24 mar 2007


























E nos ratos libres ... cine
Cine para os ratos libres (hai que facelos).
Como creo que xa vos contei, a miña filla Eire, dezasete anos, está na súa fase cinéfila (canto cine vín eu dende os meus 17 anos... e sobre todo nos espléndidos cineclubes daquela época). E deulle polo cine clásico, o norteamericano, dos anos 40, 50, 60, imprescindible. Iso levoume a revisar algunhas vellas películas, vistas varias veces, pero hai moitos anos como Solo ante el peligro (F.Zinneman) ou Matar a un ruiseñor (R. Mulligan). E tamén a pillar algunhas máis recentes que non vira no seu día como No estanque dourado (magníficas Katharine e Henry Fonda, xa enfermos e case morrendo no caso masculino) e Match Point, que non me desagradaron.
Confeso que tiña moito medo a reencontrarme con Matar un reiseñor: era unha das películas da miña infancia, das que máis emocionaron e me chimparon no seu día algunha bágoa (outra que me conmoveu ata as entranas e que non puiden aínda revisitar foi Capitanes Intrépidos, con Spencer Tracy). E non me sentín defraudado neste novo encontro co avogado Atticus: si, hai obras mestras que sobreviven ó paso do tempo.

12 comentarios:

Anónimo dijo...

Gregory Peck está soberbio como Atticus en "Matar a un reiseñor".

Xosé Manuel Carreira dijo...

Moi bo gusto o da súa nena, a verdade.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois si, amigo Carreira. Hai dous ou tres anos, cando eu lle recomendaba algunha destas películas, non quería velas; agora as que non quere ver son as outras, as que están de moda na maioría dos mozos americanizados. É boa cousa, dende logo, para sanear o espírito e a sensibilidade artística. Hoxe o que máis lle gusta é o cine e as artes plásticas (é a súa materia preferida e na casa ten unha boa bibliografía): hai un par de anos, cando empezou a visitar museos connosco e abrirse a ese mundo, díxolle o seu tío, que ven sendo o poeta Millán Picouto: "Pois xa tes algo interesante que che enriquece o mundo". E non é pouco: a maioría dos mozos teñen aficións moito máis limitadas e de nulo interese artístico ou social.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Á miña, que ten dez anos, gústanlle, coma ao seu pai, os musicais holliwoodenses. Nunha canle de cinema clásico andan de revisión e estamos disfrutando con elas. As de Fred Astaire son as preferidas, coa parella que sexa. O outro día era con Judy Garland (Easter Parade), á que volvimos a ver en O pirata co outro fetiche noso: Gene Kelly. A paixón polo musical lévanos a rematar mesmo Brigadoon, que é heavy, pero é o que ten ser un devoto de Gene Kelly e de Cyd Charisse.

Anónimo dijo...

Eu tamén revisitei o outro día unha película do incomparable Fred Astaire, nesta ocasión cunha das súas parellas habituais, Ginger Rogers. Era o clásico "En alas de la danza". Vino coa miña filla, tamén de dez anos, e quedou prendada dos pés e da elegancia pícara do gran Fred.

A semana próxima veremos o DVD de "Cantando bajo la lluvia", para min o mellor e máis marabilloso filme musical de todos os tempos.

Anónimo dijo...

Non só o máis marabilloso filme musical: eu quedaríame en o máis marabilloso filme de todos os tempos. Teno todo, absolutamente todo. Cando un está un pouco deprimido, nada mellor que seguir a cara de Gene Kelly: a cara da auténtica felicidade.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois sinto non seguilos na súa querencia polo musical: vin tamén esoutro día "En alas de la danza", pero sen ningún entusiasmo. Lembro ver a maioría das de Fred Astaire, hai anos en TVE, admiro a súa valía como bailarín, pero nada máis. Do musical, quédome con "West Side Story", "My Fair Lady", "Cantando baixo a chuvia" e pouco máis. Probablemente me esqueza dalgúns clásicos imprescindibles no xénero. Pero non me entusiasma (non son bailarín, claro): prefiro o cine negro, o drama, o western, o melodrama (D.Sirk), en fin, case todo antes que o musical.

Anónimo dijo...

Si, Arume, "Cantando..." é un canto optimista á felicidade e á vida. E iso contaxiase.

Unha cousa non quita a outra, Valcárcel. Eu tamén gusto do cine negro (e non son ganster, claro) ou do western (e non son indio... ben, sinceramente non o teño nada claro).

Anónimo dijo...

Eso dos "ratos libres" segundo onde sexa pode estar ben, no campo por exemplo. Porén nas cidades eu prefiro que os ratos, se hai que telos, fiquen engaiolados. Eso de telos ceibos polas rúas élles unha porcallada. Non lles parece?

Anónimo dijo...

Moito rin en Portugal cos "ratos" dos galegos...

X dijo...

Eu tamén felicito os gustos da súa filla que, polo que vexo, coinciden bastante cos meus. Tampouco lle son de musical, máis ben de drama. En canto ao noso querido Atticus, en fin, todos necesitamos un Atticus ao que lle poder facer as grandes preguntas da vida. Saúdos.

bouzafria dijo...

Poderíase falar dun subxénero que sería o de "cine de xuízos". Ademáis de "Matar un reiseñor" ( boa novela, por certo) eu destacaría "Anatomía dun asasinato" de Preminger.