25 feb. 2007


Aclaración (outra vez a guerra civil…!)

Hai uns días recibín unha chamada dun dos responsables dunha tv local de Ourense, TV Auria. Nin a vexo nunca (na miña casa non se colle) nin teño dela máis referencias que algunha cousa escoitada ó chou. Pedíame unha entrevista, hoxe domingo, sobre a guerra civil en Ourense. Aclareille ó meu interpelante que existía un especialista no tema, Xulio Prada, autor dunha brillante tese doutoral ó respecto, aínda que eu tiña un artigo longo sobre o tema (do ano 1987: van aló 20 anos!!). Pero insistiu en que acudise eu, porque me coñecía polos artigos da prensa e a Xulio Prada xa o chamaría noutra ocasión, díxome. Accedín por educación e porque non vía razóns para non asistir.
Hoxe cheguei alí, fun recibido moi amablemente, e pídenme que me sente no estudo nunha mesa para tres. A persoa que me chamou vai facer de moderadora e pídeme os meus datos e confírmolle que vou falar en galego. A outra persoa na mesa (eu non sabía quen era) di que é bilingüe pero que falará en castelán, porque están a impor o idioma e el protesta dese xeito (isto xa me cheirou moi mal). Empeza a suposta entrevista e vexo que en realidade se vai tratar dun debate e dá os datos do convidado misterioso: unha persoa da que só di que pertence a Falange de las Jons. Neste momento eu interrompo ó moderador (Gonzalo) e, sacándome o micrófono, dígolle que me retiro, porque me sinto enganado: nunca se me dixo que eu asistiría a un debate (outro! xa tiven unha experiencia difícil en Telemiño o ano pasado) e menos cun representante dun partido fascista. Gonzalo reacciona porque ve que se queda sen programa e pídeme encarecidamente que me quede. Dime que me entrevistará só a min e sobre o tema previsto (se emiten todo isto, aínda que non creo, sería divertido). Acepto nesas condicións e, despois de que eu me vaia, que fagan o que queira.
A entrevista foi normal, uns 20-25 minutos, falei da represión en Ourense e mesmo con algunhas referencias á actualidade, provocado polo entrevistador. Marchei de alí sen máis problemas e co compromiso de que me mandarían un DVD coa miña intervención. Aclaro todo isto coa seguridade de que será emitido tal como alí se me asegurou: como unha entrevista persoal e non un debate cun falanxista. En calquera caso, quede claro o que sucedeu en TV-Auria: a quen poida interesar...
(A imaxe é de Basquiat)

13 comentarios:

A.P-C. dijo...

Alucinante!

Pero non me estraña. A min téñenme contado cousas verdadeiramente sinistras de cómo funcionan algunhas deses televisións locais.

Así pois, non se fie moito do que lle prometeron. Pode ocurrir de todo, mesmo que apareza na "tele-tenda" vendendo unha batería de cociña.

Xosé M. González dijo...

Que chafallada!

Etxeokeai dijo...

Pero Marcos...
¿Non coñeces ao Jácome?
Non coñeces a "Miñoman" e o partido ácrata ese de sigla reutilizada "Democracia orensana"?
Non sabías xa o do intento de venda de Auria ao BNG e de cómo puxo a parir logo ao Alex por non ter conseguido os tritna millóns de pesetas para comprarlla?
Non sabes que fala mal de Baltar e depois este cómpralle espazos nos que fala a tola esa dos ovnís, só para restarlle tempo de emisión ao Manolón do Forum?
Onde te metes, rapaz.
Se vas de coña, pode funcionar, pero en serio, non.

marcel swann dijo...

As teles locais móntanas normalmente persoas que non saben nada de xornalismo con dous obxectivos: 1) facturar publicidade (o recheo dos programas é o de menos); 2) colegueo e loubanza de egos dos empresarios e/ou concelleiros de turno. Algún por saír no telebexo é capaz de vender a súa i-alma. Así que o que fan é moi parecido a esas seccións de certos xornais galegos: "ecos de sociedad", con moitas fotos de grupos e ceas de empresa. Cantos máis saian na foto, mellor: véndese máis papel. Vostede, sr Valcárcel, foi con boas intencións e tentáronlle dar gato por lebre a ver se colaba, facendo unha especie de tele-lixo puxilístico. Fixo moi ben en coller a porta.

Roi Queimado dijo...

Estas a dicilo en serio ou e outra coña das túas? Eu opinoche o mesmiño co etxokeai...

A.P-C. dijo...

Esa televisión local ourensá da que se fala será a mesma da que me falaron a min?

Si, ho, unha na que sae case todo o tempo un friqui de Democracia Ourensá desbardallando sobre o divino e o humano?

A ver se alguén colga algo diso en You Tube, que debezo por rir un pouco.

Todo indica que pecou de inxenuo, amigo Valcárcel. Pero non se preocupe, porque é algo no que, antes ou despois, caemos algunha vez.

Un amigo dijo...

Con independencia do que sexa esa TV, que eu tampouco vin pero que semella ser moi pouco seria hai un dato que me parece preocupante. Refírome ao feito de que sexa citado vostede, aínda que non sendo especialista no tema si como historiador e coñecedor da cidade, e á carón súa senten a un membro dun partido fascita -como ben di vostede- e marxinal.
Non é aceptábel que a vostede o poñan a debater con quen entendo que non ten nada que debater.
Se unimos esto ao recente caso da demanda contra Dionisio Pereira podemos concluír que estamos a padecer a febleza da tan gabada por algúns transición democrática.
Calados coma petos tiña que estar a familia dun matón do 36 en relación ao seu pai ou avó e vergoña lle debía dar ao presentador dun programa levar a un fascista a defender o indefendíbel a unha TV.
Un saúdo señor Valcarcel.

Leituga 1 dijo...

Non alcanzo a ver un signo da "febleza da transición democrática" no esperpéntico episodio narrado polo señor Valcárcel. A miña interpretación é máis simple: no periodismo hai cada vez máis "piernas" e máis tipos que pensan que calquera accederá a facer calquera cousa por saír uns minutos aínda que sexa nunha emisoriña local de mala morte. Talvez o señor Valcárcel non se decate, pero eu creo que fixo algo moi importante, consistente en dicir non ao engaño, á trampa, á manipulación e mesmo á degradación do xornalismo. Falábase aquí hai pouco de "xestos": velaí temos un.

Un amigo dijo...

Coincido co Señor Leituga 1 en que a resposta do señor Valcarcel foi acaída á trampa que lle tenderon.
Resultame raro, eso si, que episodios como ese, citei tamén a demanda contra Dionisio Pereira, non se vexan como unha consecuencia da transición que se deu logo da morte de Franco e da reforma política saída do mesmo réxime franquista. ¿De que se non son consecuencia? Acaso en Europa sería demandado un historiador por citar nomes con responsabilidades na eliminación de xudeos no rexime de Vichy ou de algún outro país colaborador dos nazis? Cree vostede que nunha emisora de Colonia levarían a un membro dun partido nazi a falar sobre o III Reich? Atreveríase un "piernas" alemán -que algún haberá- a facer tal cousa?
O que pasa aquí non é acaso unha consecuencia da "febleza da transición democrática"?

Isildur dijo...

Coincido un pouco con todos. De certo o tal presentador de Auria TV é un falabarato que pensa que todo o mundo devece por saír na Tele, e que afeito aos debates de cotilleo non percebe moita diferenza entre levar a un exemplar prehistórico falanxista (alucinante, aínda fican deses) e un historiador serio. Talvez o amigo Valcárcel pecou de bonhomía de máis, pero penso que a reacción foi a axeitada, se ben outra opción posíbel tería ter liscado sen máis e deixarlle claro ao presentador que esas non eran as condicións. Seguramente non viu o programa moita xente, é o consolo que lle queda.

Leituga 1 dijo...

Non entendo a razón pola que se lle botan as culpas á transición democrática de males xerados pola Guerra Civil e o franquismo. A transición democrática foi a solución, non o problema. A solución, por suposto, POSIBLE nun país dividido, que pasou por un réxime de corenta anos de dictadura xurdida dunha guerra civil.
Cando o franquismo remataba había tres grandes opcións: continuismo, reforma ou ruptura. O continuismo era imposible, pero moitos dos que apostaban por el tiñan forza en sectores como o exército, a policía e os poderes económicos. A ruptura democrática foi imposible dende que Adolfo Suárez elaborou a Lei de Reforma Política e a someteu a referendum, obtendo unha abrumadora maioría. Dende a oposición rupturista pedimos a abstención, que foi mínima. A partir daquel momento, foron Suárez e o Rei quen marcaron, con intelixencia, realismo e valentía, un campo de xogo que foi o suficientemente amplo para que se incorporasen á partida socialistas, comunistas e nacionalistas cataláns, co PNV colaborando tamén a certa distancia. A clara victoria da UCD nas primeiras eleccións foi outro signo inequívoco de que a maioría da poboación apostaba por un cambio pacífico e tranquilo no que todos, incluídos os sectores ata o momento aquiescentes ou colaboradores co franquismo, se sentisen razonablemente cómodos. Despois fíxose unha Constitución que en liñas xerais é moi boa e que se pode considerar case un milagre para aquel momento: non teño nada claro que hoxe a dereita aceptase o que daquela aceptou.
A transición e a propia Constitución, que é o seu maior logro, foi o inevitable resultado dun PACTO para a convivencia democrática entre sectores políticos e sociais que só corenta anos antes estaban matándose nas trincheiras e nas rúas e que levaban -e niso seguimos- un par de séculos sen ser capaces de poñerse de acordo en cuestións básicas.
Eu non digo que a transición fose modélica nin que a Constitución sexa perfecta, pero creo que é innegable que deu paso a un réxime democrático pleno, xurídica, politica e empiricamente homologable aos que rexen en Europa dende o remate da Segunda Guerra Mundial. ¿Que tivemos que aceptar cousas que non nos gustaban? Por suposto que si. Pero moito máis tiveron que tragar os outros. E é sabido que nun pacto todas as partes teñen que facer cesións.
En Alemaña,cando acabou a Guerra, houbo un proceso de desnazificación. En España, obviamente, isto non sucedeu porque a Guerra nosa a ganou Franco e este mantivo o seu réxime vixente durante corenta anos. E o único imposible na vida é darlle marcha atrás á Historia e actuar como se o que ocorreu non ocorrese.
¿Que non todo foi perfecto e que hai cousas criticables? Faltaría máis! Pero o mesmo pasaría se tivese triunfado a ruptura. Non hai obra humana perfecta, e menos aínda cando esa obra é colectiva e ten que conciliar intereses e ideas contrapostas ata a inimizade.

Etxeokai dijo...

Concordo coa súa lúcida análise, libre de prexuízos.
Xa está ben de queixarse da transición, como se houbese que completala -ese é o discurso de HB.
¿Como habería que facer? ¿Someter hoxe a consulta pública a forma de goberno? ¿Someter a consulta pública os dereitos de autodeterminacion de todas as comunidades?
Cómpre darse conta de que é máis útil solucionar problemas -o que fixeron todos na transición, transando- que crealos con discursos puretas. O Xocas, Xoaquín Lorenzo, con ese aquel tal despistado do mundo real, non votou nunca porque non lle preguntaran sobre Monarquía ou República e o "lexítimo" último que el sabía era a república.
O voto da sensatez popular fixo que o voto NON -coa boca pequena- que pediu o PSOE no referendo da reforma política de decembro de 1976 non tivese respaldo, e que o SI pedido polo PSOE (h) saise, sin que para nada tivesen que ver aqueles velliños que se trataron mesmo de acoller á lei de reforma de Arias... Eu que sei.
Como ti dis, reforma é pacto. E no pacto demóstrase intelixencia e saber vivir xuntos.
Por iso, a min non me enche o ollo que se confunda a recuperación da memoria histórica cun intento de "axustar as contas dunha época tépeda" que sería a transición.

Anónimo dijo...

Pois eu vin o programa e non me pareceu que fose unha confrontación, gustoume a sua exposición, e pareceume interesante tamén o que dixo o falanxista, ainda que non comparta a súa opinión,xa que intentaba desvincular a falanxe co rexime dictatorial que sufrimos case 40 anos.
Estou moi de acordo co que di etxeokai,porque os que somos republicanos non entendemos como o estado segue a ser unha monarquia e dito rexime sexa aceptado pola maioría das forzas políticas.