Xestos.
Determinados xestos (en galego dicimos acenos) son importantes non polas súas consecuencias inmediatas nin porque vaian a cambiar as cousas, senón porque demostran que, por baixo do barullo, hai persoas que manteñen unha certa presenza moral. Por exemplo, o xesto de Andreu Buenafuente rexeitando un premio xornalístico que se lle concedía tamén ó director dun programa da radio da Igrexa, o infumable FJL. Di Buenafuente que respecta a súa profesión tanto que non pode aceptar ser comparado cun axitador do guerracivilismo e que toma esa decisión porque ese premio ofende ó propio periodismo. Non son habituais este tipo de xestos, pero serven para evidenciar que existen persoas que poñen por diante dun éxito puntual uns firmes principios. A sólida categoría profesional do cómico catalán non perde nada sen o premio e o país gaña sequera un pouco de claridade. (Pan por Pan 11 febreiro)
P.S. : cales lles parecen a vostedes algúns dos acenos máis relevantes da recente historia política e social do noso país?
26 comentarios:
Como teño vantaxe, xa empezo eu con dous xestos históricos: (1) o zapatazo de Beiras no Parlamento, que cambiou a evolución do nacionalismo no seu momento; (2) a negativa de Ferrín a recibir un premio da Xunta de Galicia, para non lexitimar a autonomía galega,
nos tempos de Albor (premio que creo que lle era ofrecido dende a Direción Xeral de Cultura de Luís Álvarez Pousa).
Home, amigo Valcárcel, coido que esaxera chamándolle "xestos históricos" a eses doua que vostede cita.
O zapatazo de Beiras non sei moi ben que foi o que cambiou na evolución do nacionalismo. E a negativa de Ferrín foi a típica incoherencia política do autor: se, en efecto, a súa negativa a recibir o premio fíxoa coa intención de non lexitimar a Autonomía (deixando ao benintencionado Pousa en calzóns), por outra banda non tivo reparos en pasar pola "ventanilla" do Ministerio de Cultura do Estado Español daquel momento para entregar un impreso de solicitude dunha subvención para creadores, tal como se amosa nos créditos dunha nova novela que publicou máis ou menos por aquelas datas.
Non tivo demasiada transcendencia pública, e tampouco non é propiamente recente. Pero no seu día, se non lembro mal, Manuel María declinara entrar na Real Academia Galega. Estariamos falando da década dos 60 ou 70, e a min paréceme un aceno de significación política clara.
Que alguén o confirme, por favor.
O de Beiras, ser, é un icono.
Os acenos invisibles (un oxymoron fácil de comprender) son os mellores. Claro que relevantes non poden ser. Velaí a desgracia.
Creo que o "zapatazo" de Beiras non foi moi oportuno politicamente, polo menos naquel momento. Penso nos epítetos que recibiu desde moitas persoas... "Xestos" bastante máis positivos pola súa parte foron non entrar no PSOE en 1977 e darlle plantón ao presidente da RAG no ano 1985, por razóns ben coñecidas
Algúns "non xestos" de persoas que tiveron responsabilidades políticas en Galicia:
- a non dimisión de Albor en 1986.
- a baixada de pantalóns dos socialistas (Laxe, etc) ante o goberno de Felipe González.
- a non retirada a tempo de Fraga.
Consideran vostedes qeu foi un xesto a dimisión de Barreiro Rivas?
Tamén aplaudo o xesto de Buenafuente. aquén Miño, por máis que penso, non se me ocorre ningún :( fóra da renuncia de Ferrín (creo que era ao Pedrón de Ouro), en canto á solicitude de subvención non vexo por que non habería de facela, tengo en conta que paga impostos a ese mesmo Estado que convoca a subvención. Non creo que haxa que mesturar ambas cousas.
4 de decembro do 2001: con aplauso dalgúns -preparados, lúcidos ou corteses- e pasmo da maioría -sobre todo os do PSOE- Fraga e Beiras danse a man e unha lección de intelixencia e visión política; cada un coa súa motivación.
Non se sabe agora ata onde chegaría aquilo. En todo caso, todo foi varrido polo que daría lugar á mensaxe que vai a seguir.
1 de decembro do 2002. Praza da Quintana, Manuel Rivas:
"Aquí está a dignidade, aquí está a conciencia libre, aquí está un pobo vivo, aquí está a honra de Galicia...
Polycommander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo.... e agora Prestige. Xa non queremos contar máis...
Galicia é hoxe a humanidade que berra: ‘Nunca máis!’".
É incoherente o xesto de Buenafuente pois hai unhas poucas semanas estivo dándolle a tabarra a FGL para que asistise ao seu programa.
A envexa é o que ten.
Por outra parte o xesto máis significativo foi o feito de permanecer sentado de Zapatero ao paso da bandeira americana.
E é incoherente porque meses despois o Goberno español peta en mil portas para poder concertar citas con segundos espadas do goberno dos Usa, pois co presidente Bush(democrático)xa nin falamos
Este xoven ourensán di que Buenafuente estivo dándolle a tabarra a FGL.
Pero home, xoven ourensán, como Federico García Lorca ía asistir a un programa de Buenafuente? Ha, ha, ha....
Obvia corrección (e van...):
1 de decembro do 2002, Manuel Rivas, Praza do Obradoiro (non da Quintana).
Con respecto á dimisión do vicepresidente Barreiro Rivas: non teño claro se foi un aceno de seriedade ou un 'tour de force' fracasado; a el considéroo un político capaz e o seu retiro académico unha perda para a res publica.
Precisión para X: non era o Pedrón de Ouro, que non sei se se lle deu a Ferrín, pero que non rexeitaría, seguro: tratábase dun premio da Xunta, político, concedido dende a Direción Xeral de Cultura de Luís Álvarez Pousa. Eu tamén penso que non é o mesmo un premio deste tipo, de carácter simbólico e propagandístico, que acollerse a unha subvención, que é unha decisión máis técnica ou funcionarial. Tamén ata 1975 todos os funcionarios xuraban os principios do Movimiento e iso non quere dicir que estivesen nesa onda, por suposto.
Quizais o aceno político mais significativo sexa ese do 1 de decembro do 2002, pero nese caso foi colectivo, dunha boa parte da sociedade galega: Nunca Máis. Eu referíame máis a acenos individuais e vexo unha relación importante entre os dous de Beiras: o zapatazo e a man tendida a Fraga. Beiras sabe de xestos, sen dúbida.
Discrepo coa valoración que se está facendo de certos xestos. O do zapatazo, ademais dun plaxio un pouco pueril, véxoo como un xesto innecesario e feo, máis propio dun "enfant terrible" que dun líder político democrático.
Eu creo, en xeral, que en Galicia, na política e na cultura, o que sobra é precisamente iso: xestos, actitudes puramente xestuais, política xestual. E os xestos aquí case sempre acaban sendo pura xesticulación.
E como vén dicir Arume dos Piñeiros, un auténtico "beau geste" case nunca esixe presencia de fotógrafos nin avisos á prensa.
É certo.
Na política galega hai demasiadas políticas de xestos e moi poucas políticas de argumentos.
Permítanme discrepar. Un bo aceno vale ouro en expresión e cultura cívica. Non vexo eu que precisamente este país, tradicionalmente discreto, sexa sobrado en acenos.
Por outra banda: falamos de feitos eticamente significativos, esteticamente relevantes, con transcendencia social. Obviamente, non abundan. E os de Beiras aquí citados -paréceme claro- polo menos teñen unha das características que indico; ou máis dunha.
A miña memoria enfraquece e non recorda se Barreiro foi vicepresidente con Albor, se presentou a dimisión, se formou ou pasouse a Coalición galega, se asinou unha moción de censura contra o seu anterior partido (o que lle valeu aquel aldraxe de felón), se foi vicepresidente co tripartito e se foi condeado finalmente a inhabilitación por aquel asuntiño do xogo. Eu creo que é unha perda para a res publica, sen dúbida, porque como politólogo é brilantísimo, pero como político arriscou un pouquiño de máis. Non sei.
Gustariame, pois, que alguén me explicase esa, disque, gran relevancia do aceno de Beiras co zapato. É que non alcanzo...
Tampouco alcanzo a albiscar a gran perda para a res publica de X.L. Barreiro. Se alguén ma explicase, agradeceríao.
Nunca me gustou Beiras (quero dicir en política, claro está, polo demáis é outra cousa); xamáis lle vin a gracia. Foi capaz de aglutinar un sentimento (non unha política) nacionalista, pero estivo varios anos despois de chegar ao teito cunha inmobilidade cando non baixada ben elocuente. Pero era Beiras, o carismático lider. Nin para diante nin para atrás. Ata que recoñeceu que ían perdendo votos ata a derrota final e decidiu marchar e darlle a corda a Anxo Quintana, un lider ao que nunca lle agradecerán o bastante os seus militantes e simpatizantes. Pero en fin. Tamén debe ser cuestión xeracional, pero Quintana é, para mín, máis enriquecedor para a política galega.
Sobre Barreiro quixen ser prudente e optei pola vía suave, pero concordo en que para a res publica pasouselle o arroz (por ser outra vez suave).
Barreiro non volverá á política; as paellas de agora cociñan doutra maneira. El é un político de hai vinte anos e ignoro no que daría cunha continuidade que non tivo. Á vista do resultado,que probablemente non esperaba, debo inclinarme ante o comentario: obviamente, arriscou de máis.
Beiras... eu penso que foi un político xenial. E nunca un dirixente partidario. Efectivamente, deu o relevo cando constatou que o ciclo ascendente rematara porque o seu modelo -persoal- esgotara. O que veu despois é a historia dunha mala xestión. Lamentable (para os nacionalistas, claro, para outros máis ben rendible).
O sentimento é moito en política, sobre todo combinado con intuición e xestión de recursos. Demostrouno el, de maneira tan elocuente coma as secas cifras: de un a dezaoito en doce anos.
As secas cifras. As molladas falan de
1985: BNG 1, EG: 4; CG: 11
1989: BNG 5, EG: 2; CG: 2
1993: BNG 13
1997: BNG, 18
2001: BNG, 17
2005: BNG, 13
PSdeG-PSOE: 22, 28, 19, 13, 17, 27.
Home, Arume, tal extrapolación non lle queda ben a alguén coma vde. Ben sabe que Coalición Galega (partido no que as prácticas caciquís tiñan algo que ver na recolección do voto) pasou case en masa ao PP, con algún retallo (Santos Oujo, Celestino Torres...) no PSOE; ao BNG?: o finado Rodríguez Peña, algunha colaboración conxuntural (Carlos Mella) e se cadra varios amigos.
Canto ao PSG-EG -e o anfitrión non me deixará mentir- coido que en efecto unha boa parte dos seus efectivos militantes pasou ao BNG. Ora ben, se falamos de votantes o galo canta diferente: sería ben determinar canto foi ao PSOE -que lle vou contar- e que remanente a IU: unha antiga dirixente local de aquí (Zita Méndez) escolleu ese camiño.
De todos modos, non falaba eu do BNG, senón de Beiras: de un a dezoito en doce anos, non por traballo exclusivo del, xaora, pero si con moito de mérito persoal e indesmentible cabeceira.
Non se me apure, hom, teremos tempo para comparanzas; non apuntaba eu agora con esa escopeta.
Por voltas de chamada transición, os partidos españolistas tiñan rostros coñecidos que presentar diante do electorado galego: Suárez, González, Carrillo, Fraga, etc. E os que lles faltaban en Galicia de contado acabaron fichándoos entre os "galeguistas". Os nacionalistas non podían competir nesas condicións: non os coñecía case ninguén. Tivo que vir un Beiras, un home cunha personalidade moi rechamante, para poñer o nacionalismo no mapa. Fíxoo porque é un galego non acomplexado, porque soubo utilizar o humor e a retranca, porque as súas palabras tiñan convición e porque era un político diferente.
A cuestión é: o fado do nacionalismo é ter que depender desta caste de persoas? Por que convence a música e non as ideas de fondo? Por que un paso adiante e dous atrás en cada reviravolta histórica?
O que quixen decir é que de un a dezaoito son cifras moi secas, enxoitas. E non falo de partidos, senón de votantes deses partidos. De ónde sairon todos os votantes do BNG en doce anos? Dos que perdeu o PSOE? Dos que perdeu o PP? ou dos que perderon Cg e EG? A mín resúltame difícil enlazalo todo, por eso poño cifras máis molladas, porque non é de un a dezaoito e moito máis complexo.
E, por suposto, xa o dixen e sigo decíndoo: o mérito de Beiras é aglutinar un sentimento. Pode que para algúns sexa suficiente, pero se me permiten a broma docente, non é nin notable, nin sobresaliente.
Pois pasar de un a dezaoito (perdoe a insistencia), con base nun sentimento, cóidoo merecente da Matrícula de Honra. De onde saíron os votos? De diversos lugares -moitos foron novos votantes- e o electorado seguiu sendo móbil (e ás veces non sei se tamén un tanto lábil). Beiras foi factor básico, non único, da expansión dun nacionalismo inequívoco e agora consolidado, a uns niveis impredicibles (para min, polo menos) no 1985.
Swann, canto a min, impecable; coma máis veces. Malia as aparencias, eu openso que somos un pobo de artistas, lírico. Xa sabe: "Un paso adiante e outro atrás, Galiza...". Xa tarda o novo cara á fronte (sen cavorco, eh, eviten os malintencionados chiste fácil).
“Crom, jamás te había rezado antes, no sirvo para ello. Nadie, ni siquiera tú recordarás si fuimos hombres buenos o malos, por qué luchamos o por qué morimos. No, lo único que importa es que dos se enfrentan a muchos, eso es lo que importa”.
(Yo voto por este fragmento descontextualizado y traído por los pelos de la Oración de Ringo Kid, musitada en cobarde silencio por el quinto procurador de Judea cuando el Comité de Damas por la Pureza y la Normalización Moral expulsan del pueblo al doctor borrachín y a la puta, perseguidos sin pausa por los ladridos indignados de los perros del Dekkan).
Cordiales saludos.
Publicar un comentario