1 mar. 2007




ADIVIÑA, de Xosé Miranda (A Nosa Terra, 21-28 febreiro)

(Para os meus moi intelixentes lectores resultará moi doada esta simpática adiviña que nos plantea o amigo Pepe Miranda en A Nosa Terra. A imaxe de Juan Genovés pode ser unha boa pista)

Moncho Fraga (o mellor de todos). Ana Castelao. Alfredo Suárez Canal. Ramón Varela. Roque Santamarina. Araceli Ozores. Carlos Vales. Henrique López Escudero. Xesús Seixo. Rosa Suárez Canal. Anxo Corral. Ánxela Bugallo. Anxo Quintana. Ramiro Oubiña. Miguel Campuzano. Luz Galocha. Xesús Arrizado. Bieito Alonso. Pascuala Dorado. Xoán Fraga. Francisco Mariño. Francisco Niño Ricoi. Merche Penoucos. Xosé Luís Salvadores. Dolores Varela Salgueiro. Anxo Louzao. Alberte Ansede. Xosé Manuel Sarille. Montse García. Mariña García. Manuel Xordán. Isabel Cadenas. Bieto Iglesias. Claudio Rodríguez Fer. Román Raña Lama. Sara Cid Cabido. Carmen Blanco. Xosé Cid Cabido. Luís González Tosar. Chus Pato. Manuel Bragado. Xulio Gaioso. Carmen Díaz Simón. Xabier Vence. Xosé Albán. Xosé Bergantiños. Luciano Rodríguez. Xosé Manuel Eiré. Narciso de Gabriel. Antón Baamonde. Henrique Monteagudo. Xulio Ríos. Carlos Méixome. Manuel Velo Gantes. Celso Sánchez. Xosé Antón Guitián. Carmen González Lago. Marcos Valcárcel. Andrés Fernández Places. Daniel Bernárdez. Rodrigo Romaní. Tareixa Novo. Antón Castro. Celso Parada. Antón Reixa. Manuel Guede Oliva. Quico Cadaval. Xoaquín Fernández Leiceaga. Carlos Varela. Carlos Varela García. Celsa Varela. Celsa García. Xulio Crespo. Manuel G. Sendón. Manuel Castiñeira. Xoán Carlos Carreira. Xosé Antón Taboada. Paco Luís R. Guerreiro. Xavier Toba. Ana Cadenas. Carmen Maio. Henrique Sanfiz. Xesús Cordeiro Budiño. Rosario Cereijo. Xosé María Pena. Maite Álvarez. Manuel Vázquez Cabo. Xosé Seoane. Xosé Cagiao. Manolo Dacal. Eduardo Matías. Xoán Ramiro Cuba. Antón Cruz. Nando Reboreda. Modesto Solla. Rosa Vila Amarelle. Xoán Outeiral. Xosé Manuel González. Xoán Guerra. Santiago Santos Castroviejo. Xosé Manuel Moure. Xesús Vidal. Ovidio González. Tino Santiago. Ovidio Álvarez. María Xesús Arias. Anselmo López Carreira. Daniel López Vispo. Xabier Díez. Camilo Valdehorras. Lidia Senra. Xesús Asorei. Mariano Abalo. Xosé Antón Dobao. Xosé Pedreira. Xosé Fernández Puga. Fernando Carballa. Xoselo Taboada.
Xesús Serén. Xoán Niño Ricoi. Antonino Torrón. Pepe Díaz Rifón.
O lector debe adiviñar que teñen en común todas estas persoas ( e algúns miles máis).

56 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

A lista non pode ser exhaustiva. Se me deixan, anotaría que faltan nela dous amigos ourensáns: Afonso Vázquez Monxardín e Xosé Ramón Quintana Garrido. Entre moitos outros.

Anónimo dijo...

E outros dous ourensáns: Alberto Romasanta Armesto e Luís Paradelo.

Xosé M. González dijo...

Non sei se a liña é a pista boa, Marcos. Non debe ser polo pai, senón polo fillo.

Ergamos, logo, o veo.

marcos valcarcel dijo...

Ben, a pista tamén era para despistar un pouco, en clave irónica. A referencia son "os fillos", claro, pero tamén hai que dicir que a inmensa maioría deles estiveron nalgún momento no lugar "dos pais". Cantas espirais se pintaron neste país por militantes de ERGA? Nos inicios a cousa non estaba nada clara e entrar en ERGA significaba na práctica repartir o "Terra e Tempo" e todo o demáis.

marcos valcarcel dijo...

Ah! Quería subliñar o esforzo de memoria que supón o artigo de Pepe Miranda. Eu coñecinos a moitos, a case todos, pero tardaría moitos días en completar unha lista así. Case se pode dicir que lle pasa como a don Manuel: non é que teña o Estado na cabeza, pero si o Estado en potencia que era ERGA nos 70 e que el dirixiu durante varios anos. Con seriedade e disciplina: non sei se o Pepe se lembra dunha xornada que a metade do Comité de Zona de Compostela se quedou sen poder ir a un recital do cubano Carlos Puebla para rematar unha xunta e cumprir co horario previsto. Creo que só deixarán ir a dous ou tres en nome da organización e logo por enriba houbera lío, porque Puebla dixera ou cantara algo en clave españolista.

A.P-C. dijo...

Conste que non teño nada en contra dos que practican tal exercicio, pero, en termos xerais, non son nada partidario das nostalxias. E menos das políticas.

(Dito sexa ser arrenegar nada do meu pasado)

arume dos piñeiros dijo...

Non sabía que ramalama era de ERGA. A verdade é que, para mín, alonxado deste universo ergueito, é exercicio máis sorprendente ca nostálxico. Atopo moitos outros dos que nunca pensara tal cousa. E está ben sabelo.

Xosé M. González dijo...

Cantara unha canción con refrán "Y viva España". Cada vez que o repetía, asubiábaselle (na honra da verdade, non lembro se eu tamén o facía, apupar un cantante fáiseme francamente difícil); diante miña había un rapaz -non sei por que, quedoume a idea de que era do PC- bastante enfadado cos protestóns, e nun momento dado dixo "O que hai é moito fascista!"; máis abaixo, unha que falaba coma as do MC -non me pidan criterio identificativo, cheirábaos- repetía, tamén algo cabreada, "Pero que tontería, que tontería!", sen que chegase a estar moi claro se subía ou baixaba, máis ben estaría no medio da escaleira e sen mirar moito para ningún lado.

O Puebla, visiblemente, non entendía nada; poñía un sorrisiño e seguía, Los Tradicionales igual, que habían facer os velliños. Contaran outro día diante miña que en recital posterior cambiara o refrán ou dera referencia a algo de Galicia. Explicaríallo alguén, supoño.

a.p-c. dijo...

Vou dicir unha herexía que quizais provoque que o amigo González me regañe: Carlos Puebla y Los Tradicionales eran a Cuba o que Manolo Escobar e os seus tres irmáns eran a España.

Agora que me chovan os paus!

(Eu escoitei moito a Carlos Puebla y Los Tradicionales)

Xosé M. González dijo...

Home, eran vertente popular e revolucionaria, a diferenza dos daquela novos -e revolucionarios- da Nueva Trova. Unha das que máis me gustaban era

"Para la leche que da la vaca,
que se la tome el ternero".

Non sei ben por que establece o paralelismo, se por simbolismo -probablemente, parangón ben adecuado para unha época- se por criterio artístico. Manolo Escobar é unha boa voz, así e todo, e profesional "como la copa de un pino".

arume dos piñeiros dijo...

E ademáis grande experto (coleccionista) en arte contemporánea. Manolo é moito manolo, por moito que perdera cousas polo camiño e non lle gustaran as roupas mínimas en acendradas manifestacións de bravío patrio.

a.p-c. dijo...

Eh, non me sexan malpensados, que non falei mal nin de uns nin do outro.

Por certo que aquela de

"Si no fuera por Emiliana
nos quedaríamos con las ganas,
de tomar café, de tomar café"

tiña a súa miga.

Xa me entenden.

marcos valcarcel dijo...

Facendo memoria, que eu creo que é sano, aínda que nos leve un pouquiño a nostalxia. Facultade de Historia de Compostela, 1975-1980. Por alí andaban Xosé M. Sarille, Xulio Gaioso e Bieito Iglesias. E María Xesús Arias, todos eles citados (a esta coñecida por "Pitusa de Ferrol"). Tamén este menda que escribe. Boto en falta (creo que non están) e engado, por se a alguén lle puidese interesar, outros nomes: Alberte de Esteban Gracia, Rosa (os ácratas do nacionalismo), o xenial Xulio Cuba, hoxe profe na Coruña, e Pilar Meilán, de Lugo. E o "metralleta" (teño o nome na punta da lingua, pero non sae: traballou en Xerais hai tempo).

marcos valcarcel dijo...

E tirando máis do fío da memoria... Cando eu cheguei á Facultade de Historia, estaba a rematar a carreira o historiador Xavier Castro, que pouco despois sería un dos primeiros (o primeiro?) expulsado de ERGA. Tamén andaba por alí, nos cursos superiores, aínda que baixaba ós baixos para facer proselitismo o hoxe escritor Suso de Toro, entón fiel e tenaz militante do Movemento Comunista de Galicia (MCG). O MCG tiña bastantes militantes e controlaba a estrutura de delegados: na Facultade, nas mismas filas, estaba o fotógrafo Xurxo Lobato.

arume dos piñeiros dijo...

Eu cheguei un pouco tarde a todo isto, pero alguén podería contar (sobre todo, despois do comentario de XM González sobre o seu olfato para recoñecer emecés) as liortas (e as súas razóns) entre MC e Erga e anarquistas? Ese tono de desprezo (amable) que hai entre todos eles, a que se debe?

Xosé M. González dijo...

O Metralleta era Entenza de Cangas, ¿non, Marcos?

O que vde. pregunta, Arume, élle cousa ben complicada, non elucidada e que esixiría páxinas. Se alguén comeza, eu achegarei a miña parte; pero unha corrección: estou ben lonxe de sentir desprezo por eles.

Mire vde., por exemplo, que o alcalde de Monforte non sei se non sería do MC no seu día. Como mínimo, penso que arestora é de Inzar.

marcos valcarcel dijo...

Para XMG.: Pois había dous de Cangas e un era Entenza, pero non lembro se ese era o Metralleta. O outro era un rapaz que lle acababa de rexistrar a casa, no verán, a Garda Civil, buscando propaganda da UPG.
Do tema do MC, dúas cousiñas. Ademais de razóns históricas (creo que o MCde España naceu dunha escisión de ETA, non? e houbo líos internos neste sentido nos primeiros anos da UPG), no 75 había na Universidade unha competencia evidente UPG+ERGA versus MCG, con moitos militantes. De feito a min me levaron daquela a un seminario do MCG e fun varias semanas "infiltrados" ata que un día levei comigo ó Bieito Iglesias e lles reventamos o seminario con aquilo da contradición principal e todo iso (levoume un amigo, ben coñecido, de momento reservo o nome). E o MC estaba aínda en vías de galeguización: o seu xornal "Galicia en Loita" creo que empezou sendo bilingüe e de vagariño foi pousando nos mesmos temas que ERGA e galeguizándose como MCG, para nós daquela aínda eran españolistas (lémbrese o lío no Consello de Forzas Políticas Galegas co MCG e o Partido Carlista). Pero a palabra de desprezo non é axeitada: eu nunca o sentín dende logo, iamos ás mesmas manifestacións e faciamos cousas moi semellantes. Hoxe unha boa parte dos antigos militantes do MCG (logo pasaron a chamarse Inzar) están no BNG. P.ex., en Ourense: Andrés García Mata (n.3 na lista municipal 2006), David Cortón, Mercedes Suárez Pazos (tamén vai na lista), Pedro Membiela, Pilar Gato (foi concelleira en Ourense do BNG) e uns cantos máis. Por sorte o MCG tivo aterrizaxe no nacionalismo no caso galego: no resto do Estado creo que desapareceron como tal, pese ó moito que traballaron no seu día (e aqueles carteis impresionantes que publicaban). O dos anarquistas é distinto: hai si había oposición total por ambos bandos. Contarémolo outro día. Os ácratas nos 70 presumían de non falar galego e de burlarse da nosa cultura (agás algunhas excepcións. Houbo ata anarco-nacionalistas, os de Arco de Vella, con Alberte de Esteban Gracia).

a.p-c. dijo...

Co seu permiso de todos vostedes, e atendendo á petición de Arume dos Piñeiros, vou facer un exercicio de psicosocioloxía barata –e quizais disparatada- para explicar a confrontación Upegallos (e satélites) versus Mocos (os do MC) e Anarcos, típica dos anos do tardofranquismo e a transición, e que se reflectía sobre todo no ámbito estudantil.

Por riba ou por debaixo das desavinzas propiamente políticas e da loita pola hexemonía no campo estudantil, había tamén toda unha contenda que amosaba, dalgún xeito, a maioritaria orixe social duns e doutros e que viña ser unha peculiar mostra da dialéctica campo/cidade, dialáctica que se daba, sobre todo, no plano simbólico-cultural.

En efecto, os militantes Mocos e Anarcos tiñan, polo xeral, unha procedencia eminentemente urbana e os seus pais ubicábanse nas clases medias urbanas profesionais e funcionariais ou en asalariados asimilados, e tiveran unha moi escasa ou nula vinculación coas “raíces” tradicionais e, por ende, coa lingua galega. De aí o seu habitual desapego cotiá cara estas e unha maior aculturación na “modernidade urbanita”. Na dialéctica simbólica campo/cidade (atraso/progreso, paleto/moderno, lingua rústica/lingua moderna) situábanse nos segundos. Ou sexa, eran os máis “progres”: o rock, o blues e o jazz fronte á muiñeira e as romerías populares.

Pola contra, os militantes nacionalistas tiñan unha orixe moito máis diversificada. Habíaos, e non poucos, dunha estracción social semellante aos anteriores, pero que, sen embargo, mantiveran un maior contacto e empatía coa “aldea”. De feito, os pais de moitos deles procedían da primeira xeración que se trasvasara do campo á cidade, e os seus fillos gardaban relación ou recordo das súas estadías vacacionais na casa dos avós na aldea. E, en non poucos casos, os pais falaban galego entre eles, aínda que se dirixisen en castelán aos seus fillos. Así, a estes mozos non lles foi moi custoso asumir unha nova “identidade galega” a través da reciclaxe de experiencias infantoxuvenís e da idealización de todo o que supuñan as “esencias patrias”, en especial o idioma.

Pero é que, ademais de mozos de extracción urbana con contacto no rus, tamén confluiron no nacionalismo do tardofranquismo e da transición unha máis que apreciable cohorte de mozos que si tiñan unha orixe directamente rural ou, cando menos, ruriurbana (as vilas). Fillos de labregos máis ou menos abastados, de pequenos comerciantes vilegos ou de emigrantes que acumularan un certo capital, a súa asunción do nacionalismo (e da identidade promovida por este) foi, tamén, un xeito de romper co estigma socialmente establecido que supuña ser ou provir do rural, estigma que lles tiña causado non poucos complexos e frustracións na escola ou no colexio (internos vs. externos). Daquela, a asunción dunha militancia nacionalista era un modo de reivindicación dun “orgullo da orixe”, de afirmar que “nós somos os máis autenticamente galegos”.

Foi, sobre todo, nos mozos procedentes deste último sector –coa impagable axuda dos máis dogmaticamente concienciados do sector urbano- onde máis se afirmou simbolicamente a necesidade de establecer unha confrontación nós/eles, que conlevaba un tácito ou explícito desprezo dos “progres” urbanitas que, non por un casual, se encadraban en organizacións “españolistas”.

Agora ben, o tempo todo o iguala, e a impresionante mobilidade social dos anos seguintes, derivada do acceso á educación superior duns e doutros, e que implicou a posibilidade de acadar postos laborais sobre todo no funcionariado (profesores de medias e universitarios, enfermeiros, administrativos de rango medio e mesmo superior, etc.), fixo que, en moi gran medida, aquela confrontación nacionalistas/progres do MC e anarcos, que era unha expresión da dialéctica campo/cidade, se fose diluíndo e mesmo desaparecendo.

Xosé Miranda dijo...

De moitos que dis, Marcos , e doutros, lémbrome ben. Non quixen facer lista exhaustiva, só algúns exemplos. Do grande amigo Xulio Cuba, da Pilar Meilán, o Romasanta, o Entenza, non me esquezo (nin da Entenza, nin do Entenza de Marín, nin doutro "metralleta" que é de Castroverde (Trahorras)nin dunhas cantas ducias máis (Quique de Química, Maruxa de Verín, Celia, Lulú, o "Bigotes", o Suso de Económicas, o Pepe da Estrada, Paco Sebio, etc.)Agora, Alberte e Rosa Bassave Piñeiro (escríbese así?)nunca foron de ERGA. Eran da UPG, de ERGA non eran.Do Xavier Castro tamén me lembro, claro, mais non creo que fose o primeiro expulsado ou escindido da ERGA (iso non o sei, eu se cadra aínda non entrara), porque houbo o caso de Vicente Ferreiro e outros (Ricardo o "Indio", Gonzalo). Non sei. En calquera caso, a nostalxia é unha cousa e a amnesia outra. Eu, de momento, non quero reivindicar a primeira. Tampouco a segunda.

Xosé M. González dijo...

Entre o do AP-C e o do Marcos, a cousa pódese ir compaxinando e o Arume acadar visión bastante cabal. Con cousas coma as que o AP-C di (eu non asumiría todo o seu substrato filosófico, pero si o substancial da empírica), ao mellor se pode entender aquilo meu de identificar un grupo pola súa linguaxe, etc.

Había, con todo, algún urbano ao cadrado ben pavero e agradable onda nós, como o Jose de Medicina (Coruña Coruña) e outros detalles. Un compañeiro de ERGA de Filoloxía, por exemplo, distinguía entre os que falaban "Alemán" (pretendido galego con interferencias moi notorias; exemplo, outro compañeiro ferrolán que hoxe é figura ben recoñecida socialmente) e os que usaban "Serbo-croata", máis alá do castrapo; estes, sobre todo, fillos de galegofalantes pretensamente educados en "castelán" polos pais (non estaban en ERGA nin, aínda, na Universidade, xaora).

Polo tanto: cos do MC, distancia; cos ácratas, hostilidade. Os primeiros adoitaban considerarte bastante desde arriba, e non sentía eu allea a iso a súa extracción de clase. Cos segundos non había paus porque non era cousa; aínda que non poño a man no lume.

Anónimo dijo...

Se Miranda cita a Suárez Canal, non se pode esquecer de citar a un dirixente mítico da UPG -antes de ERGA- cando menos en Ourense, e hoxe retirado da política activa. Xaquín Méndez Anta, o "Rubio", profesor de Matemáticas no IES Blanco Amor de Ourense.

arume dos piñeiros dijo...

Sinto o termo, aínda que formulado en forma de paradoxa, de desprezo amable, pero utiliceino co seu sentido literal de pouca estima: permítanme retiralo. En todo caso, cánto lles agradezo as súas anotacións. E agardo polas versións anarquista e emeceira. En Asturies o MC era forza seminacionalista e os cadros dos partidos asturianistas de esquerdas nutríronse do MC. De españolistas, ren de ren.

a.p-c. dijo...

En aras a saciar a inconmensurable fame de saber do amigo Arume, remato de poñerlle un correo a un amigo meu que foi do MC para que se anime a poñer aquí a súa "versión". A bote pronto, acratas non coñezo a ningún que poida dar testemuño.

R. A. F. dijo...

Acabo de chegar a este fío por indicacións dun amigo (xa sei quen é a.p-c), e quizais a miña historia, e a miña memoria, como antigo "moco" poida dar outro punto de vista que axude a reconstruír aqueles anos no mundo estudiantil. Mágoa que en dez minutos saio que teño os billetes para ver Vacuo do Centro Coreográfico Galego e non me podo estender moito, pero prometo volver á noite ou maña.
A grandes trazos coincido co dito por a.p-c. A cuestión da extracción da militancia de clases profesionais e urbanas abranguía non só ao MC, senón a toda a esquerda española (á esquerda do PC que na universidade era maioría clara entre a militancia antifranquista). A disputa forte entre MC e ERGA-UPG era porque eran as dúas organizacións máis fortes no mundo estudiantil. No principio do 77 o MC organizaba entre adherentes e militantes uns trescentos estudantes en Compostela. O que se procuraba era a exemonía entre o estudantado. Os demais non contaban moito: LCR; ORT, PT (antes Larga Marcha), etc.

a.p-c. dijo...

Grazas, R.A.F., agardamos novos comentarios teus. Ah, e non me descubras!

r.a.f. dijo...

Xa estou de volta de ver Vacuo (gustoume moito) e agora máis a modo podo seguir coas impresións daqueles anos.
Dicía o Marcos que lle parecía que o MC nacera dunha escisión de ETA, e non se trabuca. Unha escisión na segunda metade dos anos sesenta (non sei precisar máis) dun sector obreiro (ou eso se dicía) chamado ETA berri é a que da lugar ao MCE. Moitos dos cadros dirixentes do MC eran de procedencia vasca, comezando polo Secretario Xeral Eugenio del Río. Outro vasco que estaba daquela na dirección era Javier Ortiz, hoxe columnista nese estupendo xornal madrileño chamado El (in)Mundo.
Era españolista o MC? Dende logo non era nacionalista e as posicións galeguistas non estaban nos seus inicios. O que pasa é que hai que situarse no tipo de organización que era e da cultura da que procedía. Era unha desas organizacións da “nova esquerda” que se definían m-l pensamento Mao Zedong, reivindicábanse herdeiras da III Internacional pero que non querían saber nada do PC ao que acusaban de “revisionista” (grave pecado). Para unha organización deste tipo a cuestión nacional solucionábase seguindo a Lenin e Stalin, xa se sabe recoñecemento do dereito de autodeterminación das nacións, e Galiza é considerada unha nación, logo non hai problema xa que a reivindicación do nacionalismo xa a recollemos nós na súa máxima expresión: o dereito a constituír un estado independente. Pero a realidade estaba diante e con esa ladaíña non chegaba, e a verdade é que axiña se inicia un proceso de compromiso coa realidade nacional galega que creo foi honesto. Unha evolución semellante cara as posicións nacionalistas foi a que seguiu o PT (con pouca incidencia no estudantado galego, pero con importante presenza no mundo laboral e sindical), só que neste caso foi máis rápida que no MC, quizais porque o PT, ao igual que a ORT, esfarelouse antes dos oitenta (igual me baila algún ano pero creo que pouco).
Di tamén o Marcos que no Estado español desapareceu o MC. Eu penso que non (e aquí son lembranzas de ex, xa que eu marchei do MCG a finais do ano 80) porque o MC logo de fusionarse con outros grupos (OIC, LCR) foi explorando en cada sitio partindo das distintas realidades (a honestidade que antes dicía). Sei que en España foi parar a Izquierda Unida formando unha chamada “Corriente de Izquierdas” ou algo así, que non sei se existe aínda. En Navarra creo que andaban nun grupo chamado Batzarre, noutros sitios non sei. Seguro que alguén de Inzar podía aclararnos a cuestión.
Con respecto ao idioma, é certo que non poucos militantes tiñan daquela dificultades para se expresaren en galego e non me estraña que houbese quen se mofase chamando a esa fala alemán ou serbo-croata. A realidade era a que era, quen procedese dunha casa na que se falaba castelán, e socializado nun colexio onde só se falaba castelán e cuns amigos que idem, chegaba a maioría de idade con dificultades para falar galego.
É certo o que di que moitos militantes do MC remataron no BNG, Un polo menos dos que cita Marcos non chegou ao BNG vía Inzar, que tamén é o meu caso, que cheguei após outra militancia intermedia e etapas sen carné.
En canto ao desprezo, ou pouca estima, entre ambas organizacións, pois a verdade é que algo deso había. Aínda que como en todas as cousas tamén dependía moito das persoas.
A impresión que tiñamos do mundo ERGA era como a dunha seita. Todas as organizacións tíñamos algo de seita, pero o de ERGA cantaba moito. Mais tamén creo que unha certa envexa si que lle tiñamos. No MC seríamos máis “modernos” pero en ERGA estaban cos pés mellor chantados na terra.
Eu de aqueles anos do MC creo que quedaron cousas positivas (non o digo polos cartaces que si que eran moi bonitos) porque abriu debates na esquerda moi saudábeis e algún de moi longo recorrido. Un deles foi a loita das mulleres e a súa autoorganización na que foi pioneiro nesas reivindicacións e nos movementos feministas modernos en Galiza e no Estado español (Empar Pineda ven do MC).
Perdoade por tanto como larguei e pola hexemonía sen hache que metín antes. Botémoslle as culpas ás presas.
Que non teña medo a. p-c que non vou desvelar o seu segredo, pero, eso si vaime ter que invitar a unha cervexa.

arume dos piñeiros dijo...

BEn agradecido estou desta longa pero interesantísima recreación daqueles tempos. Permítanme recordar como un dos líderes do MC a Daniel Soutullo, unha grande persoa e un extraordinario orador. Sempre pensei que ocuparía un cargo importante, porque era home moi capaz.

Xosé M. González dijo...

Confirmo. Interesantísima evocación, que nos trae tanta vivencia, lembranza é palabra notoriamente insuficiente. Persoalmente tiven trato con algún "moco", como Pula Díaz (a filla do catedrático de Latín). Pero había un co que andei moito polo 74 e 75, témonos visto mesmo indo eu a Santiago en vacacións; chámabase -e chámase- Xosé Sánchez Bugallo, e apuntaba clarísimas formas políticas: parecía estar informado de todo canto corría polo mundo político da Universidade.

Non penso que fose mofa a nomenclatura lingüística aludida, ou polo menos mofa descarnada: había unha certa chanza, pero máis afán descritivo-connotativo; á fin e ao cabo, o inventor era estudante de lingüística.

Non sabía que Batzarre (arestora, se non me engano, en Nafarroa Bai) tivese tal orixe, pero de sabido non me estraña. O estilo MC (moderno, innovador, incisivo) recoñécese. E foi, é, fecundo.

a.p-c. dijo...

Xa ven que fixen unha boa fichaxe!

Espero, RAF, que te fagas contertulio habitual. E as cervexas págoas eu, elixe a marca que gustes.

marcos valcarcel dijo...

Benvido R.A.F. Esperamos velo a cotíopor aquí.
E xa que saiu o tema do MCG, quero lembrar outros tres nomes ourensáns que pasaron por esas filas, algúns hai moito tempo, e se non estou errado: Ricardo Alonso, hoxe alcaldable do BNG en Tui, creo; Xosé Ramón Gutiérrez Izquierdo, escritor e profesor, autor das magníficas "Lecturas de Nós"; Emilio Ulloa, historiador e profesor nos 70 no Colexio Universitario de Ourense.

marcos valcarcel dijo...

Benvido R.A.F. Esperamos velo a cotíopor aquí.
E xa que saiu o tema do MCG, quero lembrar outros tres nomes ourensáns que pasaron por esas filas, algúns hai moito tempo, e se non estou errado: Ricardo Alonso, hoxe alcaldable do BNG en Tui, creo; Xosé Ramón Gutiérrez Izquierdo, escritor e profesor, autor das magníficas "Lecturas de Nós"; Emilio Ulloa, historiador e profesor nos 70 no Colexio Universitario de Ourense.

raf dijo...

Ver aparecer nomes de “mocos” daqueles anos faime lembrar esa época e tráeme outros á memoria. Hai quen lembrou a Daniel Soutullo, naquel tempo estudante de bioloxía. Tamén saíu o nome de Xosé Sánchez Bugallo, que causara un forte impacto cando a súa marcha ao PSOE xa que era un membro destacado do MCG en Santiago. Penso que foi a finais do 76 ou principios do 77, e lembro unha asemblea ou reunión onde se falara do caso. Naquela estaba ao meu carón “Xosé de Padrón” (que logo sería concelleiro do MCG, en Padrón, of course) que estaba moi afectado pola saída daquela persoa da organización. Por certo que Xosé Sánchez Bugallo tiña un irmán no MCG que continuou na organización, era Xesús do que perdín a pista hai ben anos pero que se non me trabuco estaba de profesor nun centro de medias polo Barbanza. De Ricardo Alonso, que tamén apareceu citado, é certo que mora polo Baixo Miño pero sei que non é o candidato á alcaldía polo BNG en Tui como se di no comentario.
Falando de Xosé Sánchez Bugallo e a súa incorporación ao PSOE, creo lembrar que a primeira organización universitaria dese partido en Compostela foi constituída na primavera do 77 xa coas eleccións do 15 de xuño convocadas polo goberno Suárez. Esta claro que non necesitaban ter presenza entre o estudantado universitario para se levantar unhas semanas máis tarde máis dun cento de deputados.

Anónimo dijo...

Tamén eran do MC varios outros profesores de bioloxía, coido. "Pito" (San Juan de apelido), que creo que está de profesor de bioloxía da universidade de Vigo, Pastora e o seu marido, do que agora non lembro o nome. Seguro que saen máis nomes.

raf dijo...

Di ben anónimo, o “Pito” era do MCG e Pastora Fernández Ferro, hoxe profesora en Vigo e o daquela seu marido, que era, e é, Xurxo Pérez Pintos.
Pérez Pintos era da dirección nacional (Consello Nacional creo que se chamaba) e marchara para a constitución do POG. Era unha persoa moi militante e moi combativa. Aínda que el era de Vigo traballaba nun colexio privado en Ourense, onde chegara quizais no 73. Era un tipo moi afouto e del podo contar unha anécdota que me foi narrada por persoas que a presenciaran e que indica o sangue frío e o valor que lle botaba á actividade política. Foi naquelas famosas primeiras xornadas do ensino perto de Maceda que a Guardia Civil interrompeu e suspendeu ocupando o lugar de celebración con persoal armado e desaloxando aos participantes. Pois ben, o Xurxo se lle arrepuxo a un (da “brigadilla”, sen uniforme) armado con metralleta e obrigouno a que se identificase e ao “cata” non lle quedou máis remedio que sacar o carné que o Xurxo colleu nas mans e leu en voz alta o nome e o número de identificación para que os presentes tomasen nota. Sitúense no tempo e calculen o valor que hai que ter para facer tal cousa. Era unha persoa moi significada polo seu activismo antifranquista en Ourense e ameazada por sectores ultras, xa que daquela recibira ameazas anónimas no seu domicilio. Sei que el tiña sospeitas de que procedían de San Francisco. Do cemiterio non, claro, pero si de alí pertiño.

Leituga 1 dijo...

Impresionante a nómina de "ergas" acopiada por Miranda. Coñezo a moitos dos citados e son amigo dalgúns deles, non só dos (poucos) que comparten agora as miñas posicións políticas.
Non entanto, creo que é unha inercia do pasado seguir pensando nos militantes da esquerda que non eran nacionalitas como "españolistas". Nin sequera os do PC o eramos. Daquela, no campo da oposición antifranquista, só pensaban en termos "Galicia- España" os nacionalistas galegos. Nin Galicia nin España eran para nós -e falo polo PC- ningún problema en si mesmos. O problema para nós era a dictadura, o franquismo, o que os ortodoxos "mocos" chamarían "contradición principal", que para eles, porén, era a que se daba entre burguesía e proletariado.
O que si é certo é que tampouco eramos galeguistas. O nacionalismo catalogabámolo como un fenómeno ligado á "pequena burguesía radicalizada", seguindo as ensinanzas que nos proporcionara Jordi Solé Tura no seu "Catalanismo e revolución burguesa", que durante moitos anos informou e á vez reflectiu a "doutrina PC" sobre ese asunto. Asumíamos "estratexicamente" o dereito de autodeterminación dos "pobos de España" por pura tradición leninista, pero "tacticamente" reivindicábamos a restitución provisional dos Estatutos de Autonomía republicanos para Galicia, País Vasco e Cataluña, pois estimábamos que esa era unha reivindicación asumible pola burguesía democrática e antifranquista coa que, a través da Junta Democrática, pretendiamos pactar a ruptura co franquismo.
Un dos méritos indiscutibles que todos debemos recoñecerlle ao galeguismo, e particularmente ao nacionalismo, aínda sen sermos -no meu caso- nacionalistas, é o de axudarnos aos demais, ao resto da esquerda, a descubrir Galicia como unha realidade singular e como unha cultura diferenciada que delimitaba un campo específico de actuación política.
Así que, tantos anos despois, e tras moitas discusións, berros, insultos e mesmo algunha hostia polo medio... grazas, ERGA.

Etxeokeai dijo...

Creo lembrar a Pepe Bugallo asistindo á orixe do POG, naquel proceso "Asamblea Partidaria dos Traballadores Galegos" que se xuntara en Económicas e onde o reponsable de que se acabara chamando a cousa POG non fora Camilo, senón... Vilas Nogueira!
¿Estarei no certo?
Creo que a presenza de Xurxo Perez Pintos no POG non achegou nada. Moito nome pero nada de actividade. Ata onde eu lembro.
O Pito -Ulloa Sanjuan non vos botarán- era máis simpático.

Etxeokai dijo...

Falando de mocos ourensáns daquela, O Manel Filgueira...¿Por onde anda? Bo tipo.
Vexo ao Braulio de avó máis radical có carallo nas movidas cousas antisistema...

Xosé M. González dijo...

Outro nome que pode dar lugar a algún comentario: Xosé Carlos Arias Moreira, condiscípulo meu no Instituto Masculino de Lugo, membro significado (paréceme) do MC máis tarde, arestora profesor na Universidade de Vigo e concelleiro (aínda?) do PSOE do grupo de independentes relcionado no seu día con Pérez Mariño.

Sobre o que di o Leituga: non teño esa mesma vivencia sobre a perspectiva Galicia-España de PCG, MCE e outros grupos de obediencia española naquel tempo: o factor Galicia nas súas políticas era máis ben periférico, e debido de maneira particular (paréceme) á influencia que puidesen exercer certas figuras singulares coma Alonso Montero. "A voz do pobo" publicaba pouco en galego e os periódicos do PT ("El Correo del Pueblo") ou o MC (non me sae o título) non tiñan edición galega. A cousa debeu empezar a mudar no 1976 -non podo aseguralo, en xaneiro dese ano incorporeime "a filas"-, e mostra externa diso foi a mudanza do comportamento lingüístico: de moi poucos galegofalantes -en asembleas e demais- a uso xeneralizado do galego para a expresión política e tamén, moitos deles, na vida persoal.

En tal sentido, o recoñcemento que fai o Leituga non pode menos ca ser agradecido.

Anónimo dijo...

En ERGA tamén estiveran Suso Jares (o pedagogo), Luís Domínguez Castro (historiador da Universidade de Vigo), Xurxo Temes (logo avogado de Roldán), Cid Cabido (o escritor), Tonino Torrón (morto en accidente hai poucos anos), entre outros. (Desculpas se algún nome xa foi citado).

alcumólogo dijo...

Xa que foi Miranda quen propiciou estes comentarios, propoño que se expoñan os "nomes de guerra" ou alcumes máis significativos. Comecemos polo propio Miranda: con que alcume era coñecido nos seus tempos de líder upega-erguista?

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

IPP, con información privilexiada, da noticia interesante sobre Bugallo MC. Cando gañaron os socialistas no 81, Bugallo visitou a sede socialista para felicitar aos seus primos, os Pombo, socialistas de toda a vida. Cando volveu a casa, xa tiña o carné que o levaría máis tarde á alcaldía de Santiago.
A mesma IPP, co privilexio de telo como director de Instituto de O Grove, declara que Daniel Soutullo foi o director máis democrático dos que tivo, que foron moitos.

Xosé M. González dijo...

Ao final da lista do Miranda, e aparte, figuran catro nomes de compañeiros que xa non son nesta vida. Entre eles está Antonino Torrón, moi afectuoso ourensán con última residencia no Baixo Miño. Os outros son Serén de Lugo, Niño da Coruña e Pepe Rifón da Fonsagrada. Este último, xa o dixen aquí, practicamente co-protagonista de "Ardor guerrero", do Muñoz Molina; realmente fixeran a mili xuntos.

marcos valcarcel dijo...

Interesantísimo este debate propiciado polo artigo de Pepe Miranda: hai aquí xa material suficiente para facer unha tesina sobre ERGA e o MCG no mundo estudiantil dos 70 (con incursións no POG, S.Bugallo e outros temas). Aproveito para corrixir un meu erro nun comentario de onte: veño de enterarme que o amigo Ricardo Alonso foi "descabalgado" da cabeceira de lista do BNG de Tui: síntoo de verdade porque sei do seu traballo esforzado nese campo, dende hai anos; da súa honestidade e da súa intelixencia política, aínda que non sempre coincidiramos. Descoñezo as razóns dese cambio, pero dubido que haxa moitos candidatos da súa valía. Síntoo de corazón.

Xosé M. González dijo...

Quedoume sin dicir, en relación cunha mensaxe anterior: non sei se a primeira organización "seria" do PSOE na Universidade data do 1977. O que é seguro, é que no 1974 xa había xente; un condiscípulo meu no Instituto Masculino de Lugo, e compañeiro en 3º de Románicas, pasárame aquel ano propaganda do partido era Luís Miguel Fernández Fernández, "Piri", profesor agora na Facultade de Humanidades -se non me confundo, unha vez máis- desta cidade. Xa debían estar daquela tamén nese partido Francisco López Peña e Salvador Fernández Moreda (mariñao coma o Piri, e tamén condiscípulo meu), na Facultade de Económicas.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Luis Miguel era do PSOE xa daquela? Boísima persoa, abofé.

Anónimo dijo...

Respostando ó alcumólogo: Pequeno Stalin.

a.p-c. dijo...

Semella que pasou un anxo e que todo deus quedou mudo neste fío tan interesante.

Non hai testemuñas de ácratas, de xentes da LCR, do PT, da ORT, do PST, etc.?

marcos valcarcel dijo...

Pois, se a alguén lle interesa o fío, na liña que apunta APC, eu sigo tirando del. Con algúns datos.
LCR: os trosquistas. Moi arredados do nacionalismo (eramos pequeno-burgueses contaminados pola ideoloxía burguesa). Coñecín amigos nesa casa moi boa xente. Case todos están hoxe fóra da política. Moitos entraron no PSOE vía o famoso entrismo: unha das imaxes máis surrealistas da miña vida, ver a milleiros de persoas no parque de Bonaval, un 25 de xullo, berrando (despois de UPG e todo o demáis), L...C...R... cando remataba de falar Príncipe.
PTE: un compañeiro da Facultade foi un militante excepcional. Moi formado, levounos pola súa casa varias veces, excepcionais bibliotecas de marxismo e leninismo. Seica ata facían un exame teórico para entrar nesa casa, de marxismo-l, claro. Outro toque surrealista: a campaña da Constitución do PTE cun corazonciño e algo así como !quérote" ou algo parecido. Perdeu toda a credibilidade daquela entre as xentes da esquerda. A ORT desfíxose pouco despois: algúns militantes acabaron no nacionalismo, vía sindical, sobre todo na banda do POG e Esquerda Galega (aí segue o entrañable Manuel Monge, na cidade coruñesa).
E había outras 10-15 organizacións ultraesquerdistas. Creo que foron os de Organización Comunista de España Bandeira Roxa (OCE-BR) os que decidiron nunha asemblea interna de distrito "proletarizarse" e deixar o mundo pequenoburgués da Universidade. Que dirían nas súas casas cando chegaron dicindo que se ían traballar na construcción ou nunha imprenta como obreiros para facer sindicalismo de clase? Houbo casos reais, cónstame. Outros logo volveron a estudar. Dos ácratas falaremos outro día.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Vou facer un apunte estético: os e, sobre todo, as da ORT e PTE levaban roupa de moitos cores. Non sei a razón, pero a miña memoria lévame a esa conclusión.
Sobre os ácratas eu lembro aqueles netos de Valle-Inclán tan vestidos de negro, tan bohemios e fachendosos. Aquel foulard, os chalecos de traxe sobre camisa branca delatábaos. Hai que sinalar que eran dos poucos que levaban música ás manifestacións, nomeadamente gaitas.
E desculpas por esta efusión de frivolité.

a.p-c. dijo...

A frivolité sempre é benvida, amigo Arume, non nos vaiamos a volver solemnes, que é un xeito de facerse vellos de espírito.

Leituga 1 dijo...

Eu creo que os que se "proletarizaron" non foron os de OCE-Bandera Roja, que era un grupo moi teórico cuxos militantes pasaron pronto case todos ao PC (os cataláns Solé Tura e Jordi Borja eran os seus militantes máis coñecidos. Tamén era de Bandera Roja a ex-ministra de Educación Pilar del Castillo). En Santiago eran un par de parellas que tamén foron dar ao PCG. Os proletarizados en masa eran maoístas, sobre todo xente do MC e do PTE. Tamén de "Larga Marcha", grupúsculo que acabou maioritariamente no PTE e aos que chamábamos "Longo Trote". Coñezo xente que, por causa daquela decisión xuvenil e inxenua, non fixo a carreira universitaria que, noutras circunstancias, terían feito con gran brillantez.

Xosé M. González dijo...

Buf, canta cousa que atender. Veña.

Marcos, que falara en Bonaval non fora Príncipe, senón Rocha, un da Pontenova. Por certo, contaba o Sarille -con considerable graza- como a Abuela -unha trotska historiquísima- ao velo berrar o amoestara un pouquiño: "¡Sarille, por favor, no seas demagogo!".

Arume, tiña eu un amigo do PTE (compatiramos cuarto no Burgo, no curso 72-73) que case sempre ía de escuro, maiormente con anorak e cousas así. E, se falamos dos mesmos, Xaquín Valle-Inclán era da Liga e ¿Quique? do MC.


Non sei se o Leituga o sabe: curiosamente, a Bandera Roja foran dar dous dos que marcharan nunha escisión de ERGA (chamada OER) no curso devandito: Vicente Ferreiro e Carlos Meixome -este volvera despois á U, supoño que Marcos sabe quen é-, que, como falaban galego nas asembleas, confundían a algunha xente. E é que galego en público ben se sabe quen falaba daquela. Fago excepción tamén do Piri (que xa falei del e o Arume coñece), do PSOE, que no 74 mantiña a mesma conduta -supoño que ser de Burela podía ser unha boa razón- e a min xa me ten dito algún "progre" que era de ERGA.

marcos valcarcel dijo...

Para Arume: as mozas "máis coidadas e atractivas" daquela (viva a frivolité!) eran as "mocas" e as "troscas", sen dúbida. Si, lembro a "Abuela", que cita XMG, e tamén a outra da miña Facultade, rubiña, que baixaba ás clases baixas en busca de proselitismo (chamabámoslle "a ratiña", polos seus dentes, non por outra cousa).
Para XMG: pois estaba eu convencido de que falara Príncipe, quizais estea equivocado. En calquera caso estaba presente. Por certo, debeu ser o acto máis masivo da Liga galega (tan crítica cos nacionalistas, por outra parte).
E para Leituga: tamén eu pensaba que os que se proletarizaran foran os de Larga Marcha, pero nunha recente época alguén daquela época insistía en que foran os de oCE-BR. Seguro, pois, que foron os de Larga Marcha cara el Socialismo (era así, non?), grupusculares pero moi convencidiños. Que fariamos nós en tal tesitura, se a organización nos pide proletarizarnos? Quen sabe... O certo é que o compromiso político ocupaba entón o centro das nosas vidas. Moito máis que a carreira (moi secundaria: os que andaban ó meu arredor empezamos a estudar algo en serio en 4º de Facultade. Antes, eramos espabiladiños e iamos tirando). E, por exemplo, as mozas, estaban subordinadas á organización. A miña primeira moza en Compostela, ácrata de seu, caiu, cómo non, en ERGA, era condición case inexcusable. E a segunda viña do mundo do PCE-R e tamén pasou a ERGA onde foi unha militante comprometida e convencida. Aínda lembro que a un moi coñecido militante do nacionalismo daquela (ocultemos o seu nome, aquí somos todos amigos) se lle criticaba porque non fora capaz de afiliar á súa compañeira.

marcos valcarcel dijo...

As presas: onde puxen "nunha recente época" quixen dicir "nunha recente cea". Excusas.

arume dos piñeiros dijo...

O único problema deste post é que xa non cabe na primeira páxina. Haberá que ampliar ou mirar por marzo 2007 para atopar as súas xugosas confesións.
Por certo, señor Valcárcel, xa leva dúas mozas. Empeza ben o conto. Permítame a broma.

Xosé M. González dijo...

Aínda que non estea na primeira páxina, engado un comentario: Marcos, Príncipe estivera na manifestación (foi no 1977, se non me engano), pola segunda fila; e despois de falar o Bautista, deuse feito co megáfono -non llo querían dar, pero tampouco non pelexaron moito- e un tanto entrecortadamente deu dito: "A Liga Comunista Revolucionaria... considera esta manifestación un gran éxito político" e abrazouse ao que tiña ao lado, penso que Suevos; igual falla algunha palabra, pero o conto foi así.

Por que o podo asegurar? Estaba a tres pasos, aquel megáfono leveino eu durante a mani, encargado de iniciar as consignas. Quen teña o "Terra e Tempo" inmediatamente posterior (penso, anfitrión, que a túa hemeroteca debe ser boa) pode ver unha foro ben grande na portada, coa pancarta de cabeza e diante dela un con camisa de raias verticais, a cara cuberta de frondosa barba e un megáfono que case a tapa: un servidor.