27 feb. 2007


Os netos contan a historia da guerra incivil
(Recupero estas tres Andoliñas, publicadas o 31-I, 2-II e 3-III de 2004, con motivo da presentación en Ourense da tese de XULIO PRADA RODRIGUEZ sobre a represión na guerra. Despois sería publicada neste libro de Ediciós do Castro)
OS NETOS DA GUERRA INCIVIL
Son os netos da guerra civil, a terceira xeración, os que finalmente van contar qué sucedeu daquela. Non desde a lembranza evocadora ou desde a recreación literaria, do que xa temos excelentes froitos, senón desde a documentación histórica. Díxoo onte en Ourense, na Facultade de Humanidades, o historiador Julio Aróstegui, no acto de presentación da tese doutoral do investigador Julio Prada, sobre o Alzamento, guerra e represión en Ourense, traballo que foi dirixido polo profesor Jesús de Juana e que mereceu tódolos parabéns.
Aboiaron moitos temas de interese nese acto académico e quero contarllelos aos meus lectores. Por exemplo, que se matou demasiado. Calquera morte é xa demasiado, por suposto, pero a represión foi excesiva e desmesurada en zonas como Lugo e Ourense onde foi escasa a resistencia á sublevación. ¿Por que? Houbo causas económicas, políticas, sociais, vinganzas personais e moito máis. A represión foi brutal e excesivamente cruel: Unha auténtica escola de terror para moitas xeracións. Que non se esquecese nunca o horror.
Houbo moitos niveis de violencia, pero a máis criminal chegou ata todos aqueles que en xullo de 1936 manifestaron públicamente o seu apoio á República, o réxime legal. Como lembraba Ramón Villares, todos os que acoden aos gobernos civís na data do Alzamento foron logo cazados e aniquilados. Agás algunha excepción ben notable, como Ramón Piñeiro. Seguiremos a falar da barbarie ...
REPRESIÓN NADA ARBITRARIA
Os que acudiron aos gobernos civís en defensa da República foron as primeiras víctimas dos sublevados en xullo de 1936. Nun nivel maior ou menor de intensidade, todos aqueles que podían ser identificados coa Fronte Popular entrarían tamén neste sarillo de horrores. Julio Prada fala na súa tese doutoral dun total de 900 ourensáns fusilados na represión, entre eles 176 asasinados por sentencia de guerra e unhas 500 víctimas paralegais, ademais dos desaparecidos, unha gran maioría deles nos primeiros meses da guerra.
A represión foi brutal e exemplarizante, pero non arbitraria. Tiña, sen dúbida, a súa lóxica interna e, ademais, gozaba do custe de oportunidade: podíase matar impunemente. Houbo máis represión carcelaria na España en guerra que no fascismo italiano, dixo tamén Ramón Villares. ¿Sobrevivía aínda a xenreira acumulada das dúas Españas e de todo o XIX español, como sinalou Barreiro Fernández? ¿Hai que acudir á psicoloxía clínica para entender toda a barbarie, pregúntase o presidente da Real Academia Galega?
Empezamos só a albiscar a dimensión da traxedia cos traballos de Julio Prada en Ourense, de María Xesús Souto en Lugo, de Xosé Manuel Suárez na comarca ferrolá. O novo Estado franquista naceu aboiando no sangue dos inocentes, disposto a enterrar a memoria para sempre. Agora que sabemos os nomes e apelidos das víctimas, esa memoria pode e debe ser desagraviada polos demócratas.
APOIOS E SILENCIOS NA GUERRA
Unha última nota en torno á tese doutoral sobre a guerra en Ourense de Julio Prada. Como dixo Julio Aróstegui, necesitamos a marca local, o coñecemento preciso do que sucedeu en cada comarca, para reconstruír un mapa xeral daquel acontecemento tráxico. E saber a orixe dos odios enraizados de vello en certos sectores da poboación, que alimentaron o recurso á violencia desmedida para garantir o trunfo da sublevación. Os estudos indican que Outubro de 1934 foi unha data clave a este respecto: Prada calcula para Ourense que un 35 por cento dos represaliados en 1936 xa o foran antes, nos días revolucionarios.
A sublevación contou, sen dúbida, con fortes apoios, civís e militares. Entre os primeiros, unha Falange conspiradora desde moitos meses antes, que facía prácticas de tiro no Montealegre, segundo o seu dirixente daquela hora Fernando Meleiro. E a colaboración activa dos carlistas. No estamento militar, acudiuse a militares na reserva, algúns con historiais ben confusos, e a oficiais que chegaran ao cuartel de San Francisco despois dunha formación africanista. Algúns darían no franquismo nomes a varias rúas da cidade: por certo, para vergonza dos demócratas ourensáns, aínda quedan algúns deles coas súas placas.
E entre eses apoios habería que citar tamén a parte dos pequenos propietarios labregos e unha franxa das clases medias, nunha urbe dominada polos ferreteiros e almacenistas da alimentación. E mellor non falar da Igrexa: as incendiarias pastorais do bispo Cerviño...

17 comentarios:

marcel swann dijo...

Unha precisión: Ramón Piñeiro efectivamente acudiu ao Goberno Civil nunha das datas posteriores ao día 18 de xullo, mais podemos dicir que entrou por unha porta, viu o que había e saiu pola outra. Por si acaso non quedou por alí como quedaron outros, que si foron axusticiados. Con iso salvou o pelico.

Leituga 1 dijo...

Ese tipo de comentario... "Mais podemos dicir..." "Por si acaso...". En fin, mellor é remitir, sen máis, á narración que o propio Piñeiro fai deses momentos no libro "Da miña acordanza" (Fundación CaixaGalicia, 2002. pp. 51-55)

marcel swann dijo...

Ten razón, Leituga. Falo de memoria. Teño a miña biblioteca de libros en galego a máis de mil kilómetros de onde estou, aí moi pertiño de onde está vostede. Vostede tamén fala de memoria porque esas memorias non as redactou "o propio Piñeiro", senón que son na súa meirande parte transcricións ou recreacións de conversas (o autor nunca o aclara) das súas palabras.
Pero sea dunha ou doutra maneira, penso que non vou moi descamiñado.

Leituga 1 dijo...

Non, home, se descamiñado non vai. Pero hai maneiras de contar as cousas que lle poden dar aos feitos un sentido ou outro. Se vostede recapacita un chisco sobre certas expresións e sobre o ton que utiliza para resumir a peripecia piñeiriana no goberno civil de Lugo en xullo do 36, terá que recoñecer que as súas intencións son un pouco malévolas, por utilizar un calificativo suave e non necesariamente ferinte.
Por certo, ¿de onde lle vén, se se pode saber, esa inquina case obsesiva contra Ramón Piñeiro?

Etxeokeai dijo...

Amigo Marcel, afrouxe.
Ramón Piñeiro chega ao Goberno Civil a ver cómo se podía parar o golpe, poucos minutos antes da chegada dos facciosos. Cando entran na estancia onde está el, séntase e, ante a inevitabilidade da situación, fai que escribe a máquina. Sospeitaba tamén que tivo a sorte de que un dos falanxistas que o coñecía non se dese por enteirado da súa presenza, e sobreviviu para intentar refacer o país. Con algunha equivocación, supoño, aínda que non sei cal, pero con tanto acerto que foi o cemento intelectual da residual nación consciente dos anos do despertar da posguerra, digamos anos cincuenta e sesenta. Depois tivo que compartillar a historia cos que lle negaban o pan e o sal, e non a diverxencia táctica e elengante que mantiña cos inxenuos de Bos Aires.
Que lle queriamos pedir aos señoritos da cidade de amor estético ao país sobre barricadas, erguementos e guerrillas? Non sexamos inxenuos. Eran o que eran. E ben eran.
Sería mellor RP se o chegan ter matado? A quen vén este sempiterno desexo de sangue..?
Hai uns meses vin en Irlanda, nun museo da memoria, unha declaración atroz declaración do lider histórico do IRA PHPears que dicía "There are many things more horrible than bloodshed, and slavery is one of them".
Pois non. O peor é o baño de sangue. Sobre todo para os que morren. O escravo pode redimirse, poide tratar de superar a súa circunstancia, pero o morto, morto está. A criar esterco.
Como dicía unha cantiga medieval, falando dunha moza e rindose do tópico de morrer de amor, "nunca tan bo serviço lle podo facer morto, como se viver". Así que, a vivir sen complexos.
Isto do antipiñeirismo é como o antisemitismo de Paco Rodriguez, está aí, e tardará tempo en curar.

marcel swann dijo...

"Conversas e reunións, cheas de libros e tebras, que viñeron a ser sin que nós daquela o soupesemos as derradeiras do Partido Galeguista. Fato político do cal sentiamonos -- E ERAMOS -- membros (...) Partido co cal de xeito desesperado percurabamos a conexión. Tiñámolo fundado -- outra vez -- sen ter noticia da súa disolución, nunha xuntanza (...)
Non foi en xeito algún ledo o sabermos tempo máis tarde que o Partido Galeguista -- o vello Partido de Castelao e Ramón Otero Pedrayo -- tiña sido disolto.
Soupémolo por xentes que falaban dunha estrana "Europa de las patrias."
(Reimundo Patiño. 1984)

Eche o que hai, etxeokeai.

Etexokeai dijo...

Ben, ¿e que?
A Raimundo Patiño, seica non lle prestou a disolución dun PG xa disolto pola imposibilidade de acción política. Mesmo a diglósica referencia á "Europa de las patrias" é sesgada. Fronte á burremia oficial española que mellor vacina que Europa e o europeismo? As traducións de García Sabell, as achegas de Piñeiro foron ese intento de conexión con aire menos mesto có das prisións onde estivera Piñeiro ao volver de París...
Non ten moito sentido darlle voltas ás reunións de Coruxo e a todas esas cousas... Non está ben xulgar a historia que foi a que foi. ¿Que podían ter compatibilizado o mantemento residual da sigla e a actividade cultural legal? Eles, que estaban alí, naquela hora, baixo aquelas olladas frías, non o consideraron así. Eu, que non estaba entre eles, non me vou arrepor ao que consideraron. A actividade cultural era outra forma de política, de traballo en favor da polis. Como diría Otero "non sum dignus". Non xulgo. Só agradezo o traballo que fixeron. Do que todos bebemos e no que todos nos educamos.

marcel swann dijo...

"Moito teñen de esquecere rindo e bailando antre o poo e o vento. Pouca groria merecen quenes adrolaron a tanto inxenuo mozo." (Luís Seoane)

adrolar=contar socaliñas, trolas.

Anónimo dijo...

Paréceme infantil presentar como "carga de proba" citas concretas que só reflicten a opinión subxectiva dos seus autores. Contra Piñeiro faltan as de Ferrín, de Beiras, etc.

Do mesmo xeito, a favor de Piñeiro poderiamos tamén recolectar cando menos outras tantas de personaxes relevantes, tan subxectivas como as anteriores.

En fin, infantil e pouco seria esta "metodoloxía" das citas. Dito sexa con todos os respectos.

a.p-c. dijo...

A min tampouco me parece axeitado, nin tan sequera revelador, a recolleita de citas a prol ou en contra.

marcel swann dijo...

As citas só as fixen eu, e as dúas eran en contra.
No caso de "anónimo" non sei (porque por iso é anónimo e coñéceno na súa casa á hora de comer), pero vostede, a.p-c, algunha vez ten empregado algunha cita nestes intercambios, a favor ou en contra de ideas e actuacións alleas.

marcel swann dijo...

Hai alternativa!
http://www.as-pg.com/ViewVideo.do?videoFile=1162903454312carballocalero.flv&videoTitle=Ricardo+Carvalho+Calero.+Memoria+do+s%e9culo.&videoHighQualityFile=1162805033359carballocalero.avi&videoSize=41%2c91MB

arume dos piñeiros dijo...

Vaia, amigo Valcárcel, preparando post para Super Piñeiro. Eu, que non o coñezo ben, gustaría de saber algo máis. Sei o superficial, o que os catecismos din sobre a súa figura. Os fitos. Pero o debate parece enriquecerse. Ánimo.

A.P-C. dijo...

Prezado Marcel:

Penso que cando teño usado unha cita é para reforzar ou completar algunha argumentación, non para deostar a unha persoa concreta.

As citas, sobre todo cando son ad hominem, hai que tomalas con moita precaución e non como un dogma de fe. Coido que é algo básico.

E non mo tome a mal.

Por certo que a min tamén tamén me gustaría saber de ónde procede esa case obsesión súa con Ramón Piñeiro. Se ten a ben dicírnolo, claro.

marcos valcarcel dijo...

Perdoa Arume, non entendo a relación de Super Piñeiro con este post. Falaremos del cando queira, xa o fixemos, pero noutro fío: por certo, ainda non vin o seu programa das tardes. Alguén ten referencias?

arume dos piñeiros dijo...

Non, perdón pola broma, pero referiame a Ramón Piñeiro. Puxenlle o de Super, porque como daba para tanta polémica, pensei que precisaba de atención especial. Síntoo.

Etxeokeai dijo...

Marcel
¿Coñeces a postura de Seoane sobre a actividade política nos anos corenta e cincuenta?
Sabes que escribiu con outros a Paco del Riego para pórse ás ordes do grupo Galaxia contra as teses máis ortodoxas do grupo Castelao e epígonos coa idea de "vós, os que estades aí, sabedes da situación e debedes orientar os nosos pasos". Mira o libro de Alonso Montero.
Por iso, se cadra, a frase que citas del, case habería, no contexto do debate, dárlle a volta.
El dixo o que dixo.