Arco de Triunfo (Lewis Milestone, 1948)
Un cirurxián asutríaco, o doutor Ravis (
Charles Boyer), encóntrase no París de 1938 sen identificación nin documentos, un sen papeis que diríamos hoxe, deportado cada pouco do país para volver entrar ilegalmente. Por casualidade coñece a Joan Madou (
Ingrid Bergman), unha modesta actriz á que salva do suicidio ofrecéndolle apoio e buscándolle hotel, para logo namorarse ámbolos dous perdidamente.
Nese París de rúas molladas, onde chove sempre, pero os cafés están cheos de xente e de ledicia aínda (ata que comeza a ocupación), o doutor Ravis refúxiase tamén do seu pasado: torturado pola Gestapo, séntese culpable da morte por torturas da súa antiga compañeira. Nese refuxio axúdao un amigo fiel, Boris Morosov (
Louis Calhern), que traballa como porteiro dun local ruso. Por suposto, o pasado aparece na figura do antigo militar torturador, nun dos mellores papeis de “malo malísimo” de
Charles Laughton. É unha película amarga, dura, sobre a vulnerabilidade da condición humana. Nada hollywoodiense. E sen final feliz. Catro anos antes a mesma parella fixera a tamén maxistral
Luz de gas (ou
Luz que agoniza, G.Cukor, 1944), tan oscarizada, e amarga tamén pero doutro xeito.
A película está chea de referencias a España e á nosa guerra civil, vista con simpatía polo lado republicano. Nunha escena importante o doutor Ravis e o seu amigo Boris Morosov están xogando ó xadrez no seu hotel e na habitación do lado hai unha gran festa celebrando o Alzamiento do 18 de Julio: escóitase, ben alto, cantar o “Cara al sol…”. Petan na porta varias veces e chegan varios militares españois, franquistas e falanxistas, para que se sumen á festa e brinden con champán por eles. Pero os dous refuxiados néganse con diversas desculpas, nun momento dado teñen que botalos de malas maneiras da porta. Nun momento dado o doutor Ravis di algo así:
“Serán parvos. Están celebrando unha guerra na que están matando ós seus propios compatriotas”.
Difícil condenar unha guerra e o belicismo franquista con tan poucas palabras e tan perfectas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario