10 feb. 2007

Foise tamén don Alejandro Finisterre


Polo blog do amigo Modesto soubemos da morte do poeta, editor e inventor do futbolin Alejandro Finisterre. Fora tamén albacea do poeta León Felipe (non sei cómo anda o lío que tiñan cos seus fondos en Zamora...)
Esoutro día lembraba eu na sección "Cen Anos de Historia Cultural" a súa revista Ecuador 0º0'0'', editada en Quito, Ecuador (na foto, do blog de Modesto, está Finisterre, con Modesto Fraga e Luis González Tosar, hai unhas semanas).

Sentimos tamén dende Auria tan irreparable perda, aínda que sabiamos que estaba maliño. Fisterra, e toda Galicia, perde un dos seus grandes nomes da cultura. Deberiamos celebrar a súa memoria todos cun futbolín xigantesco na Praza da Quintana.

Primeiras referencias urxentes: Finisterre na wikipedia, o seu labor como editor, unha entrevista sobre o futbolín. X.M. Pereiro nesta entrevista-reportaxe recolle as súas críticas ó concello de Zamora por "deixar pudrir en caixas" o legado de León Felipe.

7 comentarios:

María dijo...

Pero como non vén iso na prensa?? Non poderías enlazar o blog do "amigo Modesto"? Grazas

Xosé M. González dijo...

Non vén na prensa: é o que temos. Se se leva á práctica a idea do futbolín xigante, anótome para botar unha partida, de porteiro ou de defensa.

Que en paz estea. Tempo, realmente, de loito.

anónimo político-cultural dijo...

Os que fumos mozos debémoslle tanto!

Que a terra lle sexa leve.

marcos valcarcel dijo...

María, eu tampouco vin hoxe a nova na maioría dos xornais galegos (saiu en La Región porque os avisei eu pola tarde). Quizais non chegase a tempo, antes de pechar as páxinas nas redaccións. Eu saqueina directamente da web de Modesto Fraga, que está ligada ó carón dos post, na dereita da pantalla.

marcos valcarcel dijo...

Alejandro Finisterre. Morreu Alejandro Finisterre, que de nome era Alejandro Campos Ramírez e levou polo mundo adiante o topónimo de Finisterre e os símbolos de Galicia. Poeta e editor, comprometido dende a súa mocidade, con León Felipe editou a revista “Paso a la juventud” e despois outras, América adiante, como “Ecuador 0º 0’ 0’’, publicada en Quito e dedicada a diversos poetas españois e latinoamericanos. Editou (en Ediciones Finisterre) a autores como León Felipe (do que foi albacea e presidente de honra da súa Fundación en Zamora), Juan Larrea ou Ernesto Cardenal. Pero sobre todo é popular porque foi o inventor do futbolín: en plena guerra civil, convalecente dun bombardeo, ideou, inspirándose no tenis de mesa, un xogo que había percorrer todo o planeta en pouco tempo. Xa sabiamos que estaba maliño porque hai pouco o visitaron os amigos do Pen Clube Galego Luís González Tosar e Modesto Fraga. Tiña 88 anos e moitos galegos e galegas nunca escoitaron falar del: ese é o país que temos. Para lembrar a súa memoria propoño a organización dunha gran celebración na Praza do Obradoiro de Compostela, con milleiros de futbolíns conectados como se fosen ordenadores, nunha xigantesca homenaxe ó poeta e editor. (La Región 12 febreiro)

arume dos piñeiros dijo...

Preguntas fundamentais:
de que cores eran as equipacións orixinais?
Tiñan dúas pernas ou era dunha soa?
Valía parado na dianteira?
En fin, o básico.
Por outro lado, se hai ese homenaxe, pido diante.

PEN Clube dijo...

A súa última aparición en Galicia (fóra das visitas ao hospital), foi no encontro internacional de escritores "De pedra e de palabra", organizado polo PEN Clube de Galicia. Estivo coa súa muller María, e acudiu a TODO, maliño e fráxil como estaba (veu e marchou nunha ambulancia medicalizada). Paseou por Santiago con nós, falou nas Adegas Martín Códax nunha homenaxe ao viño albariño e fixo unha magnífica e á vez divertida intervención de máis ou menos 15 min. na Casa-Museo de Valle Inclán (da que por sorte, temos documento gráfico e sonoro). Estivo con nós catro días, falando, rindo, tomando uns wishkis con auga... argallando proxectos para o futuro... Até sempre, Alajandro.