxida de Guinea Ecuatorial, ao abandono do Sáhara. Desde o 18 de xullo á Garda Moura. E desde Perejil aos seus fillos espúreos, os atentados do 11-M. Pois agora Al Qaeda seica sitúa a Ceuta e Melilla no centro dos seus interese. As contas son clarísimas e España debe saber xogar ben as súas cartas. Ambas as dúas son cidades politicamente españolas desde os tempos medievais e africanas por xeografía e por parte tamén da súa historia. Insistir obcecadamente en que son o mesmo que Tordesillas ou Santillana del Mar é un erro que nos pode chegar a custar moito. Queirámolo ou non a evolución deste século foi a de facer coincidir as fronteiras xeográficas do Mediterráneo coas fronteiras culturais. Os gregos de Esmirna ou Alexandría. Os franceses de Alxeria. Os turcos de Bulgaria... todos foron desprazados independentemente de que levasen, como os gregos, miles de anos na outra beira. Moitos españois cremos que hai que procurar solucións imaxinativas ao tema sabedores de que sería imposible de se converter nun foco de conflito. Desde Europa non se entende que España queira negociar Xibraltar e se negue a falar de Ceuta e Melilla. Calquera africano -ou musulmán- mirando o mapa, sente esas cidades e illotes como unha areixa nun ollo. Como sentiría Orán ou Mazalquivir, en Alxeria, españolas ata finais do XVIII en que Carlos IV llelas vendeu aos turcos.
Cómpre centrarse no respecto aos españois e ás súas propiedades en Ceuta e Melilla. En programas de reintegración familiar na península para os que queiran e de garantías para os que permanezan. De cartos, e incluso, claro, ao final, de traspaso de soberanía. Debemos ademais, darlles ás forzas moderadas do mundo árabe elementos de cohesión coa súa xente para que unha causa tan facilmente enconable como esta non sexa bandeira da radicalidade islámica, senón expoñente de que é posible topar solucións polo diálogo e o entendemento. España debe tomar iniciativa agora que ninguén o espera e ir formando á súa opinión pública. Ou prepararse para o peor. E pinta mal. Bastante mal.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
6 comentarios:
Ceuta non é "española" dende tempos medievais como se afirma no artigo. Ceuta foi unha conquista da coroa portuguesa, e desa coroa foi até a instalación da dinastía de Bragança, no proceso que a historiografía portuguesa chama da "restauración"; é nese momento en que Ceuta pasa a dominio da dinastía dos austrias, o que usando un anacronismo se chama "española".
Certamente.
É española desde 1640 en que prefire quedar da parte de España que volver a Portugal nese momento de independencia recuperada.
Independentemente de que segundo o tratado de Monteagudo, 1291, entre Castela e Aragón fixando límites, a cidade quedase para Castela, foi en 1415 que a conquista Portugal e como tal permaneceu ata o momento que dicía...
Todo isto, -o seu, amigo e o meu - non achega nada ao fondo do artigo.
Tanto dá se Melilla foi española desde 1497 e Ceuta desde 1640... O caso é qeu hai que arranxar o tema.
Anexión de Portugal, xa.
Seica teño oído que hai institucións comúns ao mundo nórdico que agrupan Noruega, Suecia, Finaldia e Dinamarca, moi lights,pero existentes. Por iso da irmandade nórica.
Se cadra había que facer algunha dese estilo intermedia entre o estado español e portugués para ise achegando... ou xa o soluciona o mercado cunha integración que os sectores nacionalistas abanean como inxerencias...Vai ti ver, Unamuno.
Non sei
Ceuta e Melilla están noutro continente por unha razón meramente xeográfica. Os argumentos empregados valen para estas prazas africanas vale para toda a Península. Eu sempre agardo que un día Walter Veltroni, alcalde de Roma, pida para sí Lugo. Cántos lucenses non recibirían con alborozo semellante petición.
Nota bene: non existen as forzas moderadas islámicas, como non existen os cregos bons.
Carallo para a razón xeográfica!
Non creo que a percepción europea e, sobre todo española, sexa igual con Ceuta e Melilla -e os ridículos Peñóns de Velez, Aluhecemas, etc.- que con Andalucía.
A xeografía manda moito, e Xibraltar debería ser español. E antes de que se produza outro enfrontamento entre o mundo islámico e España, creo que hai que tomar a dianteira e falar. Creo que algún crego bo haberá e creo que hai xente benintencionada que procura a evolución do mundo musulmán. Doutro xeito veríame abocado a contemplar a guerra de dous mundos como única posibilidade e, de momento, non o creo.
En conxunto creo que mantendo presión, non deixando caer as nosas Vienas,ou sexa Xerusalén e Badgad, aínda podemos arranxar a cousa. Con dificultade, pero facelo.
Publicar un comentario