7 nov 2006


Grial n. 171 (xullo-setembro 2006)

Moi interesante o último número de Grial. Trae un monográfico sobre os Cen Anos da Real Academia Galega (Neira Vilas, X.L. Axeitos, H.Monteagudo, M. Ferreiro, o ourensán Serafín Alonso Pintos) e unha conversa con Xosé R. Barreiro.
Ademais, publica as cartas de Ramón Piñeiro a Basilio Losada e varios artigos sobre o mundo das Bitácoras (de Silvia Canabal, Manuel Gago e Xosé López).

E un interesante artigo de Débora Campos, "Xente ao lonxe", a nosa Torre de Babel, cos resultados parciais da enquisa que nos fixo aos blogueiros hai uns meses (grazas, Débora, polos parabéns que alí nos dedicas a esta humilde bitácora).

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Estou nas Américas catalanas e non teño acceso fácil (ou rápido) ao número de Grial. Polo que parece, trae algunhas cartas de Piñeiro a Losada sobre a normal do galego, a creación do ILG e a Academia (anos 1970 e 71). Sería interesante estudar a influencia que tivo Piñeiro-Galaxia na creación do ILG, na dotación da cátedra de Carvalho e logo na súa defenestración e conseguinte encumbramento do señor da cachimba (ou paipa). Que hoxe teñamos esta normativa nin foi unha casualidade nin se debeu a razóns "científicas" ou "lingüísticas", senón que houbo toda unha estratexia detrás. Se a Academia quería sobrevivir como tal (e o ILG, daquela de recente creación) era porque/para que aprobaran a normativa que temos, a medio camiño entre o castelán e o portugués. Cuestión de supervivencia. Uns anos despois a Xunta ratificou todo, tamén por razóns de comenencia política.

Marcos Valcárcel López dijo...

Hai un artigo de Serafín Alonso sobre a normativa dos anos 70, pero non entra nesas cuestións, quizais porque o autor é moi novo. Pero si deixa constancia da recepción e seguimento daquelas normas e das críticas que recibiron entón.

torredebabel dijo...

Marcos, quen di grazas son eu polas fermosas palabras que ti e outros tiveron a xenerosidade de escribir para ese artigo. Todo mérito é dos entrevistados. E todo agradecemento é pouco.

Anónimo dijo...

Se cadra, o señor Swann se verá sorprendido cando poida acceder ao número de Grial reseñado polo señor Valcárcel, pois poderá decatarse de que as cartas de Piñeiro a Basilio denotan unha clara simpatía -sempre moderada polo realismo piñeiriano- cara ao que chama "as afinidades co portugués", afirmando mesmo que o galego-luso-brasileiro é o "espazo natural" da lingua galega.
En fronte atópase, porén, cun grupo universitario extremadamente "foneticista", ao que Piñeiro chega a atribuirlle certo "fanatismo antiportugués". El intenta templar gaitas e mover a cousa para que se impoña a racionalidade e a sensatez. No plano lingüístico e filolóxico confía plenamente en Carballo Calero, aínda que se dá conta e se mostra temeroso do malestar psicolóxico deste ao ter que discutir eses asuntos cuns rapaces que ata hai pouco foran alumnos del. Un número moi interesante, que inclúe tamén un bo artigo de Henrique Monteagudo e outro, non tan lucido na interpretación pero con informacións interesantes, de X.L. Axeitos sobre a Academia.