3 feb. 2007

Os ollos da memoria
Traballaron arreo por un Estatuto de Autonomía que logo non foi. O que quedou nos libros de historia como o Estatuto dos 16. Puxéronse a traballar o 10 de xaneiro de 1979 no Pazo de Raxoi. Permítome, se lles apetece xogar contra o alzheimer, formular algunhas preguntas para remover os pousos da memoria (poden pulsar enriba da foto e ampliala para distinguilos mellor).
Que forzas políticas estaban representadas naquela comisión negociadora?
Entre elas había un partido que poucos meses antes se definía como "maoísta", quen era o seu secretario, presente na foto? (Por certo, despois militou en Esquerda Galega).
E o secretario do Partido Galeguista daquela (este ausente da foto)?
Un dos representantes da UCD de Lugo, este na foto, foi considerado moitas veces como o que posuía o mellor galego oral, na expresión verbal, de toda a cámara, quen era?
Dous dos que posaban na foto xa morreron hai varios anos, un era daquela conselleiro de cultura e o outro representaba a UCD de Pontevedra, quen eran?
Entre os presentes está tamén un coñecido filósofo galeguista, que daquela representaba o PG. Lembra o seu nome?
E lembra quen era o seu líder político naquela hora, o de cada un de vostedes e ó que votaría despois, nas Autonómicas de 1981, se é que está presente na foto?

12 comentarios:

Xosé M. González dijo...

Eu vou arriscar, a miña imaxe non ten nada que perder.

Primeiro: UCD, AP, PSOE, PCG, POG, PT, ORT, PG. Pode haber máis, non lembro.

Segundo: ORT, Fernando Solla.

Terceiro: Luís Sobrado.

Cuarto: Víctor Manuel Vázquez Portomeñe; e iso que don Antonio Rosón non tiña dúbida.

Quinto: Marino Dónega Rozas e ?

Sexto: Luís Manteiga Pedrares.

Sétimo: como ben sabe o anfitrión, eu daquela nin tiña líder (a non ser que lle chamemos tal cousa ao secretario xeral) nin por suposto está na foto.

Anónimo dijo...

O mellor, a composición gráfica.
JR

marcel swann dijo...

Vendo estas fotos, tamén podemos facernos outras preguntas son:

- Serviron de algo os traballos daquela comisión para o Estatuto? Por que se convocaron, se ao cabo a cousa xa viña precociñada de Madrid? Era todo un paripé?

- Que foi da UCD autóctona? En que se foi convertir?

- Quen dos da foto segue, dalgún xeito, na política? Isto é síntoma de algo?

- Por que non vexo na foto, exceptuando a Rosón, a ningún "peso pesado" dos partidos con máis representantes en Madrid (UCD/PSOE/AP)?

etc, etc.

marcos valcarcel dijo...

Ben, as preguntas eran un xogo máis e X.M.González resolveunas case todas: faltoulle dar con Manuel Reimóndez Portela, xa falecido e hoxe moi homenaxeado nas terras da Estrada, un home seica galeguista que representaba alí a UCD pontevedresa. E sobraba unha sigla na súa resposta: a ORT non participou (eu creo que xa se estaba a disolver nese momento) e Solla, que logo foi a EG, ía en nome do Partido do Traballo.

marcos valcarcel dijo...

E, seguindo a suxerencia de M.Swan, é certo que hai poucos nomes de gran peso (dos tres partidos) nesa foto e na comisión, aínda que outros participaron doutro xeito (Francisco Vázquez, p.ex., daquela moito máis "galeguista" que hoxe). Boa parte do groso da UCD autóctona rematou en Coalición Galega ou en Centristas de Galicia (os que gañaban sempre en Ourense): un paso intermedio para rematar finalmente no PP (no resto do Estado deron o salto máis directo, polo xeral). A foto demostra un cambio xeracional: os máis vinculados hoxe a política, dos que vexo na foto, son Camilo Nogueira, Guerreiro e Portomeñe, pero xa sen o protagonismo daquela hora (que foi de Rivas Fontán, exalcalde de Pontevedra, non?).
Do que serviu aquela comisión e aquel Estatuto dos 16, prefiro que opinen outras persoas deste foro, pois dalgunhas me consta que están moito máis documentadas ca min ó respecto, se teñen a ben intervir.

Xosé M.González dijo...

Corrección adecuada, Marcos; confundiume o de "maoísta", porque o PT,que eu recorde, non se eclamaba "pensamento Mao-Tse-Tung".

A min non me parece que daquela todo viñera precociñado desde Madrid, se ben a intención podía ser esa. Tres detalles: a presenza do Camili Nogueira debeu ser frutífera; Ceferino Díaz seica contraeu daquela a inimizade do moi poderoso Alfonso Guerra xustamente por pretender que o PSOE de aquí tivese dinámica autónoma e, por unha vez,conseguilo en parte; a propia reacción social substanciada en mobilizacións por "un Estatuto de primeira".

Que poucos daqueles queden na política, Swann,explícase polo feito de que pasaron os anos. Vexa o mentado Camilo Nogueira, feito un repolo na foto e con setenta ben levados anos arestora.

Anónimo dijo...

Ceferino Díaz non se nemistou con Guerra daquela, mesmo diría que CD endexamais se nemistou con Guerra senón máis ben que era Guerra quen non podía ver a CD. Por qué?
Cando foi o do Estatuto da Aldraxe, Paco Vázquez, daquela efectivamente "moito máis galeguista ca hoxe", temendo as presións de Guerra, il, tan guerrista sempre, véuse prá Coruña escribeu un artigo ó respecto do Estauto, regresou a Madrid e cando Guerra o convocou ó asentemento-sometemento partidario, tirou de artigo e aí sansacabou a discusión.
Guerra nunca menoscabou a PV e PV nunca deixou de ser guerrista, non sei hoxe.
E Cefe? Pois moi boa pregunta esta. Seica segue de deputado en Madrid, unha vez desaparecido en combate o espectro galeguista no PSOE.

Xosé M. González dijo...

Perfectamente dacordo co Anónimo; tiven eu un pequeno cruzamento entre o da Aldraxe e o Estatuto dos 16, sucesivo no tempo. Con todo, o argumento de base (todo todo non viña precociñado de Madrid) permanece.

Parece que, na situación presente, os procesadores de alimentos mesetarios teñen máis éxito.

bouzafria dijo...

Eu non podo dicir quen era o meu líder político daquela porque cando a foto eu tiña probablemente once anos.
Son capaz de identificar, creo, a Rivas Fontán (ex alcalde de Pontevedra, Luis Cordeiro, Antonio Rosón, Xosé Manteiga (presentoumo o meu amigo xa falecido Guillermo Domínguez, Manteiga tamén xogaba ao xadrez), Pablo Padín (anos despois conselleiro de Sanidade no Tripartito, e agora denunciante en Vigo dos edificios ilegais), Camilo Nogueira, Vázquez Portomeñe (o "inventor" do Xacobeo), e Francisco Puy Muñoz, o cuñado de Manuel Fraga e probablemente o peor profesor que tiven eu na careira de Dereito ( curiosamente o seu fillo Pedro, agora cerebro do actual PP foi para min un profesor excelente).

marcos valcarcel dijo...

Bouzafría, ben sabes que os fillos non teñen por que herdar os pecados dos pais (nin as virtudes, claro). Supoño que o Pedro Puy, actual cerebro do PPG, é o que escribe en GALICIA HOXE e ás veces na edición galega de EL PAIS. Ten ese peso "ideolóxico" dentro do partido ou é algo máis superestructural?

Leituga 1 dijo...

Oxalá fose Pedro Puy o cerebro actual do PPdeG. Témome que non é así. É un tipo moi valioso e unha boa persoa.

bouzafria dijo...

É evidente o que dis, Marcos. Eu só resaltaba o feito anecdótico que un pai tan pelmazo, clasista e antipedagóxico tivera un fillo que facía as clases de Facenda Pública realmente interesantes.
Cando me refiro a peor profesor, por outra parte, non é gratuíto: Obrigábanos a mercar o seu libro e a aprendelo de memoria ( non esaxero) para os seus exames: Había que levar unha separata orixinal do libro aos exames, se levabas a fotocopia non eras admitido.O libro todo era un absurdo disparate. Menos mal que era unha "maría" e o que aprendías nunha semana o esquecías de contado.
Esas prácticas de obrigar a mercar os teus libros deberían estar totalmente prohibidas: paréceme unha indecencia.