30 ene 2007



















Políticos e comunicación.

“Os políticos. se non se ven á mañá no xornal, se non se escoitan na radio ou se a camareira do restaurante onde comen non lles fala do ben que saen na televisión, pensan que morreron. Moléstalles a critica e, o que é peor, máncaos a verdade”: tal declara Lois Celeiro, xefe de comunicación da Universidade de Santiago e amigo de vello. Hai tres décadas era un dos nomes que nun vello piso de Compostela navegaba na nova singradura de “A Nosa Terra” conducida por Margarita Ledo Andión (coa colaboración do artista Pepe Barro e do escritor Bieito Iglesias). Por suposto, ten razón o Lois Celeiro e o andazo afecta a todos os políticos, á marxe do seu carné. Naquela época tamén entrevistou a Fraga e preguntoulle polas autonomías que deseñaba Adolfo Suárez: Fraga “respondeu cunha puñada na mesa, a modo de ameaza, dicindo ¡vostede quere romper España!”. (Imaxe de Rita Voutyla)

5 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Podo engadir aquí: naquel vello piso de Compostela había unha célula (da AN-PG ou da UPG?) que antes da saída de ANT, decembro do 77, funcionaba como Fronte Cultural preparando o novo semanario nacionalista (mesmo hai un documento presentado á UPG neste sentido, que debo conservar). Dirixía ese grupo, con intelixencia, a futura directora, Margarita Ledo e formaban parte del, entre outros (quizais non lembre a todos), o Bieito Iglesias(que escribiría unha tempada en ANT); Pepe Barro, responsable dos debuxos e ilustracións; Xurxo Fernández, deseñador; Galocha; Lois Celeiro, e tamén este cronista que lles fala (que empezou facendo crónicas de cine con seudónimo en ANT: asinaba Loval case sempre. Por favor, non as busquen: defendía sempre o cine social e comprometido, claro). Creo lembrar que por alí andaba tamén, quizais ocasionalmente (ou non? Aínda que unha vez falei ben de "A árbore dos zocos", de E.Olmi, que seica era demócrata-cristián, pero encantárame o alento campesiño da película), o noso contertulio Xosé M. González.

Anónimo dijo...

Ben, lembraches. ANT empezou tendo no cadro de persoal os xornalistas Margarita Ledo, Xosé Ramón Pousa, Antón López Galocha e Xosé López García ("Morgan"); deseñador gráfico e compaxinador, Pepe Barro; corrector, Darío Xohán Cabana. Vaia elenco...

Aos poucos, o Darío deixouno, por razóns profesionais e persoais (tiña que desprazarse desde Lugo), e entrei eu. Metín tantísimo o zoco ao comezo (se vén ao caso, heilles contar unha anécdota grandiosa), que lle pediron, de favor, ao Darío que volvese, e así o fixo durante algún tempo. Despois volvín eu e xa quedei.

Por razóns diversas (a económica probablemente a fundamental, chegou un momento que alí non cobraba nin o cribas; tamén se debeu mesturar, non sei ben, algunha mili pendente), primeiro marchou o Pepe Barro, para Barcelona, e substituíuno Xurxo Fernández; o Pousa, o Galocha e mailo Morgan, e chegou o Celeiro.

O Bieito levou durante un tempo a sección "En poleiro alleo", da que despois pasei a encargarme eu. Ao final incorporeime á redacción, e aló polo 78 ou 79 eramos tres: o Xurxo, a Margarita e un servidor. Despois veu da mili o Pucheiro.

A entrevista máis sonada do Celeiro fora ao Augusto Assía; as condicións nas que se concertou e realizou que as explique el, aínda que do propio número no que saíron están bastante patentes. A historia de ANT entre o 1977 e o 1980 é un poema: épico-lírico-dramático-satírico-alegórico.

Anónimo dijo...

Por certo: no inicio, a redacción de ANT estaba nun entrechán na República de El Salvador. Pasou ao "vello edifico" (o da Rúa da Troia, ¿non?) máis tarde.

Marcos Valcárcel López dijo...

Excelente memoria, Xosé Manuel. Eu xa falaba do vello piso da Troia, creo que non lembro o outro. O Bieito asinou despois algúns artigos literarios magníficos, dunha páxina enteira (un, p.ex., sobre a romaría do Corpiño), pero lembro que comentaba que a algúns da redacción non lles gustaban, porque dicían que eran demasiado literarios. Aínda así e á marxe da súa orientación política (sobre iso fixen hai un traballo en A Trabe de Ouro), ANT daquela primeira época, a de Margarita, tiña artigos e reportaxes excepcionais, ademais cos poucos medios que ti mesmo apuntas con acerto. E o tratamento gráfico (Pepe Barro, Xurxo, o meu irmán Fiz debuxou unha longa tempada as imaxes de "En Poleiro Alleo", Perfeuto Estévez, creo que tamén algúns debuxos de Gayoso), magnífico. Celebrarase unha festa no Pavillón do Sar, supoño que de apoio ó xornal, cun gran concerto e proxectando imaxes e portadas desa época sobre a parede. Ti aínda o lembrarás mellor...

Anónimo dijo...

Aquel concerto formara parte dunha campaña para recadar fondos, a ver se melloraba algo a lamentable situación financeira. Estiveran, que eu recorde: Emilio Corral (Gaiteiro Maior de Galicia) co tamborileiro Xosé Fraguela; Faíscas do Xiabre; Juan Carlos (máis tarde, Caco) Senante; Fausto; Pablo Quintana, paréceme; a Banda de Guláns, que a dirixira ao final, para o "Ponteareas", Roxelio Groba; e outros que non lembro. Presentara Carlos O Xestal, que en paz estea.

Tamén fixeramos, no Kiosco Alfonso da Coruña, unha mostra pictórica, para a que doaran cadros Colmeiro, Laxeiro, Sucasas, Blas Lourés e outros: moito máis selecta non podía ser.

Máis tarde trouxemos (a La Salle) á María del Mar Bonet, xa pagando, e perderamos cartos.

Xa digo, houbo unha tempada longa na que alí non cobraba ninguén. Algo se arrepañaba para cousas menores, pero nin sequera demasiadas veces. Na oficina estaba o Perfecto de Crecente, coido que ti o coñecías.