11 nov 2006


Máis sobre as cartas dos nosos escritores

A propósito das cartas de Castelao, de novo, e do dito por Anónimo Político-Cultural nun recente fío (Das cartas de Castelao): ten razón APC, os epistolarios non son grandes bestseller no noso mundo editorial. Pero a nosa cultura precísaos. Xa temos poucos, publicados, do XIX (aí están os de Murguía). Dos do XX hai de todo: material importante e material secundario. Pero deben coñecerse. E mesmo utilizarse literariamente. Cousa que ata hoxe non se fixo.
Por exemplo, hai cartas que son pezas literarias que deberían estar nos libros de texto e que deberían ler todos os rapaces da ESO e bacharelato: p.ex. as tres derradeiras cartas de Bóveda, que editara un caderno de A Nosa Terra, ou moitas das de Castelao. Ou algunhas das intercambiadas entre Bóveda, Castelao e Filgueira Valverde (como algunha que recolleu Xavier Castro no seu estudo do galeguismo) ou algunhas de Otero e Risco. Ou outras de Piñeiro. E tamén hainas de moito interese entre as recén publicadas de Del Riego, Carballo Calero, Cunqueiro, etc. E velaí as valiosísimas de Blanco Amor que publicou Neira Vilas (en Ed.do Castro), libro que presentei no Carballiño co escritor e sobre o que xa teño publicado referencias moitas veces: dá un perfil duro e contundente das relacións do ourensán cos círculos culturais galegos daquela hora, en América e na Galicia interior.
No futuro será interesantísimo descubrir algúns epistolarios (Casares, Ferrín, etc.), se se conservan ben. Algunhas achegas parciais a algún escritor desta época (Avilés de Taramancos) depararon xa certas sorpresas.

Mesmo creo que se podería facer ata unha Antoloxía das Cartas dos nosos escritores e que sería un manual útil para achegarse á cultura galega, co alento vivo do escrito dende o rexistro íntimo, en primeira persoa, sen saber que eses textos serían publicados (ou si? Hai cartas redactadas de tal xeito que é difícil non pensar nun receptor colectivo). Aquí deixo o reto: agardo que alguén algún día (quizais Galaxia, amigo Vítor) o recolla.
(Na imaxe, un retrato de Avilés de Taramancos mozo).

15 comentarios:

Silvio Falcón dijo...

Considero que se ten que separar, en certo modo, a persoa do artista. Os epistolarios son unha axuda pra entender a obra de determinado artista, pero, como en todo ser humano, pódense encontrar contradiccións, polo que creo que perde beleza a obra do autor.

O epistolario forma parte do traballo de investigación da vida dun autor, previo á lectura das obras, preferentemente. Bueno, ahí queda a miña opinión.

Anónimo dijo...

1.- Totalmente de acordo con Marcos Valcárcel no que di.
2.- Cantas máis cartas se publiquen, mellor. A Castelao e a outros hai que dalos a coñecer. Iso implicará, necesariamente, desmitificalos, é dicir, sacalos dese santoral inacesible para os non iniciados. Unha vez desmitificados, poderemos aprecialos no seu xusto valor. Dese xeito emerxerán á luz cousas que non sabiamos nin de Castelao nin de xente non tan coñecida, pero que fixo cousas de moito mérito.
3.- Alguén sabe se os libros de Xavier Castro ("O Galeguismo na encrucillada republicana" e "Nacionalimso galego na Segunda República") aínda se poden atopar á venda? Tamén ma gustaría saber onde se publicaron as cartas de Avilés.
4.- Hai tempo fixen unha aposta cun amigo pero ningún dos dous sabemos aínda quen a gañou. El teima en dicir que existen por aí unhas memorias de Otero Pedrayo que aínda están inéditas. A proba que ten o meu amigo é que cando Otero morre, no ano 76, Grial publica uns anacos do que parece unha autobiografía escrita do seu puño e letra. A súa teoría é que ese libro de memorias "está secuestrado". Eu poño iso en dúbida. Alguén sabe algo?

Marcos Valcárcel López dijo...

Para M.Swan: as cartas de Avilés están na monumental biografía que asinara Aurora Marco (Ed. Toxosoutos). O libro de Xavier Castro publicouno a Deputación de Ourense, en dous tomos: non sei se segue nas librerías, pero non teño noticia de que estea esgotado (non o estaba dende logo hai pouco tempo): quizais sexa máis doado dar con el dende a propia Deputación ourensá. Das memorias de Otero, trátase dunhas notas, efectivamente publicadas en Grial, e que xa usamos no noso estudo biográfico-ideolóxico Xosé R. Quintana e máis eu (Ir Indo, 1988); dubido moitísimo que haxa algo máis, porque a estas alturas xa se coñecería, e tamén son escéptico coas lendas dos documentos "secuestrados".

Anónimo dijo...

En efecto, iso dos "textos secuestrados" adoita ser, no 99%, unha "lenda urbana".
O que si é certo que de Otero hai moitos documentos persoais inéditos, sobre todo cartas.
Mais sigo preguntando: Ten interese publicar TODA a correspondencia de Otero coa súa nai en varios volumes? Coido que non.

Anónimo dijo...

Coido que o segundo libro citado de Xavier
Castro ("Nacionalismo...") non existe como tal. El non sería o título da tese que logo se publicaría co primeiro título publicado pola Deputación de Ourense? Este segue sendo un libro imprescindible, mais incompleto e un tanto frouxo analiticamente, visto desde hoxe.

Marcos Valcárcel López dijo...

O libro de Xavier Castro segue a ser imprescindible, creo eu, aínda que só sexa pola cantidade inxente de datos que nos achega para entender o galeguismo deses anos. Quizais, se o libro está esgotado ou cando iso suceda, sería bo (díxenllo nunha ocasión ó propio autor) facer unha nova reedición, algo máis resumida, e con varios apéndices documentais, que sería máis doada de manexar e moi útil.

Anónimo dijo...

O libro de Castro non é que sexa, en realidade, moi longo, pois ten unha letra grande e espaciada. O que é é un armatroste moi pesado, porque ten páxinas moi grosas.

Anónimo dijo...

memorias de Otero Pedrayo que aínda están inéditas. Sabe-se que Otero na sua viagem a América nos 50, perdeu no mar,uma mala na qu tinha vários textos entre eles o primiero volumem das suas memórias "Del noviciado al Ateneo" outras vezes citado "Do Noviciado ao Ateneu". Ficou tao amolado coa desfeita que nao repetiu. Mas certamente quando Fraguas escreve na homenagem a Otero parece estar a empregar algumas notas autobiográficas.

Ainda nao há tanto que se publicou o magnífico e grosso volumem de Hitória da Arte, a Correspondênia na Penzol é enorme e mui variada na sua maior parte por editar. A sua poesia que é genial está ainda por recolher e daria um tominho mui interessante e de certo que existe tal quantidade de artigos dispersos e inéditos que dariam para uma Obra completa equiparável a de PLA. Mas como aló tudo é mera propaganda, há que foder-se...

Marcos Valcárcel López dijo...

Respecto da poesía de Otero Pedrayo, para o último Usuario Anónimo: hai anos que está nese labor, recoller toda a poesía de Otero, espallada en revistas, xornais e cartas e folletos, Xesús Alonso Montero. Eu mesmo dei a coñecer algún inédito oteriano en clave lírica, como o poema a Ourense que me serviu para titular a antoloxía "Ourense, craro río, verde val". Pero apareceron tantas cousas (e as que quedan) que a poesía de Otero ocupará máis dun tomo, supoño; ademais, en varias linguas, non só en galego. Supoño que Alonso segue con ese tema e calquera día nos sorprende coa Poesía Completa de Otero P.

Anónimo dijo...

caro,

Já sei que D. Xesús Alonso lhe prometera a Casares esse volumem de poesia há mais de 12 anos. Nao tinha notícias de que seguira a sério nisso, apenas como um de tantos projectos nas maos do sábio professor.
Eu pessoalmente aguardo que o tire de uma vez, pois as poesías de Otero, para além de Bocarribeira, especialmente aquelas da Serra da martinhá, da outonia, do paso do tempo sao cousa delicada e merecedoras de ediçao de mimo. Nas correspondências a particulares e solta pola prensa há muitas cousas.
Um saúdo.

Anónimo dijo...

Durante moitos meses un equipo de xente moi competente traballou en Penzol con bolsas da deputación de Pontevedra nas 108 caixas de documentación de Otero. Os orixinais das obras, manuscritos, mecanoscriptos, axendiñas, papeis, folletos, recortes, etc. etc. etc. e sobre todo as 33 caixas de cartas, creo lembrar.
Publicar todo? Estou de acordo con APC. Cómpre publicar o interesante, pero todo todo, non.
Hai material para traballar, etc.
O que cómpre, creo, é facer máis "guías de investigador" para os especialistas que darlle luz a todo en tiraxes que só len catro.
Os secuestros de memoria en Galicia son falacias case sempre.
Un mimo agarimoso para a poesía oteriana que queremos ver "con labio de viño novo".
PD/ O mecanoscripto da Historia Universal da Arte, é o úlitmo que ha´bia na Fundaicón OTero Pedrayo... pero en Penzol, queda banstanet cousa. Algunha interesnate...

Marcos Valcárcel López dijo...

Para o Usuario Anónimo anterior (e para todos os lectores/as): Non sei se ten a escolma que eu preparei de poetas sobre Ourense. Por se non a tivese, pego agora o poema de Otero Pedrayo do que falei antes (inédito dende 1932, nun programa de festas, ata o 2001, no meu libro-escolma)

VERSOS DE OTERO PEDRAYO

Ourense, craro río, verde val,
Leda vendima, céltigos outeiros,
Xardís fidalgos, eido petruceal,
Soar de piñeiros.

Erbedelo sombrizo, outa Sta. Mariña,
Cudeiro asoellado, a Loña lavandeira,
Canedo traficante, Seixalbo boa viña,
Coto, e ribeira.

Boa raza, conteste, agasalleira,
Razón seréa, na paseón, laural,
Intelixenza de Feixóo, senlleira.
Verso de Carvaxal.

Xentil mañá das ruas! Latexar
da estrela da serán no ceo malva.
Deitar de fontes no ensoño luar,
Toque da alba!

Pelouriño, as Mercedes, a Barreira,
Prazas do Ferro, a Maor, e do Torrón,
Cruz do Pantrigo, Porta da Eira
Vella canceón!

Santo Cristo na capela dourada,
Veu do mar consoarnos da dór,
Cántalle o reiseñor deica a luzada
Cristo d´amor.

Ponte román, lei, latino
Anel das bodas do Miño
Iris de pedra o arco fino
Camiño!

A Burga, materna lareira
Quenta o esprito cibdadán,
Néboa ardiente, tecedeira
De ensoño levián.

Ourense, ouro. Corazón
Espranza, bondade, tesouro
De amor, agarimo, canción
Ourense, ouro!

Ramón Otero Pedrayo, Con este título, Versos de Otero Pedrayo, apareceron nun programa das festas do Corpus en xuño de 1932 (Publicidade Dorzán).

Anónimo dijo...

Que maravilha de fio.(Bem o blog é mui interessante sempre). Conhecia esse poema. Acho que alhures eu tenho vários poemas de Otero recolhidos de ANT e Nós e doutras partes. Se topo colo algum?

Nao estou tao seguro disso das guías. O material espistolar é sempre especial. Qualquer um que tenha percorrido as cartas a ele e as que dele se conservam sabe que nelas há uma intensidade humana em prosa para além dos dados que se revelam.

E francamente, quem decide "o que é interessante" en falando de Otero ou dalgum dos grandes? Para mim qualquer cousa escrita por Otero (ou por qualquer outro da época) É INTERESSANTE, até as facturas, os membretes, as datas. Nunca sabemos onde vai estar o dado, o contexto, o detalhe feliz que nos faz lembrar algum outro.

Aliás, numa literatura e cultura como a nossa (quase totalmente) dependente das compras institucionais, nao vejo problema "de dinheiros ou público" para editar todo o que haja de OTERO.

Referenciar o que há disperso isso já acho complexo.

Ler lerá quem ler Otero (muita gente nao será).

Um saúdo,

Ernesto Vázquez Souza

Marcos Valcárcel López dijo...

Para E.Vázquez Souza: pode vostede, se quere, colar aquí eses poemas e seguiremos a falar da poesía de Otero. En efecto, todo é opinable, pero no mundo cultural calquera páxina de Otero, epistolar ou publicada, pode ser interesante: non farían o mesmo en Cataluña con Pla ou en Francia con Saint-Exupèry?

Anónimo dijo...

Certíssimo Senhor Valcárcel. Eu estou de acordo. Gostava de ter a Completa de Otero no jeito que se pode ter a de Pla (outra das minhas paixoes).

Das poesias. Há muitos, para além do Himno ao xamón en Pelerinaxes I e as homenagens a del Riego, Filgueira ou X. M. Álvarez Blázquez que penso sao mais conhecidas escolmei estes que nem tenho tempo para escrever mais. Aguardemos ainda por Alonso montero.

Saúde,

Ernesto
Só gostaria de apontar, que também na poesia há um diálogo (em dialéctica) co mestre Valle Inclán. Nao pensam?

- Á serra da Martiñá. ANT, Nº 218, 1/11/25

Serra da Martiñá, baruda terra
Esquiva nai da nordesía ouveante
Miras pasar os sigros sobr'a terra
Eterna e simpre com'o mar bruante.
Gardas na tua concencia misteriosa
A lembranza d'estrelas esquencidas
I-a tua penedia bretemosa
Ve nascer i-morrer as nosas vidas
Com'os lustrigos que na noite moura
Fan os foliós na escura lexanía
Cando o bico do sol tua cume doura
Cando dos vellos pinos a armonía
S'axiganta nas noites de luar
Serra da Martiñá, na tua outura
Está o xenio dos ventos a cantar
Co'a lira eterna da tua pedra dura.
Ourense 1925


- O Pelingrino. Nós Nº 38. 15/2/27

Na esgrevia penedía, tempro da soedade,
Onde chora a pantasma divina da saudade,
Entr'os mornos outeiros deita maina fontela
Con soar de psalterio e refulxir d'estrela.
O probe pelingrino empoeirado, desfeito,
(Un corpo que non lembra a quentura do leito,
E na y-alma aniñadas as arelas da espranza)
Vai car'a penedía con firme seguranza.
No farto chán labrego hai lugares d'abondo,
Quéimase na lareira a frouma con estrondo,
Corre escumoso o viño i-o branco pan da terra
Preside a limpa mesa en compaña da xerra.
Hai leito, lume, acougo; o probe pelingrino
Nin-os olla, levado pola voz do seu sino.
Sua descoberta frente non pensa na fartura
Pois soilo arela a friaxe da domiñante outura.
A carón do camiño estoupa unha fervenza
E nos cotos de xestas comestos pol-a avenza
Cantan loiras pastoras as historias das fadas,
Dos gnomos e dos elfos, con aire de baladas.
Triste camiñante
Deixa teu andar
Ven ôs nosos circos
Riseiro beilar
Nos verdes lameiros
Ao craro luar
Com'as volvoretas
Imos boligar.
Cangado o pelengrino polos aires da serra,
Non escoita as chamadas garimosas da terra.
Á soma d'un cruceiro pensaba un vello monxe
Ó ritmo misterioso das campañas de lonxe
Chega a noite, camiñante
Ven comigo a parolar
E na celda do mosteiro
Moito temos que falar.
Os froitos da miña cencia
Teranche que contentar.
O pelingrino n-ouve a tentación do sabio,
Pois xa gostou dos libros o amargurado labio.
As tremantes estrelas choran na fonteliña
E n-auga estrelecida vai deitando mainiña
As verbas de consolo pr'a probe y-alma núa.
Brinca riba dos montes o novelo da lua...
O pelengrino bica a friaxe do granito
E sinte nos seus beizos os beizos do infinito.
R.


- Canta nos hourizontes a vos nova Ant Nº274 25/7/30

Canta nos hourizontes a vos nova
D'unha leda Galiza confiada
¡A tristura fondal foise pr'a cova:
Orballa lus nos cumes a alborada!
__
Yalma da terra, infinda mocidade
Da raza celta sempre leda e sán,
Nos teus ollos enxoutouse a saudade,
Levas na frente a estrela do mañán.
__
Maus guiadoras da reixa do arado,
Maus que mandades nas ondas do mar,
Maus dos que lonxe do terrón amado
Levan nos beizos galego falar.
__
Aplaudide xuntas no Día de Galiza.
¡A bandeira nosa ondea valente
I-as maus de Sant-Iago con fonda lediza
Franquean as portas d'un trunfal abrente!
R.O.P.

- Balada de outono. (1929) A. de las Casas : ANTOLOGÍA DE POETAS GALLEGOS

A neboeira, a neboeira...Os piñeirales
soñan cegos e pechos na priguiza
da mañán cristaíña xa outoniza
que se fere nos pinchos dos toxales.

Ainda é verde a ramaxe dos parrales,
mais unha loira fada os enfeitiza,
e esperta nos salgueiros a cobiza
de se vestir co-a cór dos milleirales.

Esprito que saloucas na campía,
non intentes curar as túas doores
no orballado raiar d-un novo día...

Non agardes cantar aos reiseñores...
Xa ven o outono na alborada fría
e a neboeira amortaxando amores.


- O quinqué de petrólio. Alba Nº 4 1950?

Cando a yalba enxergou por a fenestra
No teu illó de lus inda bulían
Os átimos teimando mundos novos
E nas prayas do ponto de Lucrecio
Bruante tod'a noite baixo os ollos
Do estudante danzal nacía o consolo
Das rosiñas da escuma... Meu quinqué
Dandy e ironista no salón maorazgo
Onde ecoaba a polémica «De Auxiliis»
E da lampado d'óleo a chama gótica
Queimou boiñas do Sotil Scoto.
Elegante nos días de Balzac,
Progresista ou romántico na aldea
Verde de tradizón do dezanove,
«Faro de Malta», pr'o estudante, duque
E pirta de Elsas e Leonoras
Palidecendo dos esdés do nóumeno
Náufrago na cesura d'aquil verso
Endexamais escrito. Taménsabe
A tua pantalla de asisado xuizo
Do rosete en puzal do prorrateo
Do Foro d'Eiras Vedras, e do sino
Fadal do pazo das valentes trabes
Por pitorreis da Curia peteiradas.
Misia Arandela e o señor Quinqué
Crinolina e carrick Walter Scott
Lembradoiros dos bufos d'Offenbach
N'han de cair co binomio e con Kepler
No esquecimento dos espellos vagos
E pantasmas xiadas, de levita.
Namentras eu vivir, a vela fina
Ten de locir na graza d'arandela,
Ten de chorar seu pábilo co verso
Derradeiro do poema, e da vixilia.
E pros brancos e rosas e dourados
Do quinqué, torre de ilusión fanada,
Dios ha dar graves noites invernizas
Pra que á tua lus, ecléctica e fidalga,
Volva René do amor das Luisianas,
Desenrole Mephisto o manto roxo,
Fúnebre marcha de Berlioz scherze,
Botanice Rousseau, cavile Anthero,
E-a estrela do «pastore errante d'Asia»
Brile para Edgardo no bassalto frío...
Y-ha cinguir o ecuador da tua esfera
Ledo zodíaco de calcamonías.

* *

Velahí un mollo de cravos liberdado in Dorna, Nº 4, 30-5-1982

Velahí un mollo de cravos liberdado
Da dura lei da Morte e triste fado.
Florido no xardín da simpatía
Non sofrirán das xiadas da invernía.
Nin de mágoas dos ares outonizos
Laiantes cando chimpan os ourizos.
Sinxela, relixiosa, lembradoira.
E han frolecer namentres teña vida
O curazón diste vello druida.
R.O.P (R. Otero Pedrayo)
Santiago 30-IX-74