27 feb 2007


Debate sobre a transición democrática

Pareceume pertinente, para que poida opinar todo o mundo que o desexe, traer aquí o debate que sobre a Transición Democrática se xenerou nun dos últimos post. Para iso reciclei as últimas intervencións ó respecto, xa incorporadas como comentarios, para que o debate siga ese fío.
Tivemos a transición que merecía este país? Podíase esperar outro xeito de superación do réxime franquista?
Fixéronse as cousas tan ben como dins uns (os que sosteñen que foi un modelo ideal e exemplar a seguir por outras coxunturas semellantes) ou tal mal como sosteñen outros (que din que todo quedou mal atado e pendente de resolver pola presión dos poderes fácticos?
E que pintou Galicia en todo ese proceso? Puido ser doutro xeito visto dende unha perspectiva galega? Que fixemos mal e ben dende aquí ou qué nos deixaron facer?
(A imaxe é de Laxeiro)

18 comentarios:

Anónimo dijo...

LEITUGA 1:
Non entendo a razón pola que se lle botan as culpas á transición democrática de males xerados pola Guerra Civil e o franquismo. A transición democrática foi a solución, non o problema. A solución, por suposto, POSIBLE nun país dividido, que pasou por un réxime de corenta anos de dictadura xurdida dunha guerra civil.
Cando o franquismo remataba había tres grandes opcións: continuismo, reforma ou ruptura. O continuismo era imposible, pero moitos dos que apostaban por el tiñan forza en sectores como o exército, a policía e os poderes económicos. A ruptura democrática foi imposible dende que Adolfo Suárez elaborou a Lei de Reforma Política e a someteu a referendum, obtendo unha abrumadora maioría. Dende a oposición rupturista pedimos a abstención, que foi mínima. A partir daquel momento, foron Suárez e o Rei quen marcaron, con intelixencia, realismo e valentía, un campo de xogo que foi o suficientemente amplo para que se incorporasen á partida socialistas, comunistas e nacionalistas cataláns, co PNV colaborando tamén a certa distancia. A clara victoria da UCD nas primeiras eleccións foi outro signo inequívoco de que a maioría da poboación apostaba por un cambio pacífico e tranquilo no que todos, incluídos os sectores ata o momento aquiescentes ou colaboradores co franquismo, se sentisen razonablemente cómodos. Despois fíxose unha Constitución que en liñas xerais é moi boa e que se pode considerar case un milagre para aquel momento: non teño nada claro que hoxe a dereita aceptase o que daquela aceptou.
A transición e a propia Constitución, que é o seu maior logro, foi o inevitable resultado dun PACTO para a convivencia democrática entre sectores políticos e sociais que só corenta anos antes estaban matándose nas trincheiras e nas rúas e que levaban -e niso seguimos- un par de séculos sen ser capaces de poñerse de acordo en cuestións básicas.
Eu non digo que a transición fose modélica nin que a Constitución sexa perfecta, pero creo que é innegable que deu paso a un réxime democrático pleno, xurídica, politica e empiricamente homologable aos que rexen en Europa dende o remate da Segunda Guerra Mundial. ¿Que tivemos que aceptar cousas que non nos gustaban? Por suposto que si. Pero moito máis tiveron que tragar os outros. E é sabido que nun pacto todas as partes teñen que facer cesións.
En Alemaña,cando acabou a Guerra, houbo un proceso de desnazificación. En España, obviamente, isto non sucedeu porque a Guerra nosa a ganou Franco e este mantivo o seu réxime vixente durante corenta anos. E o único imposible na vida é darlle marcha atrás á Historia e actuar como se o que ocorreu non ocorrese.
¿Que non todo foi perfecto e que hai cousas criticables? Faltaría máis! Pero o mesmo pasaría se tivese triunfado a ruptura. Non hai obra humana perfecta, e menos aínda cando esa obra é colectiva e ten que conciliar intereses e ideas contrapostas ata a inimizade.

Anónimo dijo...

ETXEOKAI:
Concordo coa súa lúcida análise, libre de prexuízos.
Xa está ben de queixarse da transición, como se houbese que completala -ese é o discurso de HB.
¿Como habería que facer? ¿Someter hoxe a consulta pública a forma de goberno? ¿Someter a consulta pública os dereitos de autodeterminacion de todas as comunidades?
Cómpre darse conta de que é máis útil solucionar problemas -o que fixeron todos na transición, transando- que crealos con discursos puretas. O Xocas, Xoaquín Lorenzo, con ese aquel tal despistado do mundo real, non votou nunca porque non lle preguntaran sobre Monarquía ou República e o "lexítimo" último que el sabía era a república.
O voto da sensatez popular fixo que o voto NON -coa boca pequena- que pediu o PSOE no referendo da reforma política de decembro de 1976 non tivese respaldo, e que o SI pedido polo PSOE (h) saise, sin que para nada tivesen que ver aqueles velliños que se trataron mesmo de acoller á lei de reforma de Arias... Eu que sei.
Como ti dis, reforma é pacto. E no pacto demóstrase intelixencia e saber vivir xuntos.
Por iso, a min non me enche o ollo que se confunda a recuperación da memoria histórica cun intento de "axustar as contas dunha época tépeda" que sería a transición.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Eu creo que, con todos os defectos que un queira sinalar, que poden ser moitos, o resultado é indiscutible. Estamos diante dun país modernizado, libre en moitas cousas (para mín un dos máis libres do mundo), eficiente en moitas outras (viaxar a outros países tidos por mellores ensina as nosas vantaxes). Faltan moitas cousas por facer, moitísimas. E debemos ser moi críticos con elas: o país ten xente preparada para sabermos que facer con elas. Pode que sexa un optimista histórico, pero nos meus trinta anos de democracia puiden ter a sorte de vivir no mellor periodo da historia de España. Por unha vez, un pouco de autocompracencia non ven mal.
Deixo para outro día (ou para outros, máis susceptibles ca mín) os erros e as revolucións pendentes.

Anónimo dijo...

En termos xerais, estou de acordo coas aportacións dos señores Leituga 1, Etxeokeai e Arume dos Piñeiros.

Certamente que un dos resultados da transición á democracia (transición, non o esquezamos) foi a insatisfacción (frustración quizais sexa moito dicir) dunha pequena parte da poboación, entre a que me inclúo. Porén, foi moito o que se gañou do que supostamente se perdeu, tal como sinalan os intervintes que me precederon.

Como ben apuntan Doug McAdam, Sidney Tarrow & Charles Tilly (“Dinámica de la contienda política”, Barcelona, Hacer, 2005), “a democratización non é unha única cousa, senón o resultado continxente das interaccións entre un certo número de reivindicacións e contra-reivindicacións”. Ou, en palabras de Adam Prezeworski, (“Democracia y mercado. Reformas políticas y económicas en la Europa del Este y América Latina”, Cambridge, Cambridge University Press, 1995, capítulos 1 e 2), “a democracia é un sistema de resultados abertos regulados ou de incertidume organizada”.

E en toda transición xogan varios tipos de actores con perspectivas, preferencias e intereses moi diferentes (Guillermo O´Donnell, Philippe Schmitter & Laurence Whitehead, eds., “Transiciones desde un gobierno autoritario”, 4 vols., Buenos Aires, Paidós, 1988; Adam Prezeworski, op. cit.).

Nunha liña análoga á de Prezeworski, Josep M. Colomer (“La transición a la democracia: el modelo español”, Barcelona, Anagrama, 1989), e aplicando a teoría de xogos, ten establecido este taxonomía verbo dos actores no caso español:
1) Oposición revolucionaria;
2) Rupturistas ou oposición democrática;
3) Reformistas;
4) Aperturistas;
5) Continuistas;
6) Reaccionarios ou ultras.

A partir da análise da orde de preferencias duns e doutros, sinala Colomer que “as negociacións e os pactos da transición á democracia en España foron inducidos polo feito de que, á final da vida de Franco, ningún grupo relevante era suficientemente forte para impoñer a súa alternativa política preferida”.

De tal xeito, conclúe Colomer, que o modelo español de transición á democracia resúmese nos seguintes dez puntos:

1) Equilibrio de forzas.
2) Lembranza da Guerra Civil.
3) Debilidade dos maximalistas.
4) Fraccionamento das elites políticas
5) Anticipación do futuro.
6) Pluralismo político-ideolóxico.
7) Reforma pactada.
8) Ruptura pactada.
9) Reconciliación “nacional” (as aspas son miñas).
10) Unha democracia de confrontación.

Quizais resulte de interese, aos efectos que aquí máis interesan, as palabras coas que Colomer ilustra o derradeiro punto:

“Debido ao papel inicialmente dominante dos ex franquistas e ao procedemento legal seguido durante a transición, o réxime democrático establecido mantivo durante bastantes anos algúns elementos de continuidade co pasado (especialmente no que se refire ás administracións civil, xudicial, policial e militar). Como consecuencia do medo á inestabilidade, establecéronse institucións democráticas restritivas, as cales teñen producido un alto grao de concentración de poder nos líderes dos dous partidos maiores. Dase, así, a paradoxa de que a democracia española, a pesar de establecerse mediante un consenso plural, funciona máis de acordo co modelo de confrontación bipolar que co consenso pluralista. A ampla marxe de manobra dos líderes, a debilidade das organizacións intermedias entre o Estado e a sociedade, a pasividade da cidanía –herdadas da transición- configuran unha democracia de baixa calidade”.

En fin, desculpen o rollo.

Hoxe tiña gañas de poñerme un pouco pedante en plan citacións de autoridades “y tal y cual” (como diría o “ostentóreo” Gil y Gil).

Anónimo dijo...

Pois eu vou continuar en ton máis coloquial. Non estou de acordo coas conclusións de leituga1, etxokai e arume. Entre o bo e o mellor, eu prefiro o mellor. Por voltas de 1977 a oposición ao rexime baixou os calzóns ao renunciar a quebra democrática. Por que o fixo? Pois moi fácil: non o fixo tanto por pragmatismo como para non perder a parcela de poder que esperaban ter e que podían ocupar outros. De estaren unidos fronte a Suárez, conseguirían moito máis. Por exemplo, cousas que a actual Consitución non permite (xa saben "atado y bien atado"): 1) a posibilidade de autodeterminación dos pobos; 2) a forma política republicana; 3) unha Constitución máis progresista no terreo social. Vostedes esquecen todos estes trágalas que tivemos e temos que aturar.

Anónimo dijo...

De verdade, amigo Marcel, cre que as forzas da oposición tiñan a forza suficiente para conseguir todo iso?

De verdade pensa que todo se debeu a un trágala e a unha traición?

Por un casual, viviu vostede aquela época?

Anónimo dijo...

Non sei se ten moito sentido facer unha ucronía histórica de cómo terían acontecido as cousas logo da morte de Franco de ter actuado de distinta forma os diversos actores políticos. As cousas foron como foron e o pasado podemos interpretalo mais non mudalo. Hai feitos evidentes: Franco morreu na cama, mais así dito pode levar a pensar que o franquismo estaba forte e que a transición a un réxime de liberdades democráticas foi obra dun Borbón e un grupo de políticos que se portaron moi “guay”. O franquismo estaba en crise facía anos e xa non interesaba aos grupos que o apoiaran e que buscaban a súa reforma para mellor servir os seus intereses. Esa era a situación, e este é o resultado.
Podemos, xa que logo, ver a botella medio chea ou medio baleira, mais non debería haber moita diferenza en calibrar o nivel do líquido. Porén, indo ao líquido que hai na botella é opinábel se é máis ou menos que o que os franquistas quixeron ceder. O señor Leituga 1 di que “moito máis tiveron que tragar os outros”, eu non o teño tan claro. En realidade penso non tiveron que tragar nada, ou polo menos nada que non lles pasase doadamente polo esófago. Seguiron os mesmos funcionarios do réxime franquista (por ex. todos os dos “sindicatos” que recolocaron na administración do Estado), a mesma policía (coido que nesta bitácora non cómpre explicar que caracter tiña), o mesmo exercito (eu deso podía contar algo de como era no ano 82 xa coa marabillosa Constitución), a mesma xudicatura. Aquí ninguén rendeu contas do feito en corenta anos de ditadura, logo, ¿que tanto tragaron? Eu a verdade non alcanzo a velo. Penso que lles saíu redondo: Non se cuestionou ningunha institución, ningún membro das mesmas, non se xulgou ningunha acción, non houbo que xustificar ningún patrimonio, ¿que máis podían querer?
Noutro fío falei de “febleza da transición democrática”, e manteño a expresión porque considero que a democracia é feble por lastres que carga dende o franquismo por non terse dado unha limpeza de moitas e variadas adherencias dese fatal réxime. Algúns exemplos xa foron noutro fío e non os vou repetir. Falando de Galiza, como nos invita o señor Valcarcel, non hai máis que ir a moitos Concellos do rural galego onde os cambios, máis aló dos inevitábeis do paso do tempo, son máis cosméticos que reais (é necesario que todo cambie para que todo permaneza igual que dicía o don Fabrizio de Lampedusa). As actitudes de xuíces, maxistrados (ou o que c...sexan) na Coruña que teñen aparecido na prensa por non respectaren o dereito de persoas a usar o galego nos tribunais é tamén unha mostra dese franquismo que perdura (esas formas de españolismo son franquistas),...
Que temos un réxime democrático asimilábel aos da Europa do noso entorno, si. Que padecemos as eivas da transición e dos lastres do franquismo que nos deixou, tamén.
Para o señor Anónimo Político-Cultural dicirlle que os seus comentarios en absoluto resultan pedantes. Para min adoitan ser achegas documentadas e sempre interesantes ao debate. Achegas que eu na miña ignorancia de verdade agradezo.

Anónimo dijo...

Hai anos coñecían a un home que traballara moito para o PCE antes da transición, e de feito fora un dos primeiros militantes clandestinos de Comisións Obreiras nunha cidade galega. Contoume que moitos cadros do seu partido deixaran a política despois das primeiras eleccións ás que acudiran legalizados. O partido que máis loitara contra Franco recibía uns resultados pobrísimos, mesmo despois de baixarse os pantalóns para que o seu espazo non o ocupara algún outro partido comunista (habíaos a patadas). Tamén me dicía este home que facer sindicalismo, en Galicia, era chorar, e que a Transición trouxo unha cultura cívica e política moi cativa. Primeira frustración.

Érase unha vez un feixe de ministros de Franco, ben colocados no poder político e económico, que ven que o choio se lles pode ir das mans se non instauran o aperturismo. Montan unha lei de reforma política cativa feita á súa medida, que case que só defenden eles, pero que é abrazada polos españois pois é todo o que hai, e latexa en moita xente o medo a unha guerra civil. Ese partido, que aparece con pel de ovella ("centro democrático"), controla despois todo o proceso, impoñendo o borbón, a bandeira e as autonomías descafeinadas. Despois de varios intentos de golpe de estado, o partido que trouxera a democracia desfaise, caso único en Europa de pasar do poder atá case a desaparición de un día para outro. Resulta que os fundamentos, as bases desa democracia, non son tan saudables como parecían. Pero non dixéramos que a Transición fora modélica? Segunda frustración.

Despois de 1982 instaurase o turnismo, versión actualizada á segunda restauración borbónica daquel democracia turnista e de voto censitario da primeira. Igualiño que naquela novela de Alas Clarín: hoxe tócalle a don Álvaro Mesía e mañá ao marqués. Os outros partidos, meras comparsas (Lei d'Hont). Non hai listas abertas (hoxe xa ninguén as reclama). Que foi dos ideais e dos logros da República? Terceira frustración.

Galicia. Cuarta frustración. Cal foi o resultado da democracia na Xunta? Máis de vinte anos de Solpor primeiro e Fraga despois. Aquí tardamos ese tempo en esperar turno.

Anónimo dijo...

A frustración do PCE foi épica. Non daban creto aos resultados.
A frustración republicana é unha frustración permanente. Pero un tanto inocua, se non vai acompañada de máis cousas ca retirar a un borbón.
A frustración sobre o sistema político de turnos (con incorporacións nacionalistas en periodos claves) é máis profunda, pero non pode decirse que funcionara demasiado mal. Eso é o que ten a democracia liberal que predomina en Europa.
E finalmente, a frustración galega débese maís ao manolato cá propia autonomía.

Anónimo dijo...

Eu, que si vivín naquela época e non falo de oídas, non estou tan frustrado como o señor Swann, quen ao usar expresións como "baixarse os pantalóns" para referirse á actuación do PCE naquela altura, fai gala dunha inxusta e desdeñosa arrogancia só disculpable dende o coñecemento e comprensión dos ardores ideolóxicos xuvenís.
Fanme gracia, por outra parte, os que deostan a transición porque a Galicia non lle foi concedido un "dereito á autodeterminación" que, daquela igual que hoxe, era unha reivindicación absolutamente minoritaria. Pero fagan a proba e xoguen a pensar que, en efecto, a Constitución do 78 lle recoñecese a Galicia o dereito de autodeterminación, mesmo a independencia, directamente. ¿Cren que deixaría así de ganar Fraga as eleccións, se lle dera por presentarse? Eu creo que as ganaría como as ganou, "de calle". Iso si, non tería que someterse ás leis da democracia española e Galicia viviría nun atraso democrático moito maior do que aínda hoxe vive. Xa sei que é política ficción, historia contrafactual de poucos quilates, pero a cousa non deixa de ter o seu aquel...

Anónimo dijo...

A reivindicación do dereito de autodeterminación non era unha reivindicación tan minoritaria. Mesmo a defendía o partido de vostede.

Anónimo dijo...

Non me sexa tan esquemático, Swann. O PSOE -daquela non era o meu partido- arrastraba dende os tempos da clandestinidade, como o PCE e todas as formacións de esquerda, programas "revolucionarios" que, en non pouca medida, eran consecuencia dun "esquerdismo" xeralizado e grupuscular que se traducía en rivalidades entre os partidos para ver quen a tiña máis larga. Entre os partidos e tamén, en moitas ocasións, no interior dos propios partidos. Así había tanta escisión, sempre "pola esquerda". Pero tan pronto se puido facer política democrática en serio, é dicir, política de verdade, esas proclamas, máis que programas, deixaron de ter vixencia. A autodeterminación creo que figurou no programa do PSOE ata o ano 1977 e no do PCE ata o 1980.
En calquera caso, non deben confundirse os programas "máximos" ou "estratéxicos" coas reivindicacións políticas do momento. O PCE, por exemplo, non reivindicaba na transición a implantación do comunismo, aínda que este figurase no seu programa.

Anónimo dijo...

Boas
Eu estou máis no caso de Arume (que viviu case de pleno na democracia) que no de outros contertulios cos que compartimos estes píxeles, que viviron o (tardo)franquismo e que participaron na transición e que, por iso, teñen a sensación de que puido ser doutro modo. Eu vivo nunha democracia homologable as do contorno europeo, en casos inda máis avanzada, a democracia que me deron os meus maiores e na que, coido, se ten mellorado moito nestes trinta anos.
En canto a aceptación da monarquía e do autonomismo en troques da república e a autodeterminación, se inda hoxe son opcións nas que os cidadáns nos colocamos ao 50% (no mellor dos casos), cómo se pode pensar que se podería ter conseguido un mellor trato no 1976?

Anónimo dijo...

Súpoño que como algúns de vos, a transición para min foi un tempo historico vivenciado. Dende a miña perspectiva tiro conclusións as veces enrabechadas e outras estoicaS, algunha que outra vez optimista e as mais das veces encollome de hombreiros ante a continxencia da historia. A frustración ven da da racionalidade previsibel do proceso que quedou a medio camiño, e ao observar os seus efectos ainda hoxe nesa excitada dereita sociolóxica que pervive dende o franquismo. A frustración ven tamén dos imaxinarios sociais construidos que precipitaron tantas decisión inadecuadas, e elevaron tantas fantasías.
Dende esa distancia profilactica que nos da o tempo hoxe podemos constatar respecto da transición como se vai fiando entre logos e Mytos a historia, incluso a nosa, a mais vivencial.
Extraordinaria analise de APC, coincido no seu valoramento De Colomer, a quen lle estou a ler o seu último libro "Grandes Imperios, pequeñas naciones". As aportacións de Colomer sempre clarifican a perspectiva observacional,ainda que non se esté en acorodo con el. É un fino analista, dialogante e de amabel accesibilidade, como corresponde a un bó intelectual que fai a súa aportación dende unha posición e disposición honesta, consciente do valor ético de toda proposta de coñecimento.
Jimy de Rairo

Marcos Valcárcel López dijo...

"A finais dos anos 70 no País Vasco un 52 por cento da población sentía máis a identidade vasca que a española, un 20 por cento sentía sobre todo a española e un 27 por cento á vez española e vasca. En Cataluña, en cambio, só un 15 por c ento se declaraba catalán ante todo, mentres que o 31 por cento declarábase español e un 43 por cento tan catalán como español. No País Vasco, as arelas de lograr a independencia eran compartidas por un 24 % da población, mentres que as rexeitaban un 29 % dos vascos; en Cataluña esa era unha reivindicación moi minoritaria, que respondía ós desexos do 11 % da poboación." O dato procede de Javier Tusell, LA TRANSICIÓN ESPAÑOLA A LA DEMOCRACIA, Historia 16, 1991.
E revela de forma evidente que: en 1975, cando morre o vello, só no País Vasco existía esa vontade rupturista e autodeterminista. Nin sequera en Cataluña era maioritaria, aínda que o nacionalismo tivese o seu peso e soubesen gardar os seus símbolos (Generalitat, Tarradellas). A Galicia Tusell xa nin a cita: xa sabemos o que pasaba aquí. Podíase con eses vimbios iniciar un proceso realmente rupturista?

Marcos Valcárcel López dijo...

Concretando máis e despois de todo o dito, magníficas todas as aportacións (a APC hai que encargarlle un seminario sobre o tema, con bibliografía indicada e todo).

Eu tamén estou contento, para nada podo arrepentirme, do que vivín no período 1975-1986, inicios da transición democrática. Fomos realmente afortunados de vivir, como xa se dixo, nun dos mellores momentos da Historia de España, democrático e aberto. Ademais foi a nosa unha das primeiras xeracións que tivo a fortuna de vivir sen guerras (as dos nosos pais e avós sufriron polo menos dúas, guerra civil e consecuencias da segunda guerra mundial, sen contar os conflictos esquecidos no Sahara e norte de África): esta situación dáse poucas veces ó longo da historia. É unha sorte, de verdade.
O que si non debemos permitir é que se rebaixe, de ningún xeito, o nivel acadado: xa o intentaron no seu momento (Loapa, 23-F) e o conseguiron en parte.

E, dende aí, reclamar a maior modernización do marco político, coa conquista de novas liberdades sociais, de novos dereitos económicos e conxugando o pluralismo político co pluralismo e a diversidade cultural. Non todo o mundo quere isto: non o queren as dereitas que esoutro día se manifestaban en Madrid con bandeiras carlistas, como na guerra, e tampouco algúns baróns socialistas cando propoñen cambiar a lei electoral para que os nacionalistas non poidan ir ó Parlamento de Madrid.

A análise de Colomer paréceme abondo crítica: fala de “democracia de baixa calidade” e o interpreta dende a pasividade cidadá: pero ó mellor esa pasividade non só foi culpa dos ritmos da transición senón do “éxito” do franquismo coa súa represión e a inoculación da idea política=virus, peste (Franco: faga vostede coma min, non se meta en política).
En fin, que ata vai resultar que moitos dos que negamos a Reforma no 76 e dos que non votamos naquel primeiro referendo ó cabo rematamos por ser defensores sinceros, con todos os matices que se queiran, do mellor que deu de si a democracia e a Constitución dende aquela...

Anónimo dijo...

Din que de vez en cando cómpre volver ao pasado para seguir aprendendo. Teño eu dúbida, así e todo, de que sexa aínda o momento para revisar a transición, e menos por aqueles que, vivíndoa conscientemente, podemos experimentar dificultades para o oportuno distanciamento.

Se debo facer o esforzo -e neste caso asúmoo como certo deber de contertulio- diría que estou máis satisfeito agora ca hai trinta anos; ora ben, penso que é efecto do tempo, a asunción de novos papeis sociais e familiares, o feito de que para un se solucionou dunha maneira que non admite queixa a cuestión profesional, e o feito inequívoco de o mercado proporciona moitos máis ben de uso e consumo ca daquela. Pura subxectividade dun empregado público de nivel medio alto, e cunha formación universitaria que posibilita valorar e escoller na fronda ou barafunda.

Miren, a cousa puido ser distinta do que foi e se as forzas da "ruptura" actuasen con decisión e enerxía, se houbese cabezas lúcidas e atentas que esperasen o momento, probablemente se podería conseguir "máis"; que indica o adverbio, ata onde chega o seu alcance?: non sei. Teño renitencia a aceptar como bos, sen máis, os datos de alguén tan significado política e ideoloxicamente coma Tusell -que en paz estea, e a quen respectei-, pero tampouco iso non importa moito. Había pouca, moita xente a prol da autodeterminación das nacións "periféricas"?: para empezar, a porcentaxe de persoas que entendesen o termo resultaría irrisoria; e tales procesos, sen dúbida, non funcionan desa maneira. Teñen iso as etapas constituíntes, as cousas cambian a velocidade vertixinosa, con elas as conciencias e comportamentos. Como me explican vostedes os resultados de Unidade Galega -cando as eleccións municipais do 79- nas cidades de Pontevedra ou A Coruña, por exemplo, se non é en función de tal fluencia? Como a súa disolución e a evolución socioelectoral en ambas cidades nos seguintes quince anos?

Foi o que foi. Lembro eu, con todo, que no rueiro lugués non se eliminaron as lendas "18 de Julio", "Xeneral Franco" e algunha outra ata o 1999, cando chegou ao goberno municipal o Bloque Nacionalista Galego e se forzou o cambio. Aquelas placas constituíron para min durante anos unha sinécdoque do país e a transición, debo dicir que me mantiveron bastante rupturista. Sigamos activos.

Anónimo dijo...

Unha das miñas habituais correccións, esta obrigada polo oficio: no terceiro parágrafo, o "máis" que vai entre comiñas non é adverbio, senón indefinido.

Vergoñentas desculpas.