5 feb 2007


O vello cronista escribe….
Alleo ó barullo da rúa, o vello cronista escribe. Está pechado no seu estudo, sobre a vella mesa de madeira, rodeado dos queridos libros de sempre, asolagado nas súas lembranzas. Bota contas e sabe que este xa non é o seu tempo. Hai tempo que o reloxo empezou a conta atrás: el viviu épocas ben difíciles, aquelas que dominaron as sombras do terror. A lembranza do pai é testemuño de que a historia foi carne e non só un papel amarelecido. Pero agora, os fados máis magnánimos só lle poden reservar xa algúns anos, os imprescindibles para despedirse do mundo. Son moitas décadas xa cumpridas e aí quedan os labores feitos: uns cantos libros sobre historia, arte e patrimonio; uns cantos centos de artigos e unha chea de conferencias; o protocolo necesario do Cronista Oficial da Cidade...
E entón pensa no que quedou por facer. Porque, sobre o feito, queda a lousa do amplo catálogo de traballos non rematados e doutros pensados e imaxinados. Aquel libro sobre os toliños de Ourense que quedou sen rematar. Aqueloutra historia das grandes desgrazas da cidade: o incendio que asolou a cultura urbana no Instituto nos anos 20, as cheas do Barbaña que encheron de porcos asolagados as beiras de Villa Valencia aló polos 40, as traxedias do metílico e logo as vítimas inocentes da colza, xa en pleno retorno da democracia... E esa deliciosa microhistoria, oculta nos grandes textos: o crime do Federal, aquel edificio que se derrubou na rúa de Ervedelo na República, aquel neno atropelado en Canedo por un dos primeiros automóbiles da cidade, etc.
Non sabe moi ben por que pensa en todo isto agora. Sempre quedan tantas cousas pendentes. O cronista garda un caixón cheo de compromisos incumpridos polos diferentes políticos de cada hora: cando prometeron un Centro de Interpretación de Historia da Cidade; cando presentaban con entusiasmo o futuro Museo de Artistas Ourensáns; cando vendían, con puntualidade británica en cada nova cita electoral, un novo gran parque para o lecer dos cidadáns (o cemento enterrou de vagariño todas as súas posibles ubicacións). E menos mal. Seica en Lugo algún político quixo no seu día tirar as murallas romanas para ampliar o espazo vital da cidade. Algo así quixeron facer cun lateral do Museo Arqueolóxico e de seguro que o disparate iría adiante se don Xesús Ferro Couselo non o impedise.
Non sabe ben por que pensa nisto agora. Quizais porque está a rematar o discurso de agradecemento que lerá no renacido Instituto de Estudos Ourensáns, do que foi nomeado presidente de honra. Por iso fai balance. E escribe o parágrafo final dese texto: “Entre as características que marcan o xeito de ser dos habitantes da cidade quizais a máis permanente sexa a Indiferenza. Iso explica que, a sete anos de comezar o século XXI, se permitise que un dos edificios máis nobres da cidade, o antigo Banco de España, inaugurado na República, fose consagrado á burocrática tarefa de ser a sede do Catastro en vez de dedicarse a dignas e necesarias funcións culturais. Don Celidonio estaría ben satisfeito”.
(Foto: o Banco de España e, fronte a el, a terraza da Bilbaína. Publicado en La Región, 5 febreiro).



9 comentarios:

Anónimo dijo...

Ese vello cronista, el non será un trasunto do dono do blog, que leva a gala o seu san ourensanismo por onde queira que vai?

(A ver se logo se prospera un movemento cidadán que impida tal desaguisado!)

paideleo dijo...

O cronista fai o que pode...e faino ben.

Marcos Valcárcel López dijo...

Ben, o artigo é un apoio á campaña para reconsiderar o destino do nobre edificio do Banco de España en Ourense. Polo camiño créase un personaxe literario, o vello cronista, que pode ter algún risco do anfitrión do blog, para iso é o seu pai. Pero non son a mesma persoa, sería demasiado obvio. En calquera caso, de parecerse a alguén, si se parece algo a un erudito ourensán, hoxe cronista oficial da cidade, moi maior de idade e que escribiu abondo sobre os toliños ourensáns: Anselmo López Morais. Pode entenderse tamén como unha pequena homenaxe a Anselmo, aínda que non se cite o seu nome.

Anónimo dijo...

O Marcos certou no ton do artigo, moi oteriano, por certo... bota contas este non é o seu tempo...o vello escribe..., etc. pero o personaxe resultou un pouco difícil de identificar...porque todos temos a obcecación de buscar identidades e porque non estamos afeitos a que Marcos nos engaiole con creación literaria...
O caso é que ata o enteirado APC pensou na posibilidade de trasunto persoal...
Quedémonos coa interpretación do seu creador e sumémonos á homenaxe a Anselmo Morais, este vello do PSP que saiu cos votos do PP Cronista Oficial mentres os socialistas votaban a un crego... atolado e pouco letrado e os do Brookling non me lembro.

Anónimo dijo...

Non se me entendeu ben. A miña era unha pregunta retórica e, ao tempo, unha sutil homenaxe ao ourensanismo galeguista (ou viceversa) de Valcárcel. Un ourensanismo que, moi lonxe de quedarse no local, transcéndeo e intégrao en Galicia e no mundo enteiro.
Mais recoñezo que non vin trazo de Anselmo López Morais. Nótase que non o coñezo tan ben como o coñece o anfitrión. El haberá algo da historia de Ourense que se lle escape a Valcárcel? Outra pregunta retórica porque xa todos sabemos a resposta: nada.

Marcos Valcárcel López dijo...

Esaxera vostede, amigo APC, e vostede sábeo ben. Dito sen retórica. Pero graciñas igualmente.

Anónimo dijo...

Discordo de vostede. Sábeo todo da historia contemporánea de Ourense. E aos feitos me remito.

Anónimo dijo...

Pregunta, a ver se o saben todo, oh

¿Como se chamaba o masaxista do Ilicitano FC ao que Pataco lle tirou unha botella de auga á cara no partido da liguilla de ascenso 2ª division na temporada 1971-2?

¿Como se chamaba o zapateiro cenetista do Eirociño dos Cabaleiros?

¿Quen era aquela moza de Ourense, de ollos gazos, que gañou un garrafón de viño sen sabelo nun concurso da revista Teima? ¿Quen fixo o crucigrama e asinou co nome da moza?

Anónimo dijo...

E que istes solo consideran historia de ourense a vida milagros dos seus coleguillas.Como hay quen pensa que a Historia de España é coñecer todo acerca das dinastías reales,i eso é precisamente do que falan as revistas do corazón...
é unha cousa que sempre me chocóu: se sabes como se chaman as netas do rei,eres un marujo,pero si son do rei de hai trescentos anos,eres un erudito en historia...

O Troll ägrafo