24 ene 2007




Nimbos.

Tense dito que os poetas son dalgún xeito os videntes dunha realidade que o resto dos mortais non percibimos coa mesma claridade. E ás veces semella que iso é certo: velaí o coñecido poema de Xosé María Díaz Castro, “Penélope”, que retrata unha Galicia estantía, parada no tempo, en busca dunha esperanza que nunca chega: “Un paso adiante i outro atrás, Galiza,/ i a tea dos teus soños non se move. / A espranza nos teus ollos se esperguiza./ Aran os bois e chove”. Hoxe xa non hai bois na Galicia rural, pero o espírito do poema non anda moi lonxe do que moitos sentimos nestes días: Galicia Penélope seguirá a agardar. Precisamente nestes días Galaxia ofrece unha nova reedición de “Nimbos” (1961), ese excepcional poemario de Díaz Castro. Cada páxina, cada poema, cada verso, gardan no seu seo unha sorpresa que nos cega: “A lus do mundo é a que arde nunha bágoa”.
(Pan por Pan, 24 xaneiro. Ilustra o texto un retrato do poeta e unha imaxe de Frieidrich)

1 comentario:

Anónimo dijo...

Fermoso post.
Xa teño escoitado ese poema,e creo que describe ben o espírito dos galegos, da nosa terra.
Aínda que a pintura de Friedrich sexa extranxeira, en moitos casos reflexa a nosa alma, a do galego, melancólica, romántica, depresiva. A fin de contas, todos somos seres humanos, coas nosas virtudes e debilidades.Branco e negro. Gris. Somos un labirinto de cores que cambia co tempo, coas circumstancias, coa vida.
Ás veces asemella que devecemos por avanzar, mais algo nos paraliza, e 'corremos cara atrás'. Mais eu creo que nas últimas décadas algo esta abroullando na Galiza.
Eu digo: un paso adiante, e outro adiante