21 feb 2007

O galego que se fala na Xunta de Galiza
XOSÉ MANUEL SARILLE

(El Correo Gallego 21 febreiro 2007)
O Presidente da Generalitat de Cataluña asiste todos os días laborábeis a aulas de lingua catalá ás nove da mañá sen que se lle caian os aneis. José Montilla posúe un catalán máis que correcto, pero os seus asesores aprecian que o máximo representante do país debe usar un idioma impecábel, igual que debe vestir, cando menos, correctamente, en caso de no poder facelo con elegancia.
Visto desde certos sectores de Galiza, pode dar a impresión de que este esforzo é inútil, porque, dirán eles, o que se debe facer é administrar ben, ir ao práctico e deixarse de cousas secundarias. Xa pasaba isto coa reforma do Estatuto, cando dicían que o importante era lograr diñeiro e non facer un problema de país cos dous símbolos que aparecían no debate, o recoñecemento da nación e o deber de saber galego.
Os nosos gobernantes usan un pésimo galego, especialmente o Presidente, que mestura as dúas linguas, caótico nas expresións e coas palabras. Mais tamén o líder da oposición, que non dá colocado un só pronome no seu sitio, sexa porque non sabe ou porque non lle importa. Asómbranos o Conselleiro de Traballo, ao que se lle pegou dicir una cando hai que dicir unha, non sabemos se por desleixo ou por un toque chic de difícil prospección. Non se libra o Vicepresidente, que opta polos castelanismos, talvez por lixeira aproximación popular. Ao Conselleiro de Medio Ambiente nótaselle o contacto permanente co idioma, mais tamén se lle nota que se abstivo de acadar un uso pulcro. No entanto, hai que darlles os parabéns a outros, por exemplo á Directora Xeral de Transportes que se esmera nas entrevistas.
Andar co idioma como se fose un trapo proxecta unha imaxe pésima de nós mesmos, ante nós mesmos, ademais de revelar moi pouca sensibilidade e querenza polo saber, que son virtudes necesarias no gobernante.
Un galego ben falado di moito da calidade dun goberno. Un mal castelán sería inmediatamente censurado nun ministro español e desde logo, un non imaxina a Jacques Chirac metendo couces lingüísticos. O prestixio do país está tamén na lingua, por iso conviña que comezasen xa os cursos, para ser unha autonomía de primeira.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Asino plenamente este artigo de Sarille.

Anónimo dijo...

É certo, alguen lle debería dicir a Touriño que ser bilingüe no significa mesturar duas linguas cando se fala.

Anónimo dijo...

Certo, amigo Zuco.

E tamén alguén lle debería dicir algo semellante a Quintana: aínda ecoa nos meus oídos o de "hermosa nación" que dixo na noite electoral.

Xosé Manuel Carreira dijo...

Pois ten toda a razón. Por exemplo, os británicos caeran engaiolados polo maravilloso acento de Tony Blair. E abofé que, aínda que non sempre esteamos dacordo coas ideas do premier británico, o home fala que dá xenio escoitalo. De Montilla non podo opinar pois non sei catalán.

Supoño que os galegos teremos que facernos á idea do galego-andaluz do señor Touriño e algunha castrapada de Quin.

Anónimo dijo...

A tendencia a "achegarse ao pobo" falando como el fala -que nin verdade é- seica vale como subterfuxio "de clase" para a esquerda, populista para a dereita e mesmo podería facer que disimulase o Touriño.

Remítaselles, polo tanto, o artigo. A ver se teñen un momentiño.

Anónimo dijo...

Non hai nada que facer porque vivimos nuns momentos nos que a norma, as normas calquera que sexan, non se ven como unha cousa que hai que cumprir. Acabouse o da correción lingüística. A informalización das costumes e a coloquialización da lingua escrita son un produto da revolución cultural dos anos 60. Ademáis, para Touriño como para moita xente o que vale para o galego non valería para o castelán. Iso téñeno metido no cerebelo: o galego é unha cousa "enxebre", hai que falalo "libremente", etc, etc. A metáfora "lingua do pobo". Pero el non fala a lingua do pobo.

Anónimo dijo...

Deberían de ter un respecto pola nosa lingua. Que vaian a clases ós Ancares ou O Courel, por exemplo. Non vaia ser que lles toque un dises que emprega o ¨i¨ pra diferenciarse dos de aldea. Cando falan en castelán imaxino que tentarano falar ben, logo o galego tamén lle toca (ou non cobran por representarnos ós galegos). Ainda que se consideramos o castelán do Chaves, do Bono, etc, pois ... ó mellor a desfeita é xeneralizada.

X dijo...

Parabéns a Sarille polo artigo, acertadísimo, e parabéns a vostede por recollelo e difundilo. Saúdos.

Anónimo dijo...

Claro que si. Sarille acerta.