16 feb 2007


Xoán Manuel Casado (I)
Andoliña 16 febreiro

Citado sempre como narrador, Xoán Manuel Casado, nacido e falecido en Barcelona (1949-2002), foi tamén poeta, autor de catro libros publicados en vida e varios inéditos agora recuperados. Porque o conxunto da súa poética chega agora ós lectores da man do PEN Clube galego na colección Arte de Trobar, en edición introducida por Xesús González Gómez e cun limiar de Basilio Losada. Este último fala de Xoán Manuel Casado como un autor "raro", que concentrou as súas entregas poéticas en moi poucos anos e que foi quen de conducirse libre á marxe das modas e tendencias dominantes en cada época.

É esta, pois, unha ocasión excepcional para reencontrarse, nos versos do fillo de Manuel Casado Nieto, coas néboas de Auria e os centeos de Castro Caldelas; coa memoria do Tío Vicente, Risco dos seus papeis, e coas sombras dos grandes escritores amados, de Alberti a Machado, de Blanco Amor e Celso Emilio a Seoane e Lorenzo Varela exiliados. Dominou Xoán Manuel Casado o rexistro elexíaco (tamén o seu pai) e mesmo a laparada do poema breve, de forte intensidade emocional, velaí: "O vento vai marmurando/ dende o val deica os picoutos./ O vento non ten historia: / conta as historias dos outros".

1 comentario:

Anónimo dijo...

Magnífico e sumamente necesario este volume da poesía completa de Xoán Manuel Casado. O traballo de Xesús González Gómez, unha vez máis e como de costume, é realmente extraordinario,impecable. Boa falta lle facía ao noso sistema literario un volume destas características. Grazas a Xesús, o lector poderá coñecer máis a fondo a obra dun poeta pouco coñecido e, con certeza, interesante. Parabéns.