23 ene 2007

pan e coitelo
Galiza, rexión europea do mundo occidental
El Correo Gallego 23.01.2007, de XOSÉ MANUEL SARILLE


Totalmente de acordo co artigo de Sarille hoxe no Correo. Este é o remate:
Definir Galiza a estas alturas como rexión histórica do mundo occidental é unha trangallada que nin nacionalidade histórica é. Esta ocorrencia, talvez buscada ou talvez non, ten como utilidade principal devolver a idea de Galiza aos tempos anteriores á democracia, nos que legalmente só existían as rexións.
Pouco galeguismo é este, que responde exclusivamente ás ordes enviadas desde a xefatura madrileña. Botamos de menos a Fernández Albor, os discursos nos que falaba da nación galega e a súa asistencia ás manifestacións na que se reivindicaba o deber de coñecer o galego. E lembramos a Cuíña, que nunha visita a un partido nacionalista se confesou ao borde mesmo da autodeterminación.

10 comentarios:

Anónimo dijo...

Onte, no programa Hai Debate da TVG, Aymerich dixo que unha semana antes do fracasado cumio de Monte Pío eran optimistas polo manifestado por Xesús Palmou. Dúas "liñas vermellas" tiña o PP a non atravesar. Unha que a referencia á nación non aparecese no preámbulo como afirmación ou recoñecemento do Parlamento e a outra que o tema dalingua non aparecese como deber (o PP teno recorrido en Cataluña), pero que podía aparecer a igualdade xurídica.
Logo "pasou o que pasou".

Anónimo dijo...

Eu cada día estou menos motivado politicamente, de lamento en lamento ata case o silencio. Todo vai marcha atrás.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Sinto repetirme: non se pode deixar un asunto de tanto calado entre tres persoas e con isa parafernalia.
Cando atrancou o estatuto de Catalunya, unha reunión dun día para outro, telefonadas a cotío, negociacións a varias bandas. En fin, tempo e tempo. A xente impacientábase con todo aquilo, porque tiñan ademáis a torpeza de andar sempre coa prensa polo medio. Pero saiu adiante. As comparanzas son odiosas, pero non por seren catalanes os actores da obriña (torpes tamén che foron), senon porque non deron nada por perdido, non tiraron a toalla á primeira de cambio. Contra vento e mareira. Hai que intentalo de novo, porque o problema agora é aínda máis gordo cun impasse de campeonato que non vai permitir facer nada. O estatuto actual podía tirar uns aniños, pero agora non tira de nada: acabou obsoleto o 17 de xaneiro.

Anónimo dijo...

HOME RULE GALICIAN: A TRUE STORY

Sempre nos quedará 1981

por Viriato

Nalgún momento da semana pasada, un húmido día de xaneiro en Monte Pío-Pío. Tres homes, tres amados líderes políticos, tres adalides da galeguidade, teñen unha cita por motivos non sexuais.

T.- Ola Quin, ola Berto. Benvidos á miña humilde morada.
Q.- Ola Milio, ¿que tal a muller?
T.- Uns días mellor e outros peor.
F.- Ola ós dous, ¿os xemelgos ben, Anxo?
Q.- Ben, ben, xa os imos ensinando a durmir á súa hora.
T.- ¿Canto azucre no café?
Q.- Dúas culleradas.
F.- Ninguna para min, pero agradecería un pouco de leite.
T.- Aquí tes… e dime ¿e certo que estás liado con Mar?
F.- Hala, veña, o falar non ten cancelas…
Q.- Pois eu tamén o escoitara, ¿eh, picarón?

(2 hora despois)

F.- E entón o chimpancé travestido di ¡Todos o chan, teño unha almáciga e non temo usala!
Q.- Juar, juar
T.- Bwa-ha-ha, bwa-ha-ha. Moi bo, pero creo que viñemos aquí a pactar algo…
Q.- Si, si. Galiza está pendente de nós.
F.- Je, je. Ése si que é bo, pero xa mo sabía.
T.- Señores, xa saben que todos temos que ceder. Veña, Alberto, comeza ti.
F.- Non, que comece o Quin.
Q.- Ah, non, eu xa abrín a sesión a última vez. Milio, tócache.
T.- Non, non, cede ti.
F.- Non, cede ti.
Q.- Non, ti.

(30 minutos máis tarde)
Todos.- ¡Pedra, papel, tesoiras!
Q.- ¡Merda! Vale, comezo eu. Galiza é unha nación por vontade do seu Parlamento.
T.- Está ben, iso, pero mellor, que sexa “vontade dos seus cidadáns”.
F.- Ah, non, como moito poñemos que a xente ten “Galicia ten un sentimento nacional”…
T- Si, si, claro. Sentimento de nazón de Breogán.
F.- Non metas a Breogán nisto, Milio. É o “sentimento nacional dos nacionalistas”.
Q.-Vexo o teu, e subo a “o sentimento galeguista que nos une a todos define históricamente a Galiza como nación”.
T.- A min váleme, si.
F.- ¡Nin de broma!
Q.- ¡Pois o de nación ten que poñelo nalgunha parte!.
T.- De acordo, ¡e de Breogán!
F.- Vas moi lonxe, alaricano. E non é de recibo.

(Tras unha hora e media)
Q.- Vale, entón, deixamolo en “Os galegos teñen a sensación de vivir no epicentro da cristiandade xacobea e iso lles leva a categorizar o seu país como unha nación se alguén lles pregunta ó respecto”. E que conste que Antón Losada vaime botar a bronca por ceder tanto.
T.- Gústame. Parécese as frases que me escriben para os discursos.
F.- Si, podería valer…
T.- Entón, falemos de suprimir as Deputacións.
F.- Si, claro, para que Baltar se me escinda. Non é de recibo que te pases de listo, Emilio. Deixádevos de minucias e falemos do estatus do galego: “É igual en dereitos ó español”
Q.- Castelán, Alberto, castelán. E será igual en dereitos de deberes.
T.- Eu diría que será igual en rexime xuridico, cuántico e termodinámico, e cada quen que interprete o que lle de a gana…

(Outra hora despois)
T.- Vale, entón. Galego e castelán son iguais nun sentido metafísico, agás para os que naceran no día da Hispanidade.
Q.- Se o repites moitas veces, empeza a soar ben…
F.- Si, non sei, non está mal de todo…
*Soa un móvil coa melodía de Paquito Chocolatero*
F.- É o meu, desculpade… ¿Si? Mariano, hola, ¿por aquí? Pues avanzamos, avanzamos… Sí, pero… Sí, sí, pero… Sí… … … Ajá… Vale, o que ti digas.
Q.- ¿Pasa algo?
F.- Non, nada. Era… miña nai… … é que está mala… si… eso…
T.- Logo sigamos. No da Axencia Tributaria propia xa estabamos de acordo ¿non?
F.- ¡Non! Iso e roubarlle cartos a todos os españois e non penso asinalo.
Q.- Vale, pois vai asinando o da nación e xa o discutimos agora.
F.- ¡Non! ¡De nación nada! ¡Separatistas! ¡Rompespañas!
T.- ¿E o do galego?
F.- Iso ainda menos. Penseino mellor e non vou pactar nada que vos dea pé a facer terrorismo lingüístico. Non quero que se forme un Cidadáns de Galicia e nos quite votos.

(1 hora despois)
Q.- ¡Vale, a tomar polo cu! Ti gañas. Estou disposto a poñer que “Galicia é a nación de Breogán” si con eso damos saído de aquí.
T.- ¡Bwa-ha-ha! Iso xa o pactaches comigo en novembro, Alberto, así que terá que valerche.
F.- ¡Pois non! Non vale. Cambiei de opinión, hala.
T.- ¿E se digo “Galicia é unha comunidade nacional”?
F.- ¡Non!
Q.- ¿Nacionalidade histórica?
F.- ¡Non!
T.- ¿Comunidade autónoma de veciños?
F.- ¡Non!
Q.- Buf, estou farto ¿Tes hora?
F.- ¡Non!
T.- Son as seis e aínda non comimos. ¿Non tedes fame?
F.- ¡Non!
Q.- Si, máis ben. Deixemos de perder o tempo e imos papar un churrasco.
T.- ¡Pero vamos a ver! ¿Estamos ou non estamos nun país serio? Ti, Berto, vas pactar algo?
F.- ¡Non!
T.- Pois logo imos comer churrasco.
F.- ¡Non!, ben, ou sexa, si, pero non o poñades no Estatuto.

Anónimo dijo...

Isto podería ser un reflexo da realidade, pero lingüisticamente carece de realismo. Nin o T nin o Q nin o F saben falar un galego tan culto tal como aquí aparece escrito.
Para lle dar a isto verdadeiro realismo, tería que estar escrito na xerga que falan os tres: o galestrapo.

Anónimo dijo...

Que estatuto para Galicia van preparar estes tres políticos que nin tan sequera se preocupan de corrixir o seu galego?
Falan en público e cometen erros lingúísticos tan graves, que parece que aínda chegaron a Galicia onte pola primeira vez.
Tiñan que botar alomenos un mes nunha aldea facendo un cursiño de galego.

(E tal vez tamén outro de galeguidade)

Anónimo dijo...

Xa que se fala do galego, dicir que non é alaricano, é allaricense.

Anónimo dijo...

Imaxinemos que algúen diga que para aprender castelán haxa que pasar un mes en Burgo de Osma, Rodrigatos de Obispalía ou Villalón de Campos facendo un curso de castelán. Ou que para que un político inglés aprenda o idioma teña que adicar uns trinta días (coas súas correspondentes noites) en Strafford upon Avon ou en Walnut Grove. Pensei que estes prexuízos xa remataran. Para falar galego só fai falta vontade de falar galego e o xeito de falar galego (mesmo o castrapo) non está determinado por nacer nunha aldea.

Anónimo dijo...

Concordo punto por punto co que di -e tan ben dito- Arume dos Piñeiros.

Anónimo dijo...

Eu tamén estou de acordo.
Agora ben, iso non impide a constatación de que o nivel de calidade no uso da lingua oral é inversamente proporcional á súa mellora na escrita: o galego(tamén o castelán)fálase cada vez peor. Os políticos, quitando uns poucos que normalmente son do PP, non o falan peor do que a maioría da xente urbana e rururbana.
O que tamén é curioso é que os que mellor galego falamos, dende un punto de vista "académico", somos os "neo-falantes", agora tamén chamados "adultos nativizados".