8 mar 2007


"Cary e mais eu", de Anxo Tarrío Varela

(Galicia Hoxe, 8 marzo)

Conta estes días Marcos Valcárcel no seu civilizado blog As uvas na solaina, un episodio sucedido en Santiago de Compostela hai agora cincuenta anos. Antes de nada, quero felicitar o meu amigo por cumprir xa dous anos dende que decidiu comunicarse cos internautas dun xeito ameno, sabio, honrado, valente e culto. Dando a cara. Pero vamos ao conto. Efectivamente, un día indeterminado de 1957 (na memoria tíñao eu localizado un ano ou dous antes, no 55 ou 56), Santiago foi unha festa, polo menos para a xente miúda que nos tocou en sorte facer de extras na película de Stanley Kramer The Pride and the Passion, estreada en España co título de Orgullo y pasión. Entre outros astros, que non nomeo por modestia, Cary Grant, Sofía Loren e Frank Sinatra son as estrelas desta cinta que a min nunca acabou de gustarme, e xa direi o porqué.
A festa foi dobrada para os nenos que viviamos na Avenida de Raxoi, xusto a carón do sitio onde se rodou parte desta película, polo que andamos de brincadeira toda a xornada. Corría 1957 e un bo día tráennos a noticia de que o SEU, se a memoria non me falla, ou a Falange Española, que tanto monta, monta tanto, andaban a recrutar voluntarios para facer de extras nunha película que ía rodarse na Praza do Obradoiro (daquela chamabámola do Hospital e coido que aínda era terreira, como se ve na foto tirada da web da Ciberirmandade da Fala). A mobilización dos rapaces maiores da familia, xa mozotes, rondando os vinte anos, fixo que este que escribe poida contar agora aquilo con certo coñecemento de causa.
Aquel día suspendéranse as clases, polo menos no Instituto Xelmírez, o masculino, que antes estaba na praza de Mazarelos. Non sei se terían a mesma sorte as nenas do Rosalía de Castro, o feminino. Non o creo. E alá fomos, á Casa da Parra a nos vestir de época (principios do XIX), cuns farrapos vellos, e a cobrar as vinte e cinco pesetas que nos pagaron de salario. Unha fortuna. A Praza do Hospital estaba tamén vestida de época, con carros, cabalos, pacas de palla e herba seca, telderetes, estaribeis e xentes indo e vindo, como nunha gran feira.
A nosa misión consistía en correr detrás dunha carroza que facía a entrada na praza pola banda do pazo de San Xerome, actual Reitoría da Universidade. O director do filme colocárase no extremo norte da balconada do pazo de Raxoi e dende alí daba a orde de ¡acción! E veña a correr e a repetir a escena unhas cantas veces.
Dentro da carroza supúñase que ían Sofía Loren e Cary Grant ou algo así. O certo é que eu a ela non a vin, pero si a el, que ben o recordo nun momento do descanso, sentado nunha cadeira á porta do que deixara de ser Hospital Real para se converter en Hostal dos Reis Católicos. Eu estiven a dous metros del, mirándoo con ollos abraiados e con orgullo de traballarmos na mesma película. Colegas, ao fin e á cabo.
Recordo que nos fixeron unha fotografía na que estabamos, polo menos, dous irmáns meus, un curmán e mais eu. Non sei que será dela. Gustaríame volver a admirala. Mágoa non tela, pois sería o único testemuño fiel de que o que digo é certo. E ti lector ou lectora dirás: "pois se estás na película, ¡¿que mellor?!, alí poderás desmostrar a túa presenza". ¡Vaites, vaites! Aí está o asunto: na película cortaron a "miña" escena, por iso sempre aborrecín Orgullo e Paixón.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Moi boa a evocación a do señor Tarrío.

Mágoa que lle curtasen a escena. Quen sabe se tería unha prometedora carreira no celuloide!

Anónimo dijo...

Nunca pensara, señor Valcárcel, que un afiche colocado para ilustrar puidera desembocar en todo isto. Qué grande é o seu blog!