20 ene 2007


Faíscas

Que foi daquel rapaz que tocaba a guitarra nas asambleas de Fonseca?

O blog estame a servir para facer novos amigos e amigas, para aprender moito dos contertulios que aquí acoden a cotío ou de cando en vez e mesmo para remexer o faiado toldado da memoria.
Hai uns días Xosé M. González lembraba os anos de Compostela e o seu traballo naquela Nova Canción Galega. Ben, pois, veume á memoria esta anécdota que aquí incorporo para compartir entre todos.
Setembro de 1975. Chegan a Compostela catro rapaces de Ourense, procedentes do Instituto Masculino, con moitas gañas de coñecer o mundo e descubrir novas realidades: son eles Bieito Iglesias (hoxe escritor), Benito Alonso “Roi” (hoxe historiador), Xoán Guerra (futuro sindicalista) e este cronista. Viñamos xuntos do mesmo COU, un ano polémico: as celulosas en Ourense, primeiras manifestacións importantes da pretransición, profesores comprometidos coa democracia e co galeguismo, etc. Tres deles (Xoán Guerra foi a excepción, que fixo pedagoxía), aínda que tiñan vocación de filólogos (e tal lles recomendara nunha ocasión Francisco Rodríguez, que nos impartía cursos de lingua e literatura galega na Auriense), acabaron de historiadores: a razón de tal decisión foi o engado dunha profesora noviña, creo que leonesa, que acababa de saír da Facultade e nos deixaba compartir unhas clases magníficas: debate continuo sobre a historia e a realidade, que se os Irmandiños, que se os Reis Católicos, que se Castelao, etc. (Na mesma clase andaban daquela o Manuel Guede, xa teatreiro entón; Francisco García, futuro alcalde nacionalista de Allariz, e Carballude, o latinista e escritor de literatura xuvenil, que facía o COU en Ourense, residindo no Colexio Menor).
Ben, pois chegan os catro mozos a Compostela e asentan nunha pensión perto da Praza da Universidade e das Facultades de Historia e Filoloxía. Viñan eses mozos dun COU comprometido e habituados xa ás liortas políticas: mesmo se plantexara un boicot ás probas de selectividade, que despois non foi aló (por medo, máis que por outra cousa). Varios deles xa militaban no nacionalismo, en ERGA, e os outros ían de compañeiros de viaxe, facendo o mesmo que os xa militantes, mesmo repartindo polos pupitres o “Terra e Tempo” ou redactando cartas de solidariedade con Paco Rodríguez, desterrado a Cádiz (debeu ser o meu primeiro labor político, sen contar outros alleos ó Instituto, estes na onda de CPS, Cristiáns pra o Socialismo).
Xa en Compostela os mozos se dedicaron a vivir, sobre todo os primeiros meses: bastantes horas de festa, roteiros cotiáns polos viños, noites coas amigas ata altas horas no Barra China, etc. Digamos que se tomaran un descanso no seu activismo político: había tantas cousas novas que atender...! Morre Franco e empezan de novo as movidas políticas. As asembleas universitarias adoitaban facerse aínda nos locais de Fonseca, onde estaba Pedagoxía e, debaixo, Económicas (os mozos eran tan aplicados que, ademais das súas clases de Historia, ían a esta Facultade a escoitar algunhas clases dun tal Beiras, Estrutura Económica creo, e dun tal Suevos, entre outros. E ata tomaban apuntamentos).
Un día, nunha desas asembleas escoitamos falar a un rapaz, creo que era baixiño e tirando a forte de contextura. E escoitámolo recitar, sen tatexar o máis mínimo, o poema “Lingua proletaria do meu pobo...”, enteiriño e ata o remate. A cousa ía do debate do galego e cómpre lembrar que daquela nas asembleas só falaban nese idioma os nacionalistas (logo moitos outros se sumarían ó carro, das diferentes esquerdas). Saímos de Fonseca e dime o Bieito: “Este mozo é de ERGA, seguro”, así, sen dúbidas.
Aquel poema debeu espertar as nosas conciencias algo durmidas e, ós poucos días, non sei moi ben cómo, o Bieito xa contactará coa organización (na Facultade “os vellos e xefes” eran o “Lobito”, Xulio Gaioso, e Sarille, de Lugo, acompañados do santo de Xulio Cuba). E ás poucas semanas os catro mozos estaban xa militando de novo en ERGA, na AN-PG que empezaba a saír á luz e moi logo na UPG. Daquel mozo que recitou o poema só lembro, se non estou errado, que se chamaba Daniel. Logo vímolo moitas máis veces, nos peches de estudantes de Fonseca, tamén tocando a guitarra e cantando as cancións habituais daquela (Celso Emilio, Manuel María, etc.). Non o vin máis e non volvín saber del. Que sería daquel mozo que recitaba “Lingua proletaria do meu pobo...”?

12 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois así, en principio, non che me dou conta. Acontece que eu, entre xaneiro do 76 e marzo do 77 estiven na mili, por Madrid; e despois non volvín para Compostela ata o outono desde mesmo ano.

Se era pequeno, se tocaba a guitarra, non era de certo o Daniel Bernárdez Cancelas, de Moaña, que fora presidente d' O Eixo. Os datos físicos e o musical corresponden bastante ben ao meu compañeiro de curso Andrés Fernández Places; que non só era de ERGA, senón fundador, ou case, da organización.

Estás certo que Daniel sería o nome de pía? Non sería, ao mellor, o nome de guerra? Furguemos.

Marcos Valcárcel López dijo...

Daniel non era, que o coñecín ben, foi presidente do Eixo e compartimos directiva varios anos. Quizais fose Andrés: preguntareille a Bieito. Saúdos.

Anónimo dijo...

O meu informante, Xulio Gayoso, a quen debemos agradecerlle sempre a súa boa memoria, afirma que debe tratarse de Andrés, en efecto, de Vilagarcía. É na actualidade Profesor de Lingua Galega en Vilalonga. E ao parecer ten un fillo, músico de jazz. Hai posibilidade de dar con el.
Por certo, recordos de Perfeuto de Crecente.

Anónimo dijo...

Non sei por que pero soame que o tal Bieito Alonso (historiador) deume clase. Se dá clase en Tui é el.

Anónimo dijo...

Yo también me acuerdo...

Marcos Valcárcel López dijo...

Graciñas a todos (as) por intervir. Seguro que era ese Andrés, que agora é profesor en Vilalonga: o "Lobito" non creo que se equivoque (que excelente debuxante, por certo!): se alguén pode mandarlle os meus saúdos, ós dous, a Xulio e a Andrés, quedareille moi agradecido. Tamén ó bo de Perfeuto que se incorporou ó clan ó ano seguinte, cando dispuñamos de piso na zona nova, fronte á "Porcona" (antes estivemos uns meses noutra pensión da rúa do Hórreo). Con Perfecto veu tamén ó piso Manuel Cao, que agora escribe de economía en A Nosa Terra: algún día falaremos deles nalgunha "Faísca". Por certo, nese novo piso xuntáronse moitas veces o Cumio Universitario da UPG e outras veces outros altos dirixentes do "partido", porque alí vivía Bieito e tiña máis dificultades para desprazarse. Eu, pola miña banda, facía de "secretario informal" de Bieito, porque el era incapaz de gardar dous papeis xuntos: grazas a iso gardo no meu arquivo algúns documentos valiosos daquela época, algúns quizais únicos (para a historia do nacionalismo). E, para Alberte, si o tal Bieito Alonso, chamábamoslle todos "Roi", é o profesor de Tui e que traballa nos proxectos históricos de ANT. Saúdos a todos/as.

Anónimo dijo...

Quen cantaba (moi ben)nas asembleas e no peche de Fonseca era o Andrés. Quen, por certo, era dos primeiros membros de ERGA e da dirección local e nacional, onde representaba a Compostela. Mais nun momento (No 76?)"caeu" parte da dirección e entre eles o Andrés, que foi maltratado na comisaría.Foi aí cando algúns novos nos incorporamos á dirección nacional para sustituílo. No peche de "Económicas" estaba tamén Rodrigo Romaní. Pedímoslle que cantase e dixo (lémbroo ben): home, estando o Andrés... Lembro que Andrés cantaba, como tal, cantigas de José Mario Branco "Os senhores da guerra façem piqueniques e enxugan os beizos no ardor dos despiques" ou "O meu país". Andrés estivo no xantar que fixemos moitos membros de Erga no 2000.

Marcos Valcárcel López dijo...

Deixádeme darlle un saúdo de Benvida por estes lares a Xosé Miranda: algún día contarei algunha Faísca na que el sae, co protagonismo que tivo naqueles días, e espero que non mo tome a mal. Eu tamén estiven no xantar do 2000 pero non preguntei entón polo tal Andrés: en calquera caso, pensei que a súa "xesta" co poema de Celso Emilio era merecedora dunhas liñas.

Anónimo dijo...

No xantar do 2000, o Andrés andaba por onda min, co Daniel Bernárdez Cancelas, Manuel Anxel Xordán, Santi o Catalán e algún outro. Para que vos orientedes, por onde se escoitaba cantar (o "Grândola" e outras) alí andabamos nós.

El o que cantaba moi ben eran as de Raimon ("El país basc", "Per unes quantes hores ens varem sentir lliures" -non lembro o título-, etc). Houbo un curso no que iamos todos os seráns para A Reixa, detrás de Santa María Salomé. Pero vós aínda non deberades chegar a Compostela, porque isto debeu ser o 1974-75.

Anónimo dijo...

Que foi de Tanaka? pregunta Gayoso.

Anónimo dijo...

Quen o sabe. O Tanaka amañara unha moza galega; debeu volver para o Xapón, igual ndá clases de galego aló.

Anónimo dijo...

Bieito alonso deume clase a min que son de tui. Sempre me gustou ese profesor, tiña un xeito autoritario que me encantaba e era moi bo no seu traballo. Encantaríame poder contactar con el ainda que non sei o xeito.