10 feb. 2007


Vidas contadas.

Onte pola tarde, na tertulia do Liceo, tivemos a sorte de contar como contertulio con Camilo Dios, que nolo trouxo o Xavier Casares dende Sandiás para contarnos as súas aventuras dende mozo coa guerrilla antifranquista. Narrador nato, o noso convidado foi esfollando capítulos da súa vida dende os días da resistencia no monte ata a condena a morte conmutada por prisión, o seu paso polo cuartel como soldado ou as torturas padecidas como militante comunista. Son estas xentes, pensaba eu mentres escoitaba, que tiveron tempo para vivir varias vidas, moi duras dende logo, pero levadas con dignidade. Logo chegou Gerardo Sueiro, case 95 anos de sabiduría, e díxonos que seguía a aprender moito da vida: vin en tantos anos moitos malvados e rateiros, afirmou, sobre todo no exército e no clero. Vidas contadas: “calquera que pasa ten un rostro e unha historia” (Cesare Pavese).

Pan por Pan sábado 10 febreiro.
P.S.: Con quince anos viuse o Camilo Dios envolto na guerrilla, un seu irmán morreu pouco despois en Ávila abatido pola guerra civil. Conta con moito detalle toda aquela historia: quen eran os enlaces, como contactaban, quen os axudaba, como lles pasaban comida, como se avisaban entre eles, como lle facían os uniformes (o Jesús Nieves, un xastre comunista de Ourense). Conta como estivo co Raúl de Coles, do que tanto nos ten falado o Bieito Iglesias, cando deron con el e o mataron, ó Raúl e a outro máis: non puideron nin disparar, os gardas civís levaban diante súa á nai e un irmán do Raúl. Era preferible non facer prisioneiros. O Camilo tivo sorte porque acabou disparando nunha casa das Mercedes, pero do cuartel ourensán, e o detiveron os soldados do Exército: foi condenado, conmutada a pena de morte e obrigado a facer a mili despois; mesmo fala ben dalgúns mandos ós que serviu no Exército. Militante comunista clandestino, foi con Carlos Barros e Manolo Peña Rey un dos artífices da reconstrucción do PCG en Ourense e o que tiña a imprenta onde se editaban os panfletos de "Cuota da SSA non": por iso o detiveron, entre outras, en 1973 e foi preso de novo e torturado no cuartel da guerra civil. O chamado Billy el Niño, un dos máis brutáns torturadores, moito máis novo que el, que lle desfixo os dedos, aínda vive en Ourense, propietario dunha Academia (e logo din que esta democracia non foi xenerosa de máis!!). Compartimos tan fermosa tertulia, da que tomei algunhas notas (o Camilo Dios quedou impresionado, non sei se pensaría que eu era un "social " ou algo así), estes amigos: Sexismundo Bobillo, Afonso Monxardín, César Ansias, Gerardo Sueiro, Pablo Sánchez Ferro, Serafín Alonso, Xoán Fonseca, Pilar Charro e outra amiga (non sei o seu nome), e Javier Casares, que tivo a xentileza de traernolo para charlar con nós.
Por sorte o Camilo Dios está a rematar as súas memorias que serán pubicadas bastante cedo. O gran Gerardo Sueiro tamén quedou encantado e quedou en volver máis venres: ás veces vai a outra tertulia do Liceo, a de sempre, pero di que non lle gusta porque falan moito de fútbol.

12 comentarios:

anónimo político-cultural dijo...

Fálenos algo máis de Gerardo Sueiro. Quedei intrigado.

Anónimo dijo...

Gostaríame moito escoitar a estas personas.
Jimy de Rairo

marcos valcarcel dijo...

Para Jimmy de Rairo: se anda vostede por terras ourensás, todos os venres, dende as 16,30 (e ata as 18 h.), andamos polo Liceo, no segundo piso. Será vostede benvido se se anima.
Para APC:
Gerardo Sueiro é algo así como un cabaleiro da ILE, modelo de cortesía e bo falar, sensato, progresista e socialista, amigo das boas tertulias, etc. Para empezar, sabe coidarse: así chegou a eses case 95 anos (un dos milagres é que non proba o alcohol, creo), en plenas facultades (só unha pequena xordeira dos últimos tempos). Atendeume unha vez como médico, hai moitos anos, e falei con el en actos e excursións do Liceo ou en ceas conxuntas. É un pracer poder charlar con el. É da familia da Academia Sueiro e vive en Parada Justel, xa sabe (tío do actual delegado de educación, Gonzalo Iglesias).
Este venres vino moi radicalizado. Díxonos que sacara moito proveito da vida nos últimos anos. Que agora era máis obxectivo e se daba conta dalgúns erros que cometera. Que é verdade iso que din de que un estase morrendo e aínda está aprendendo. E dixo que cada vez estaba máis contra a dereita e era máis anticlerical. E que Bush era o primeiro criminal, o número 1, do mundo de hoxe. E que non ía as procesións, cando era medico do cuartel, pese ás fortes presións que recibía dos mandos. E que con tantos anos, tan vello, viu moita corrupción e por iso tiña tan mal concepto da humanidade, sobre todo do clero e do exército. E que a maior parte dos oficiais do exército que coñeceu eran pobres rateiros, que se quedaban con parte da comida dos soldados.
Estivo pouco máis de media hora, pero deixámolo falar, porque era un pracer: agardemos que volva en futuros encontros.

castellvi dijo...

Está no prelo o artigo "EL SINDICATO DE SANIDAD DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1931-36: UNA EXPERIENCIA FRUSTADA" na Revista Ferrolanalisis. Alí poderedes ler historias de varios estudiantes de medicina ourensans mais o menos cercanos/comprometidos coa militancia/inquedanza anarquista nos tempos da República... entre eles J.Pardo Babarro, J.Rodríguez Portugal,e tamén Gerardo Sueiro.

Etxeokeai dijo...

Gerardo Sueiro é boa xente.
Compañeiro das filas socialistas do meu avó foi o seu médico sempre, e amigo da casa.
Cando o meu avó enfermou dunha hemiplexia moi forte, non faltou un só día de visita a casa, cousa que antes só facía de raro en raro.
Gústame esa tirria ao galeguismo que o fai falar sempre sempre un castelán moi coidado e cunha voz que non aparente os seus 95 tacos.

Un presente dijo...

Camilio Dios comentaba na súa memoria persoal que os dedos llos desfixeran no cuartel da garda civil, despois de collelo en 1949 (cando viña o seu comando nunha acción planificada para elimiar a tres persoas en Ourense -que seguramente o merecían- despois, seguramente, dunha delación interna, pola que foron localizados por aí por Montealegre ou así.
As torturas da comisaría, entendín do ano setenta e pouco, foron máis adiante, pero non xa no cuartel da garda civil, senón, supoño, no local da policía que estaba nos baixos do Goberno Civil.
En calquera caso é interesante escoitar o dito e valoralo como a lembranza persoal dun protagonista a través do benefector filtro da memoria.

Anónimo dijo...

Camilo Dios coñece o asunto do Montealegre dende dentro, dende a súa situación de fuxido, verdadeira situación de dramatismo e rebeldía, escola de coraxe e de valentía.
Eu coñecin a situación (só a do Montealegre) dende fóra. Aquel día lataramos as clase da Normal e estabamos a xogar no Madrid (ou tal vez na Bilbaína, non recordo ben). Sentimos tiros e saímos á rúa. Comentábase que había unha refrega entre fuxidos a garda civís e de súpeto vemos arder unha fileira de casas que había perto dun estanque de augas por enriba da Avda. de Buenos Aires. Metémonos nun portal e dende alí vimos como segundo ían ardendo as casas, eles, os fuxidos (non sei cantos serían os que se refuxiaron alí) pasaban á casa seguinte. Eu vín o brazo dun fuxido (sería o do Camilo Dios?), entre a lumieira, disparando cara a rúa. A garda civil estaba apostada por alí, disparando tamén, e berráballe que se renderan. E nós oímos unha voz que berrou; "Non me rindo, que son do Ferrol".
Pilláronos a todos. O que se comentaba despois era que foran collidos por sorpresa no Montealegre, cando estaban comendo. Seica aínda apareceran alí latas de sardiñas e outras viandas. Todos fuxiron como puideron. Pero un rapaz de 16 anos, da rúa da Liberdade, que andaba con eles porque lle mataran a seu pai, non escapou. Apostouse detrás dun pendo a disparar e antes de morrer, aínda matou a dous gardas civís. A outro pillárono nuha perruquería da praza do Ferro, onde se meteu, disimulando, para cortar o pelo. Outros escaparon, por Ceboliño e Velle, perseguidos polos gardas (en Velle sentíanse tiros e as xentes pensaron que eran cazadores) para cruzar o río. Pero a garda civil xa os estaba esperando tamén na outra beira. En fin, aqueles días contábanse moitas cousas por Ourense, unhas certas e outras tal vez inventadas. Agora é o Camilo Dios quen o pode clarear todo. Tamén se dicía que os fuxidos feridos (sobre todo, os das casas que arderon) foron levados para o hospital vello (hoxe cidade universitaria) e as monxas da caridade encargadas de coidalos, non os quixeron alí pois dicían que de noite sentían ruídos e tiñan medo. Así que os levaron para o botiquín do cárcere. Tamén se comentaba que os fuxidos, cando entraron nas casas, secuestraron ós veciños, pero cando viron que os gardas civís empezaron a queimar as casas, eles (os fuxidos) dixéronlles ós veciños que se marchasen. E debeu de ser certo porque ningún veciño foi ferido nin queimado, e os fuxidos sí.
En fin, paro por non me alongar, que xa está ben, pero gustaríame que o Camilo Dios dixese quen era o fuxido do Ferrol e como se chamaba o rapaz de 16 anos da rúa da Liberdade e tódolos demáis casos que se contaban daquela.

Anónimo dijo...

Pois moito me agradaría acudir, pero os xoves e os venres non estou por Auria, sintoo de verdade.
Jimy de Rairo

marcos valcarcel dijo...

Procurarei informarme do que pregunta o Anónimo-testemuña. Si dixo o Camilo Dios que andaba no seu grupo, que eran case sempre de seis persoas, un de Ferrol e dixo o nome, pero xa non o lembro (terei que preguntarlle a el ou a Javier Casares, se o lembra). E tamén contou que outro dos que ía no grupo, xa moi ferido na casa das Mercedes onde se refuxiaron, pediulle ó Camilo que o rematase antes de que os collesen. O Camilo díxolle que tiña unha man libre e colocoulle alí a pistola e el mesmo matouse. Tampouco lembro o nome.

anónimo político-cultural dijo...

Durísima e, ao tempo, heroica historia a que se relata. Deixa a un profundamente conmovido.

Oxalá nunca máis haxa necesidade de resistencias heroicas neste país noso.

Anónimo dijo...

Efectivamente, oxalá nunca máis haxa resistencias heroicas dese tipo no noso país nin en ningún outro. Pero agora é de xustiza alomenos saber o nome destes nosos heroes que daquela, mentras outros andabamos no estraperlo, no contrabando, facéndonos ricos co engano, cantando o Cara al sol ou estudando tranquilamente, eles estaban arriscando as súas vidas no monte, defendendo as súas ideas.
Se mal non recordo, a nai de Camilo Dios -a Carme de Sandiás- fora pillada perto de Ávila. Cando fuxiu ó monte cos seus fillos -segundo se comentaba por aquí- os gardas aproveitaron a súa casa de Sandiás para estableceren alí o seu cuarteliño. Parece ser que o seu home -o pai do Camilo Dios- xa morrera con anterioridade noutra refrega coa garda civil. Un dos fuxidos leváralle á súa casa algunhas pertenzas do seu home (unha navala, un reloxo, etc..). Foi entón cando a Carme de Sandiás lle dixo a aquel fuxido: "E eu podo ir con vostedes?". E foi cando se botou ó monte cos seus fillos. Pero isto poden ser lendas daqueles tempos. Compría que o Camilo Dios clarease todo, para afastar a palla do trigo, a mentira da verdade. Agardo con ilusión o libro das súas memorias.

castellvi dijo...

Hay un libro en el que Camilo de Dios ya cuenta muchas de sus historias de guerrilla. En concreto en el libro de Alfonso Domingo "EL CANTO DEL BUHO" (hay un capitulo de más de 10 páginas y varias fotos suyaas).
El otro referente es el libro del investigador alemán Harmut Heine de "A guerrilla antifranquista en Galicia" de Xerais: un clásico en la materia.