8 feb 2007

Saudosistas
(Bieito Iglesias en El Correo Gallego, 8 febreiro)

Un Mariano Rajoy transido de saudade acaba de anunciar que, cando el gañe, vai restaurar o espírito da transición. Cada quen fala da feira segundo lle foi nela, e a min ese billete de andata e retorno que vende o líder do PP non crean me chista moito. Tráeme ao acordo escenas aflitivas que rescato da memoria en lardo vivo. Acórdome por exemplo do amigo Daniel Vispo repartindo propaganda un primeiro de maio na Alameda e do social malencarado que o apañou; Ana Castelao, que pasaba despistada por alí, achegouse para auxiliar o propagandista e recibiu un sonoro lapote do policía político. Lembro a outro amigo, Marcos Valcárcel, escapando dunha carga policial diante de Fonseca –as cachamorras batéranlle ao saír dunha asamblea estudantil–, descalzo, porque perdera os zapatos na estampida provocada polos grises e co pantalón rachado do fondo á cima despois de afociñar nas pedras da rúa, debido á cambadela que lle meteu un cidadán franquista nun intento de cortarlle a retirada. Non esquecín a figura do bedel-confidente que campaba na facultade de Historia (Sarille, parceiro desta agra que decruamos a medias, lidou con aqueles gardas civís reconvertidos en escoitagrilos e fardados de mandilón azul falanxe), nin haberá amnesia que borre a impresión da parella tricorne que asistía aos mitins que eu argallaba nas primeiras eleccións municipais en Coles, dúas metralletas que me seguían por tascas, palleiras e demais rústicas tribunas. O día das votacións, chegou un autobús cargado con papeletas dóciles da UCD; como lle reprochase ao condutor que carecía de permiso para semellante carreto de votantes, este ameazou con arrincarme o pescozo (a base da UCD non cantaba precisamente libertad sin ira). Aínda a risco de pasar por vello sentencioso, declaro o meu desexo: aqueles tempos que non volvan! A diferenza de Rajoy, estou na España plural de hoxe como un rei nunha cesta; estou coma quen di (como din algúns ourensáns brutamontes e satisfeitos) coa pixa na auga.

26 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Hoxe tocoulle a Bieito escribir unhas liñas das miñas memorias. Foi tal como el o conta e cheguei logo, co pantalón roto, sangue nas pernas e sen un zapato (o outro conserveino), supoño que cheo de medo, ó piso do Hórreo onde viviamos (para que non me vise a señora que nos alugaba as habitacións: por certo, faciamoslle as pancartas alí mesmo, cómo quedaría o chao!!). En fin, un chisquiño de saudade si, porque daquela eramos moi mozos (eu 17 anos), pero polo demáis eu tamén vivo máis cómodo na España plural de hoxe. Sen dúbida.

Anónimo dijo...

Con este novo pan e coitelo vai confirmándose, teimuda, a caste literaria inigualable de Bieito. Só os devotos pedimos que remate cedo esas novelas (varias) que ten nos miolos. Con que alguén transcriba o que fala e conta, xa tiñamos unha opera magna en dous días. Que bárbaro!

bouzafria dijo...

Qué medo, non si?
Unha curiosidade: sabía a familia destas actividades políticas e por ende perigosas?
Porque supoño que a parte do medo aos grises, moitos rapaces daquela (o meu cuñado, por exemplo) tamén temían as posibles consecuencias ao chegar a casa.

Anónimo dijo...

O Bieito é un mestre da comunicación con maiúsculas, sen ningunha dúbida. Os seus artigos de opinión posúen sempre ese aire fresco tan necesario e, por desgraza, tan pouco común nos tempos que corren. Á súa habitual orixinalidade, engádese un finísimo sentido do humor (retranca máis ben) que o fan único e inigualable. No artigo de hoxe tocoulle a vostede, amigo Marcos, o papel principal da inspiración bieitiana. E débese sentir orgulloso, "coa pixa na auga", como deus manda.

Anónimo dijo...

Tiñan que ver vostedes a Bieito, feito todo un fenómeno, liscar a toda pastilla diante dos grises nas manifestacións. Cos seus brazos poderosos e movendo as muletas con suma axilidade, deixaba atrás a todos na carreira por fuxir dos paus. E non tiña medo.

Silvio Falcón dijo...

Marcos, espero nunca ter que atoparme nunha situación así, pero non teño dubida que no teu lugar houbera feito o mesmo. Liscar!


Unha aperta Marcos!

Marcos Valcárcel López dijo...

Coas súas muletas o Bieito era o número 1 a correr antes de que cargasen en nós os grises e non sei como non lle deron nunha desas e chimpou polo chan, cando era tan doado tropezar e caír uns por riba doutros (así nos pasou tamén ese día perto de Foseca). Outra das súas especialidades era distraer e burlar ós bedeis da Facultade de Historia, bedeis-policía, mentres os outros (Sarille, Lobo, Rosa, Pitusa, etc.) colocabamos as enormes pancartas de papel de estraza nun lado do primeiro piso da Facultade. Cando se achegaban ata el, nós xa puxeramos a pancarta ou tiraramos os panfletos polos pasillos.
Medo? pregunta o amigo Bouzafría, por suposto que o había. Máis de noite (nas pintadas) e non sei se sabiamos moi ben o que nos xogabamos, aínda que creo que si. A familia sabía pouco, aínda que podía intuír. Non sei a familia de Bieito en Coles: supoño que moi pouco. O meu pai xa entrara na UPG daquela e sabía algo máis, pero por suposto non lle contei desta manifestación ou doutras parecidas. Aínda máis, uns meses despois, fixémonos deter na Praza do Toural uns 14-15 militantes para forzar a legalización da UPG (tamén andaba por alí Pepe Miranda): pasamos unha noite en chirona, cuns xitanos que se rían de nós por collernos por temas políticos (en 1977!!, a UPG aínda era ilegal). Non sei que papeis quedaron en comisaría pero nin avisaron na casa nin nada: eu non llo dixen ó meu pai ata moitos anos despois (e o resto da familia nin se enterou). Así eran as cousas.

Mr Tichborne dijo...

Se Marianito non entende a España de hoxe, nin tenta facelo, como vai comprender a España do 78? Non sería el o que lle botou a cambadela, Sr. Valcárcel?

Marcos Valcárcel López dijo...

Marianito chapaba daquela oposicións como un desaforado porque estaba moi preocupado polo seu futuro "económico", supoño. E a maioría dos estudiantes deixábanse levar, pois os que se movían, con ser moitos, eramos unha minoría. Lembro que ó chegar a Santiago unha vez baixamos tomar café no Hórreo e Bieito e eu quedamos moi impresionados por isto: estaban as cafeterías a tope de estudiantes practicamente apampados polo éxito televisivo da época: "Heidi".

Anónimo dijo...

Marianito non sei, pero sei doutro que era da policía politico-social (un social, como dicíamos)e que fora seminarista (precisamente chamábasmoslle "O seminarista".) Paréceme que estudiaba dereito. Ese pájaro chegou a Conselleiro. De que partido? Do de Marianito. O seu "espíritu da transición" era delatar, perseguir e denunciar. Ou sexa, o que segue facendo ese partido. Daquela e hoxe, coa colaboración dalgúns (de moitos?) xuíces. Poñendo máis cousas, a min detivéronme, petáronme, botáronme contra as paredes, etc (xa o contarei máis polo miúdo. Ten a súa gracia) e finalmente soltáronme unha tarde de fin de ano, por pedir a amnistía. E soltáronme porque apañaron a outro, un contertulio habitual nesta casa, o señor Xosé Manuel González. Chegou un dos "secretos" e dixo: Capitán, capitán, tenemos al hombre-lobo! E o capitán dixo (é textual): A este soltarlo, ya tenemos diversión.
Por certo, outra vez que me deixei coller (co Marcos, o Xan Guerra, o Gato, etc,) non só había xitanos. Tamén uns rapaces que estaban por posesión e uso de drogas. Lembras, Marcos? E un dos tres era fillo da dona dunha xoiería de Santiago. Petáronlles aos outros dous, ben petados, e a el nada. E o tipo dixo: Ahora viene mi mamá y me saca. Meu dito, meu feito. Espíritu da transición? Eu tamén estou coa España plural. Ah! Os dous xitanos eran irmaos, pero levábanse ben anos. O maior dixo: A min, como xa estou duro, non me van petar, pero ti vaite preparando, vanche zoscar duro.
E así foi.

Anónimo dijo...

Historias da transición... Certo que cada un fala como lle foi nela. Eu lembro estar repartindo proparganda en favor da manifestación pro-estatuto do 4 de decembro na esquina do parque de San Lázaro e un señor todo traxeado el, coa súa muller do ganchete, colleu o panfleto que eu lle daba e xirándo sobre os talons e ollándome cun sorrizo, botouno á papeleira.
Fastidioume porque era coñecido da casa -aínda que el a min non me recoñeceu- e sobre todo... porque pouco tempo despois foi de Conselleiro de Agricultura da Xunta.
Historias hai moitas, e creo que en Ourense, nos anos 76-81 fóra dalgún social mala besta que todos recordamos, a policía armada foi moi tratable. Nós, nas folgas do colexio universitario do 77 pactamos varias veces asembleas no medio do xardín do posío... E lembro, como nunha manifestación do MC pola cooficialidade da lingua, agardaron os grises no coche ata que acabou, na praza maior, e como logo azanearon para que se achegase alguén, e alá foi David Cortón, ao que lle pediron unha pancarta para xustificar que a disolveran, cousa que non fixeran, por non molestar e porque eles non vían, dixera o que dixera o gobernador, que alí houbera alteración da orde e ademais o que se pedía era lóxico, e que eles tamén eran galegos.
De todo houbo.

Anónimo dijo...

Pois mire, Monxardín, canto aos grises habíalle de todo. Eu podo falarlle, por exemplo, dun alcoólico que me veu levantar da cama -chamémoslle así- na Comisaría de Santiago, para terme de pé con frío e sen manta (sacárono de alí deseguida, iso é certo); e doutro que, en Lugo, arremeteu contra min coa escopeta de lanzar as bólas de goma e, ao fallárenme as pernas, perdooume o trancazo. Galegos debían ser todos, iso si.

O día que conta o Miranda foi o 31 de decembro do 1975. Pasei a Noitevella no trullo e a meus pais (os pobres) debéullelo contar meu irmán, que tamén estivera na manifestación; alí -na mani, praza da Quintana, apertura da Porta Santa- ben pertiño de min estaba o Ferrín, de puro considerable na man e berrando "Viva Galicia Ceibe!". Por certo, quince días despois empecei a mili en Alcalá de Henares e debo dicir que non fixen carreira aló.

Anónimo dijo...

A nostalxia xa non é o que era.

Anónimo dijo...

A ver, a ver, menos batallitas... :-) Contaba unha vez Basilio Losada que, naquela época, nas conferencias sempre estaban arroupados por un ghicho da "secreta" ou alguén do goberno civil. Así que cando saía un gracioso do público que lles dicía aquilo de "pero signifíquese, hombre, signifíquese", o único que podía facer o conferenciante era pasear a mirada desde o policía ata o gracioso e volta ao policía, e buscar o apoio do público....

Anónimo dijo...

Si, a nostalxia xa non é o que era.

Que perigoso é andar pola fronteira dos cincoenta, nonsi, amigos?

Anónimo dijo...

Eu xa vivín outra universidade, a despolitizada dos anos 80, a de "Chegarás a CAF". E efectivamente, algún aoo que chegou foi a CAF-RE.
A falta de medios era tremenda. O que dominaba era o "montus", miles de estudantes remolcados a aqueles colexios universitarios, loitando por atopar un sitio nas escaleiras para coller os apuntamentos do profe de turno. Mentres, os sindicatos de estudantes batallaban por chorradas. O tema da discusión pola normativa do galego (medios mínimos, medios pensionistas e máximos absolutistas) tamén andaba polo medio e todos a obleas.
Nostalxia, ningunha.

Anónimo dijo...

Pois Xosé M. González evidentemente había moito gris fillo de puta, non o dubido.
E o de que eles eran tamén galegos era o que dixo o gris aquel. Eu non lle participaba na mani, porque nós estabamos pola oficialización e non pola cooficialidade, lembra? por iso estaba alí mesmo ao lado.
Pero peores eran os da BPS. O tipo de que falaba de Ourense, partira unha man zoscándolle a un coñecido membro do PC e zoscoulle por encargo tamén ao fillo do gobernador que escapara da casa e a quen o pai puxo en mans dun profesional.
Época toda noxenta, pero as batallitas da memoria tamén chegan a nós...
Ten rzón APC... isto das beiras dos cincuenta é fodido.

Anónimo dijo...

Un día había que facer un congreso de ex-combatentes que nos irmandase, tantos anos despois, aos que daquela eramos irreconciliables rivais aínda dentro do antifranquismo: peixes (eu), upegallos (vostedes), troskos, mocos, pexegos, ácratas...
E cada relatorio, unha "batallita". E moitos cafés, comidas, ceas, copas e tertulias. O único prohibido, cantar as cancións do tempo, que dá algo de trsitura.

Anónimo dijo...

Onde non se canta, eu non vou.

Anónimo dijo...

Ano 1970, 1º de Maio, O Calvario, Vigo. As rúas están tomadas polos grises e os sociais. Grupos de traballadores, case todos do PC e de Comisións Obreiras, despístanse entre a xente, nun ambiente cargado de medo e de tensión. Recoñezo a Waldino, a Vavá, a Basilio e a Carlos Barros, entre outros. Vexo a Ferrín, cun xornal na man, e chiscámonos un ollo. Camiñamos. Unhas ducias de manifestantes irrompen na rúa a berrar. Estouran bombas de fume. Na neboa do pasado, recordo a case todos. O tempo pasou. Nunca falarei mal de Ferrín nin de ningún daqueles compañeiros. A valentía vale. O medo une.

Anónimo dijo...

mentras ustedes desbarran, aquí na galiza están encausadas unhas persoas por concentrarse hai uns meses para que se resolva a morte no cuartel da garda civil dun rapaz de 22 anos que deixou unha nai destrozada.
Cren que as cousas están de marabilla e se autocompracen rememorando batalliñas mentras siguen pasando cousas espantosas... algunhas moito máis espantosas das que contan ustedes...
a transición tampouco a quero eu pero esta paz infame non me fai ter a pixa na auga!!!

Anónimo dijo...

Ferrín estaba naquela manifestación, e o do puro era signo de elegancia propio da casa: non falaba mal del, senón todo o contrario.

E, en efecto, a situación actual está ben lonxe de ser idílica. Ora ben, o anónimo precedente seguro que tamén ten as súas horas de lecer, sexa cal sexa a súa idade.

Deixamos o teclado e volvemos ao tacho. Afortunadamente, podemos logo volver ao teclado; que tamén é tacho.

Anónimo dijo...

Sería todo un espectáculo: Coral "Os ex-combatentes".
Tenor: Xosé M. Salgado; Barítono: Leituga 1; Baixo: Monxardín; Os que fan que cantan pero só moven os labios: eu e unha dúcia máis.

Marcos Valcárcel López dijo...

Supoño que APC quixo dicir tenor: Xosé M. González.
Comigo tampouco conten para o de cantar: un sabe ben das súas moitas limitacións. Pero, se se poñen pesados, podo levarlles o Xoán Fonseca e o Javier Casares co seu grupo de jazz-blues ou o que sexa, que ensaian (e cean) a cotío. Tamén queda a alternativa do trombón de Baltar, pero parece pouco pertinente: non sexa que acabemos cantando aquilo de "Si no eres del PP, jódete!!!". E ata aí poderiamos chegar...

Anónimo dijo...

Si confundinme, tiven un lapsus. Quixen dicir González.
E xa que estamos, ese grupo de jazz-blues onde actúa?

Anónimo dijo...

Señor APC, préstome a ir con vostede a ver o grupo de jazz ese, pero non espere verme cantar. Tan mal oído teño que non me é fácil distinguir a gaita do piano.
Ou sexa que non lle conto se canto.
Ademais, como vostede ben sabe, tiro a socialdemócrata e autonomista desde pequeno, fixen unhas cantas pintadas, colguei algunha pancarta, botei algunhas carreiras diante da policía e non lle dei para máis... (á parte de ter 15 anos cando a defunción do homiño aquel de Ferrol do Codillo).