16 feb. 2007



XERACIóNS / POR LUIS GONZáLEZ TOSAR

(Dende O levantador de minas, encontro este artigo de Luís González Tosar, publicado en El Ideal Gallego, que lembra as orixes da revista Dorna. E paréceme oportuno traelo aquí tamén).

Tardiña de outono do ano 1980 na Rúa Nova de Santiago, diante da galería Sargadelos, un grupo de mozos e mozas, que andan ás voltas cunha idea fixa; sacar unha revista de poesía, agardan polo poeta Salvador García-Bodaño.
Eusebio Lorenzo Baleirón, David Pérez Iglesias, Miguel Bugallo, Henrique Monteagudo, Xosé Antón L. Dobao, Xiao Roel, Fina Fontes, Suso Otero Molanes, Ramiro Fonte e Lois R. Andrade escoitan a García-Bodaño falar, con emoción, dun escritor de noso que fora emigrado en Colombia.
Un poeta que foi colega do pintor Urbano Lugrís, artista total, e un grande símbolo da bohemia. Salvador le, alí mesmo, uns anacos da carta que acaba de recibir, na que Avilés de Taramancos lle anuncia ao amigo, entre outras cousas, a intención de voltar a Galicia.
Pasan catro anos. Nun piso vello da Algalia de Abaixo, esquina Calexón dos Troques, tamén na cidade de Compostela, traballan, dirixidos por Xurxo Fernández, maquetando a séptima entega de Dorna, abril de 1984, algúns daqueles mozos.
As colaboracións de maior ringo-rango que teñen son: un poema inédito de Xosé María Díaz Castro e outro texto, sen publicar, do de Taramancos. O propio Avilés, na súa Taberna Típica, en Noia, entregáralles o "Primeiro canto Caucano". Longo poema en catro tempos que non era a súa primeira colaboración na revista, porque xa lles anticipara, para Dorna seis, "Os elementos do desastre ou o canto do vello capitán Pablo de Rokha morto no exilio", asinado por Ulises Fingal.
Rematando a lembranza da "xeración Dorna" leo as declaracións do novelista Santiago Jaureguizar, que gaba a "xeración do peixes". Novísimos autores "próximos ao que pasa en Europa e nos Estados Unidos... Aos que non lles interesa para nada a literatura galega nin a coñecen moi ben".
E digo eu, que carallo fan escribindo en galego?

6 comentarios:

anómino político-cultural dijo...

Iso de "xeración Peixe" é unha das bobadas máis tontas que teño lido dende hai tempo.

marcos valcarcel dijo...

Ademais, vaia nome: a quen lle gustaría ser incluído nunha xeración chamada "Peixe"? Por outra parte,confesar que non lles interesa para nada a literatura galega "ou non a coñecen ben" é unha declaración suprema de ignorancia. Antes "matábase o pai". Agora, simplemente, ignórase.

Garcilaso De La Vega dijo...

a min o das xeneracións dame moito polo insondable, o de peixe supoño que virá por unha peli "gente pez" baseada nun comic de Mauro Entrialgo...
o que si teño moi claro é que matar ao pai está moi ben, o malo é que ún/unha despois convírtese en pai ou nai da mesma maneira e non hai quen rompa esa cadea. Quizais ignorar aos pais é unha estratexia máis lúcida.
Hai unha morea de escritores (dende sempre) que escriben en español sexan do estado ou latinoamericanos etc que non lles interesa en absoluto a literatura española... (incluso latinoamericana)
que carallo fan escribindo en castelán???
que escriban en xaponés ou inglés... non é??

marcel swann dijo...

Etiqueta que algo queda. Sobre todo o nome do etiquetador, do que, deste xeito, tododiós fala. Cosificar, etiquetar, poñerlle nome e apelidos a unha literatura que non é a que el fai é un xeito de autoafirmación. Eu recomendaríalle ao autor cabereteiro ("Pasen y vean") que non se chupe tanto a pirola, metafisicamente, e que viva e deixe vivir.

Xiao roel dijo...

Como comprenderedes eu, e todos os alí nomeados polo tal Jaureguízar, seremos "bos peixes", pero dos que nadas en cuncas de espadeiro. A imbecilidade de que non nos interesaba a literatura galega é como mínimo unha boubada de quen nen nos coñecía nen sabe nada de nós. Por se serve de algo habería que decirlle que varios estabamos a traducir obras das lñiteraturas de avangarda europeas e mesmo de autores clásicos grecolatinos que circulaban entre nós como se fosen ringleiras de cocaína intelectual. Pero parvos sempre os houbo e non hai remedio. O que di o Luís é certo e moito máis que poderíamos contar sobre unha xeración extraña e fructífera como poucas.
Unha aperta pouco ictiolóxica de Xiao Roel

a.p.-c. dijo...

E logo, anda a ler post vellos?

Non sei quen é vostede, pero esa frase súa ("autores clásicos grecolatinos que circulaban entre nós como se fosen ringleiras de cocaína intelectual") merecería figurar nunha antoloxía... mellor non digo de qué tipo.

(Hoxe ando un pouco cáustico, disimulen a acidez)