10 dic. 2006

Cen Anos de Historia Cultural: 1946
O ano que naceu o xornal La Noche e no que Castelao foi elixido ministro do Goberno Giral. Tamén o ano en que foi detido Ramón Piñeiro, no que Díaz Castro gañaba nos Xogos Florais de Betanzos ou no que Luís Pimentel presentaba a súa "ars poética" nunha conferencia no Círculo das Artes de Lugo. O artigo completo aquí.

Tamén foi a comezos de 1946 cando, tras unha reforma do Goberno republicano de Giral, co ingreso da dereita republicana e dos comunistas (entre eles Santiago Carrillo), se lle dá entrada a Castelao como ministro en representación de todos os partidos antifranquistas galegos. Antes unha delegación galeguista do interior acode a Francia reivindicando un posto no Goberno para Galicia e propoñendo a Castelao para o mesmo, co asentimento de todos os galeguistas. O goberno republicano no exilio conseguirá o recoñecemento diplomático de moitos países europeos e latinoamericanos e as Nacións Unidas aproban, en febreiro deste ano e por ampla maioría, unha proposta de bloqueo diplomático á España franquista. A prensa galeguista de América mantiña unha posición radicalizada na defensa da República e do galeguismo: “Non, a terceira República non pode ser tan inocente como a pasada. É mester que resolva a fondo os problemas que a impediron perdurar. E o problema principal é o da súa estruturación. Sen a autonomía de Galiza non terá unha base firme e estará outra vez disposta aos ataques da reacción”, dicía A Nosa Terra en abril dese ano. Cando Castelao é elixido ministro afírmase neses medios que “aínda que persoeiro dun partido político, representa a toda a opinión democrática da nosa terra, que vale tanto como representar á maioría do noso pobo”. E tamén se publican protestas moi contundentes contra o Centro Galego por usar a bandeira franquista (“o trapo feixista”), “mostrandolle ao público un falso acatamento da nosa colectividade a un réxime que os galegos repudiamos e odiamos con todos os folgos da nosa alma e con todas as iras do noso peito”. Tamén Xervasio Paz Lestón, co seudónimo Pau de Ferro, critica na revista Alborada a decisión dos directivos do Centro Galego de celebrar a festa española do 2 de maio, suprimida pola República, suxerindo en cambio celebrar a independencia arxentina. Ramón Piñeiro, enviado a París en 1946 para conseguir que Castelao entrase no goberno en representación das forzas galegas (entrou a pé polos Pirineos, guiado polo nacionalista vasco Joseba Elósegui) e para entrevistarse cos nacionalistas vascos e cataláns, volve a Madrid e participa na tertulia dos galeguistas no Café La Granja del Henar. Neses días acode a unha cita política clandestina no Café Pidoux e aló é detido pola Policía. Estaría preso tres anos, ata 1949.

No hay comentarios: