12 feb 2007


PROPÓSITO DE EMENDA

Di agora José María Aznar que si, que agora si que sabe que non había armas de destrución masiva en Iraq, causa principal da chamada guerra iraquí e coa que quixo xustificar no seu día a participación de tropas españolas na mesma. Coincide tal acto de contrición coas novas que chegan dos Estados Unidos, onde o propio Bush semella darse conta de que os conflitos xerados pola invasión do territorio iraquí non van ter arranxo doado. Disque os seus asesores lle pasaron a xenial película de Gillo Pontecorvo, “A batalla de Alxer”, para que o presidente estadounidense poidera decatarse cun mínimo de rigor do que está a pasar en Bagdad e os seus arredores: pois si, rodada en 1966, “A batalla de Alxer” amosa de xeito descarnado a loita dun pobo en resistencia contra o colonialismo francés, utilizando todo tipo de métodos, incluídos os máis violentos, para botar cara a metrópoli as forzas de ocupación. Os alxerianos lograron o seu obxectivo, non sen moitas dificultades: polo visto Bush aprende historia co cine, pois que lle sirva de proveito. Son tempos de arrepentimento, en todo caso, de caída do cabalo e conversión: en territorio galego Alberto Núñez Feijóo declara nunha entrevista de prensa que ó anterior goberno do PP no proxecto da Cidade da Cultura de Gaiás “se nos fue un poco la mano”. Xa nos demos conta e difícil será endereitar o entorto. E digo eu, por qué Aznar e Nuñez Feijóo, agora arrepentidos do seu belicismo pasado e dos desastres de Gaiás, non fan propósito de emenda para o futuro? Supoño que ámbolos dous serán católicos confesos e xa saben que no sistema simbólico da súa relixión non chega con arrepentirse, hai que facer algo máis se queren que as súas culpas e pecados sexan de verdade purgados.

(La Región 12 febreiro)

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Aznar non viu Cuando ruge la marabunta e a derradeira película de Núñez Feijoo foi Tierra de faraones.

Raposo dijo...

Aznar tardou 4 anos en enterarse do que sabían tódolos analistas políticos independientes de Oriente Medio, os inspectores da Onu,os periodistas, ti e máis eu.
Agora recoñeceo pero sen disculparse e con esa chulería tan súa e as veces tan grotesca.
Hai quen non cambia.