3 feb. 2007



Gripe, poesía, cine.
Son un dos milleiros de cidadáns afectados estes días polo andazo das febres da gripe. Dous días de obrigado repouso, comer pouco, moito líquido e descansar a cabeza. Aínda que só en parte: a mesiña da noite está chea de libros de poesía porque nunca cansa realimentarse coas mellores voces de onte e de hoxe. E aproveito para revisar algunhas películas gravadas nas últimas semanas, como ese ciclo Louis Malle que emiten nas altas horas da madrugada. Vira hai moitos anos “O soplo no corazón” (“Le souffle au coeur, 1970), un estraño relato, case incestuoso, e “Lacombe Lucien” (1973), a historia dun colaboracionista cos nazis. A narración de Malle é clara, fresca, espontánea. Vexo tamén “Le feu follet” (Fogo fatuo, 1963), amarga, existencialista. Xa non se ven moitas películas así. Quizais por iso me rexuvenece recuperar esas imaxes. E vai pasando a gripe...
(Pan por Pan 3 febreiro)


25 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois aprobeite Marcos e mire vostede algo de pintura, logo beneficiaremonos todos, ao penduralas no comezo dos fíos. Que mellore.
JR

Xosé M. González dijo...

Espero que che pasase. Unha aperta.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Louis Malle fixo aquela Atlantic City, ao final da súa vida, con Burt Lancaster (o grande Burt Lancaster que podía encher varias pantallas de varios multicines á vez) e unha noviña Susan Sarandon que enseñaba os peitos (por certo, o blog últimamente vai ilustrado con mostras contundentes) suavemente masaxeados por un limón diante do espello e coa mirada daquel gangster vido a menos desde a outra fiestra. Con aqueles limóns ben podía, señor Valcárcel, resucitar antes das febres gripinas.

marcos valcarcel dijo...

Graciñas a todos. A cousa foi rápida e na fin de semana xa estiven mellor. Hoxe xa me incorporei ó traballo. Alégrome que Arume lembre Atlantic City, esa marabilla con Burt Lancaster e Susan Sarandon, os dous xeniais, película chea de saudades e emocións profundas: a escena da noviña Susan Sarandon lavándose cos limóns é unha das antolóxicas da historia do cine (e convertémonos todos en auténticos voyeurs, como Lancaster dende a súa fiestra: iso é o cine, ao cabo, tamén).

Xosé M. González dijo...

Pois a min o que gustou era cando dicía con carraxe "Son un amante!", meu pobre. Pero, en xeral, algo deprimente, como crónica da decrepitude. Saben o que me veu agora á cabeza, sen que teña nada consciente que ver?: "El astillero", de Onetti. Surrealismo, xa sei.

arume dos piñeiros dijo...

Menos mal que lle veu á cabeza El astillero (non entro nas connotacións da palabra), e non o propio Onetti, quen dicia aquelo de que non tiña dentes porque llos prestara a Vargas Llosa. De Burt Lancaster a Onetti vai todo o abano da beleza masculina.

anónimo político-cultural dijo...

Non sei se vostede é un adicto ao sexo, pero ao traballo desde logo que si, señor Valcárcel.

A quen se lle ocurre incorporarse ao choio tan cedo. É que non sabe seguir o exemplo de tantos interinos?

Alégrome de que estea xa recuperado.

Xosé M. González dijo...

E probablemente o Onetti tamén tería o seu apaño. Marcos, perdón, pero ben ves: era sobre a túa saúde e logo deriva.

Aquí logo parecemos todos Carlos Casares, que en paz estea: non hai máis ca abrir a boca e xa está liada.

Leituga 1 dijo...

Alégrome tamén eu pola recuperación do señor Valcárcel. E, dito isto, querería lembrar aquí a primeira película que vin de Louis Malle, que aínda recordo como un momento de auténtica fascinación: chamábase "Zazie dans le metro" e era unha rapaza que andaba por París descubrindo as cousas. Maxia pura. Nunca quixen voler a vela, seguramente porque sei que xa non sentiría o mesmo que aquela vez, no salón de actos do colexio La Salle, en Santiago de Compostela.

marcos valcarcel dijo...

Tamén eu lembro "Zazie dans le metro" nesa sesión da Salle de Compostela: cine diferente, reviravolta de todo, case surrealista. Creo que co paso do tempo remata por perderse esa mirada inocente das películas que vimos con 14,15, 16, 17 anos. Ás veces é frustrante encontrarse con elas. De Malle era tamén "A pequena" que tamén neses anos se amosaba en Santiago: a historia dunha nena prostituída nun burdel de Nova Orleans, creo, contada con moito preciosismo esteticista. Daquela non se falaba aínda de pederastia nin da explotación sexual infantil no estranxeiro: veriamos hoxe esa película cos mesmos ollos de outrora? Por certo, o tema é eterno: en "Le souffle au coeur" hai outra escea moi contida, moi ben narrada, dunha insiuación de abusos por parte do crego que confesaba ó protagonista. Moitos anos antes de Almódovar...

arume dos piñeiros dijo...

Pois debiamos estar alí todos sen coñecermos, porque eu aínda conservo o papel, entre as follas dun libro, da proxección: canto aprendimos naquel amplísimo salón da Salle. E gratis.

Xosé M. González dijo...

Si, por certo. Non vira eu "Zazie", pero lembro agora "Cristo parou en Eboli". A min, que non son tan cinéfilo coma vdes., interésame moitísimo a materia lingüística dos filmes en versión orixinal. E no de Francesco Rossi resultárame impagable escoitar o dialecto lucano que eu estudaba daquela en Filoloxía Románica. Home, e a Lea Massari tampouco non era para desprezar, se me está ben dicilo.

Leituga 1 dijo...

É fascinante isto de atopar aquí varios espectadores daquela exacta película, naquel exacto lugar, naquel exacto día.

arume dos piñeiros dijo...

A fascinación de Leituga 1 fíxome pensar se non sería a proxección na Aula de Cultura de Caixa Galicia, Carreira do Conde, organizado pola Alliance Française? Non sei. A fascinación pode seguer sendo a mesma.

anónimo político-cultural dijo...

E cantos de vostedes estiveron no concerto de Lluis Llach en La Salle aló polo 1979/80?

arume dos piñeiros dijo...

Eu estiven. Eu caseque vivía alí: era gratis todo, o que agora non me explico, e ía a todo. Aínda recordo como entrabamos a tropel naquela magnífica sala. O que máis lembro son as representacións dos grupos cataláns de teatro, Dagoll-Dagom, por exemplo. Presentaba ás veces o meu benquerido Miguel Segade e, por suposto, andaba por alí Dorotea, a dos Tonechos, sempre cun ollo crítico para as obras foráneas. E mira ti agora. Foi para mín boa, extraordinaria, escola de aprendizaxe.

Leituga 1 dijo...

Pero eu creo que o concerto de Lluis Llach foi no pavillón de Santa Isabel. Polo menos eu lémbroo alí. ¿Ou non?

anónimo político-cultural dijo...

Esa sería a segunda vez que actuaría en Stgo., don Leituga 1.
Tamén creo lembrar que vin a José Afonso en La Salle, pero non o teño tan nítido como o de Llach. Lembro a Llach por motivos extramusicais, obviamente, porque hoxe non me gusta nada e paréceme rimbombante e grandilocuente.
E tamén lembro a Jaume Sisa en La Salle con aquel espectáculo seu tan corido, sentimental e psicodélico. Como se chamaba aquel famoso disco seu do que aínda hai pouco falaba Sisa del nunha entrevista?

marcos valcarcel dijo...

Pois eu si gusto do sr.Llach, a diferenza de APC, e vino o ano pasado en Ourense, no Auditorio, nunha actuación magnífica (creo que a de Stago. foi no pavillón Santa Isabel, si). O certo é que os 70 e primeiros 80 foron excepcionais na cultura en Compostela. O papel de La Salle e o teatro foi magnífico: eu vin alí o mellor teatro da miña vida e, do visto despois, poucas cousas mellores que algunhas daquela hora. Aquel espectáculo excepcional de Dagoll-Dagom, centrado nunha cea de nadal, se é o que eu digo, onde acaban todos cabreados e berrando (como tantas realidades semellantes). E unha versión de "A lección" de Ionesco. Ademais dos Laudamucos e demáis obras galegas. E moitos máis grupos vascos e cataláns da época: Els Comediants, que fixo todo unha festa na rúa dende a Salle ata o Obradoiro. Por algures debo gardar unha pequena colección de programas teatrais daqueles días. Alguén debería estudar (se non se fixo xa) a posible repercusión daquela difusión teatral no nacente teatro galego dos 70.

Leituga 1 dijo...

Naquela festa de Els Comediants tamén andei eu. Vinos tamén en Vigo, con "Sol solet", unha marabilla. E a "Nit de San Joan", de Dagoll Dagom, con música de Sisa. O disco polo que pregunta AP-C debe ser o "Galleta Galáctica" ou o "Qualsevol nit pot surtir el sol", espléndidos ambos, senlleiros.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Concordo co noso anfitrión en que foi o mellor teatro que eu vin na miña vida. Pero aqueles cataláns cada vez que viñan eran o paradiso, con todos os respectos para aqueles laudamucos que en efecto acababan sendo señores de ningures.
Non sei o nível de influencia no teatro galego (eu creo que pouco), porque moi cedo aqueles teatreiros pasaron a formar parte do cerne da nova televisión galega e deixaron pouco a pouco as táboas.
Para mín, a influencia do valleinclaniano O velorio de Taxes e o seu éxito a finais dos 70 (vexo que a súa estrea foi na Salle en xuño de 1978) foi máis decisivo ca todos os espectáculos que viñan de fóra. Aquelo que viña de Barcelona era diferente. Era TEATRO.

anónimo político-cultural dijo...

Teño que confesar que, para min, foi unha experiencia traumática ver o teatro galego daquela (dun "expresionismo" cutre e tétrico) e comparalo co máis luminoso que viña de Cataluña. Dalí provén (mea culpa!) a miña escasa querencia polo teatro galego. E que desculpe quen me teña que desculpar.

arume dos piñeiros dijo...

APC: as desculpas en todo caso serán dos que non fixeron ren para fomentar o seu gusto. Salvo aqueles celtas sen filtro (que non sei se agora aguantarían medio asalto), non vin ningunha obra que merecera a pena. E mira que son anos. Eu son dos teus. Apúntame. Pero para pedirmos indemnizacións.

anónimo político-cultural dijo...

Dende hai uns anos para aquí ten que haber teatro galego aceptable e mesmo moi aceptable. Pero o caso é que non me atrae moito e vou moi poucas veces.
Se daquela, cando era aínda un xove indocumentado (agora só conservo a segunda característica), houbera outra cousa é moi probable que hoxe a miña disposición anímica fose outra.

E si, eu tamén vira aqueles "Celtas sen filtro", tan irreverentes e que tiña episodios ben chuscos, como cando se dicía que se pedira o Nobel para Alonso Montero, e o público escachaba a rir. A obra era de Ferrín, como se sabe agora colega de Alonso na RAG e candidato ao Nobel.
O que son as cousas!

anónimo político-cultural dijo...

Prezado Arume:

Teriamos que pedir tantas indemnizacións por tantas estafas, enganos e tomaduras de pelo, que, a estas alturas, estariamos montados no dólar.